“O bloqueo e a hostilidade de doce gobernos de Washington son a causa da crise económica de Cuba” (Salim Lamrani)

Radio Habana Cuba – Terra Sen Amos (Edición)

Nunha entrevista exclusiva para as emisións en francés de Radio Habana Cuba, Salim Lamrani salientou o feito de Washington ter maltratado Cuba con sancións ilegais de todo xénero durante 12 presidencias consecutivas e por espazo de máis de 60 anos e dixo que este bloqueo e hostilidade continuada son a verdadeira causa da crise económica que padece a illa. As multas foran elevadas en número e intensidade no derradeiro mes da presidencia de Trump e colmadas coa inclusión de Cuba na arbitraria lista de países que, a xuízo da presidencia dos EUA, promoven o terrorismo.

Salim Lamrani durante a presentación en Londres do seu último libro sobre Cuba.

Lamrani, autor dunha extensa e recoñecida bibliografía sobre a política en América Latina,dixo que a presenza de Cuba nesa inicua lista, priva á maior das Antillas, entre outros dereitos, das fontes de financiamiento precisas para facer fronte ás dificultades que provoca o bloqueo recrudecido.  Recordou que Joe Biden non honrara o compromiso asumido durante a súa campaña electoral de reverter moitas das 245 medidas anti-cubanas tomadas por Trump xusto na véspera de terminar o seu mandato, nomeadamente a inclussión de Cuba na lista espuria de países que patrocinan o terrorismo.

O profesor titular da Universidade da Reunión, recordou que o que está en xogo en Cuba hoxe vai máis aló da simple supervivencia pois trátase do respecto a principios elementais do dereito internacional, entre os que figura a igualdade soberana, o dereito dos pobos para decidiren por eles mesmos, e a autodeterminación.

“Cuba segue a ser o símbolo, en América Latina e no Terceiro Mundo, do dereito de os pobos á dignidade, a recuperar a soberanía sobre os seus recursos naturais en función das súas propias necesidades e a decidir seu futuro sen inxerencia estranxeira, principios universais que os EUA consagran na súa Constitución e invocan nas súas relacións co resto do mundo, mais ignoran e desprezan no trato con nacións que aspiran, con todo dereito, a se gobernaren sen intromisións de terceiros. Salim Lamrani concluíu sinalando que Cuba desafiou ao imperialismo con éxito e que, malia o carácter inhumano e xenocida do bloqueo que padece dos Estados Unidos, ben pode gabarse de avances  incuestionábeis na educación, a saúde, a investigación médica e farmacéutica, a protección social e a solidariedade internacional con envío de brigadas médicas a 60 paises. “Cuba ten avanzado en protección social e sanitaria, así como na educación, máis que moitos paises do chamado primeiro mundo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *