Iroel Sánchez – La Pupila Insomne
Poucas figuras da historia tan encarnizadamente demonizadas coma Fidel, contra o que gastaron unha verdadeira fortuna non só para liquidalo fisicamente, senón para exterminalo moralmente. Nos laboratorios da CIA prepararon desde po envelenado para deixalo sen a súa lendaria barba, até sustancias que lle provocasen risa imparabel en público. Porén, ningunha cifra supera o finanzamento para as campañas propagandísticas, cargadas de calumnias e mentiras contra a Revolución Cubana, que tiveron, e aínda despois de morto seguen a ter, coma diana predilecta a súa figura.
Daquela, como explicar a contradición entre o escárnio inmorredoiro e o feito incontestabel de que onde queira que viaxase, mesmo alí onde eran diarias as infamias contra a súa persoa, fora aclamado afervoadamente polas moitedumes e respectado por adversarios ideolóxicos e políticos?
Contra a explicación mediocre do liderado carismático coa que algúns escribidores trasládanlle o fervor inconsciente que poden espertar os demagogos, Fidel é un líder ético, con indiscutibel carisma, mais a súa diferenza con outros carismas estriba en que acompañou as súas palabras con feitos e realizacións concretas; non mentiu xamais e acordou cada día pensando que facer polos demais, dando o constante exemplo persoal de ir sempre por diante e dar a cara, como esixiu o pobo cubano de todos os que recoñeceu como seus líderes auténticos, desde Céspedes até hoxe. A estatura moral de quen actúa deixando claro que, por alta que sexa a causa que se defende, o fin non xustifica os medios, fai brillar e distingue a Fidel na xeopolítica internacional.
Fidel tampouco é aquel que mantén aos seus na escuridade para aproveitar a ignorancia e manipular a vontade, senón o que afirma madrugadoramente ao pobo non lle dicimos cre, dicímoslle lê; o que comparte nos seus discursos datos e argumentos sofisticados, investigados polo miudo e expresados cunha lóxica impecabel e unha pedagoxía política consistente. A transformación educativa que liderou foi capaz de converter un pobo onde eran comúns analfabetos totais e analfabetos funcionais, en protagonista de fazañas científicas, culturais e militares que só poden nacer dun desenvolvemento masivo das intelixencias que o capitalismo invisibiliza coa exclusión clasista dunha república mitificada polo seu inimigos pero constatada por el e os seus compañeiros nas súas máis lacerantes ruindades.
Con todo, o apego á ética e a obra educacional non explicarían abondo a vitoria fidelista sobre os seus demonizadores, que medra co tempo. O seu abelencioso e creativo manexo da comunicación, o seu sentido do contragolpe, arrasador fronte á calumnia ou a adversidade, ou o seu agudo sentido do simbólico, son evidentes desde os inicios da súa actividade política. É o estudante que en desafío á hipocrisia política reinante translada á Habana un símbolo como a campá da Demajagua; o candidato a representante á Cámara que camiña casa a casa o barrio de Cayo Hueso e envíalle unha carta a cada elector, o que apresado despois do asalto ao cuartel Moncada é fotografado no cuartel de Santiago de Cuba xusto diante dun retrato de Martí; o que desde a cadea pide ás súas compañeiras publicar e distribuír clandestinamente a súa alegación de defensa que segue sendo hoxe un éxito de vendas mundial. Fidel é o xefe que no medio das máis agudas carencias nunha guerrilla á que lle falta de todo menos convicción e afouteza, recibe no primeiro reforzo brazaletes e uniformes; o que percibe a importancia estratéxica de Radio Rebelde e fai da protección desta emisona un dos tres obxectivos principais a defender fronte á ofensiva batistiana no verán de 1958.
É Fidel o que, apenas nacendo a Revolución e vendo as campañas contra ela, organiza a Operación Verdade, impulsa a fundación de Casa das Américas para o diálogo coa intelectualidade latinoamericana, a axéncia Prensa Latina e Radio Habana Cuba, para difundir a verdade de Cuba; o Instituto Cubano de Amizade cos Pobos para cultivar a solidariedade de dobre vía, e no medio de grandes tensións dedica tempo e atención máxima a intelectuais que visitan o país como Graham Greene, Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir. O seu sentido do simbólico, non como algo baleiro senón como testemuño vivinte do que é a Revolución, está na transformación dos cuarteis en escolas que chega até o século XXI coa creación da Universidade das Ciencias Informáticas onde antes houbera unha estación militar de espionaxe radiolectrónico.
O seu diálogo co xornalista galego Ignacio Ramonet é unha cátedra sobre a falacia da liberdade de prensa que preconiza o capitalismo, o valor que concede á crítica dentro do socialismo e a importancia da cultura e a educación fronte aos desafíos do control monopólico imperialista da comunicación:
“Chegamos á convicción de que é necesario desenvolver moito máis o espírito crítico. Eu estimuleino ao máximo porque constitúe un factor fundamental para perfeccionar o noso sistema. Sabemos que ten inconvintes, pero queremos unha crítica responsable. A pesar das posibles consecuencias, todo é mellor que a ausencia de crítica”.
(…)
“Se vostede chama liberdade de prensa ao dereito da contrarrevolución e dos inimigos de Cuba a falar e a escribir libremente contra o socialismo e contra a Revolución, calumniar, mentir e crear refrexos condicionados, eu diríalle que non estamos a favor desa liberdade. Mentres Cuba sexa un país bloqueado polo imperio, vítima de leis inicuas como a Helms-Burton ou a Lei de Axuste Cubano, un país ameazado polo propio Presidente de Estados Unidos, nós non podemos dar esa liberdade aos aliados dos nosos inimigos cuxo obxectivo é loitar contra a razón de ser do socialismo.”
(…)
“Neses medios libres, quen fala? De que se fala? Quen escribe? Fálase o que queren os donos dos xornais ou das emisoras de televisión. E escribe quen eles deciden. Vostede sábeo ben. Fálase de liberdade de expresión, pero na realidade o que se defende fundamentalmente é o dereito de propiedade privada dos medios de difusión masiva.”
(…)
“Nós soñamos con outra liberdade de prensa, nun país educado e informado, nun país que posúa unha cultura xeral integral e poida comunicarse co mundo.”
É por iso que creou espazos coma Mesa Redonda e Universidade para Todos. Cando a que daquela chamaban Oficina de Intereses de Estados Unidos comezou a dar cursos de inglés na súa sede, como parte dos seus intereses subversivos, el impulsou os cursos de Inglés por televisión, e cando lle preguntaron que farían os cubanos con internet, respondeu coma un raio: “falar cos norteamericanos en inglés”.
A súa confianza no pobo, ao que organizou e educou, era infinita. A partir desa educación e organización, nunca subestimou a necesidade de dar explicacións completas a asuntos complexos, como fixo na súa longa reflexión televisiva que preparou aos cubanos para recibir exitosamente a Juan Pablo II, cando toda a prensa internacional anunciaba que o Papa sería o anxo exterminador do socialismo cubano.
Xustamente, estes días nos que voan noticias falsas coma vento círcio, é común explotar reflexos condicionados para as persoas reaccionar emotivamente ante unha imaxe ou un titular, sen unha mínima análise de fontes previa ou os contextos que traen de volta a ese batallador pola verdade que é Fidel. Cando a tecnoloxía e o diñeiro converten a profesionais mentiráns en líderes de opinión, e a repetidores das fórmulas que levaron o mundo á desfeita na que se atopa en grandes agoreiros (que nos propoñen novas fórmulas salvadoras xusto desde onde o capitalismo e a democracia representativa afúndense no descrédito e eles non teñen unha palabra que achegar) o método fidelista de converter ao pobo en protagonista da súa propia defensa e dotalo dos máis altos coñecementos, transformando e potenciando para iso a institucionalidade revolucionaria, resulta un tesouro ao que debemos acudir de maneira creativa e consecuente.
A articulación co obxectivo de crear desde as bases da sociedade cubana un receptor crítico, un cidadán capaz de usar de modo creativo e emancipador as tecnoloxías da información e a comunicación, non pode conformarse coa alfabetización informacional. Necesítase con urxencia un proceso dinámico e dinamizador que como reclama o presidente Díaz Canel permita “aproveitar todas as nosas potencialidades”, porque “non podemos seguir ancorados a formas de comunicar anteriores á era dixital, e non podemos burocratizar os procesos ideolóxicos.”
Máis que crear habilidades, compre formar unha sólida cultura da comunicación non só nos directivos, senón en todo o pobo, utilizando para iso a escola, os medios de comunicación e as estruturas de base das institucións e as organizacións políticas e de masas para converter a cada cidadán nun defensor activo da verdade e un crítico responsable con aquilo que estea mal, dotado dun conocimento que lle permita utilizar a vía máis eficaz e rápida para converter a crítica en participación e solución.
O país con máis mestres por habitante, o que eliminou en menos dun ano o analfabetismo e pintou a universidade de negro, mulato, obreiro e labrego; o que con accións de comunicación política liberou a Elián e logrou o regreso do Cinco, non pode proporse menos, nin llo permitiría a memoria daquel que se puxo á fronte do seu pobo para vencer precisamente todas esas batallas.