A guerra USA contra Cuba: novos orzamentos para os mesmos erros

José Pertierra – O2.04.10

Mal que cambien presidentes na Casa Branca, a política de Estados Unidos para o mundo non cambia. Primeiro obxectivo desa política sen mudanza: deben ser descarrilados aqueles governos que ousen defender a súa soberanía nacional; segundo obxectivo: derrubar calquera revolución que procure un mundo diferente do programado por Norteamérica.

As armas empregadas polos Estados Unidos contra Cuba foran cambiando nos últimos 50 anos, mas a guerra é a mesma. Como instrumento de subversión social, os cubanólogos de Washington e Miami están interesados en construír un movemento social e político, ideado, alimentado e dirixido dende os Estados Unidos.

A guerra USA contra Cuba: novos orzamentos para os mesmos errosCon todo, un movemento de seu, nacional e político, non pode fabricarse na capital inimiga. Os partidos e os movementos non se exportan como mercadoría, porque un partido político non se compra e se vende coma se fose unha lata de tomate.

Dende que George W. Bush asumiu a presidencia dos Estados Unidos no 2001, o orzamento para artellar en Cuba unha oposición social, aliada aos intereses de Miami e da Casa Branca, subiu de 3,5 millóns de dólares no 2000 a 45 millóns no 2008, ainda baixo a presidencia de Bush.

No 2003, o presidente Bush estableceu unha “Comisión para promover unha Cuba democrática” a cal produciu un documento de máis de 400 páxinas que propón “identificar medios acaídos para pór fin no prazo máis breve posibel ao réxime cubano e organizar a transición”.

A política do Presidente Barack Obama segue o alvo establecido por aquela Comisión, cos medios económicos provistos polo Governo dos Estados Unidos: “levar a cabo medidas dirixidas ao adestramento, desenvolvemento e afortalamento da oposición e da sociedade civil cubana”.

MALBARATE DOS FONDOS DE REPTIS
Como a guerra contra Cuba funciona coma unha industria para Miami, os máis beneficiados dese proxecto foron os que administraban os fondos dende a Florida. Unha auditoría do Tribunal de Contas dos Estados Unidos (GAO nas súas siglas en inglés) revelou en 2006 que os fondos para a subversión foran pignorados polos grupos en Miami. Algúns dos destinos destes fondos foran a compra de chocolates Godiva, de latas de carne de cangrexo e de xogos electrónicos Nintendo.

O director dun deses grupos admitiu en 2008 ter roubado perto de 600 000 dólares, antes de renunciar a un cargo político na Casa Branca do Presidente Bush.

Indignado polo malbarate do patrimonio millonario para a subversión en Cuba, o Senador Kerry (polo Estado de Massachusets), presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado, esixiu unha revisión do plano e convenceu ao Departamento de Estado para conxelar os fondos até daren cabo a unha investigación.

Este mes, o Departamento de Estado concluíu a súa inspección da roubadeira e anunciou a licitación de 20 millóns de dólares do patrimonio anticubano para os fondos chegar clandestinamente a certos cubanos na illa e non a certos cubanos en Miami. Non moi conforme coa resolución, o Senador Kerry paralizou temporalmente o proxecto para poder estudalo. A medida imposta por Kerry é pragmática e non filosófica. É dicir, non lle preocupa a subversión.

uere estudar a súa eficacia. O arresto en Cuba dun contratista estadounidense chamado Alan P. Gross, enviado por Washington, ilustra que o proxecto do Departamento de Estado pon en perigo aos axentes que foron contratados para realizar ese traballo clandestinamente en Cuba.

A fiscalía cubana estuda os cargos que presentará contra Gross. Para se defender da subversión millonaria orixinada en Washington, Cuba decretou unha lei que penaliza cunha condena de ata 20 anos a colaboración co programa de USAID que foi creado pola Lei Helms Burton de 1996. O delito non é menor.

Se cadra por iso, o Departamento de Estado e USAID recusa identificar os beneficiarios en Cuba do diñeiro de Washington, e distribúen os fondos clandestinamente.

O programa contra Cuba inclúe:

1º 750.000 dólares “para promover os dereitos humanos e a democracia en Cuba”.

2º 250.000 para axudar aos familiares dos presuntos presos políticos (por exemplo, ás chamadas “Damas de Blanco” e as recentemente creadas “Damas de Apoio”)

3º 500.000 para os que traballan para liberar os presuntos presos políticos.

4º 900.000 para “Freedom House”, organización que dirixira Frank Calzón durante dez anos. O diñeiro sería para asegurar a posición dos líderes da presunta oposición: artistas, músicos e blogueiros, cun cínico énfase nos afrocubanos.

5º 400.000 para o “Institute for Sustainable Communities”. Para tratar de “identificar os novos líderes da comunidade cubana” e axudalos na súa campaña propagandística e política. Ou sexa, case medio millón de dólares para que Washington identifique aos líderes beneficiarios da prata.

6º 200.000 para afortalar ás presuntas redes de apoio que Washington creou en Cuba e fornecelas de equipos e adestramento.

7º 2.600.000 para “Development Associates Inc.” co propósito de ampliar a rede de aliados criada por Washington e promover discurso de Miami en Cuba.

8º 2.000.000 para apoiar grupos afíns a Washington en Cuba, especialmente certas mulleres e afrocubanos, e promover a iniciativa económica individual (é dicir, o capitalismo).

9º 2.500.000 para “Creative Associates”, organización que está activa clandestinamente ampliando a rede social para buscar apoio cara a un cambio político na illa, utilizando especialmente o desenvolvemento da “iniciativa individual económica das mulleres e dos afrocubanos”.

10º 2.900.000 para promover, baixo a tutela do Departamento de Estado Norteamericano, a “libre expresión” na illa: especialmente entre certos artistas, músicos, escritores, xornalistas e blogueiros.

11º 500,000 para que individuos vinculados a grupos relixiosos ou espirituais defendan o seu dereito á liberdade de relixión.

12º 500,000 para promover unha determinada política laboral na illa e xerar “presión internacional contra o goberno cubano para que reforme as súas leis laborais”.

13º 350.000 para exercer influencia sobre certos grupos da “sociedade civil” cubana, “especialmente ás mulleres que adoitan ser explotadas sexualmente”.

14º 500,000 para as ONGs e outras organizacións vinculadas a Washington.

15º 1.150.000 para formar en novas tecnoloxías da comunicación a certas organizacións, incluíndo xornalistas e blogueiros en Cuba.

16º 2.500.000 para administrar os programas deste orzamento.

ESPECIALIZADOS EN DESESTABILIZAR
Todo isto baixo a direción dun Washington esforzado nas últimas décadas en desestabilizar, invadir e reprimir en cada continente: o golpe de estado en Chile contra Salvador Allende, o golpe militar en Guatemala que deixou un saldo de máis de 200.000 mortos e desaparecidos durante catro décadas de represión, o atentado e o golpe contra o Presidente Hugo Chávez no 2002, o apoio aos escuadróns da morte en Centro América, Arxentina, Paraguai, Uruguai e Brasil.

A invasión de Iraq no 2003; a tortura e a detención indefinida para os presos en Guantánamo, o envío de presos a outros países para seren sometidos a tortura e interrogatorio, a explotación e as deportacións masivas dos indocumentados.

Girón, a Operación Mangosta, JM Wave (o enclave terrorista máis poderoso que existiu en chan estadounidense) e a campaña de terror contra Cuba nos últimos 50 anos a través do uso de asasinos como Luis Posada Carriles e Orlando Bosch. Unha guerra terrorista contra Cuba que se multiplicou coma un virus por todo o mundo ate á réplica da voadura das torres xemelgas en Nova York o 11 de setembro de 2001.

Cuba é un país bloqueado, asediado e atacado polos Estados Unidos. É así, porque Washington non tolera que a illa sexa gobernada fóra do ámbito da tutela estadounidense. Foi deste modo por máis de 50 anos.

Os presuntos presos políticos están condenados, despois de ser procesados, por estar ao servizo dun país inimigo que ten como meta a destrución da Revolución cubana. Igual que o contratista Alan P. Gross, traballan en Cuba baixo a dirección e o control de Washington.
O mellor xeito de lograr a súa liberación é que os Estados Unidos renuncien á guerra contra Cuba, arríen o bloqueo, establezan relacións, extraditen a Posada Carriles e liberen aos Cinco que manteñen presos nos Estados Unidos dende case 12 anos.

O Presidente Obama quizais se mantén moi ocupado coa economía, as guerras en Iraq e en Afganistán e a reforma de saúde para poñerlle moita atención a Cuba. Se cadra deixoulle ese problema aos burócratas do Departamento de Estado e o Consello de Seguridade Nacional, e por iso estamos como estamos.

Débese todo a unha premisa errada. Máis de 100 anos de agresión estadounidense contra Cuba están baseados na idea de que Cuba lle pertence a Washington. Aínda asumen a arrogante apreciación do secretario de Estado, John Quincy Adams en 1823:

“Existen leis políticas, así como de gravitación física. Se unha mazá arrincada pola tempestade da súa ponla, da súa orixe, non pode escoller senón caer ao chan, Cuba, por forza, separada da súa artificial conexión con España, e incapaz de sosterse por si, e só pode gravitar cara á unión americana, a cal, pola mesma lei da natureza, non pode rexeitala do seu seo”.

Desa premisa errada derívase a convicción de os Estados Unidos poderen fabricar disidentes, blogueiros e twiteiros, baixo o cacicato de Washington e Miami: coma se tal cousa fose lei natural.

Que esa elaboración estranxeira poida ter algunha lexitimidade en Cuba é un mito que só cren os que non coñecen a Illa e non viven nela.
Despois de investiren millóns de dólares con ese obxectivo,

Washington non deu creado unha oposición e moito menos un partido político. O único que fixo foi fundar unha industria de persoas privilexiadas que reciben diñeiro, e non cativo, para disentir, bloguear e twitear.

PLURALIDADE DE OPINIONS EN CUBA
En Cuba, hai unha grande diversidade de lexítimas opinións sobre o futuro do país. Sábeo calquera que teña feito cola no economato, ou participe nos diálogos abertos (os conversatorios) organizados na Illa. Eses debates danse tanto nos centros de traballo, coma nas reunións do Partido.

Só nun asunto hai unanimidade: Cuba perténcelle aos cubanos e non aos estadounidenses. Por ese principio filosófico martiano, os cubanos están dispostos a pechar filas e ofrecer as súas vidas.

Se Washington entendese iso, remataría o bloqueo e todo o que lle acompaña. Porén, semella é un concepto que contra natura ao Washington imperial que coida que Cuba é o seu patio traseiro político. Silvio Rodríguez sinalou esoutro día na casa das Américas que Cuba non é un país normal polo que pretendeu ser, e tampouco polo tratamento que se lle deu polo que pretendeu ser:

Independente.
José Pertierra é advogado. Representa ao goberno de Venezuela na solicitude de extradición de Luis Posada Carriles.

O seu bufete está en Washington.

Artigo publicado en Cubadebate.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *