Terra Sen Amos – Redacción
A inventiva marxista de Agustin Lage Davila procura na ciencia solucións para un pais pequeno, bloqueado e con recursos limitados. Así o ve Richard Levins, o biólogo norteamericano autor de As Influéncias da Bioloxía e The Dialectical Biologist, con Richard Lewontin, os dous títulos contemporáneos sobre ciéncia máis traducidos. Levins finou xaneiro pasado e a revista Monthly Review de Nova York, da que foi colaborador durante anos, ven de publicar o seu derradeiro traballo: a recesión do libro editado en Cuba La Economia del Conocimiento y el Socialismo, de Lage, médico cubano de orixe galega especializado en bioquímica e director do Centro de Inmunología Molecular da Habana. Levins descrébe a Agustín Lage como protagonista e observador do avanzo da ciencia en Cuba: biólogo molecular excepcional, deputado da Asemblea Nacional e militante do Partido Comunista Cubano. A seguir, versión en Galego do artigo de Richard Levins.
Richard Levins – The Monthly Review
Agustin Lage é un marxista creativo que translada a súa ideoloxía aos problemas da ciencia de avangarda nun pais sitiado e sen recursos. O seu libro La Economía del Conocimiento y el Socialismo é unha antoloxía de artigos publicados en Cuba Socialista, o órgano teórico do Partido Comunista Cubano. A súa escrita proxecta os critérios dun biólogo molecular sobre eidos da avangarda tecnolóxica coma a bio-tecnoloxía, a nano-tecnoloxía e o soporte lóxico da computación, os novos materiais para a construcción e a tecnoloxía da información, endebén os seus intereses soborden a outras áreas da ciencia e da producción nas que o coñecemento é básico.
Para Lage, a economía do coñecemento representa unha nova fase no desenvolvemento da ciencia e da industria. Se o capitalismo trouxo o sistema da fábrica que desprazou o gremio artesanal, a economía do coñecemento, que é intrinsecamente socialista, tende a expulsar o capitalismo, un sistema co que comproba a diário a súa incompatibilidade. Próbao en primeiro lugar a contradición progresiva entre os novos medios de produción e o sistema obsoleto de relacións sociais, como pode verse no aumento contínuo da produción social do coñecemento e os intentos de privatizala. Próbao tamén o fracaso clamoroso das empresas de bio-tecnoloxía cando tentan obter benefícios das súas investigacións. Sobreviven as que obteñen investimentos de alto risco ou venden o control da empresa, non as que buscan no mercado o seu finanzamento.
Amais de entrar na análise dos novos médios de produción, o libro de Laxe polemiza co pragmatismo que aflixe Cuba nos tempos de apuro económico. Coñezo comunistas que se consideran no centro da razón materialista cando argumentan que a universalización gratuita da saúde, a educación e outros beneficios sociais é un erro idealista, un edificio grande demais para unha base produtiva tan pequena. Lage recusa este argumento e defende a prioridade dada á expansión da cultura e da educación en Cuba, dende a Revolución, como condición previa para a economía do coñecemento, característica central do socialismo.
Contradición e contexto histórico son as ferramentas de análise preferidas por Lage. Aborda por exemplo o dilema entre centralizar ou descentralizar, entre a flexibilidade e o control riguroso e entre a igualdade e a produción, nomeadamente cando se parte dun nivel baixo. No canto de escoller entre incentivos materiais ou ideolóxicos e morais, prefire analisalos no contexto do desenvolvemento: antes de atinxir un punto crítico no equilíbrio entre impulso moral e material (diferente para cada sector), prodúcese unha retro-alimentación positiva entre igualdade e produción, ainda que o conflito dase en condicións de escaseza e de conciencia insuficiente. Os que critican a Cuba dende a esquerda, ignoran estas contradicións e prefiren denunciar unha traizón ao socialismo no vai e vén entre decisións malas e peores.
Erro recorrente da Revolución é o pragmatismo; erro típico da solidariedade é a utopía. Licenciados en misérias do capitalismo como son os amigos de Cuba, non é raro que debezan por aplicarlle a Cuba a súa propia medida do progreso. O problema é que os prexuizos non deixan prestar atención as relacións cambiantes dunha sociedade dinámica.
Podemos recoñecer en Cuba un marco conceptual marxista, semellante ao de Rusia e de Europa do Leste, implícito xa que logo en todo o traballo de Lage. Era lugar común entre analistas occidentais de moita sona, interpretar o Marxismo da Academia Soviética coma un ritual imposto a investigadores disidentes, mais a relación entre fenómenos aparentemente distintos ou a visión dos mesmos obxectos en contextos diferentes de cambio, revelábase, nunha leitura atenta, coma un estrato máis profundo da filosofía. Marxismo implícito que identificamos tamén no pensamento cubano, mesmo cando o marxismo das aulas semelle máis formalista, baldío e mesmo recusado polos alumnos. Formalismo irto que agacha esoutro Marxismo rico e dialéctico que permiteu aos investigadores soviéticos formular conceptos coma bio-xeocenose, máis amplo ca o de ecosistema ao integrar a edafoloxía coma sistema vivo, a formación eco-histórica e a biosfera. A tarefa da ciencia socialista é estar na avangarda da ciencia mundial e manter asemade a independencia intelectual, tanto na crítica da xerarquía científica mundial coma na sanción da seudo-ciéncia. O marxismo flexibel e creativo de Lage non deixa de revisar as súas conclusións, cando non existe aínda experiéncia para unha avaliación definitiva.
Mal poderá ser simple suma de dous un mundo dividido entre capitalismo e socialismo, no que a producción de mercadorías e servizos coexiste e interactúa. O investimento en ciencia para unha economía autónoma de coñecemento é inalcanzábel para un pais pequeno, e no critério de Lage é absolutamente esencial participar nun mercado internacional de exportación. De feito a industria farmacéutica de Cuba vende no mundo específicos a prezo do mercado internacional mentres fixa prezos por obxectivos sociais para o mercado interior. Os cubanos que representan estas industrias no comercio mundial viven en dúas teorías económicas diferentes donde só a conciéncia política pode evitar a contaminación neoliberal das corporacións xigantes, cos seus critérios de eficiéncia, redución de custos e competitividade.
Para Lage, o capital monopolista non só é inmoral, senón tamén disfuncional: o coñecemento científico é acumulativo e complexo e as empresas están obrigadas a compraren aos seus competidores patentes privadas e rexistradas, a contrafio da tradición científica de compartir información. A competéncia impón unha rotación de traballo que derrama o coñecemento común das equipas e fai que o capital non considere rendibel a formación de traballadores. Este é o argumento central de Lage cando trata das contradicións emerxentes do capitalismo.
Case o 80 por cento das empresas de bio-tecnoloxía non tivo beneficios e puido continuar grazas a comercialización de reservas e a novos investimentos de risco a futuro. Son os mercados potenciais os que deciden as súas opcións de investigación. Unha ciencia de vangarda depende do capital humano representado por unha poboación educada. Nunha educación superior que nunca foi de acceso universal, nos últimos anos a proliferación de facultades con ánimo de lucro, o recorte de orzamentos da educación e os aumentos de alumnado por clase, foron minando o nivel medio das licenciaturas. No entanto, os prezos das matrículas non paran de subir e os alumnos de rendas baixas non se arriscan a comprometeren créditos gravosos sobre un horizonte de emprego precário.
Na mentalidade capitalista, a educación é un investimento individual sobre un emprego ben remunerado e por iso coida de xustiza que un estudante pague. A educación en Cuba é de balde, pois que se trata dun dereito humano básico que comporta un investimento social para ter un povo capaz e culto. Mentres as escolas norteamericanas reducen as asignacións para arte e cultura e benefician a formación técnica e profesional para o emprego nas grandes corporacións, Cuba ten como obxectivo a máxima de José Martí Ser cultos para ser libres, inscrita no busto do Apóstol perante as escolas primarias. Cuba expande o seu ámbito de educación. Xa é a primeira en profesores de arte e segue a ampliar o número de profesores por alumno. A educación de adultos cubana é a avangarda das campañas de alfabetización na América Latina. Desde 1960, cando Fidel Castro chamou a un futuro de ciencia e da campaña de alfabetización masiva, Cuba está a acumular os recursos intelectuais que fixeron posibel o desenvolvemento de industrias de alta tecnoloxía. Pero a educación e ciencia cubana non son estritamente pragmáticas. De feito hai énfase na investigación que pode contribuír á economía, mais tamén hai traballo activo en áreas como a arqueoloxía subacuática, a ornitoloxía e a espeleoloxía entre outras, cuxa función práctica é arrequecer a cultura.
Cuba existe nun mundo con dous sistemas opostos, capitalista e socialista, que interactúan en moitos aspectos, de xeito que o sistema mundial non é a suma dos dous. Na década de 1930 a URSS ofrecía aos parados do capitalismo un xeito de evitar as crises cíclicas, namentres a traveso do comercio con países capitalistas, chegaban produtos para o desenvolvemento socialista. A mais de o turismo capitalista aportar rendas, científicos de ambosdous mundos colaboraban na avangarda das matemáticas, a edafoloxía, o estudo da orixe da vida e outras áreas. A prolongada angueira dos Estados Unidos por destruíren a Revolución Cubana, non impediu a colaboración mutua no seguimento dos furacáns, a fitopatoloxia, e a investigación médica. Os produtos farmacéuticos cubanos son usados en máis de cincuenta países.
Os comerciais de Cuba traballan nos dous mundos con princípios diferentes e non están a salvo do contáxio das categorías intelectuais da economía burguesa. Termos como competitividade ou eficiéncia económica entran no vocabulário cubano. Na empresa capitalista, falar de eficiéncia é falar de redución da forza de traballo, de forzar o ritmo de producción por empregado; é falar de aforro e polo tanto de aumentar a produtividade da empresa. Os traballadores e traballadoras de Cuba teñen dereito a se reciclaren, a recontratación noutro emprego, a igualdade de salário por traballo igual, a asistencia a cursos e a seguridade social. Aliás, a produtividade dunha empresa non é completamente mensurábel, agás que se valore a súa contribución aos obxectivos sociais e á sustentabilidade do sistema económico.
Cuba está aínda inventando a súa economía do coñecemento. Institucións científicas levantadas polo Estado, reciben agora parte das rendas por exportación para se refinanzaren. A liña entre finanzamento estatal e auto-finanzamento está suxeita a experimentación: Lage subliña a natureza provisional de moitas solucións e adoita repetir que o critério ven da experiencia e non só da teoría. Admitindo implicitamente que se cometeran erros por decidiren a partir de argumentos non probados, a experimentación local ten importáncia principal na innovación cubana. Cuba está aínda inventando seu sistema político, a democracia socialista. O actual sistema comezou cun proxecto piloto na provincia de Matanzas en 1976, que agora é norma.
O libro La economía del conocimiento y el socialismo refire as vantaxes do socialismo para a ciencia de alta tecnoloxía. Lage precisaas a nivel xeral e tamén nas formas máis finas da escala de funcionamento dunha empresa avanzada. O punto de partida é o amplo conxunto de talentos dispoñibeis a partir da alfabetización, educación e cultura universal. Tendo Cuba unha poboación pequena a escala mundial, a disponibilidade de talentos para a innovación e a investigación, é superior á da maioría dos países onde a clase, o xénero e as barreiras raciais e étnicas deciden quen ten permiso para se consagrar á ciencia. Sen perdermos de vista que a ciencia en Cuba non é propiedade privada, senón que pertence a todo o pobo e persegue fins sociais. Non hai barreiras de patentes entre institucións cubanas nin segredos entre centros de investigación: a cooperación para a investigación prevalece sobre a competencia.
Unindo investigación, produción e comercialización, Cuba está comprometida na creación de empresas de ciclo completo nas que é posibel a transformación de ideas en produtos útiles nun prazo máis breve. A separación destas áreas de traballo foi un dos principais obstáculos para a revolución científico-técnica lanzada por Brezhnev para saír do estancamento na década de 1970. Un dos erros do meu traballo en Cuba foi non recoñecer esa innovación. Lembro a miña crítica pola transferéncia dun investigador de talento para a actividade comercial en Europa. Semellábame un sacrifício para a investigación, nunha área con escaseza de científicos, cando verdadeiramente foi un paso importante para a nova empresa.
Ao non estaren condicionadas polo beneficio a curto prazo, as empresas cubanas poden asumir riscos e aceptar os erros dalgúns proxectos, non coma un fallo dos investigadores senón como parte do proceso de innovación. Unha innovación que non procede só de institucións oficiais senón de de organizacións populares, como a Asociación de Inventores e Innovadores, a Brigada Xuvenil de Técnicos, a educación popular, e a universidade de informática. A amplitude de critério e flexibilidade dos centros de bio-tecnoloxía permite unha doada asimilación de novos coñecementos producidos noutros lugares. Sen esquecer que o alto nivel de compromiso político e social é un elemento fundamental para a creatividade da ciencia cubana.
Para alén das calidades macro-sociais da ciencia socialista, Lage aborda o funcionamento das máis finas escalas dunha empresa como parte da súa experiencia de director do Centro de Inmunoloxía Molecular. Trata das contradicións que aparecen no liderado dunha unidade da empresa ao tentar optimizar a súa función e repara en que a optimización das partes non necesariamente mellora o rendemento do conxunto, ou da importancia primordial do traballo político na empresa, e as reunións regulares precisas para volver ao rego. Revelando a súa discrepáncia con delegar a dirección nas mans dos traballadores, parece aludir á propiedade cooperativa, que na experiencia Yugoslava levou as empresas a tratar a economía como un capitalista colectivo. Non discute a función do Sindicato, o Partido e outras organizacións de base dentro dun centro de investigación ou os procesos do traballo político.
Poderia servir como modelo de toda a economía o propio desenvolvemento das industrias de alta tecnoloxía (biotecnoloxía, informática, programación, materiais de construción avanzados e outros)? É interesante neste sentido a experiéncia do municipio de Yaguajay, da que Lage é delegado na Asemblea Nacional. En pleno período especial, a partir do colapso da Unión Soviética, o goberno municipal decidiu basear o seu desenvolvemento na saúde positiva, no sentido amplo da declaración de Alma-Alta: un benestar integral no físico, no mental e nas relacións sociais. A condición prévia era establecer os problemas da área, o que deu lugar a unha investigación da saúde na que amáis dos indicadores básicos figuraban os de familias disfuncionais, vivendas precarias, alcoholismo, lactáncia materna, alimentación e censo por idades. No entanto, había talleres, seminários e outras formas de educación popular para 11.000 persoas nunha poboación de 56.000.
Tamén a experiencia de Yaguajay é un ensaio de democracia socialista na que o liderado pasa do nivel nacional para o do concello, quen á súa vez pode mobilizar os recursos nacionais. Os escritos de Lage son unha contribución vital para a teoría marxista e compre traucilos tan logo aparezan.
Versión orixinal en http://monthlyreview.org/2016/04/01/a-new-economy-of-knowledge/
Traducción ao Galego da Redacción de Terra Sen Amos.