Cubavisión – Axencias – Terra Sen Amos
“Debemos resistir con forza, para realizarmos as grandes vitorias que están en portas da nosa América, un territorio en disputa entre o imperialismo norteamericano e os pobos”, asegurou Jorge Arreaza, chanceler de Venezuela, no acto de solidariedade celebrado na tarde da Segunda na Universidade das Ciencias Informáticas de Cuba (UCIC). “Nós non estamos a espera de que nos disparen: estamos na ofensiva e sorprendendo ao imperialismo”. Na opinión do ministro de Estado, todo o vivido ao longo da historia de Venezuel, son capítulos dun asalto ás reservas de petróleo máis importantes do planeta. No encontro transmitido en directo por Cubavision participaron alumnos, profesores e o rector do centro Walter Baluja e asistiron a vice-ministra cubana de Estado, Anayansi Rodríguez Camejo; o secretario executivo do Alba, David Choquehuanca; o embaixador da República Bolivariana de Venezuela, Adán Chávez, e representantes do corpo diplomático latinoamericano acreditado na Habana.
Arreaza comezou dicindo que antes, os recursos estaban gobernados polo imperialismo mais se hoxe preguntamos onde está o petróleo, a resposta é: na atención médica, nas escolas, na educación; o Comandante Chávez investiuno no pobo.
O Chanceler fixo sumario das agresións lanzadas contra Venezuela nos últimos
anos, con atención especial ao sucedido dende 20 de Maio de 2018, data da
reelección de Nicolás Maduro por sufraxio democratico, da que se cumpria un ano
no intre do discurso. Explicou que en 2017 desatouse a violencia da dereita: “o
que chamamos guarimbas, terrorismo político, destrución da propiedade e de
vidas, o intento de queimar vivos 29 venezolanos, 9 dos cais faleceron. Todos
eran negros, mulatos ou morenos, pois aquelas turbas do estrago e a destrucción,
cando vían a unha persoa de pel escura, quizais un traballador ou obreiro, dicían:
Eis un chavista. A algúns queimáronnos
e mallaron a moitos outros. Maduro deu co remedio: estudou a Constitución e
deseñou unha fórmula de paz: convocar ao pobo á Asemblea Nacional Constituinte
(ANC) mais a oposición, lonxe de sumarse ao proceso democrático, inzou máis violencia.
“Instalada a ANC, remata a violencia”, dicía Maduro, porén, o Chanceler non
puña a man no lume. “Mais, meu dito meu feito: fomos ás eleccións 30 de xullo e
ese mesmo día ocorreu a última expresión de violencia daquela fase. A oposición
falaba de que só 2 millóns e medio de venezolanos irían ás urnas. Os nosos
expertos dicían que 5 millóns e finalmente tivemos máis de 8 millóns de votos.
Gañamos 19 de 23 Gobernacións. Unha malleira electoral. Nas seguintes,
municipais, a oposición non quixo participar: sabía que perderían outravolta”.
No entanto, comezaba a mesa de dialogo na República
Dominicana. Á oposición non lle quedara outra que sentar a negociar. Prevendo
comicios presidenciais en decembro (por costume de facelos acair no mes
terminal do mandad) teimaron por causa de negociaren un candidato, mais en
xaneiro, o subsecretario de Estado dos EUA John Sullivan, dixo que o seu país
non recoñecería ningunha elección en Venezuela.
“Para 7 de febreiro, fixemos coincidir a asinatura do acordo
cunha cea cos embaixadores da Unión Europea, algúns deles afervoados compromisarios
da oposición venezolana. Pois ese dia, diante do acordo que eles reescribiran
unha chea de veces, a oposición negouse a asinar.
Deseguida tivemos novas de nesa mesma data o Secretario de Estado dos EUA, Ted
Tillerson, conferenciar co presidente de Colombia naquela altura, Juan Manuel
Santos. Déranlle contraorden á oposición de non asinar. No primeiro pediron 4
semanas máis e finalmente non se inscribiron ás presidenciais e boicotaron a Henry
Falcón, quen hai pouco censuráballes non habelo apoiado como candidato ás
eleccións do 2018. De feito, determinaran sabotar as eleccións e por iso desde
un mes antes, a Unión Europea, Canadá e EUA falaban de fraude”.
“Xaneiro, na elección anual da directiva da Asemblea
Nacional en desacato, sae Guaidó, chamado Guiado
polos propios norteamericanos que non lle daban acertado co nome. Guaidó ou
Guiado, procedente da formación
política máis violenta, a de Leopoldo López, auto-nomease presidente de goberno
nunha avenida de Caracas e o vice-presidente de EUA Mike Pence, recoñéceo
minutos depois; a seguir fíxoo Mike Pompeo, actual Ministro de Estado de Trump,
e un nada depois, os presidentes de Colombia e Chile, Iván Duque e Sebastián
Piñera. Donald Trump avaliouno horas máis tarde. Así comeza un novo acto do
golpe de Estado”.
O Chanceler Arreola dixo que calquera visitante de Venezuela entre 2006 e e
2012 repararía nos beneficios entregados ao pobo, e mesmo ironizaban que o país
avanzaba cara ao consumismo e non ao comunismo. Que a Revolución cometeu erros?
Certo. Que hai corruptos? Hainos, e que caia sobre eles o peso da lei. Ante o
Consello de Seguridade afirmamos que o golpe de Estado fracasou, e cal foi a
resposta do representante dos EUA?: “Agora imos arruinar a súa economía”.
“No primeiro confiscaron CITGO (corporación petroleira encargada de refinar e comercializar gasolina, lubricantes e petroquímicos venezuelanos nos EUA, con central no Corredor Energético de Houston (Texas) e gasoliñeiras por todo o país) CITGO está valorada nuns 30 mil millóns de dólares. John Bolton (asesor de seguridade de Donald Trump) anunciou que Guaidó ten lista unha lei para as petroleras estadounidenses poder investir na faixa petroleira venezuelana, algo que non permite a Constitución da República Bolivariana”.
Recordou Arreaza a declaración do ministro español de Asuntos Exteriores, Josep
Borrell, cando dixo que convenceran (ao Governo de Madrid) de que “derrubar o
goberno de Nicolás Maduro ía ser cousa de horas”. Preguntáronlle quen os
convencera e respostou con claridade: “Os norteamericanos”.
“O globo do golpe perde gas e del non vai quedar mais que un mal recordo -di o Chanceler- ainda que a loita continúa. Benvido sexa o dialogo, a paz, o entendemento. O mellor sería que os EUA asuman un proceso de achegamento. A mala folla dos seus asesores levaos de fracaso en fracaso. Aprendan da experiencia e sentémonos falar como Gobernos de países civilizados”.
Agradeceu a firmeza de Cuba contra o chamado Grupo de Lima, do que dixo que en
xustiza deberian dar o nome de Grupo de Washington, e asegurou que Venezuela
ten 215 mil activos, entre oficiais e soldados, e máis de 2 millóns e medio de
milicianos bolivarianos. “Bolton fala de que deben regresar 20 mil soldados cubanos. A quen se
refire?: aos médicos, aos docentes da arte e do deporte, aos que fan terapia,
aos que ensinan a ler e escribir?”
Sobre o arrecho bloqueo económico contra a súa nación, citou
que o NovoBanco de Portugal bloquea 1.547
millóns de euros e que hai outros 1.323 millóns en igual condición en bancos
ingleses. En total son case 6 mil illóns de euros propiedade do Estado
Bolivariano dos que non pode dispor.
Arreaza asiste en Cuba a reunión consultiva, a nivel de ministros de Estado dos países da ALBA-TCP (Alianza Bolivariana da
nosa América- Tratado de Comercio dos Pobos) “Os procesos de integración estan na ruina: UNASUR está no conxelador; non morreu, acordarémolo
en calquera momento. CELAC ten cativa actividade. Queda o ALBA, hai que
defendelo porque é o corazón da integración rexional. ALBA é a MISIÓN MILAGRE, a loita contra o
analfabetismo, é PETROCARIBE para o petróleo venezolano asistir ao
desenvolvemento dos pobos irmáns do Caribe.
Estamos ás portas dun proceso histórico distinto, de grandes vitorias, e veremos
como a correlación de forzas regresará aos pobos e como se revirte a onda
conservadora, xa sexa a través de eleccións ou doutros procesos”.
“Só hai que resistir como fixo o pobo cubano, e loitar –dixo Jorge Arreaza ao termo da súa intervención-. Eles (a oposición venezolana e o goberno dos EUA) están seguros de Maduro ter dias abondo por diante e o propio Trump tivo que recoñecer que o presidente de Venezuela era un top player, un xogador excepcional, un óso duro de roer. Temos forzas espirituais e históricas que chegaron ao poder para defender a nosa capacidade de soñar”.