Oleiros revive a memoria do Moncada arredor de José Martí e coa solidariedade galego-cubana

Rosa Lemos – TSA.

Martí ten en Oleiros unha linda herbeira marcada por faias lanzais e poderosas palmas africanas, un panasco galego-cubano para honra do heroi nacional de Cuba. Erea del Rio, presidenta da Francisco Villamil, di que Oleiros é a capital da cubanía de Galiza. Neste ano de bloqueo infernal, de bloqueo de todos os bloqueos de parte dos EUA contra Cuba, a celebración do Asalto ao Moncada atrae máis bandeiras galegas e cubanas e cartaces ao monumento do poeta e guieiro independentista. Ao pé do alado rombo de pedra de Martí, están Erea del Rio, Yahima Martínez, cónsul xeral de Cuba en Galiza, o alcalde Ángel García Seoane e o presidente da Asociación Cultural José Martí, Gianny Uffo.

Erea del Rio, Gianny Ruffo, García Seoane e Yahima Martínez (de costas, de esquerda a dereita) cantan o Himno Galego e a Bayamesa, no comezo do Memorial de Moncada 2022 en Oleiros.

Nun momento crítico do cerco que padece cuba dende hai seis décadas, Del Rio aborda razóns de esperanza realista. A primeira é que por volta dun ano os feitos vandálicos do 11 de xullo de 2021 gañaron o cualificativo preciso de conspiración criminal contra Cuba; que a revolta non procede do pobo da illa senón que foi promovida dende o porta-avións estratéxico de Miami e que fracasou no seu intento de alzar ao pobo cubano contra seu propio goberno.

Recorda que nesa data había na illa máis de 320.000 casos activos de COVID-19 e que a convocatoria da CIA, hipocritamente pacífica, violentaba o control epidémico e puña en risco moitas vidas. Pasado un ano, para poderen afirmar que Cuba está nas últimas, os estrategos do Bloqueo finxen ignorar que Cuba ten máis do 80% da poboación inmunizada con vacinas propias e que xa contan meses sen teren unha morte por COVID.

A segunda observación positiva, é que está a medrar a indignación internacional contra o bloqueo imposto a Cuba. O mundo denuncia escandalizado o cerco máis longo e cruel da historia, de parte do goberno máis armado e rico do planeta contra unha illa sen grandes recursos. “Para defendermos Cuba contra o imperialismo –sinala a presidenta da Francisco Villamil – participamos en novos espazos de contra-información coma o Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) creado en 2021, ao que se suman os traballos de 45 asociacións e entidades amigas de Cuba e da súa Revolución”.

Salienta a seguir que por volta de 60 anos de bloqueo, o socialismo cubano ten avances reais coma o feito de as mulleres seren o 55% da forza laboral e que delas depende en boa medida o desenvolvemento do país porque representan o 67% do profesorado, o 62% dos médicos e o 64% das heroicas equipas internacionalistas de Cuba, presentes en todo o planeta. Cita o  Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, que acredita que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións; perciben salario igual e, por Lei, todos os empregos son de acceso igual, respectando premisas que foron establecidas pola Revolución.

Pechando a súa intervención, recorda Erea que a Asociación de Amizade Galego-Cubana que leva o nome de Francisco Villamil, maior xeneral do Mambís, nado na beira do Eo e biografiado por Neira Vilas, ven de abrir  un novo local no centro de Vigo con vontade de devir Casa da Solidariedade. “Inspíranos a indeclinábel vontade independentista de Cuba, o seu proxecto de convivencia socialista e o exemplo dunha solidariedade internacional que o depredador do Norte combate coma se fose unha ameaza armada”. Entre aplausos rematou con vivas a Revolución e seus dirixentes.

Lembrar a historia e honrar a orixe

Celebrou o presidente da Asociación Cultural José Martí de Cubanas y Cubanos residentes en A coruña, Gianny Uffo Pérez, no comezo da súa intervención, poder estar na data simbólica da Revolución Cubana á beira dunha figura coma a de Martí, importante para Cuba e para a humanidade enteira polo seu ideal anti-imperialista, pensamento revolucionario e principio da unidade nacionalista. “Nun intre crítico coma o que vive a humanidade con guerras, pandemias, crise económica e catástrofes naturais, é preciso recordar a historia para non esquecermos de quen somos e de onde vimos: 26 de xullo representa para a poboación de Cuba a decisión de non permitir nunca que outro pais veña a marcarnos o camiño”. Recomenda unidade a cubanía residente no exterior para non esquecer a patria, axudala contra un bloqueo que interfire desenvolvemento económico e vida do pobo e unirse coa solidariedade internacional para defender Cuba. Entende que unha asociación cultural coma a que preside, que se honra co nome de Martí, debe divulgar a verdadeira situación de Cuba contra a que espallan os media dominantes. “Compartindo esta data entre galegos e cubanos, ratificamos o camiño axeitado de Cuba e como cubano, agradezo a importante solidariedade con Cuba de parte de Oleiros e doutros lugares”.

No comezo da intervención de Ángel García Seoane, cinco asistentes, un deles embozado até as palpebras, que portaban un lenzo con aldraxes contra o Che xunto o lema Patria y Vida, proferiron apupos que foron logo afogados pola protesta da maioría. O alcalde retomou de contado a palabra para saudar a Cónsul de Cuba, ao Consul de Venezuela e as asociacións da solidariedade presentes ás que agradeceu fidelidade e traballo a prol de Cuba. Dixo que os que tentaran frustrar o acto, pertencían a bandas controladas por cipaios ao servizo de multi-nacionais e acubillados no paraugas dos servizos secretos do imperio ianqui; moitas nacións están metidas en guerra e desangradas polos mesmos de sempre, aproveitados das materias primas e riquezas dos pobos. “Cuba foi un grande exemplo coa súa revolución a prol da liberdade e en defensa da independencia dos países de América Latina e África, unha loita pola que moitos cubanos e cubanas deron a súa vida. Cuba conquistou a súa independencia total nunha Revolución que comezara Céspedes, continuada por Martí e culminada por Fidel, sen que a dia de hoxe, pasados máis de 69 anos, o imperio ianqui puidera derrubala”.

A cooperación internacional de Cuba, engade, é  unha lección de humanidade para o mundo; persoas de ben que levan con orgullo e defenden súa cubanía. “É libre Cuba, sen amos nin ataduras e precisa máis do que nunca o apoio de homes e mulleres comprometidos coa dignidade, liberdade e soberanía dos pobos”.

Recorda García Seoane que o goberno municipal de Oleiros colaborara dende 1984 co goberno de Cuba “para romper o indignante e aberrante bloqueo co que o goberno dos EUA tortura ao pobo cubano, infamia na que conta co apoio indistinto do PP e do PSOE”. Di que no entanto o seu partido goberne o Concello, “Oleiros será un baluarte na defensa da Revolución e do pobo de Cuba; igual que foi porta de entrada en Cuba de cooperantes, asociacións e empresarios; foron milleiros as persoas que nos acompañaron a Cuba para coñeceren as políticas de sanidade e educación que o pobo conquistara grazas a Revolución; tamén para informalos do bloqueo e das necesidades que o imperialismo provocaba ao coutar o comercio con Cuba. Debemos deixar claro que nin Fidel nin o pobo de Cuba son responsábeis das carencias que o pobo está a soportar”. García Seoane rematou a súa intervención entre aplausos lanzando con ben entoada voz un “Patria ou Morte Venceremos!”

Para a Cónsul Yahima Martínez Millán, era alta e prezada a ocasión de poder celebrar a data histórica do 26 acompañada da solidariedade e nunha cidade coma Oleiros, cruzada de rúas e vieiros con nomes da cultura cubana e latinoamericana. “Unha cidade na que residen cubanos de nacemento mais tamén outros cubanos de corazón coma o alcalde Gelo, merecedor da distinción de Fillo Adoptivo da Habana; por todos os anos de amizade co noso país: moitas grazas” (aplausos)

Unha Revolución Social

Recordou a Cónsul que o asalto aos cuarteis de Moncada e Céspedes marcara o camiño para o triunfo revolucionario de xaneiro do 59 e a transformación de Cuba en 60 anos.”Hai datas que son base do cambio e que marcan camiño para etapas novas. En 26 de xullo do 53, comeza unha nova época para Cuba e Latinoamérica de cara a un cambio fondo, unha revolución social. Cinco anos,  cinco meses e cinco dias depois, trunfou a Revolución Cubana que derraigou todos os males que apreixaban e denigraban a República”. A vontade de independencia nacional, xustiza social e internacionalismo sinalou un camiño para afirmar a soberanía, a reivindicación dos desvalidos, a transformación da sociedade e o desempeño internacional de Cuba, malia o bloqueo inxusto que establece o governo dos EUA.

Refírese Yahima Martínez a Xeración do Centenario de Martí (xullo de 1953) e ao devezo de manter vivo o legado do Guieiro, e recorda que o compromiso da xeración actual é continuar as ideas de Martí e de Fidel. “Nesta loita non existe conformismo e somos conscientes dos problemas centrais de Cuba, do que falta por facer e das potencialidades por atinxir e de facer máis eficiente, xusto e democrático  o noso socialismo nun momento de recursos terciados. Dende hai 60 anos o pais mantén un esforzo para superar atrancos e sair adiante malia un bloqueo que semella non ter fin. En Cuba estamos en 26 porque tal e como pensaran Martí, Fidel e o Che, a batalla económica está unida a batalla política, porque non se pode derrotar un pobo que non se vende. A Xeración do Centenario deunos a proba de que cando prevalecen a dignidade e a grandeza dun pobo todas as datas do calendario son días de loita: Patria ou Morte, venceremos!” (aplausos)

A voz de Raquel Capote e a guitarra de Roger Acosta, que actúan baixo o nome de Son al Son, abriron programa, marcaron unha cesura entre oradores e despediron o acto. As tres intervencións de cadencia guajira e armonía limpa, foran premiadas con fortes aplausos.

A máis do xa citado Martín Pacheco Morillo, cónsul xeral da República Bolivariana de Venezuela, entre o público estaban Ana Mosquera, presidenta da Asociación Galego-Bolivarina Hugo Chávez (AGABO) Ricardo García Mira, fundador e primeiro presidente da Asociación José Martí de Cubanos e Cubana Residentes en A Coruña, integrantes do grupo de goberno do Concello de Oleiros e representantes de partidos, sindicatos e organizacións solidarias.

O 11J un ano despois: mentira e odio contra Cuba contaminan as redes dos EUA

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada (Mexico)

Dia once do mes que andamos, fará un ano das protestas en Cuba que deran titulares en todo o mundo. A mestura explosiva do paso da pandemia e o afogo producido polas sancións de  Trump que Biden mantivo no medio dunha emerxencia sanitaria mundial; os problemas acumulados na vida diaria, a crise económica, as temperaturas inclementes no verano insular… O ataque sistémico e prolongado contra a vida cotián de Cuba,  deu seus froitos e  os feitos vandálicos que acompañaran as 48 horas seguintes en varias cidades del país xeraron ríos de tinta e o agoiro de a Revolución acabar, por fin, más cedo que tarde.

O odio contra o goberno de Cuba correu sen freo por Facebook (agora Meta), Google e Twitter antes e durante as protestas do 11J de 2021. Imaxe de Cubadebate en Centro Habana.

As anunciadas réplicas 11J non se produciron e o goberno de Miguel Díaz-Canel non ten trazas de estar nas últimas como prognosticaran os agoireiros do Norte. De feito aconteceu todo o contrario: Washington dá sinais de debilidade e illamento, coma no Cume das Américas, que acabou nun fracaso monumental tralo intento do goberno de Biden de vetar a asistencia de tres países, Cuba entre eles.

Varios son os factores orixinarios das protestas de hai un ano, e variadas as razóns de por que non se repetiron até hoxe, malia as sancións e o desgaste da vida cotiá, idénticos en intensidade, ou se cadra máis opresivos. Porén, o heroísmo da normalidade en Cuba non produce titulares. Os media deixaron de mirar o que acontece na illa mentres o sub-mundo das plataformas sociais espalla decote sinais apocalípticos a través da guerra desinformativa.

Se hai unha zona escura dos acontecementos do 11 e 12 de xullo de 2021 en Cuba esa é a da responsabilidade das plataformas estadounidenses. O seu papel nesta historia é tan importante coma a velocidade coa que espallaron odio e crearon microclimas para catalizaren revoltas.  Para alén da vontade maliciosa de dividir á xente (que xa case ninguén pon en dúbidas cando se fala de redes sociais) a Facebook (agora Meta), Google e Twitter expresáronse en termos de discurso de odio, que eles autorizan cando se trata do goberno da Habana e autorizaron unha marea de propaganda anti-gubernamental producida por usuarios geolocalizados fóra da illa.

O xornalista Alan MacLeod, de MintPress News, infiltrado nun dos grupos privados de Facebook que organizaron as protestas de hai un ano, documentou a participación de cidadáns estranxeiros nas supostas comunidades locais online que incitaron as protestas. A súa investigación probou que cidadáns estadounidenses interviran “nos asuntos internos de Cuba, a un nivel que dificilmente pode concibirse nos Estados Unidos. Mesmo os defensores a morte do RussiaGate non se atreverían a afirmar que foran rusos quen planearon as protestas polo asasinato de George Floyd ou a insurrección do 6 de xaneiro de 2021 en Washington”.

A sesión do Congreso dos Estados Unidos sobre o asalto ao Capitolio, proba que en certos casos de delitos políticos, a correa de transmisión entre discurso de odio e acción é evidente. Como o é, tamén, a conexión ideolóxica entre o extremismo anti-cubano da Florida e a ultradereita trumpista, moi pendida a caverna e o escurantismo, que aínda fala de fraude electoral, aldraxa os políticos demócratas e amplifica calquera relato deformado da realidade que sexa funcional aos seus prexuízos.

Nos EUA, as operacións de contra-información son unha bomba de reloxaría. Investidores do Partido Democrata usaron este argumento para compraren 18 estacións de Radio Hispana en Florida. Este é o punto cernal dun debate que comezara moito antes das eleccións de 2020, cando unha congresista solicitou unha investigación do FBI para determinar os graos de mentira nos medios de comunicación en español de Miami, que se estendían cara ás plataformas sociais e os chats de mensaxería, particularmente no WhatsApp.  De por parte, The New Yorker describiu “como a mentira-pro-Trump influía na nova xeración de votantes cubano-americanos”, coa creación de comunidades fanatizadas que rexeitan calquera pensamento crítico e usan retórica incendiaria que non recoñece diferenzas entre a política de Joseph Biden e a de Miguel Díaz-Canel.

En termos de propaganda de guerra, a un ano do 11J estamos na mesma. A ameaza permanente a Cuba é o marco conceptual. Mais só un bando espalla odio a partes iguais a ambas dúas beiras do Estreito da Florida.  Tic, tac.

Na véspera do aniversario do 11J, o Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba critica a teimosía do bloqueo e o inzo da comunicación contaminada contra o primeiro goberno socialista de América. O aniversario da derrota do cerco dixital é obxecto dunha campaña internacional que recorda que Cuba non está soia https://www.siempreconcuba.org/nueva-jornada-mundial-de-solidaridad-con-cuba/ Comunicado do MESC en https://www.cubainformacion.tv/solidaridad/20220709/98085/98085-nueva-victoria-del-pueblo-cubano-mesc-respalda-actos-de-apoyo-a-la-revolucion-en-madrid-barcelona-las-palmas-y-malaga

O Consello de Dereitos Humanos da ONU aproba unha iniciativa de Cuba contra a lista de países promotores do terrorismo

Prensa Latina – Xenebra

O Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou por maioría a resolución presentada por Cuba SOBRE DEREITOS HUMANOS E SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL, unha iniciativa que foi sometida a votación durante a sesión 50 do Consello, sediado en Xenebra. O texto aprobado é o seguinte: ¨Non recoñecemos a ningún país o dereito de se proclamar policía nin garante da liberdade relixiosa, nin de arrogarse o dereito de emitir certificacións nin listas unilaterais”. O governo de Donald Trump declarara arbitrariamente que Cuba, Venezuela e Nicaragua eran promotores do terrorismo con todos os impedimentos legais, económicos e comerciais que a asignación conleva.

De 47 paises membros do Consello de Dereitos Humanos,  31 votaron a prol da moción, 15 en contra e un pronunciouse pola abstención.

Membros da delegación de Cuba no Consello, denunciaron a manipulación política das  libertades de relixión e de pensamento político que certos gobernos invocan para condenar e sancionar a terceiros.

O Consello de Dereitos Humanos da ONU é unha instancia fundada 15 de marzo de 2006 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidad cos votos en contra de Palaos e as Illas Marshall e as abstencións de Bielorrusia, Irán e Venezuela. O Consello foi creado no canto da Comisión de Dereitos Humanos que probara repetidas veces que ​certos países membros exercían na asemblea o dereito a descualificar a terceiros sen eles recoñeceren violacións propias dos dereitos humanos. Os membros da Asemblea Xeral estaban dacordo en integrar no Consello a países como Cuba e Venezuela que promoven os dereitos fundamentais expresados na Carta das Nacións Unidas.

O peso do bloqueo castiga especialmente as mulleres de Cuba

Maribel Acosta – Mate Amargo (Uruguai)

Amence un día calquera na illa e recomeza a angueira da muller cubana verdadeiro eixo das actividades: traballo, fillos, a vida cotiá. Realidade común das mulleres do mundo aumentada no caso das cubanas, unha carga adicional que non sempre é recoñecida. As mulleres somos o 50.35% da poboación da illa e o 55% da forza laboral; de nós depende en boa medida o desenvolvemento do país porque o 67% dos mestres e mestras, o 62% dos médicos e o 64% de quen participan en misións internacionalistas e solidarias de Cuba no planeta, somos mulleres.

As mulleres son o 50.35% da poboación de Cuba e o 55% da forza laboral. O seu protagonismo é vital para o desenvolvemento do país.

Nos sectores xurídico, bancario, educativo, da saúde e a ciencia, máis do 70% da forza laboral é feminina. O Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, di que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións. As mulleres perciben igual salario que os homes e, por lei, todos os postos laborais son de igual acceso para homes e mulleres. Premisas que foron establecidas pola Revolución.

Con todo, máis do 70 % das mulleres nacemos baixo o bloqueo o que significa que todas as mulleres cubanas que hoxe protagonizan a vida económica e socio-cultural da illa, medramos nun país bloqueado desde hai máis de sesenta anos.

Lembrarei a historia dunha muller cubana que transcendeu na prensa internacional: a Dra. Odalys Marrero, especialista en terapia intensiva do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK) que foi quen tratou un dos primeiros pacientes diagnosticados co SARS-CoV-2 na maior das Antillas. Naqueles intres de incerteza foille case imposíbel evitar o medo, mais a convicción e a entrega ao traballo decruaron o surco: “Como médicas estamos afeitas poñer a nosa vida en perigo coa vantaxe de ter aprendido a nos protexer fronte doutras enfermidades”. Abordar a pandemia significoulle permanecer máis de seis meses baixo réxime de illamento durante o cal non podía ver a súa familia. Nesa excepcional situación, marido e filla asumiron na casa os traballos que ela antes gobernaba”.

As mulleres cubanas estamos nunha dobre batalla: a que libramos contra o modelo patriarcal que nin moito menos demos superado, e a desproporcionada loita contra a violencia que impón o bloqueo á nosa vida persoal e profesional.

A Federación de Mujeres Cubanas (FMC), organización fundacional da Revolución, lidera as grandes cruzadas de hoxe e os obxectivos pendentes. A asunción real de poder pasa por unha autonomía económica que o bloqueo atranca. As conquistas sociais da Revolución Cubana están a vista. Mais como se conseguiron e a que costo?

“As mulleres cubanas logramos as autonomías e conquistas que a Revolución foi consolidando e soubemos aproveitar as oportunidades creadas”, di Osmayda Hernández Beleño, directiva da FMC e experta en violencia de xénero. “Por exemplo, máis do 66 por cento dos universitarios en Cuba son mulleres. A cultura patriarcal permanece porque o principal obstáculo para o desenvolvemento do país e a asunción de poder das mulleres é o bloqueo que couta os dereitos humanos defendidos pola Revolución. Elas son as máximas representantes en todos os sectores centrais, malia estaren sometidas a tensións permanentes, a sufrimentos e escasezas por causa do cerco”.

Na pandemia, as mulleres foron fundamentais, no sector da saúde onde case o 65% das integrantes das brigadas de colaboración médica son mulleres. “E nos fogares –prosegue Osmayda- coas nais e mulleres apoiando ás que estaban dando a batalla pola vida dentro e fóra de Cuba. A infamia do bloqueo laña particularmente esas mulleres. Na súa vida laboral, que é decisiva para o país, na súa vida familiar onde seguen sendo o centro e sostén da familia e na súa vida física, porque todo isto non lles permite coidarse como merecen”.

As estatísticas revelan a importancia da agresión e vulnerabilidade crecente das mulleres cubanas producidas polas políticas e accións violentas que acompañan o bloqueo. Doenzas coma o cancro de mama, o cancro cérvico uterino e enfermidades óseas, agravan nas mulleres o xeneral avellecemento da poboación cubana; os programas de saúde nacionais vense afectados pola falla de medicamentos e de materias primas para que a industria nacional poida producir o preciso; a Cuba estalle prohibido tanto o acceso ao finanzamento internacional como a compra de equipo e material para seus programas de desenvolvemento.

CONTRA A BAIXA DA NATALIDADE

As mulleres representan o 44 % das cabezas de familia no país e para o ano 2030 poderían ser o  52,5%. Os programas de fertilidade asistida cos que conta Cuba e que benefician a moitas mulleres e favorecen as políticas contra a baixa de natalidade, vense a cada máis condicionados polas carencias materiais provocadas polo bloqueo.

Dous millóns de mulleres, na súa maioría con niveis altos de instrución, están ao coidado de familiares, adultos maiores ou nenos. A falta de condicións económicas para xerar máis empregos de orde social e institucións que protexan ás mulleres para puideren incorporarse á vida económica e social activa, dificulta os proxectos que a propia Revolución lanzou.

Arestora Cuba só pode cubrir o 19 por cento da demanda das mulleres traballadoras para círculos infantís ou garderías, que o país ofrece como respaldo á autonomía das mulleres. Os planos construtivos e de rehabilitación destas institucións- un dos maiores logros da Revolución- están parado dende o aumento xeral do bloqueo de parte do goberno de Estados Unidos.

Cuba non está de brazos caidos fronte o aumento da agresión. Osmayda Hernández Beleño comenta algunhas alternativas para paliar no posíbel estes inmensos obstáculos: “Para atender a demanda de círculos infantís, unha das alternativas foi a figura das asistentes para o coidado na casa e de a pouco aprobouse a creación de espazos para picariños, como parte do programa nacional para adianto das mulleres sobre todo no área de progreso económico. O proxecto permitiu a apertura de 44 espazos naqueles centros laborais con alta presenza de mulleres. Os centros reservan un espazo e todos os recursos son asumidos pola empresa mentres o Ministerio de Educación capacita o persoal que vai traballar cos nenos e ocuparse da certificación de saúde. A cada, máis mulleres ocúpanse de proxectos de desenvolvemento local e de pequenas e medianas empresas. A FMC participa na orientación, capacitación e asesoría.


Sobre as medidas de Biden para a chamada flexibilización do bloqueo Hernández Beleño coida que non vai máis alá da entrada de remesas directamente ás persoas, de xeito hipocritamente dirixido a marxinar ao goberno e bloquear as políticas para sectores estratéxicos. Procuran dividir e crear fisuras ao sector público de Cuba, coma nos visados, que tralo anuncio de apertura, anuncian que se vai facer coa mediación dun terceiro país. Sobre as presións a países da rexión para estableceren visas de tránsito a cidadáns de Cuba, coida que será  preciso saber como serán aplicadas e de que xeito aliviarán a inmensa carga de tensións que os estorbos actuais provocan.

Arestora, aumentan as colas na illa para a adquisición de alimentos e de servizos básicos. Escasea todo. As navieiras internacionais que transportan a Cuba están a ser perseguidas. A violencia do bloqueo e unha espiral que non cesa.

Un cartáz inmenso e a toda cor mostra a foto da doutora cubana María Guadalupe Guzmán Tirado, no aeroporto internacional, Charles de Gaulle de Paris. A doutora en Ciencias e directora de Investigación, Diagnóstico e Referencia do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK), foi recoñecida na edición 2022 do Premio Internacional L´Oréal-Unesco, A Muller e a Ciencia. É a primeira muller caribeña que obtén esa distinción.

Hoxe de mañá, no consultorio do médico da familia, recibín a segunda dose de reforzo da vacina cubana contra a Covid 19. Por certo, creada baixo a dirección de científicas cubanas.

A Dra. Maribel Acosta Damas é profesora da Facultade de Comunicación da Universidade da Habana e presidenta da Cátedra de Periodismo Cinematográfico Santiago Álvarez.

Artigo traducido ao Galego por Rosa Lemos para TSA.



O longo saqueo de Haití rebelde a mans dos imperios e a persistencia do colonialismo por débeda

Raúl Antonio Capote – Granma Internacional

Haití foi a primeira nación libre de América Latina e o Caribe, a primeira nación do mundo moderno orixinada nunha revolta de escravos, e a segunda república do hemisferio occidental. En 1804, o pobo haitiano despachou aos colonialistas franceses, puxo fin a escravitude e proclamou a independencia. A Revolución Haitiana converteuse nun pesadelo para os colonizadores con posesións no Caribe. A pantasma de Saint-Domingue roubaba o sono aos donos de escravos.

Haití pagou durante 122 anos a débeda da súa independencia,un saqueo que pervive aínda.

Para a nación nova, as potencias imperiais decretaron un integral bloqueo cultural, económico e político que impedise o contaxio. Dúas décadas despois de proclamada a independencia, en 1825, buques de guerra franceses puxeron cerco á nova nación e lanzaron un ultimato: ou pagan unha indemnización ou prepárense para a guerra.

Un emisario do rei Carlos X entregou a demanda do imperio Francés, que esixía o pago das propiedades confiscadas pola Revolución Haitiana: 150 millóns de francos ouro, uns 21.000 millóns de dólares de hoxe, a pagar en cinco prazos. Cominaban a nova nación a indemnizar os empresarios coloniais franceses polas propiedades e os escravos que perderan.

Mediante o acordo de rebaixar o 50% o arancel das importacións francesas, o presidente haitiano Jean Pierre Boyer asinaba 17 de abril de 1825, a Real Ordenanza de Carlos X, que lles prometía recoñecemento diplomático francés a cambio da criminal indemnización e da porta aberta a comercio con Francia. Condicións que Haití non podía atender, dadas as condicións da súa economía, o que a emprazaba ao bloqueo naval e a unha guerra estragadora, mais os xenerosos colonialistas fixeron unha proposta imposíbel de recusar: un empréstimo acordado pola banca privada de Francia.

O resultado foi unha débeda multiplicada por dous que, sumada aos intereses, chuchou o sangue do pequeno país que había tardar 122 anos en liquidar a factura da súa independencia.

A maiores, e segundo o relato do The New York Times, cando o exército estadounidense invadiu Haití no verán de 1915, un grupo de marines entrou ao banco nacional e roubou 500.000 dólares en ouro, diñeiro que días máis tarde ingresaba nun banco de Wall Street. Usando como pretexto o caos financeiro e político que vivía o país, os EUA ocupárono militarmente. En coherencia coa súa política na rexión, Haití quedou a cargo dun procónsul militar estadounidense.

Unha cuarta parte da renda de Haití, foi desviada durante máis de dez anos ao National City Bank, para atender a factura estendida polo goberno dos EUA en concepto de axudas prestadas ao país, segundo explica The New York Times.

O delito de insubmisión: o caso de Cuba

En xaneiro de 1959, outra pequena illa do Caribe, Cuba, desafiaba ao poder imperial estadounidense, declarábase primeiro territorio libre de América e atrevíase a construír a primeira nación socialista no hemisferio. A superpotencia, sentíase na obriga de castigar de vez o delito de insubmisión. Dende aquela, empregaron todas as variantes de guerra contra a illa rebelde, entre elas a económica.

Como parte esencial do propósito de crebar e eliminar a alma do pobo cubano, inventouse un procreo coñecido co nome de  lei para a liberdade e a solidariedade democrática cubana. Que semellanzas podemos ver entre o plano que propuña este proceso e o que aplicaran os franceses contra Haití? Abreviemos algúns capítulos, igual de infames, da Lei Helms Burton, como tamén é coñecida.

É preciso imaxinar dous escenarios hipotéticos, digamos que imposibeis para os que temos fe na capacidade de resistencia e valor do noso pobo. Primeiro: O inimigo imperialista e os seus aliados, facendo uso do seu poderío militar, logran ocupar a maior parte do país e establecer un goberno de transición, logo de proclamar o fin da Revolución. Segundo: A desunión, o engano, o desalento sementado polo inimigo, a traizón, farían que deixásemos cair a espada como en 1878, sen descartar un Baraguá.

Teriamos daquela eleccións libres e democráticas? Non. Ese goberno de tránsito, nomeado a dedo polas tropas intervencionistas, non pode convocar eleccións até que o Congreso de Estados Unidos non o aprobe. O Presidente estadounidense ou o seu procónsul nomeado ao efecto, debe elaborar cada seis meses un informe ao Congreso para dar conta do proceso de transición na Illa ocupada.

E canto vai durar ese proceso se establecen, cada seis meses, a necesidade dun informe? Que tempo permanecerán en territorio nacional as tropas gringas?

Resposta para ambas preguntas: Non se sabe (recoméndase ler o Plano Bush).

De remate, logo de quen sabe cantos anos, o Congreso dos EUA aproba que se realicen eleccións. E que pasa co bloqueo económico, comercial e financeiro? Seica fora arriado ao se proclamar o fin da Revolución?

Non, non desaparecera; non é ese o asunto; mantense intacto durante a transición, como preciso recurso de de presión.

Realizadas as eleccións nunha Cuba sen Revolución no poder, ocupada polos gringos, teriamos un presidente e un goberno ao estilo e ao gusto imperial. Preguntas insistentes: Rematarán o bloqueo? Finalizará a guerra económica? A resposta é non. Iso non é o que establece o procreo.

O presidente deberá certificar ao Congreso a devolución ou pago no seu valor aos antigos propietarios estadounidenses, incluídos os cubanos convertidos logo de 1959 en cubanoamericanos, todas e cadansúa das propiedades nacionalizadas, intervidas ou decomisadas dacordo coas leis revolucionarias validadas polo dereito Internacional.

A indemnización ou compensación, segundo calcularon expertos estadounidenses en 1997, tería un valor aproximado de 100.000 millóns de dólares. Para pagar procesos, indemnizacións e débedas, o imperio ten unha solución: que os gobernos cubanos negocien préstamos cos bancos estadounidenses, o FMI, etc., que xerarían intereses cada vez maiores e crearían unha espiral inacababel de saqueo.

Igual que anos antes os haitianos, os cubanos tardariamos décadas en saldar unha débeda case impagábel, pois como podería resarcila un país arrasado, esquilmado, empobrecido pola guerra e a ocupación, un país que perdería boa parte dos seus fillos en idade de traballar e producir? Porque ben claro debe ficar que non poderían ocuparnos sen que defendamos cada man travesa de territorio patrio. Porque ficaríamos nas mans de delincuentes dispostos a chuchar até a derradeira pinga da riqueza nacional.

Thomas Piketty, un dos economistas consultados por The New York Times no seu traballo sobre Haití, refirese a esta política de saqueo coma neocolonialismo por débeda.

O delito de rebeldía é o maior pecado que un pobo pode cometer. Os imperios non perdoan xamais aos rebeldes. Un insubmiso deixa unha semente que pode abrochar moitas xeracións despois.

A Revolución Haitiana foi un sementeiro de revolucións. Mal puideron o  castigo, a saña colonial borraren o exemplo e inspiración que puxeron en pé a nosa América pola súa independencia, unha e outra vez, incansabeis como os bravos guerreiros que derrotaron aos mellores xerais, nacido o século XIX.

Texto traducido para TSA por Frances Laval



Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook