Berenice Sobral – Miami
Creative Associates International (CAI) é un instrumento da CIA expresamente dirixido a crear aliados do imperialismo a forza de inzar individualismo reaccionário, desconfianza contra a idea dun goberno propio e independente e ocultación e manipulación da historia recente, nomeadamente para agachar a memoria da resistencia anticolonial. A CAI medrou grazas aos contratos billonários dos EUA cos gobernos vigairos de Iraq e Afganistán. As achegas coñecidas do goberno de Washington para a contra-revolución en Cuba, aparecen mil veces multiplícadas polo cheque en branco da CAI, descoberto entre as contratas fartas de Afganistán e Iraq ocupados, que compraban a prezos astronómico programas escolares coa súa história manipulada. Rodríguez Parrilla, ministro de Estado de Cuba, condenou estes feitos a partir dunha documentada denúncia de MintPress News.
O ministro cubano informou da denuncia que hoxe escandaliza nos EUA sobre o uso da CAI por parte de Washington para impor en 85 países súa hexemonía, con tácticas de alienación por medio das redes dixitais, dirixidas a tumbar gobernos resistentes contra o imperialismo. O protagonismo desta rede da CIA, que troca apenas no seu nome a posición dunha letra á institución do servicio secreto do Imperio, foi decisivo nas manifestacións do 11-J en Cuba, desencadenadas contra o goberno soberano da illa desde as redes dixitais dos EUA para presentaren as protestas contra a crise sanitaria e as consecuencias do Bloqueo coma unha sanción terminante ao goberno de Diaz Canel.
MintPress News documenta que a archimillonária Creative Associates International (CAI) é a máis poderosa das ONG estadounidenseses, axente de privatizacións básicas da información e do ensino en todo o mundo, con protagonismo no Iraq e Afganistan ocupados militarmente polos EUA, e nomeadamente no obxectivo de acabar co goberno propio de Cuba por medio da difusión dixital de ideas reaccionarias e de convocatorias finxidamente espontáneas e populares para presentaren a lexítima dirección política da illa coma orixe de todas as desgrazas causadas por máis de 60 anos de Bloqueo. Denuncian asemade, que a CAI serviu de avangarda ao sinistro grupo Blackwater, división mercenaria contra a resistencia de Oriente Próximo e dera cobertura para armar e dirixir a Contra alcumada por Ronald Reagan exército de loitadores pola liberdade formado de feito por EUA para acabar co goberno sandinista de liberación nacional de Nicaragua. O profesor Kenneth Saltman, da Universidade de Illinois, asegura que a CAI funciona como instrumento de política exterior dos EUA que asume, ao mesmo tempo, o papel de arma conspirativa dun proxecto imperial global.
Entre os obxectivos da CAI para tumbar gobernos que non colaboran co programa imperialista, MintPress News repara na súa activa colaboración coa CIA para sabotear o goberno anti-imperialista de Habana, ou como prefiren os propios documentos da CAI, para producir un cambio socio-político en Cuba. Na investigación, aparece irreprochabelmente descrita a invención de Zunzuneo, aplicación de Twitter creada pola CAI, que funcionou primeiro coma sistema de comunicación de balde e de común utilidade para avisos, até que os seus fundadores comezaron a difundir, traballando para a CIA, lemas de cambio de goberno para Cuba, incardinados en convocatorias populares de protesta. En 2012, Zunzuneo atinxiu 55.000 usuários en Cuba, entre protestas hipócritas do goberno dos EUA contra a represión de internet por parte do goberno revolucionário. Para ocultar seu protagonismo directo na rede Zunzuneo, o goberno de Washington presionóu a xerencia de Twitter para asumiren a propiedade da rede da CAI na illa. Non se coñecen os termos do barateo entre Twitter e a CIA, mais é certo que Zunzuneo deixou de prestar servizo en toda Cuba sen nengunha caste de aviso nin explicación até que, dous anos despois, unha investigación revelou a verdadeira propiedade e propósito do proxecto.