O peso do bloqueo castiga especialmente as mulleres de Cuba

Maribel Acosta – Mate Amargo (Uruguai)

Amence un día calquera na illa e recomeza a angueira da muller cubana verdadeiro eixo das actividades: traballo, fillos, a vida cotiá. Realidade común das mulleres do mundo aumentada no caso das cubanas, unha carga adicional que non sempre é recoñecida. As mulleres somos o 50.35% da poboación da illa e o 55% da forza laboral; de nós depende en boa medida o desenvolvemento do país porque o 67% dos mestres e mestras, o 62% dos médicos e o 64% de quen participan en misións internacionalistas e solidarias de Cuba no planeta, somos mulleres.

As mulleres son o 50.35% da poboación de Cuba e o 55% da forza laboral. O seu protagonismo é vital para o desenvolvemento do país.

Nos sectores xurídico, bancario, educativo, da saúde e a ciencia, máis do 70% da forza laboral é feminina. O Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, di que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións. As mulleres perciben igual salario que os homes e, por lei, todos os postos laborais son de igual acceso para homes e mulleres. Premisas que foron establecidas pola Revolución.

Con todo, máis do 70 % das mulleres nacemos baixo o bloqueo o que significa que todas as mulleres cubanas que hoxe protagonizan a vida económica e socio-cultural da illa, medramos nun país bloqueado desde hai máis de sesenta anos.

Lembrarei a historia dunha muller cubana que transcendeu na prensa internacional: a Dra. Odalys Marrero, especialista en terapia intensiva do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK) que foi quen tratou un dos primeiros pacientes diagnosticados co SARS-CoV-2 na maior das Antillas. Naqueles intres de incerteza foille case imposíbel evitar o medo, mais a convicción e a entrega ao traballo decruaron o surco: “Como médicas estamos afeitas poñer a nosa vida en perigo coa vantaxe de ter aprendido a nos protexer fronte doutras enfermidades”. Abordar a pandemia significoulle permanecer máis de seis meses baixo réxime de illamento durante o cal non podía ver a súa familia. Nesa excepcional situación, marido e filla asumiron na casa os traballos que ela antes gobernaba”.

As mulleres cubanas estamos nunha dobre batalla: a que libramos contra o modelo patriarcal que nin moito menos demos superado, e a desproporcionada loita contra a violencia que impón o bloqueo á nosa vida persoal e profesional.

A Federación de Mujeres Cubanas (FMC), organización fundacional da Revolución, lidera as grandes cruzadas de hoxe e os obxectivos pendentes. A asunción real de poder pasa por unha autonomía económica que o bloqueo atranca. As conquistas sociais da Revolución Cubana están a vista. Mais como se conseguiron e a que costo?

“As mulleres cubanas logramos as autonomías e conquistas que a Revolución foi consolidando e soubemos aproveitar as oportunidades creadas”, di Osmayda Hernández Beleño, directiva da FMC e experta en violencia de xénero. “Por exemplo, máis do 66 por cento dos universitarios en Cuba son mulleres. A cultura patriarcal permanece porque o principal obstáculo para o desenvolvemento do país e a asunción de poder das mulleres é o bloqueo que couta os dereitos humanos defendidos pola Revolución. Elas son as máximas representantes en todos os sectores centrais, malia estaren sometidas a tensións permanentes, a sufrimentos e escasezas por causa do cerco”.

Na pandemia, as mulleres foron fundamentais, no sector da saúde onde case o 65% das integrantes das brigadas de colaboración médica son mulleres. “E nos fogares –prosegue Osmayda- coas nais e mulleres apoiando ás que estaban dando a batalla pola vida dentro e fóra de Cuba. A infamia do bloqueo laña particularmente esas mulleres. Na súa vida laboral, que é decisiva para o país, na súa vida familiar onde seguen sendo o centro e sostén da familia e na súa vida física, porque todo isto non lles permite coidarse como merecen”.

As estatísticas revelan a importancia da agresión e vulnerabilidade crecente das mulleres cubanas producidas polas políticas e accións violentas que acompañan o bloqueo. Doenzas coma o cancro de mama, o cancro cérvico uterino e enfermidades óseas, agravan nas mulleres o xeneral avellecemento da poboación cubana; os programas de saúde nacionais vense afectados pola falla de medicamentos e de materias primas para que a industria nacional poida producir o preciso; a Cuba estalle prohibido tanto o acceso ao finanzamento internacional como a compra de equipo e material para seus programas de desenvolvemento.

CONTRA A BAIXA DA NATALIDADE

As mulleres representan o 44 % das cabezas de familia no país e para o ano 2030 poderían ser o  52,5%. Os programas de fertilidade asistida cos que conta Cuba e que benefician a moitas mulleres e favorecen as políticas contra a baixa de natalidade, vense a cada máis condicionados polas carencias materiais provocadas polo bloqueo.

Dous millóns de mulleres, na súa maioría con niveis altos de instrución, están ao coidado de familiares, adultos maiores ou nenos. A falta de condicións económicas para xerar máis empregos de orde social e institucións que protexan ás mulleres para puideren incorporarse á vida económica e social activa, dificulta os proxectos que a propia Revolución lanzou.

Arestora Cuba só pode cubrir o 19 por cento da demanda das mulleres traballadoras para círculos infantís ou garderías, que o país ofrece como respaldo á autonomía das mulleres. Os planos construtivos e de rehabilitación destas institucións- un dos maiores logros da Revolución- están parado dende o aumento xeral do bloqueo de parte do goberno de Estados Unidos.

Cuba non está de brazos caidos fronte o aumento da agresión. Osmayda Hernández Beleño comenta algunhas alternativas para paliar no posíbel estes inmensos obstáculos: “Para atender a demanda de círculos infantís, unha das alternativas foi a figura das asistentes para o coidado na casa e de a pouco aprobouse a creación de espazos para picariños, como parte do programa nacional para adianto das mulleres sobre todo no área de progreso económico. O proxecto permitiu a apertura de 44 espazos naqueles centros laborais con alta presenza de mulleres. Os centros reservan un espazo e todos os recursos son asumidos pola empresa mentres o Ministerio de Educación capacita o persoal que vai traballar cos nenos e ocuparse da certificación de saúde. A cada, máis mulleres ocúpanse de proxectos de desenvolvemento local e de pequenas e medianas empresas. A FMC participa na orientación, capacitación e asesoría.


Sobre as medidas de Biden para a chamada flexibilización do bloqueo Hernández Beleño coida que non vai máis alá da entrada de remesas directamente ás persoas, de xeito hipocritamente dirixido a marxinar ao goberno e bloquear as políticas para sectores estratéxicos. Procuran dividir e crear fisuras ao sector público de Cuba, coma nos visados, que tralo anuncio de apertura, anuncian que se vai facer coa mediación dun terceiro país. Sobre as presións a países da rexión para estableceren visas de tránsito a cidadáns de Cuba, coida que será  preciso saber como serán aplicadas e de que xeito aliviarán a inmensa carga de tensións que os estorbos actuais provocan.

Arestora, aumentan as colas na illa para a adquisición de alimentos e de servizos básicos. Escasea todo. As navieiras internacionais que transportan a Cuba están a ser perseguidas. A violencia do bloqueo e unha espiral que non cesa.

Un cartáz inmenso e a toda cor mostra a foto da doutora cubana María Guadalupe Guzmán Tirado, no aeroporto internacional, Charles de Gaulle de Paris. A doutora en Ciencias e directora de Investigación, Diagnóstico e Referencia do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK), foi recoñecida na edición 2022 do Premio Internacional L´Oréal-Unesco, A Muller e a Ciencia. É a primeira muller caribeña que obtén esa distinción.

Hoxe de mañá, no consultorio do médico da familia, recibín a segunda dose de reforzo da vacina cubana contra a Covid 19. Por certo, creada baixo a dirección de científicas cubanas.

A Dra. Maribel Acosta Damas é profesora da Facultade de Comunicación da Universidade da Habana e presidenta da Cátedra de Periodismo Cinematográfico Santiago Álvarez.

Artigo traducido ao Galego por Rosa Lemos para TSA.



O longo saqueo de Haití rebelde a mans dos imperios e a persistencia do colonialismo por débeda

Raúl Antonio Capote – Granma Internacional

Haití foi a primeira nación libre de América Latina e o Caribe, a primeira nación do mundo moderno orixinada nunha revolta de escravos, e a segunda república do hemisferio occidental. En 1804, o pobo haitiano despachou aos colonialistas franceses, puxo fin a escravitude e proclamou a independencia. A Revolución Haitiana converteuse nun pesadelo para os colonizadores con posesións no Caribe. A pantasma de Saint-Domingue roubaba o sono aos donos de escravos.

Haití pagou durante 122 anos a débeda da súa independencia,un saqueo que pervive aínda.

Para a nación nova, as potencias imperiais decretaron un integral bloqueo cultural, económico e político que impedise o contaxio. Dúas décadas despois de proclamada a independencia, en 1825, buques de guerra franceses puxeron cerco á nova nación e lanzaron un ultimato: ou pagan unha indemnización ou prepárense para a guerra.

Un emisario do rei Carlos X entregou a demanda do imperio Francés, que esixía o pago das propiedades confiscadas pola Revolución Haitiana: 150 millóns de francos ouro, uns 21.000 millóns de dólares de hoxe, a pagar en cinco prazos. Cominaban a nova nación a indemnizar os empresarios coloniais franceses polas propiedades e os escravos que perderan.

Mediante o acordo de rebaixar o 50% o arancel das importacións francesas, o presidente haitiano Jean Pierre Boyer asinaba 17 de abril de 1825, a Real Ordenanza de Carlos X, que lles prometía recoñecemento diplomático francés a cambio da criminal indemnización e da porta aberta a comercio con Francia. Condicións que Haití non podía atender, dadas as condicións da súa economía, o que a emprazaba ao bloqueo naval e a unha guerra estragadora, mais os xenerosos colonialistas fixeron unha proposta imposíbel de recusar: un empréstimo acordado pola banca privada de Francia.

O resultado foi unha débeda multiplicada por dous que, sumada aos intereses, chuchou o sangue do pequeno país que había tardar 122 anos en liquidar a factura da súa independencia.

A maiores, e segundo o relato do The New York Times, cando o exército estadounidense invadiu Haití no verán de 1915, un grupo de marines entrou ao banco nacional e roubou 500.000 dólares en ouro, diñeiro que días máis tarde ingresaba nun banco de Wall Street. Usando como pretexto o caos financeiro e político que vivía o país, os EUA ocupárono militarmente. En coherencia coa súa política na rexión, Haití quedou a cargo dun procónsul militar estadounidense.

Unha cuarta parte da renda de Haití, foi desviada durante máis de dez anos ao National City Bank, para atender a factura estendida polo goberno dos EUA en concepto de axudas prestadas ao país, segundo explica The New York Times.

O delito de insubmisión: o caso de Cuba

En xaneiro de 1959, outra pequena illa do Caribe, Cuba, desafiaba ao poder imperial estadounidense, declarábase primeiro territorio libre de América e atrevíase a construír a primeira nación socialista no hemisferio. A superpotencia, sentíase na obriga de castigar de vez o delito de insubmisión. Dende aquela, empregaron todas as variantes de guerra contra a illa rebelde, entre elas a económica.

Como parte esencial do propósito de crebar e eliminar a alma do pobo cubano, inventouse un procreo coñecido co nome de  lei para a liberdade e a solidariedade democrática cubana. Que semellanzas podemos ver entre o plano que propuña este proceso e o que aplicaran os franceses contra Haití? Abreviemos algúns capítulos, igual de infames, da Lei Helms Burton, como tamén é coñecida.

É preciso imaxinar dous escenarios hipotéticos, digamos que imposibeis para os que temos fe na capacidade de resistencia e valor do noso pobo. Primeiro: O inimigo imperialista e os seus aliados, facendo uso do seu poderío militar, logran ocupar a maior parte do país e establecer un goberno de transición, logo de proclamar o fin da Revolución. Segundo: A desunión, o engano, o desalento sementado polo inimigo, a traizón, farían que deixásemos cair a espada como en 1878, sen descartar un Baraguá.

Teriamos daquela eleccións libres e democráticas? Non. Ese goberno de tránsito, nomeado a dedo polas tropas intervencionistas, non pode convocar eleccións até que o Congreso de Estados Unidos non o aprobe. O Presidente estadounidense ou o seu procónsul nomeado ao efecto, debe elaborar cada seis meses un informe ao Congreso para dar conta do proceso de transición na Illa ocupada.

E canto vai durar ese proceso se establecen, cada seis meses, a necesidade dun informe? Que tempo permanecerán en territorio nacional as tropas gringas?

Resposta para ambas preguntas: Non se sabe (recoméndase ler o Plano Bush).

De remate, logo de quen sabe cantos anos, o Congreso dos EUA aproba que se realicen eleccións. E que pasa co bloqueo económico, comercial e financeiro? Seica fora arriado ao se proclamar o fin da Revolución?

Non, non desaparecera; non é ese o asunto; mantense intacto durante a transición, como preciso recurso de de presión.

Realizadas as eleccións nunha Cuba sen Revolución no poder, ocupada polos gringos, teriamos un presidente e un goberno ao estilo e ao gusto imperial. Preguntas insistentes: Rematarán o bloqueo? Finalizará a guerra económica? A resposta é non. Iso non é o que establece o procreo.

O presidente deberá certificar ao Congreso a devolución ou pago no seu valor aos antigos propietarios estadounidenses, incluídos os cubanos convertidos logo de 1959 en cubanoamericanos, todas e cadansúa das propiedades nacionalizadas, intervidas ou decomisadas dacordo coas leis revolucionarias validadas polo dereito Internacional.

A indemnización ou compensación, segundo calcularon expertos estadounidenses en 1997, tería un valor aproximado de 100.000 millóns de dólares. Para pagar procesos, indemnizacións e débedas, o imperio ten unha solución: que os gobernos cubanos negocien préstamos cos bancos estadounidenses, o FMI, etc., que xerarían intereses cada vez maiores e crearían unha espiral inacababel de saqueo.

Igual que anos antes os haitianos, os cubanos tardariamos décadas en saldar unha débeda case impagábel, pois como podería resarcila un país arrasado, esquilmado, empobrecido pola guerra e a ocupación, un país que perdería boa parte dos seus fillos en idade de traballar e producir? Porque ben claro debe ficar que non poderían ocuparnos sen que defendamos cada man travesa de territorio patrio. Porque ficaríamos nas mans de delincuentes dispostos a chuchar até a derradeira pinga da riqueza nacional.

Thomas Piketty, un dos economistas consultados por The New York Times no seu traballo sobre Haití, refirese a esta política de saqueo coma neocolonialismo por débeda.

O delito de rebeldía é o maior pecado que un pobo pode cometer. Os imperios non perdoan xamais aos rebeldes. Un insubmiso deixa unha semente que pode abrochar moitas xeracións despois.

A Revolución Haitiana foi un sementeiro de revolucións. Mal puideron o  castigo, a saña colonial borraren o exemplo e inspiración que puxeron en pé a nosa América pola súa independencia, unha e outra vez, incansabeis como os bravos guerreiros que derrotaron aos mellores xerais, nacido o século XIX.

Texto traducido para TSA por Frances Laval



O Cume dos  Pobos aborda en Los Ángeles os asuntos censurados no IX Cume das Américas

A.F. – TSA Los Ángeles

Organizacións de solidariedade, delegadas de movimentos sociais, sindicalistas e representantes de asociacións de base, déronse cita en Los Ángeles (California) para constituiren o Cume dos Pobos e tratar todos os asuntos censurados no IX Cume das Américas, reunido na  mesma cidade baixo a vixiáncia e o dereito a veto arbitrariamente exercido polo goberno de Washington. As 250 entidades reunidas acordaron manifestarse na Sexta 10 perante a sé do censurado IX Cume, malia teren recibido un aviso en contra das autoridades. O dereito das nacións a decidiren seu destino sen interferencia do imperialismo, tal e como establece a Carta de San Francisco, aprobada en 1945, que dera lugar a fundación das Nacións Unidas, será o centro do programa. O CP é polo tanto consecuente co Dereito Internacional mentres que IX Cume das Américas é parte da estratexia coa que Washington adoita atravancar en beneficio propio as relacións económicas e a voz libre do hemisferio sur.  

“Non pode haber Cume das Américas sen a participación dos pobos de América” din as voces censuradas en Los Ángeles.

No programa do CP figura a independencia e o memorial de violacións que acumulan sucesivos gobernos dos EUA contra o Derecho Internacional (DI) mal que dicho conxunto de normas forme parte  central dos compromisos públicos do veciño do norte. É propósito da asemblea dar forma a un acordo para defendérense da intervención e da estratexia de división de parte de  Washington. Para abordar este asunto central censurado no IX Cume das América, está prevista unha mostra dos danos históricos producidos pola agresión imperial en América Latina e o Caribe. Na convocatoria de asemblea do CP figuran en lugar importante a emigración, os controles de fronteira e a situación das sen papeis e das participantes nas marchas cara o Rio Grande. A democracia como dereito e ferramenta de defensa, o bloqueo contra Cuba, Venezuela e Nicaragua, a información manipulada polas axencias dominantes e a defensa da saúde pública contra o obxectivo de privatización e secuestro dos mercados farmacéuticos de parte dos laboratorios do norte son outros asuntos a tratar en asemblea.

“Non poden silenciarnos nin ocultar a verdade”, di o presidente de Cuba sobre o Cume rexional restrinxido de Los Ángeles

Analia Freire TSA – Los Ángeles (California)

Cuba denuncia a farsa dunha convocatoria rexional na que o veciño do norte reparte entradas sobre un manipulado baremo de democracia e dereitos humanos cando é verdade que ese mesmo goberno censurador promove racismo, intolerancia e supremacía branca; cando os índices de abuso policial e xudicial contra os afroamericanos seguen sendo norma e a cadea ou arresto de nenos e adolescentes son diarios. Para se referir ao un Cume das Américas reservado, o presidente de Cuba citou a Asociación Americana de Liberdades Civís, quen asegura que 60 mil menores de 18 anos de idade adoitan estar cada dia do ano encerrados ou detidos en cadeas ou en correccionais. “O único goberno do hemisferio que condena a menores de 18 anos a penas de cadea perpetua sen liberdade condicional é o dos EUA. Se o espello da democracia dos que están a vetar países do hemisferio son os dereitos humanos,  estamos perante un insulto á intelixencia e ao sentido común dos demais”.

Non ter entrada no Cume non significa carecer de voz nin de presenza

Vólvese contra o goberno de Washington a ofensa de lesa humanidade que dispara contra  outros mentres no medio do bloqueo levado ao paroxismo, o hipócrita que predica virtude e goberno xusto, pecha as vias legais de inmigración mentres promove e premia a inmigración ilegal; acusa a Cuba de non desenvolver a comunicación dixital, o que non se corresponde coa realidade,  mentres eles promoven plataformas tecnolóxicas para sementar na mocidade ideas dos laboratorios de propaganda con visións do mundo que espallan apatía política, egoísmo, racismo, narcisismo e agresividade.

Diaz Canel dixo que non toleraban a definición de patio traseiro nin resalido de ninguén, e que o dereito á defensa da soberanía, a independencia e a autodeterminación eran irrenunciábeis de seu; que é vontade de Cuba promover a necesaria unidade e integración rexional, a partir do respecto a diversidade.  “Compartimos entre países grandes e pequenos; os que son ricos en recursos naturais e os que carecen deles; os que exportan hidrocarburos ou enerxía eléctrica e os que están obrigados a importala; os grandes produtores de alimentos e os que precisan do comercio exterior para satisfacer súas necesidades. E os pequenos países insulares que merecen un trato preferente e diferenciado nas súas relacións económicas internacionais. Temos nalgúns casos profundas diferenzas ideolóxicas que non empecen relacións e mesmo cooperación, tanto para resolver graves conflitos políticos, como para contribuír a solución de problemas sociais maiores e prestar servizos ás poboacións máis necesitadas. En 2014 asumimos na Habana, por unanimidade, o compromiso coa Declaración de América Latina e o Caribe como Zona de Paz. Poden excluir a Cuba mais non darán silenciado a voz e a solidariedade de Cuba; o goberno dos EUA sabe que o pobo deste hemisferio recusa o bloqueo”.

O legado do patriotismo martiano foi referencia central do discurso do presidente. No remate da súa intervención citou Benito Juárez  na súa xenial síntese de 1867: “Entre individuos, como entre nacións, o respecto ao dereito alleo é a paz”.

O IX Cume das Américas, reservado para os amigos de Casa Branca

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

O goberno de Washington anticipa o fracaso do IX Cume das Américas ao vetar a participación das posicións independentistas representadas por Cuba, Venezuela e Nicaragua. A proposta de dialogar desde o respecto mutuo para reparar un sistema de integración continental irreparabelmente derramado, non resiste nin as probas de véspera porque Biden entende que a reconstrución pasa por aceptar os intereses dos EUA o que significa outravolta o bloqueo de todas as expresións de soberanía do Sur.

López Obrador, di que non asistirá a un congreso con censuras e pregunta a Biden se acaso os presidentes de Cuba, Venezuela e Nicaragua son extra-terrestres.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil denuncia este repetido acto de arrogancia do goberno dos EUA contra América Latina e o Caribe e recorda que no tempo ido dende o cume da OEA en Punta del Este (1962) a diplomacia de Washington cercou con crueldade a Cuba tratando borrar o seu exemplo de independencia e xustiza socialista. Neste propósito terrorista, sucesivos gobernos dos EUA foran establecendo oito mecanismos de integración latinoamericana que fracasaron sen remedio porque non estaban dirixidos a revivir a soberanía, acabar coa desigualdade de renda no continente Sur (a máis grande do mundo) nin a prover medios de vida, cultura e convivencia en paz senón a servir exclusivamente os intereses imperialistas.

O bloqueo infame contra Cuba foi creado polos EUA como imaxe de tortura que espantase a vontade de independencia do que Martí chamara Nuestra América. Sesenta anos despois de a OEA expulsar a Cuba, o veto contra rebeldes anota a Venezuela e Nicaragua por defenderen con heroísmo súa soberanía, mentres México, Bolivia, Chile, Arxentina, Honduras e San Vicente e as Granadinas advirten a Biden que un congreso de integración non pode admitir censuras.

A diplomacia de Washington desvaría contra o reloxo entre ofertas e ameazas polas chancelerías do Sur para conxurar o contaxio progresista mentres considera irrenunciábel a presenza no IX Cume dun delincuente coma Luis Almagro, co que conta para revivir o cadáver da OEA.

Rematemos co bloqueo de Cuba!

Impidamos as sancións e os roubos contra Venezuela e Nicaragua!

Cese a ocupación militar norteamericana en Haití!

Contra as sete bases militares norteamericanas en Colombia!

América Nosa con Martí!

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook