Historia dun fuxido con sede de vinganza

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Esteban Ventura Novo era dono da finca El Rosario, sur da Habana, un muro de manposta encerrando unha devesa con casa grande arrodeada de outeiros con herba lanzal peiteados polo alisio.



Esteban Ventura Novo, o asasino do traxe branco, nunha foto publicada en Paris Match en 1957

A foto en branco e negro que retrata ese paradiso instantáneo ten máis de sesenta anos. Ao entraren os rebeldes (1 de xaneiro de 1959)o propietario voaba cara a República Dominicana no mesmo avión no que fuxia cos seus homes de confianza o dictador Fulgencio Batista. A revista Bohemia contaba o que foron atopar os barbudos dentro da mansión campestre do torturador de máis sona de Cuba: unha cámara de música con mobles taraceados en ouro, dormitorios climatizados, piscinas, bar, unha sá de xogo, merendeiros e rendeiras para nenos nos xardíns, unha caixa forte con contas de banco (a máis modesta de un millón de dólares) un canón antiaéreo de calibre 30, fusís M-1, 171 granadas, 6 ametralladoras co parque disposto e varias pistolas. Non había biblioteca. O único impreso en toda a mansión era unha guía telefónica.

Ventura Novo era coñecido popularmente como o asasino de branco, sempre de chaqueta e pantalón de dril 100 ou de liño albal inglés. Fachendeaba de aristócrata, malia ter nado na miseria e ser o seu oficio coñecido o de cortador de cana antes de apuntarse de voluntario no Exército. Chegou a coronel da policía e, elegantemente vestido, sentenciaba tortura e morte co mesmo desapego burocrático de quen dicta unha ficha, a distancia para non manchar a roupa.

No depósito de cadáveres da Habana, un bloque de dous andares no arrabaldo, entraran máis de 600 corpos de homes e mulleres mortos por electrocución, golpes, forca ou bala, entre marzo de 1952 e decembro de 1958, anos de gloria da carreira policial do asasino de branco. A cifra equivalía ao cinco por cento dos asasinados neses anos polas forzas represivas da ditadura de Fulgencio Batista, segundo o cálculo do director da instalación, publicado tamén por Bohemia en febreiro de 1959. Moitos máis aparecerían despois en enterramentos clandestinos; outros nunca serían atopados. A meirande parte eran vítimas inocentes ás que lle tocaba pagar, sen motivo ningún, pola explosión dunha bomba, o atentado contra un uniformado, ou calqueroutra manifestación contra a ditadura.

Ventura Novo morreu de vello en Miami, con 87, no 2001. Nos seus anos de desterro, voluntariou en varios grupos terroristas. Por causa da súa nomeada carreira, recibia protección do goberno dos EUA, que ignorou todas as demandas de extradición de criminais ao servizo de Batista, en virtude dun acordo existente dende 1906. Novo vivia coa esperanza de recibir compensación polas súas propiedades en Cuba e agardou até o último día da súa vida que se producise a intervención imperial na illa, e a esperada licenza para matar esquerdistas. Un dos seus admiradores, Esteban Fernández, lendo a esquela de Novo nun programa de radio na Florida, pediu a invasión de Cuba cos métodos do celebrado asasino: “E se non hai forcas abondas, que tiren con eles ao mar porque ao pais cómprelle unha boa limpeza xeral!”.

A Lei Helms Burton veu dar soporte legal e atribucións ao Bloqueo, dende 3 de marzo 1996, mália a reserva aplicada ao máis rechamante dos seus artigos xusto até 2 de maio pasado. Dende esta data permítese aos antigos propietarios na Illa e aos seus herdeiros con nacionalidade estadounidense, entablar demandas en tribunais de Estados Unidos. Tamén aos herdeiros de Esteban Ventura Novo, que non ven chegada a hora de regresar a El Rosario e demandar en virtude do Título III da Helms Burton, indemnización de terceiros países cuxos negocios en Cuba interesaran propiedades nacionalizadas e confiscadas polo goberno r ao abeiro da Constitución cubana de 1940.

William Clinton, George W. Bush, Barack Obama e mesmo Donald Trump conxelaran esta disposición sen precedentes na xurisprudencia internacional. A partir do pasado 2 de maio, o Emperador Laranxa franqueou as demandas en tribunais, sen distinguir entre ladróns, asasinos en fuga, ou empresarios de seu que fixeran capital na Illa e á súa hora negáranse a cobrar compensacións do goberno cubano -como si fixeron suizos, franceses e españois?- porque levedaba ainda a invasión de Praia Girón (1961) ideada para restablecer a nosa colonia de Cuba, como dixera o historiador da Universidade de Columbia Leland Jenks.

A finca El Rosario, a 40 quilómetros da Habana, é hoxe un Fogar de Anciáns. As avóas e avós que viven alí, escoitan o nome de Esteban Ventura Novo cun debeño de noxo, mais nin se aquelan cando o vento do Norte morde outra vez con cairos longos. Como se for a ira, a vinganza, a tolemia e a traizón moral en Hamlet, só que nunha dramaturxia repetida sen éxito dende hai máis de medio século.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *