Unha análise sobre Venezuela e a paz

Farruco Sesto – Nós Diario

Venezuela, douscentos anos de paz asexados polos EUA que viviron 320 en guerra. Imaxe da visita de Richard Grenell a Caracas.

Unha análise sobre Venezuela e a paz pode comezar cunha pregunta sobre Venezuela e a guerra. E tamén cunha comparación.

Velaquí a pregunta, coa súa resposta:

-Cantas veces estivo Venezuela en guerra nos últimos dous séculos ou, dito doutra maneira, cantos anos leva o país en paz?

– Venezuela non participou en ningunha guerra desde que a batalla de Ayachucho, en Perú, pechou o ciclo da Independencia latinoamericana. Xustamente, o pasado 9 de decembro de 2024, cumpríronse douscentos anos daquel episodio. En todo este tempo Venezuela non buscou adersarios, nin participou en conflito bélico ningún. Douscentos anos en paz son unha evidente demostración da súa natureza pacífica.

Velaquí a comparación, neste caso con EUA, coa súa resposta:

– Cantos anos estivo EUA en guerra, nos últimos douscentos anos?

– O cálculo dos anos que estiveron en guerra non se refiren soamente aos últimos douscentos anos, senón ao período desde 1776, data do seu nacemento como nación, até hoxe. E conséguese na internet, con detalle: son 232 en guerra e só 17 en paz. Tantos anos, que equivalen a dous séculos e un terzo en conflito armado, interno e externo, son unha evidente demostración da súa natureza violenta, agresiva.

Todo isto vén ao caso, con motivo da reunión do Presidente Maduro co enviado especial do Presidente Trump, o señor Richard Grenell para conversar sobre temas de interese dos dous países. O encontro deuse o venres 31 de xaneiro no Palacio de Miraflores, converténdose en noticia internacional.

“A diplomacia volveu”, escribira Richard Grenell un par de días antes, na rede social X, “falar é unha táctica”.

Velaquí, entón, o encontro diplomático entre dous países dos cales un, Venezuela, é eminentemente pacífico e o outro cuxa natureza bélica, malia que algúns a xustifiquen polas razóns que sexa, é difícil poñela en dúbida.

O encontro dáse dese xeito, hai que dicilo, porque ambolos dous países teñen rotas as súas relacións diplomáticas desde que o entón presidente Barack Obama asinara un decreto que declaraba a Venezuela “ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade dos EUA”. Insólita declaración, en relación a un país pequeno e pacífico, que unicamente pode explicarse pola sensibilidade dos Estados Unidos ante a posición antiimperialista (non antinorteamericana, por certo) de Venezuela. Pero é difícil argumentar que ese exemplo ameace a súa seguridade.

A partir dese decreto, ratificado por Trump e por Biden, fóronse sucedendo feitos que son coñecidos. O asedio a un país pacífico, mediante un bloqueo económico, comercial, financeiro, mediático, diplomático, chantaxista e cruel. As máis de novecentas medidas coercitivas unilaterais, mal denominadas “sancións” ( E que é o que se sanciona?) ilegais segundo o dereito internacional. O apoio continuado a unha oposición dereitista, que tivo a súa clímax no recoñecemento a un presidente de opereta autonomeado nunha praza pública. A apropiación pola vía de feito de importantes activos venezolanos no exterior, tales como a empresa CITGO, valorada en máis de trece mil millóns de dólares. E así.

E Venezuela, que fixo pola súa banda? Pois resistiu como puido as agresións, sempre baixo a bandeira da paz. Logrando manter, por unha banda, a paz interna no país contra as arremetidas fascistas da violenta extrema dereita opositora, e, pola outra, avogando polo mantemento dunha paz auténtica, con todas as nacións do mundo, sen excepción.

Pois hai que dicir que Venezuela fixo da chamada Diplomacia Bolivariana de Paz, un principio fundamental das súas relacións no escenario internacional.

Sempre co diálogo, a boa vontade, a valoración da solidariedade e a fraternidade cos demais pobos, o respecto ao dereito internacional, e unha mirada aberta ás posibilidades dun mundo multicéntrico e pluripolar sen hexemonismos.

O único que Venezuela pide sempre, ou mellor dito esixe, é un marco de respecto. Á dignidade do seu pobo e á súa soberanía, en igualdade coas demais nacións do mundo. A partir de ese principio, calquera diferenza pode ser resolta civilizadamente.

Con base a eses principios irrenunciabeis, Venezuela disponse a un diálogo cos EUA, a partir do que Nicolás Maduro denominou “Axenda cero”. Os resultados, ou a falta deles, están por verse, pois cos EUA nunca se sabe…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *