Terra en Amos – Redacción
O Che entraba na Habana no 59, a beira de Fidel, e levaba un soño no maxín: facer dos Andes unha nova Serra Maestra e levar a Revolución ao continente, nunha réplica da heroica campaña na que unha guerrilla espaventara un exército regular de 44.000. A Homenaxe ao Che en Vigo, nos 50 anos do seu asasinato, comezaba con este recordo de Moncho Leal, ex presidente da Francisco Villamil, que falaba na Libraria Andel nunha convocatoria do Comité Nacional Galego Ernesto Che Guevara.
Leal enfiou a parábola de Guevara dende Rosario (1928) a Córdoba, a viaxe andina con Alberto Granados, a visión do golpe de Estado da CIA contra o goberno de Jacobo Arbenz en Guatemala, o encontro con Raúl e Fidel en Mexico (1955) a instrucción co coronel da II República Alberto Bayo Giroud e a transición do Che de médico do Granma a comandante da guerrilla, con detalle da histórica toma de Santa Clara que fixo caer o goberno de Fulgencio Batista, instaurado en Cuba a seguir o golpe de Estado de 1952.
Como responsabel do Instituto Nacional da Reforma Agraria (INRA) o Che coincide con Xosé Neira Vilas. O seu labor no Ministerio de Industria, na presidencia do Banco Nacional, e na representación internacional de Cuba en datas do arquivo maior dos 60, así coma a sinatura dos acordos comerciais e militares coa URSS, forma parte da historia contemporánea. A esta relación, debe engadirse a súa participación na guerra do Congo e a campaña de Bolivia. A proxección do filme Cuando Pienso en Che, que ten como eixo un comprido relato ide Fidel sobre o Guerrilleiro, e as intervencións do público, completaron o programa da homenaxe.