Rosa Lemos – TSA.
Martí ten en Oleiros unha linda herbeira marcada por faias lanzais e poderosas palmas africanas, un panasco galego-cubano para honra do heroi nacional de Cuba. Erea del Rio, presidenta da Francisco Villamil, di que Oleiros é a capital da cubanía de Galiza. Neste ano de bloqueo infernal, de bloqueo de todos os bloqueos de parte dos EUA contra Cuba, a celebración do Asalto ao Moncada atrae máis bandeiras galegas e cubanas e cartaces ao monumento do poeta e guieiro independentista. Ao pé do alado rombo de pedra de Martí, están Erea del Rio, Yahima Martínez, cónsul xeral de Cuba en Galiza, o alcalde Ángel García Seoane e o presidente da Asociación Cultural José Martí, Gianny Uffo.
Nun momento crítico do cerco que padece cuba dende hai seis décadas, Del Rio aborda razóns de esperanza realista. A primeira é que por volta dun ano os feitos vandálicos do 11 de xullo de 2021 gañaron o cualificativo preciso de conspiración criminal contra Cuba; que a revolta non procede do pobo da illa senón que foi promovida dende o porta-avións estratéxico de Miami e que fracasou no seu intento de alzar ao pobo cubano contra seu propio goberno.
Recorda que nesa data había na illa máis de 320.000 casos activos de COVID-19 e que a convocatoria da CIA, hipocritamente pacífica, violentaba o control epidémico e puña en risco moitas vidas. Pasado un ano, para poderen afirmar que Cuba está nas últimas, os estrategos do Bloqueo finxen ignorar que Cuba ten máis do 80% da poboación inmunizada con vacinas propias e que xa contan meses sen teren unha morte por COVID.
A segunda observación positiva, é que está a medrar a indignación internacional contra o bloqueo imposto a Cuba. O mundo denuncia escandalizado o cerco máis longo e cruel da historia, de parte do goberno máis armado e rico do planeta contra unha illa sen grandes recursos. “Para defendermos Cuba contra o imperialismo –sinala a presidenta da Francisco Villamil – participamos en novos espazos de contra-información coma o Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) creado en 2021, ao que se suman os traballos de 45 asociacións e entidades amigas de Cuba e da súa Revolución”.
Salienta a seguir que por volta de 60 anos de bloqueo, o socialismo cubano ten avances reais coma o feito de as mulleres seren o 55% da forza laboral e que delas depende en boa medida o desenvolvemento do país porque representan o 67% do profesorado, o 62% dos médicos e o 64% das heroicas equipas internacionalistas de Cuba, presentes en todo o planeta. Cita o Observatorio de Xénero da rexión latinoamericana, que acredita que as mulleres cubanas están en posesión das tres autonomías: física, económica e de toma de decisións; perciben salario igual e, por Lei, todos os empregos son de acceso igual, respectando premisas que foron establecidas pola Revolución.
Pechando a súa intervención, recorda Erea que a Asociación de Amizade Galego-Cubana que leva o nome de Francisco Villamil, maior xeneral do Mambís, nado na beira do Eo e biografiado por Neira Vilas, ven de abrir un novo local no centro de Vigo con vontade de devir Casa da Solidariedade. “Inspíranos a indeclinábel vontade independentista de Cuba, o seu proxecto de convivencia socialista e o exemplo dunha solidariedade internacional que o depredador do Norte combate coma se fose unha ameaza armada”. Entre aplausos rematou con vivas a Revolución e seus dirixentes.
Lembrar a historia e honrar a orixe
Celebrou o presidente da Asociación Cultural José Martí de Cubanas y Cubanos residentes en A coruña, Gianny Uffo Pérez, no comezo da súa intervención, poder estar na data simbólica da Revolución Cubana á beira dunha figura coma a de Martí, importante para Cuba e para a humanidade enteira polo seu ideal anti-imperialista, pensamento revolucionario e principio da unidade nacionalista. “Nun intre crítico coma o que vive a humanidade con guerras, pandemias, crise económica e catástrofes naturais, é preciso recordar a historia para non esquecermos de quen somos e de onde vimos: 26 de xullo representa para a poboación de Cuba a decisión de non permitir nunca que outro pais veña a marcarnos o camiño”. Recomenda unidade a cubanía residente no exterior para non esquecer a patria, axudala contra un bloqueo que interfire desenvolvemento económico e vida do pobo e unirse coa solidariedade internacional para defender Cuba. Entende que unha asociación cultural coma a que preside, que se honra co nome de Martí, debe divulgar a verdadeira situación de Cuba contra a que espallan os media dominantes. “Compartindo esta data entre galegos e cubanos, ratificamos o camiño axeitado de Cuba e como cubano, agradezo a importante solidariedade con Cuba de parte de Oleiros e doutros lugares”.
No comezo da intervención de Ángel García Seoane, cinco asistentes, un deles embozado até as palpebras, que portaban un lenzo con aldraxes contra o Che xunto o lema Patria y Vida, proferiron apupos que foron logo afogados pola protesta da maioría. O alcalde retomou de contado a palabra para saudar a Cónsul de Cuba, ao Consul de Venezuela e as asociacións da solidariedade presentes ás que agradeceu fidelidade e traballo a prol de Cuba. Dixo que os que tentaran frustrar o acto, pertencían a bandas controladas por cipaios ao servizo de multi-nacionais e acubillados no paraugas dos servizos secretos do imperio ianqui; moitas nacións están metidas en guerra e desangradas polos mesmos de sempre, aproveitados das materias primas e riquezas dos pobos. “Cuba foi un grande exemplo coa súa revolución a prol da liberdade e en defensa da independencia dos países de América Latina e África, unha loita pola que moitos cubanos e cubanas deron a súa vida. Cuba conquistou a súa independencia total nunha Revolución que comezara Céspedes, continuada por Martí e culminada por Fidel, sen que a dia de hoxe, pasados máis de 69 anos, o imperio ianqui puidera derrubala”.
A cooperación internacional de Cuba, engade, é unha lección de humanidade para o mundo; persoas de ben que levan con orgullo e defenden súa cubanía. “É libre Cuba, sen amos nin ataduras e precisa máis do que nunca o apoio de homes e mulleres comprometidos coa dignidade, liberdade e soberanía dos pobos”.
Recorda García Seoane que o goberno municipal de Oleiros colaborara dende 1984 co goberno de Cuba “para romper o indignante e aberrante bloqueo co que o goberno dos EUA tortura ao pobo cubano, infamia na que conta co apoio indistinto do PP e do PSOE”. Di que no entanto o seu partido goberne o Concello, “Oleiros será un baluarte na defensa da Revolución e do pobo de Cuba; igual que foi porta de entrada en Cuba de cooperantes, asociacións e empresarios; foron milleiros as persoas que nos acompañaron a Cuba para coñeceren as políticas de sanidade e educación que o pobo conquistara grazas a Revolución; tamén para informalos do bloqueo e das necesidades que o imperialismo provocaba ao coutar o comercio con Cuba. Debemos deixar claro que nin Fidel nin o pobo de Cuba son responsábeis das carencias que o pobo está a soportar”. García Seoane rematou a súa intervención entre aplausos lanzando con ben entoada voz un “Patria ou Morte Venceremos!”
Para a Cónsul Yahima Martínez Millán, era alta e prezada a ocasión de poder celebrar a data histórica do 26 acompañada da solidariedade e nunha cidade coma Oleiros, cruzada de rúas e vieiros con nomes da cultura cubana e latinoamericana. “Unha cidade na que residen cubanos de nacemento mais tamén outros cubanos de corazón coma o alcalde Gelo, merecedor da distinción de Fillo Adoptivo da Habana; por todos os anos de amizade co noso país: moitas grazas” (aplausos)
Unha Revolución Social
Recordou a Cónsul que o asalto aos cuarteis de Moncada e Céspedes marcara o camiño para o triunfo revolucionario de xaneiro do 59 e a transformación de Cuba en 60 anos.”Hai datas que son base do cambio e que marcan camiño para etapas novas. En 26 de xullo do 53, comeza unha nova época para Cuba e Latinoamérica de cara a un cambio fondo, unha revolución social. Cinco anos, cinco meses e cinco dias depois, trunfou a Revolución Cubana que derraigou todos os males que apreixaban e denigraban a República”. A vontade de independencia nacional, xustiza social e internacionalismo sinalou un camiño para afirmar a soberanía, a reivindicación dos desvalidos, a transformación da sociedade e o desempeño internacional de Cuba, malia o bloqueo inxusto que establece o governo dos EUA.
Refírese Yahima Martínez a Xeración do Centenario de Martí (xullo de 1953) e ao devezo de manter vivo o legado do Guieiro, e recorda que o compromiso da xeración actual é continuar as ideas de Martí e de Fidel. “Nesta loita non existe conformismo e somos conscientes dos problemas centrais de Cuba, do que falta por facer e das potencialidades por atinxir e de facer máis eficiente, xusto e democrático o noso socialismo nun momento de recursos terciados. Dende hai 60 anos o pais mantén un esforzo para superar atrancos e sair adiante malia un bloqueo que semella non ter fin. En Cuba estamos en 26 porque tal e como pensaran Martí, Fidel e o Che, a batalla económica está unida a batalla política, porque non se pode derrotar un pobo que non se vende. A Xeración do Centenario deunos a proba de que cando prevalecen a dignidade e a grandeza dun pobo todas as datas do calendario son días de loita: Patria ou Morte, venceremos!” (aplausos)
A voz de Raquel Capote e a guitarra de Roger Acosta, que actúan baixo o nome de Son al Son, abriron programa, marcaron unha cesura entre oradores e despediron o acto. As tres intervencións de cadencia guajira e armonía limpa, foran premiadas con fortes aplausos.
A máis do xa citado Martín Pacheco Morillo, cónsul xeral da República Bolivariana de Venezuela, entre o público estaban Ana Mosquera, presidenta da Asociación Galego-Bolivarina Hugo Chávez (AGABO) Ricardo García Mira, fundador e primeiro presidente da Asociación José Martí de Cubanos e Cubana Residentes en A Coruña, integrantes do grupo de goberno do Concello de Oleiros e representantes de partidos, sindicatos e organizacións solidarias.