AXENCIAS DE CUBA – TSA
Máis un ano, a maioría da comunidade internacional está con Cuba, e como dixo o representante de Nicaragua na ONU «a solidariedade é máis poderosa ca chantaxe». Así ficou contrastado na Asemblea Xeral da Nacións Unidas co voto de 165 países contra do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto por EUA a Cuba contra toda Lei e con pleno aldraxe dos conceptos básicos de respecto entre nacións. As ameazas do gabinete imperial só raparon en Latinoamérica o previsíbel voto en contra de Milei e do governo do Paraguai e as abstencións de Costa Rica e Ecuador. A arroutada campaña da Casa Branca só deu raspado sete votos en contra da Resolución de Cuba, e o total das abstencións colleitadas en todo mundo coas ameazas arancelarias saídas da vara máxica de Trump aumentaron a 12 países. Os sete “non” reproducen en cinco representación da Asemblea as acostumadas posicións en contra dos EUA e de Israel, mais é ben certo que a maioría absoluta da Asemblea votou a prol das razóns de humanidade e dereito expostas por Cuba.

Os resultados revelaron un magro beneficio da galerna desatada polo governo de Trump contra a demanda de Cuba amparada Dereito Internacional. Manter un bloqueo delincuente contra a illa por volta de 64 anos comprace só aos comensais do imperio que aplauden privacións e atrancos sen medida contra o pobo de Cuba, amañados dende a outra beira do estreito da Florida. O propósito é someter a illa nunha posición prevista de dependencia e subalternidade como a que orixinara cen anos de guerra anti-colonial.
Cumpriuse a pé feito o anuncio do ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla de a intensificación das ameazas do Departamento de Estado a escala planetaria para forzar estados soberanos a humillar seu voto resultarían inutilmente demagóxicas. “A verdade, o dereito, a razón e a xustiza son sempre máis poderosos e decisivos»
Segundo coñeceu a Asemblea no informe debatido na ONU , que recolle o período de marzo do 2024 a febreiro de 2025, bancos e intermadiarios de recusaron operar con Cuba, mesmo para faceren transferencias de humanidade básica coma compra de alimentos, medicamentos e material cirúrxico, combustibeis, materiais, pezas de reposto para o Sistema Electroenerxético Nacional e outros bens esenciais. A economía cubana perdeu provedores tradicionais por esta causa urdida dende os EUA.
O ilegal programa de exención de visa e prevención de viaxes terroristas, de 2015 representou un atranco para as viaxes e o turismo á iIla, nomeadamente pola ameaza de estorbar o pase de fronteiras de aquelas persoas que tivesen visitado a nación caribeña.
Esta información, procedente do informe Necesidade de pór fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos EUA contra Cuba, proba que a interpretación frívola do ilegal castigo que o Imperio aplica a illa, común nos media do gran capital, non merecen outro nome que o de hipocresía.
CONCENTRACIÓN DA SOLIDARIEDADE GALEGA CON CUBA NA VÉSPERA DA VOTACIÓN
A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil convocara dia 28 en Vigo a solidariedade en apoio da demanda de Cuba na ONU contra 64 anos de intervención ilegal do governo dos EUA con perxuizo grave para a vida diaria, o comercio e as comunicación da illa co resto do mundo.
Luisa Cuevas Raposo, vicepresidenta da Villamil, prestou voz ao comunicado da Directiva que reproducimos a seguir:
“Máis ou menos sobre estas datas, o goberno de Cuba presenta todos os anos na Asemblea Xeral da ONU unha resolución que condena do criminal e ilegal bloqueo que o governo dos EUA impoñen ao pobo cubano. Van xa 64 anos do mesmo e o debate e a votación serán entre hoxe e mañá.
Como cada ano a case totalidade dos Estados representados nas Nacións Unidas apoiarán a resolución cubana esixindo que cese o bloqueo e que o goberno dos EUA respecte a soberanía do
pobo cubano. Como cada ano, xa podemos prever o voto contrario dos EUA e do seu sicario habitual, o xenocida Estado de Israel.
O bloqueo económico, comercial e financeiro é o elemento central que define a política dos EUA para Cuba desde hai máis de 64 anos. Os efectos desta guerra declarada contra a economía, a sociedade, a vida cotiá e os soños de progreso de máis de 11 millóns de cubanas e cubanos, non cesaron nin por un día. Máis do 80 % da poboación da illa só coñeceu unha Cuba baixo bloqueo.
Cando o decretaron, non finxiron, declararon explicitamente, como afirmou en 1960 Lester Mallory, subsecretario de Estado adxunto dos EUA, que o fin era “provocar fame, desesperación e padecementos á poboación para provocar o derrocamento do goberno revolucionario de Cuba”.
Esas medidas de terrorismo económico por parte de Estados Unidos son a primeira e principal causa da crise económica que padece Cuba, ocasionándolle perdas económicas e atrancos comerciais e financeiros colosais.
A crise veuse moi agravada este ano trala toma de posesión de Trump e o nomeamento de Marco Rubio como Secretario de Estado que implementaron novas medidas e están a levar a cabo unha política moi agresiva, non só contra Cuba, senón nos últimos tempos, tamén contra Venezuela, México e Colombia, ás que os EUA ameazan cunha agresión militar a grande escala.
Alén das leis que dan cobertura ao bloqueo, Cuba continúa incluída nunha chamada Lista de Países Patrocinadores do Terrorismo, que lle dificulta e encarece todas as súas transaccións financeiras, evese hoxe nunha situación de emerxencia enerxética, que se traduce nas graves caídas do seu sistema eléctrico, como ocorre de forma recorrente.
Nese contexto un dos sectores máis prexudicados é o da saúde. Cuba, exemplo para todo o mundo, polo desenvolvemento do seu sistema sanitario e de investigación e a produción de novos medicamentos e vacinas, ten neste momento atópase unha grande escaseza de materias primas para a produción farmacéutica e de falta de todo tipo de insumos sanitarios, xa que o bloqueo impídelle compralos ao seren moitos deles de procedencia ou patentes estadunidenses.
É por iso que a nosa Asociación vén de lanzar unha gran campaña para recoller medicamentos e todo tipo de material socio-sanitario e apoiar economicamente o envío dun contedor desde Galiza con todo ese material que xuntemos neste ano 2025 e que terá continuidade no 2026.
É hora de multiplicar esforzos en solidariedade co heroico pobo de Cuba. Unha Cuba sempre solidaria cos pobos oprimidos, que malia as súas propias dificultades, continúa a formar na Escola Latinoamericaana de Medicina ELAM persoas procedentes de todo o mundo, nomeadamente de América Latina, África, Sahara e Palestina.
Desde a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil:reclamamos que o Goberno do Estado español apoie na ONU a Resolución presentada por Cuba contra o bloqueo económico, comercial e financeiro decretado pola Casa Branca.
Rexeitamos o réxime de sancións arbitrarias e ilegais, e a extraterritorialidade de normas xurídicas impostas polos EUA coa colaboración de países servís, como os da Unión Europea, en renuncia flagrante da súa propia soberanía.
Esiximos a saída de Cuba da arbitraria listaxe de “estados patrocinadores do terrorismo” que os EUA e os seus lacaios teñen establecido, xa que consideramos inaceptable que países que invadiron, bombardearon, colonizaron e deron golpes de Estado en dúcias de países nos cinco continentes se abroguen o dereito de expedir “certificados de boa conduta democrática” a ninguén.
Reclamamos a devolución dos territorios cubanos ocupados ilegalmente por Estados Unidos na baía de Guantánamo, o peche do infame campo de concentración e torturas alí establecido pola CIA e da base militar norteamericana.
Finalmente, chamamos o pobo galego a seguir expresando a súa solidariedade activa con Cuba, especialmente a todas as organizacións e persoas amigas de Cuba, para axudarnos a recadar fondos para o envío do contedor antes mencionado.
Viva Cuba Socialista!
En Vigo, Galiza, o 28 de outubro de 2025”