O peso do bloqueo castiga especialmente as mulleres de Cuba

Maribel Acosta – Mate Amargo (Uruguai)

Amence un día calquera na illa e recomeza a angueira da muller cubana verdadeiro eixo das actividades: traballo, fillos, a vida cotiá. Realidade común das mulleres do mundo aumentada no caso das cubanas, unha carga adicional que non sempre é recoñecida. As mulleres somos o 50.35% da poboación da illa e o 55% da forza laboral; de nós depende en boa medida o desenvolvemento do país porque o 67% dos mestres e mestras, o 62% dos médicos e o 64% de quen participan en misións internacionalistas e solidarias de Cuba no planeta, somos mulleres.

As mulleres son o 50.35% da poboación de Cuba e o 55% da forza laboral. O seu protagonismo é vital para o desenvolvemento do país.

Nos sectores xurídico, bancario, educativo, da saúde e a ciencia, máis do 70% da forza laboral é feminina. O Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, di que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións. As mulleres perciben igual salario que os homes e, por lei, todos os postos laborais son de igual acceso para homes e mulleres. Premisas que foron establecidas pola Revolución.

Con todo, máis do 70 % das mulleres nacemos baixo o bloqueo o que significa que todas as mulleres cubanas que hoxe protagonizan a vida económica e socio-cultural da illa, medramos nun país bloqueado desde hai máis de sesenta anos.

Lembrarei a historia dunha muller cubana que transcendeu na prensa internacional: a Dra. Odalys Marrero, especialista en terapia intensiva do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK) que foi quen tratou un dos primeiros pacientes diagnosticados co SARS-CoV-2 na maior das Antillas. Naqueles intres de incerteza foille case imposíbel evitar o medo, mais a convicción e a entrega ao traballo decruaron o surco: “Como médicas estamos afeitas poñer a nosa vida en perigo coa vantaxe de ter aprendido a nos protexer fronte doutras enfermidades”. Abordar a pandemia significoulle permanecer máis de seis meses baixo réxime de illamento durante o cal non podía ver a súa familia. Nesa excepcional situación, marido e filla asumiron na casa os traballos que ela antes gobernaba”.

As mulleres cubanas estamos nunha dobre batalla: a que libramos contra o modelo patriarcal que nin moito menos demos superado, e a desproporcionada loita contra a violencia que impón o bloqueo á nosa vida persoal e profesional.

A Federación de Mujeres Cubanas (FMC), organización fundacional da Revolución, lidera as grandes cruzadas de hoxe e os obxectivos pendentes. A asunción real de poder pasa por unha autonomía económica que o bloqueo atranca. As conquistas sociais da Revolución Cubana están a vista. Mais como se conseguiron e a que costo?

“As mulleres cubanas logramos as autonomías e conquistas que a Revolución foi consolidando e soubemos aproveitar as oportunidades creadas”, di Osmayda Hernández Beleño, directiva da FMC e experta en violencia de xénero. “Por exemplo, máis do 66 por cento dos universitarios en Cuba son mulleres. A cultura patriarcal permanece porque o principal obstáculo para o desenvolvemento do país e a asunción de poder das mulleres é o bloqueo que couta os dereitos humanos defendidos pola Revolución. Elas son as máximas representantes en todos os sectores centrais, malia estaren sometidas a tensións permanentes, a sufrimentos e escasezas por causa do cerco”.

Na pandemia, as mulleres foron fundamentais, no sector da saúde onde case o 65% das integrantes das brigadas de colaboración médica son mulleres. “E nos fogares –prosegue Osmayda- coas nais e mulleres apoiando ás que estaban dando a batalla pola vida dentro e fóra de Cuba. A infamia do bloqueo laña particularmente esas mulleres. Na súa vida laboral, que é decisiva para o país, na súa vida familiar onde seguen sendo o centro e sostén da familia e na súa vida física, porque todo isto non lles permite coidarse como merecen”.

As estatísticas revelan a importancia da agresión e vulnerabilidade crecente das mulleres cubanas producidas polas políticas e accións violentas que acompañan o bloqueo. Doenzas coma o cancro de mama, o cancro cérvico uterino e enfermidades óseas, agravan nas mulleres o xeneral avellecemento da poboación cubana; os programas de saúde nacionais vense afectados pola falla de medicamentos e de materias primas para que a industria nacional poida producir o preciso; a Cuba estalle prohibido tanto o acceso ao finanzamento internacional como a compra de equipo e material para seus programas de desenvolvemento.

CONTRA A BAIXA DA NATALIDADE

As mulleres representan o 44 % das cabezas de familia no país e para o ano 2030 poderían ser o  52,5%. Os programas de fertilidade asistida cos que conta Cuba e que benefician a moitas mulleres e favorecen as políticas contra a baixa de natalidade, vense a cada máis condicionados polas carencias materiais provocadas polo bloqueo.

Dous millóns de mulleres, na súa maioría con niveis altos de instrución, están ao coidado de familiares, adultos maiores ou nenos. A falta de condicións económicas para xerar máis empregos de orde social e institucións que protexan ás mulleres para puideren incorporarse á vida económica e social activa, dificulta os proxectos que a propia Revolución lanzou.

Arestora Cuba só pode cubrir o 19 por cento da demanda das mulleres traballadoras para círculos infantís ou garderías, que o país ofrece como respaldo á autonomía das mulleres. Os planos construtivos e de rehabilitación destas institucións- un dos maiores logros da Revolución- están parado dende o aumento xeral do bloqueo de parte do goberno de Estados Unidos.

Cuba non está de brazos caidos fronte o aumento da agresión. Osmayda Hernández Beleño comenta algunhas alternativas para paliar no posíbel estes inmensos obstáculos: “Para atender a demanda de círculos infantís, unha das alternativas foi a figura das asistentes para o coidado na casa e de a pouco aprobouse a creación de espazos para picariños, como parte do programa nacional para adianto das mulleres sobre todo no área de progreso económico. O proxecto permitiu a apertura de 44 espazos naqueles centros laborais con alta presenza de mulleres. Os centros reservan un espazo e todos os recursos son asumidos pola empresa mentres o Ministerio de Educación capacita o persoal que vai traballar cos nenos e ocuparse da certificación de saúde. A cada, máis mulleres ocúpanse de proxectos de desenvolvemento local e de pequenas e medianas empresas. A FMC participa na orientación, capacitación e asesoría.


Sobre as medidas de Biden para a chamada flexibilización do bloqueo Hernández Beleño coida que non vai máis alá da entrada de remesas directamente ás persoas, de xeito hipocritamente dirixido a marxinar ao goberno e bloquear as políticas para sectores estratéxicos. Procuran dividir e crear fisuras ao sector público de Cuba, coma nos visados, que tralo anuncio de apertura, anuncian que se vai facer coa mediación dun terceiro país. Sobre as presións a países da rexión para estableceren visas de tránsito a cidadáns de Cuba, coida que será  preciso saber como serán aplicadas e de que xeito aliviarán a inmensa carga de tensións que os estorbos actuais provocan.

Arestora, aumentan as colas na illa para a adquisición de alimentos e de servizos básicos. Escasea todo. As navieiras internacionais que transportan a Cuba están a ser perseguidas. A violencia do bloqueo e unha espiral que non cesa.

Un cartáz inmenso e a toda cor mostra a foto da doutora cubana María Guadalupe Guzmán Tirado, no aeroporto internacional, Charles de Gaulle de Paris. A doutora en Ciencias e directora de Investigación, Diagnóstico e Referencia do Instituto de Medicina Tropical Pedro Kourí (IPK), foi recoñecida na edición 2022 do Premio Internacional L´Oréal-Unesco, A Muller e a Ciencia. É a primeira muller caribeña que obtén esa distinción.

Hoxe de mañá, no consultorio do médico da familia, recibín a segunda dose de reforzo da vacina cubana contra a Covid 19. Por certo, creada baixo a dirección de científicas cubanas.

A Dra. Maribel Acosta Damas é profesora da Facultade de Comunicación da Universidade da Habana e presidenta da Cátedra de Periodismo Cinematográfico Santiago Álvarez.

Artigo traducido ao Galego por Rosa Lemos para TSA.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *