MAREA DE BANDEIRAS CUBANAS EN COMPOSTELA CONTRA A AGRESIÓN IMPERIALISTA

Lidia Chamoso- Terra Sen Amos

É tradición en Galiza a irmandade e atención coa Cuba bloqueada dende hai 66 anos, nunha continuidade na que participan a solidariedade e sindicatos e partidos e que no meiodía de sábado 19 revelou unha notoria capacidade de mobilización en Compostela: atrás dunha banda de beira a beira que conminaba ao imperialismo a respectar o dereito de Cuba a se gobernar sen bloqueo: “Deixade vivir a Cuba: contra o asedio imperialista”. Unha onda de bandeiras cubanas ao vento definía o fondo de imaxe da cabeceira.

A marcha rodea a Praza de Galiza na mañá do sábado sen o final da comitiva ter abandonado aínda a Alameda

A iniciativa da marcha foi da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, coa participación da CIG e o apoio das formacións citadas no remate desta información. Na praza das Praterías, as cores de bandas e bandeiras e a poderosa megafonía das consignas, atraían a coincidente riada de turistas na procura da Catedral.

Paco Sebio, presidente da Villamil recordou o 65 aniversario da humillación dos mercenarios en Praia Girón, que entrara nos libros de historia coma primeira derrota do imperialismo en Latinoamérica, a penas unhas horas de ter proclamado o carácter socialista da Revolución Cubana.

O imperialismo castigou Cuba cun bloqueo lacerante “”Unha guerra económica, comecial e financeira que chega até hoxe elevado a bloqueo naval da man de personaxes tan infames coma Trump e Rubio, que buscan impedir a entrada de combustíbel na illa”. Sebio quere saber “por que se bloquea un país que ama a paz e a vida e que sana, educa e desenvolve ciencia para ben da humanidade”.

A beira da acusación imperial contra Cuba da ausencia de liberdades e dereitos, o presidente da Villamil pregunta que leccións se poden admitir dun imperio que “só en 2024 acabou coa vida de 1400 persoas pola violencia policial, o que significa unha vítima cada seis horas e só dez días sen mortes por esta causa, ao longo do ano citado”

Sebio pregunta quen pode esquecer aquela cativa espida e queimada polo napalm lanzado polas tropas dos EUA sobre unha aldea vietnamita. “O seu nome era Kim Phuc e fora tratada e sanada en Cuba: a vida de millóns de persoas queimadas e asasinadas polo imperialismo en todo o mundo (e a última foi de 185 nenas asasinadas na escola iraní) non acaen coa súa idea dos dereitos humanos”

A solidariedade con Cuba é máis precisa que nunca: “cando o Imperio ameaza cunha intervención militar en Cuba: 65 anos depois, nós estamos con Cuba, coa liberdade, cos dereitos humanos e coa Revolución”.

Da pequena Cuba para todo o mundo

A seguir, Luisa Cuevas Raposo, vicepresidenta da Villamil, deu leitura ao manifesto titulado “POLA PAZ E SOBERANÍA DOS POBOS” no que recordou as 72 horas que demorou exército revolucionario baixo a dirección de Fidel en esvaír o desembarco imperialista: “Por alí viñeron, pero alí quedaron” e un ano antes, puxérase en marcha a estratexia de asfixia da Revolución. O memorando de Lester Mallory precisaba o obxectivo de xerar “fame, desesperación e o derrocamento do goberno” por medio do desgaste económico”.

Cuevas recorda que “Cuba marabillou o mundo coa súa capacidade, non só de sobrevivir, senón de desenvolver unha sociedade de novo tipo, na que ninguén quedou sen aprender; en Cuba floreceu unha educación de alta calidade, baseada na intensiva alfabetización e o acceso universal e gratuíto a todos os niveis educativos”.

A promoción universal da arte, o deporte e a ciencia en Cuba así como a construción dun modelo de avangarda de atención médica universal, gratuita baseada na prevención e nunha industria bio-tecnolóxica que se conta entre as máis avanzadas do mundo, son compromisos inaugurais logo cumpridos pola Revolución, segundo recorda Cuevas. “O desenvolvemento de 5 candidatos vacinais contra a COVID19 foi un fito sen precedentes na América Latina e permitiu a Cuba levar adiante unha campaña de inmunización masiva e independente dos monopolios da Big Pharma e das imposicións do bloqueo -nota a vice-presidenta da Villamil que recorda que isto foi posiblel grazas á existencia dunha industria biotecnolóxica de vangarda, posta ao servizo da saúde pública e non do beneficio privado”.

En contra da información denigratoria de Cuba, alimentadas polas axencias do gran capital, o manifesto lembra que durante a pandemia, a aportación de axuda médica foi da pequena Cuba sometida a bloqueo para ao mundo, e non ao revés. Cuba multiplicou a súa solidariedade internacionalista a través do Continxente Médico Henry Reeve especializado en situacións de emerxencia grave: 57 brigadas médicas foron enviadas a 40 países para tratar a máis de 1 millón de pacientes.

Cuba designada polos criminais de guerra imperialistas como País Patrocinador do Terrorismo -denuncia Cuevas- exporta médicos no canto de bombas: nos últimos 60 anos, a colaboración médica cubana abrangueu 165 países dos 5 continentes, coa participación de máis de 600.000 traballadoras e traballadoras da saúde. “A solidariedade non se pode bloquear”, dixo o embaixador cubano en Bélxica. Cuba é importante para o mundo. Cuba é un exemplo de humanidade.

A guerra do Imperio contra Cuba dura 66 anos “ engade, unha guerra híbrida que combina a agresión militar, as accións de sabotaxe e terrorismo, o boicot económico, as sancións financeiras, a asfixia enerxética e a desestabilización e a intoxicación usando medios masivos de desinformación e cloacas das redes sociais. “No comezo do 2026, o cerco a Cuba acadou unha intensidade sen precedentes. O ataque a Venezuela e o secuestro do presidente Maduro, seguidos das ameazas de sancións contra quen pretenda subministrar petróleo a Cuba elevaron a un chanzo superior a asfixia da illa. Levárona a unha situación de emerxencia enerxética que estrangula o acceso da poboación cubana aos productos máis básicos: alimentos, medicamentos, equipamentos médicos e artigos de primeirisima necesidade”.

Repara en que este cadro maniféstase no intre dunha intentona desesperada dos EUA e os seus lacaios sionistas por perpetuar a ditadura global do gran capital imperialista sobre os pobos do mundo. A intervención contra Venezuela, a agresión brutal contra Irán, e a activación do chamado Escudo das Américas desde Miami para preparar unha intervención militar directa, configuran un contexto crítico que pon en perigo todos os logros da revolución e o exercicio dos dereitos humanos máis básicos do pobo cubano. “Os EUA buscan provocar o colapso económico e social de Cuba, afogala e rendela por fame e nesta dramática situación Cuba non cede á chantaxe; Cuba non se rende, nin renuncia a un sistema político e social superior, elixido e decidido polo seu pobo, todos os días desde 1959. Cuba responde defendendo a súa dignidade e autodeterminación contra quen violan sen cesar o Dereito Internacional no Caribe e en todos os confíns do universo”.

Luisa Cuevas fai memoria de os pobos da Galiza e de Cuba manteren desde hai máis de dous séculos unha intensa e singular relación. “Cuba foi lugar de destino e acollemento para centenares de milleiros de labregos que fuxían da miseria procurando porvir e prosperidade. Cuba foi escola do sindicalismo campesiño galego dos anos ’30, retaguarda para as organizacións de liberación nacional e antifascistas. Castro, Ameixeiras, Díaz, Piñeiro, son apelidos de orixe galega determinantes na vitoria do M-26 en 1959”.

Sobre a memoria do que Cuba ten aportado á humanidade a intervinte chama a solidariedade universal e ao rexeitamento global unánime da agresión ianqui; “a defender Cuba da criminal ofensiva dun imperio moribundo que morre matando e sementando por todas partes miseria, caos, xenocidio e guerra de rapiña. Hoxe, coma onte en Praia Girón, hai que facer que se vaian por onde viñeron. Que deixen vivir a Cuba! Contra o bloqueo criminal! Contra o asedio imperialista! Cuba vencerá!”

Xosé Constela interpretou a seguir a peza de Silvio Rodríguez La era está pariendo un corazón que foi coreada dende a praza. A seguir puxo voz a Chegará o Dia , unha composición que forma pare do seu último traballo no que recupera a resistencia contra o fascismo en Galiza no 36 e a memoria do exilio.

No remate deron lectura a lista de organizacións que expresaron o seu apoio a manifestación:

• Alternativa dos Veciños de Oleiros

• Anticapitaslistas Galiza

• Antifascistas con Venezuela

• Asemblea Anti-imperiaslita

• Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”

• Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

• Bloque Nacionalista Galego

• Central Unitaria de Traballadoras

• Comité Antifascista da Louriña

• Comité Anti-OTAN de Compostela

• Comité Anti-OTAN de Lugo

• Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes

• Comunismo Revolucionario Galego

• Confederación Intersindical Galega

• Coordinadora da Mocidade Socialista

• COSAL-Coruña

• Ecoloxistas en Acción – Galiza

• Encontro Galego contra a OTAN

• Erguer. Estudantes da Galiza

• Esquerda Unida

• Ferrol con Palestina

• Fervenza

• Galiza Nova

• Galiza por Palestina

• Goberno Municipal de Oleiros

• Marcha Mundial das Mulleres

• Movemento Arredista

• Movemento Democrático de Mulleres

• Partido Comunista de España (marxista-leninista)

• Partido Comunista de Galicia

• Partido Comunista do Povo Galego

• Partido Comunista pola República Galega

• Podemos

• Sindicato Labrego Galego

• Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza

• Unión do Pobo Galego

• Verdegaia

• Xuventude Comunista

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *