Rosa Miriam Elizalde – La Jornada
Eis os feitos. Vinte de setembro comezaron a chegar cartas a oito gobernos municipais ou provinciais de Cuba, nas que se anunciaba a celebración de manifestacións pacíficas. Non eran peticións formais para ocuparen centros dalgunhas cidades, senón un aviso e o reclamo de protección das autoridades. Os asinantes, un pequeno grupo de persoas con residencia na illa; a motivación, un cambio sen apelidos. En virtude da Lei e do eminente apoio dos EUA á iniciativa, o goberno dixo non.
Pasaron case dous meses e mal se sabe en que espazo físico de Cuba terá lugar a marcha. A maquinaria propagandística de Florida asegura todo o contrario e engade que se replicará no mesmo fin de semana nun centenar de cidades, a terceira parte en territorio dos EUA
O chanceler cubano Bruno Rodríguez interveu na quarta feria 10 ante o corpo diplomático acreditado na Habana e repasou o libreto xa en execución de Estados Unidos contra Cuba. A provocación segue os pasos habituais mais en que difire esta manifestación convocada para o 15 de novembro?
1. Non é autónoma.
Dous días despois da entrega da primeira carta ás autoridades, comezou a rula de declaracións de funcionarios e congresistas dos EUA. Até a quarta 10, de Washington a Florida producíronse vinte nove intervencións públicas con toda caste de esixencias e ameazas ás autoridades da illa. En ningún outro asunto da política interna estadounidense vimos nas últimas semanas femencia semellante.
Ned Price, voceiro do Departamento de Estado dos EUA, explicou punto por punto as supostas causas, obxectivos, contidos e demandas da manifestación. O senador Marco Rubio celebrou a iniciativa cando inda non pasaran 24 horas de aparecer a noticia, mentres un par de asesores principais do presidente Biden ameazaron con máis sancións ao goberno da Habana.
A maiores, o diñeiro chove. En setembro de 2021, o goberno demócrata entregou case 7 millóns de dólares a 12 organizacións que promoven a diario a marcha cívica polo cambio en Cuba, na que analistas ven a man peluda das revolucións de cores exportadas por Occidente á periferia rusa.
A mais de apoio moral, político e financeiro, os diplomáticos dos EUA ofrecen soporte loxístico, arrefecen as costas dos opositores e, de cando en vez, sérvenlles de taxistas. Para completar a intromisión, O único que falta é un espectáculo como o da subsecretaria de Estado dos EUA, Vitoria Nuland, que repartira rosca e emparedados aos ocupantes armados da Praza Maidan, de Kiev (Ucraína) en 2014.
2. Non está desconectada doutros procesos.
A marcha é só un episodio dunha estratexia máis pretenciosa e integradora. O goberno de Biden interpreta que o efecto combinado da pandemia, a crise global e o bloqueo económico, máis as 243 sanción adicionais impostas por Donald Trump, configuran condicións excepcionais para golpear Cuba. Non precisa de espías para decatarse de que hai máis colas, inflación e carencias nun país que leva 60 anos xestionando a escaseza; con todo, debe saber que a manifestación non ten acompañamento popular. Cuba está a regresar á normalidade e ao mesmo tempo vive a apertura dos voos, o encontro de familias que non se viran en dous anos, o regreso dos estudantes ás escolas e á reanimación da economía nacional e doméstica.
3. Non é pacífica.
O grupo privado de Facebook que aparece como organizador da marcha, é calquera cousa menos moderado. Oito de cada 10 novas, recorren á violencia simbólica e á descualificación política de quen defenden o proxecto socialista ou celebran algún éxito social en Cuba. O debate nestes espazos non é para modificar opinións, senón para inzar prexuízos, instalar o odio entre os cubanos como fonte excluínte de lexitimidade dun goberno que conduciu ao país en condicións moi difíciles.
O repertorio é un macartismo desaforado que reparte estigmatización, práticas comúns no clima político actual dos EUA, pero alleas ao escenario político, cultural e idiosincrático da cubanía. Bruno Rodríguez asegurou que Facebook podería ser demandado por estas prácticas contra Cuba.
4. Non é sincrónica.
Fálase de sincronización das marchas dentro e fóra de Cuba para promover un cambio. Non hai tal cousa. En Cuba, definitivamente non hai ambiente de marcha, mentres os organizadores de Florida falan da participación dun centenar de cidades convocadas para o fin de semana, sen precisar a cantidade de persoas implicadas.
En realidade, os dispostos a este tipo de mobilizacións adoitan ser poucos numericamente, pero iso non importa. Un só individuo, o 30 de abril de 2020, atacou a tiros cun arma de asalto a embaixada de Cuba en Washington, nunha rúa céntrica daquela cidade, lembraba o chanceler. Na noite do 26 de xullo outro llanero solitario lanzou un cóctel molotov contra a embaixada de Cuba en París.
5. Non é o que din.
A pantasma conservadora que percorre o mundo e chega a Cuba non é o que parece nin primeira vista. Detrás do rosario da marcha non violenta está a longa sombra do reaccionario de toda a vida que combina arestora o ultra-liberalismo económico, a moral conservadora, os conceptos baleiros e o abuso das redes sociais. Soña con merendar a Revolución cubana como moi tarde o próximo 15 de novembro, á vez que deixa en suspenso un interrogante moral. Como é posible que se fale de protesta cívica, pacífica e independente, con Washington inzando o camiño de ameazas e dólares?
Fonte: *https://www.jornada.com.mx/2021/11/11/*opinion/020a2*pol