REDACIÓN DE TSA – MESC
As 45 organizacións integradas no MESC (Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba) publicaron onte un comunicado que recorda que millóns de persoas e centos de organizacións coñecen en todo o mundo os sufrimentos que causa ao pobo de Cuba a política de asfixia económica ilegalmente promovida polo goberno dos EUA e conmina a Casa Branca “a retirar, dunha vez por todas, a Cuba, da súa lista de Estados falsamente acusados de patrocinaren o terrorismo. O MESC “súmase ao clamor do mundo para que remate esta infamia”.
Cuba foi retirada de a pouco doutra lista do goberno dos EUA na que se relacionan paises acusados de non cooperaren plenamente nos esforzos por rematar co terrorismo o que non impide a Casa Branca manter, en evidente contradición, á Illa na lista de Estados que presuntamente patrocinan o terrorismo. O MESC recorda “que a inclusión neste índice falsario implica severas restricións de uso do sistema bancario internacional e afecta de maneira directa á capacidade de compra de medicamentos e alimentos”.
O comunicado recorda que “o goberno de Washington fai uso desta lista arbitraria e infundada para xustificar o emprego de medidas económicas coercitivas contra Estados soberanos e, no caso concreto de Cuba, agudiza o criminal bloqueo que leva máis de seis décadas impedindo o pleno desenvolvemento da sociedade e desprezando a vontade do pobo”.
O MESC sumáse á petición do Goberno e do pobo de Cuba, así como doutros gobernos de América Latina e o Caribe, para os EUA remataren esta inxustiza, como paso previo ao definitivo desmantelamento do bloqueo económico, financeiro e comercial contra Cuba.