ESCRAVOS NO SÉCULO XXI

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Persoal médico Cubano celebra 22 anos de asistencia solidaria en Haití

Nun exercicio de cinismo diplomático que raia no delirio, o goberno dos EUA di que Cuba é reo de escravitude moderna pola súa cooperación médica internacional. No en tanto, o goberno de Washington maltrata  emigrantes de América Latina, a plena luz do día e négalles dereito a asistencia legal. O paradoxo non é menor: médicos cubanos salvan vidas nas rexións máis empobrecidas do planeta, e o goberno de Trump encadea a seres humanos de pés e mans, embárcaos como se fosen gado cara a terceiros países e encérraos en centros de tortura.

Cuba sostén dende hai décadas un programa de colaboración médica sen precedentes, coa participación de máis de 600 mil cooperantes sanitarios en 165 nacións. Ese persoal médico enfronta pandemias, furacáns, fames negras e crises humanitarias sobre a base dun principio formulado expresamente por Fidel Castro para a colaboración cubana en saúde: “Nas relacións internacionais, practicamos a nosa solidariedade con feitos, non con palabras”.

Con todo, Washington, desde Bush até Trump, non parou na súa teima por desacreditar ese modelo, acusándoo de “tráfico humano” e “traballo forzoso”, cando o que lles molesta é que Cuba exporta dignidade, tal e como a definira Emanuel Kant: o filósofo alemán distinguía entre os que ten prezo e os que ten dignidade. O prezo é para aquelas cousas que poden ser substituídas por algo equivalente, mentres que a dignidade transcende todo prezo e non admite nada equivalente.

O que acontece ao norte do río Bravo non ten nada a ver coa dignidade. A nova administración Trump, decidida a aplicar unha política migratoria de tolerancia cero baixo parámetros supremacistas, reactivou o mecanismo de deportacións seriadas e sen o debido proceso da lei. Os inmigrantes son deportados sen xuízo nin oportunidade de responder as alegacións contra eles. Son expulsados con grilóns nos nocellos e alxemas nos pulsos, amontoados en avións que os levan non necesariamente ao seu país de orixe, senón ao país que Washington designa como “espazo seguro”.

O caso dos venezolanos deportados ao Salvador é especialmente escandaloso. O país centroamericano, convertido por Bukele nunha cadea vixiada por abellóns (drons) ofreceu ao goberno dos EUA unha infraestrutura de represión sen rendición de contas: o Centro de Confinamento do Terrorismo (Cecot), unha mega-cadea onde o amoreamento, a tortura, a desaparición e a negación do debido proceso e a relación cos familiares son o común, segundo organizacións de dereitos humanos. Washington expón deste xeito a súa violencia migratoria coas leccións ben aprendidas na era Bush: se os detidos están fóra do territorio nacional, non teñen dereitos nin poden reclamar a xustiza dos EUA. Esa foi a doutrina para Guantánamo. Hoxe, Trump recíclaa para deportar e reprimir sen custo xudicial.

Mentres, a maquinaria de propaganda do Departamento de Estado e os seus satélites mediáticos en Miami, seguen co retrouso de que os médicos cubanos son escravos. Mais de que escravitude están a falar? Da lanceta que opera de balde a un neno en Haití? Na vacina que se administra en Angola? Ou nas mans encadeadas do emigrante que foxe do seu país de orixe e acaba nunha cadea salvadoreña sen nome nin avogado? Cal é a diferencia entre esta situación e a dos dos desaparecidos na Arxentina, Uruguai, Guatemala ou Chile, durante a guerra sucia dos anos 70 e 80?

A hipocrisía é vella, mais esta é de cara lavada. Acusar a Cuba do que os EUA practican a escala industrial é unha vella estratexia: culpar á vítima para agacharen seus propios crimes. Os grilóns cos que encadean emigrantes non poden ocultar o verdadeiro rostro do imperio que se di libre e democrático, mentres reproduce, con nova tecnoloxía, as cadeas dos barcos negreiros que pairan aínda  pola conciencia moderna de Occidente.

En Barco de Escravos (Capitán Swing, 2023), o historiador Markus Rediker, norteamericano,  conta a trata sobre o Atlántico dende finais do século XV deica case i fin do XIX, durante 400 anos. “As adegas estaban tan ateigadas que case non tiñan espazo para se daren volta. As cadeas que os amarraban para evitar calquera tentación de fuga, púñalles en carne viva alxemas, pescozo e nocellos”. Exactamente como agora.

O trumpismo prescinde de máscaras: hai barra libre de fascismo e ao que se pase non o botan da festa, senón que o poñen a organizar outra, como esta de culpar a Cuba de escravitude moderna, mentres avións negreiros voan rasantes de Norte a Sur, por riba das nosas cabezas.

(Traducido ao Galego para TSA por Rosa Lourido)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *