Todalas entradas de Terrasenamos

Dixie Edith Trinquete explica en Galiza a segunda revolución da muller cubana en tempo real

Alina Maceda – Terra Sen Amos

Dixie Edith Trinquete, xornalista, profesora da Facultade de Comunicación da Habana, socióloga e feminista, di que a muller cubana é protagonista dunha fase superior de asunción de dereitos que ven prolongar e completar o enorme avanzo lexislativo de recoñecemento de dereitos que se dera na primeira década da Revolución e que, malia representar un cambio copernicano para a situación da muller cubana, “non foi necesariamente acompañado de recoñecemento cultural porque procedemos –explica- do mesmo ADN patriarcal”. Dixie recorda a advertencia  da súa profesora de Xénero e Comunicación na Universidade da Habana: “O peor que pode pasarlle as mulleres en Cuba é pensar que xa teñen todo gañado”. A profesora, implicada na protección de xénero dentro da Revolución Cubana, ofreceu tres conferencias en Galiza como remate dun programa de vinte intervencións en  todo o Estado durante o mes de marzo.

Palestra de Dixie Edith no local da Francisco Villamil en Vigo. A dereita da conferenciante, Luisa Cuevas, da Marcha Mundial das Mulleres, que presentou e moderou o debate.

Para poder entender o proceso de construción popular do Código das Familias, que  atravesa hoxe a sociedade cubana, Dixie recomenda velo dende o antes e despois da campaña de alfabetización e da progresión do sistema de ensino; dos avances da  muller na Revolución Cubana na aurora da Revolución, co dereito de aborto libre, provisto pola medicina pública, e as políticas de planificación familiar que incorporan acesos a saúde sexual e reprodutiva; a igualdade salarial para igual traballo e o vivo debate sobre a igualdade que aparece no Novo Cine Cubano en Retrato de Teresa ou no derradeiro episodio de Lucia, visión natural das reivindicación das mulleres en Cuba como algo real e concreto. “Con todo –recorda Dixie-  estes adiantos no recoñecemento de dereitos e a espontaneidade coa que invadiron a opinión pública, mal se acomodaban na cultura patriarcal real e concreta”.

“Vivimos nun pais con igualdade lexislativa, no que as mulleres forman máis do 45% do Parlamento –recorda a profesora- e no noso Goberno hailles tantas ministras coma ministros; as mulleres desempéñanse con toda normalidade en empregos técnicos públicos e a maioría do persoal clínico e de investigación que foi a vangarda no tratamento da Pandemia, está formado por mulleres e, con todo, temos un arraigo cultural de patróns e estereotipos que non garante o exercicio da igualdade real”:

Tamén no interior das familias observa unha sobrecarga de tarefas sobre as mulleres.  “Coma en moitas partes do mundo –engade-  identificamos naturalización de estereotipos proxectados dende os medios de comunicación aos que temos que sumar violencia simbólica, en parte xerada por nós, e unha violencia residual que contamina dende a imaxe e non menos importante é a coincidente banalizacción de certas formas de violencia de xénero”.

Formas de discrimación perseguidas

A Constitución de 2019, produto dun vivo debate popular sobranceiro a longo de 2018 e aprobada en referendo no ano seguinte, incorpora un abano lexislativo importante en defensa da muller. Cita por exemplo “4 artigos que se refiren a violencia de xénero e a legalización do matrimonio igualitario con toda a polémica que xerou e que de remate estableceu que o matrimonio é a unión entre dúas persoas  e que en atención a polémica que o acompañara será elevado a referendo”. Recorda que a Constitución deu visibilidade a formas de discriminación que estaban naturalizadas en Cuba coma a que aldraxaba a identidade sexual e a de xénero, que ficaron prohibidas de vez; diversificou formas de propiedade e relacións económicas e financeiras e mesmo definicións de contido de cargos públicos a partir da necesidade de ampliar e descentralizar o poder público.

Repara no plano lexislativo previsto para os vindeiros cinco anos que propón cambios e revisións nas leis de saúde, penal e procesual, de información e comunicación; de empresa, traballo e seguridade social entre outras. A procesual incorpora un articulado completo de acompañamento a vítimas, “algo central para o exercicio da investigación policial que conleva a institución de advogado de oficio e interesa notar que a violencia de xénero sexa de oficio e que non haxa que agardar a que a presunta vítima denuncie; mediante a obriga pública de investigar, a violencia sae do ámbito privado e devén pública, con todo o que isto ten de educativo”.

Do Programa Nacional para el Adelanto de las Mujeresaprobado en 2020,  explicou que procura a atención sistemática e equitativa da administración do Estado no seguimento de todos os asunto que involucran a integración e o enfoque de xénero en familias e comunidades e o relacionado coa integración social e detallou a transferencia de poder que representa en sete áreas: a economía privada e cooperativa, a prevención social; a comunicación, en particular na prevención da transmisión de estereotipos e patróns sexistas (por exemplo, no establecemento de responsabilidade compartida na atención a maiores e na previsión de as mulleres non teren que abandonar o traballo para coidalos) Ao cabo da pandemia, o inquérito nacional de fecundidade tenta establecer pola primeira vez propósitos de reprodución en parellas do mesmo sexo. O programa tamén promove unha liña receptora de demandas para problemas de mulleres en convivencia obrigada.

O Código de Familias non contempla só a igualdade pois atenderá o dereito de maiores e de nenos e nenas e a súa autonomía progresiva en relación a como exercen seus dereitos na casa e un articulado de violencia de xénero; os dereitos da familia transterrada e a normativa patrimonial e formas distintas de constituir familias, por exemplo no caso de familias procedentes de dous divorcios e o réxime económico e patrimonial da parellas de feito.

As palestras de Dixie Edith no país responderon a proposta de “Cuba: Mulleres e Revolución”. En Compostela interveu dia 23 na Casa do Peixe, en Vigo o 24, no local da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil e no Ferrol dia 25 no Ateneo.  O ciclo de conferencias foi concertado polo Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) a Marcha Mundial das Mulleres e a Francisco Villamil en Galiza.

Dereito internacional e crimes de guerra na axenda imperial contra Cuba

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Haberá algo máis esperpéntico que seguir un debate sobre delitos de guerra e dereito internacional entre funcionarios estadounidenses? Harris Faulkner, presentadora de Fox News, dílle a Condoleezza Rice, en directo, que invadir unha nación soberana é un crime de guerra. A que fora xefa da diplomacia estadounidense e unha das arquitectas da invasión a Iraq e Afganistán, a mais de asentir coa cabeza, acrecenta: Claro, vai en contra de todos os principios do dereito internacional!

O anxo exterminador da política internacional de Washington dá leccións de moral a Cuba dende o centro de tortura de Guantánamo ocupada.

Dinque debemos a Condoleezza o concepto de guerra preventiva que, de feito, tomou prestado do argumentario da defensa do Estado Maior do Terceiro Reich perante o Tribunal Militar Internacional de Nüremberg, en 1945. A de Rice foi una das voces imperialistas que xuraron que había armas de destrución masiva en Iraq e que Sadam Husein dispuña mesmo de laboratorios móbeis, que adequirira uranio no Níger e que tiña no forno unha guerra mundial. Todo mentira.

Hai que ler as reaccións a este diálogo entre Faulkner (nada a ver co escritor) e Rice. O sentimento predominante é de noxo ou de engullo. Condoleezza é mentireira antes que cínica, pois a mentira necesita de alguén a quen estafar e por iso cría mesmo lazos sociais; o cinismo non precisa do outro e tanto lle ten se a xente ten memoria ou non a ten.

A ex xefa da Diplomacia dos EUA parte de que o mundo é imbécil e ignora o deterioro do dereito internacional, non tanto por violación das normas, senón por esquecemento delas. Que dereito internacional ampara a quen bloquea durante 60 anos un país soberano e pacífico? Que base xurídica aduce EUA para  usurpar Guantánamo e instalar nese territorio un centro de tortura? Onde está a norma legal que sustenta a premisa do cerco a Cuba, que é provocar fame e desesperación, como aseguraba nun cínico memorando o subsecretario de Estado Lester Mallory en 1960,  e nunca foi máis actual que agora?

Por non falar da vinganza, compañeira do cinismo. Juan González, asesor especial de Joseph Biden para América Latina, dixo venres pasado que as sancións internacionais impostas contra Rusia foran pensadas para castigar Cuba, Venezuela e Nicaragua. Malia que ningún dos tres países citados ten nada que ver coas decisións do Kremlin. O que non di González é que as sancións contra Rusia golpean Europa e os Estados Unidos, por moito que non foran pensadas para iso.

O Ministerio da Vinganza decide que Cuba e todo o que se mova en liña oposta ás decisións de Washington, non é dano colateral senón obxectivo. Tanto ten que o escenario de confrontación estea a millentos quilómetros de distancia: a contra da Florida xa tiña gravadas as ameazas de Juan González e pediu decontado á Casa Branca non demorar o escarmento de Cuba, porque  nunha guerra non se responde con diálogo, senón con bombas (sic). Algo semellante ao que acontecera en 2003: unha manifestación multitudinaria en Miami de apoio á guerra contra o terrorismo dos EUA na  que aparecían cartaces expresivos: Iraq agora, Cuba despois.

O que acontece entre Rusia e Ucrania aviva o bucle revanchista que vai de Washington á Florida e viceversa. Os demócratas da Casa Branca e os trumpistas do Estado do Sur viven un  proceso de distanciamento e agresión mútua, con Cuba como moeda de cambio. Os republicanos de Miami non van votar polos demócratas, fagan o que fagan estes últimos, pero ambosdous aprovéitanse do macartismo e, a estas alturas, hermanados polo ambiente rusófobo e a nova Guerra Fría, viven un proceso de mutua reparación, como dous corpos que precisan intercambiar seus glóbulos para poderen seguir vivindo. Todo en nome do dereito internacional e con Condoleezza de fada madriña.

Malia termos pasado por isto ben de veces, o cinismo de Occidente atinxe cotas salvaxes. En vivo e en directo, con tramas e sub-tramas dunha nova guerra que ninguén sabe onde conducirá, a pregunta é pertinente: como defendernos da xenreira asasina, dese inzo de vinganza global que martiriza sempre aos mesmos?

Artigo publicado no diario La Jornada de Mexico e traducido ao Galego para TSA por Nadia Maceira.

Cuba critica o cerco da OTAN e recorda que Rusia ten dereito a defenderse

O ministerio de Estado de Cuba produciu onte unha terminante condena do goberno de Washington ao que responsabiliza da grave tensión inducida sobre as fronteiras da Federación Rusa mediante a crecente presencia de tropa e armamento da OTAN. Cuba recorda a violación sistemática da Lei Internacional de parte dos EUA e, en particular, o bombardeo ilegal de Serbia en 1991 e o despoxo da Federación Iugoslava. Reproducimos a versión abreviada desta declaración publicada por Granma no serán de Sábado.

Os nazis que chantan bombas no Dombass usan armas e información táctica da OTAN.

“Empeñado en continuar a progresiva expansión da OTAN sobre ás fronteiras da Federación de Rusia, o goberno dos EUA condúcenos  a unha situación de  consecuencias non previstas que puido ser evitada.

Son coñecidos os movementos militares realizados polos Estados Unidos e a OTAN en meses recentes en rexións na beira da Federación Rusa, precedidos da entrega de armamento moderno a Ucraína, o que conforma un cerco militar progresivo.

Non é posíbel examinar con rigor e honestidade a situación actual de Ucraína, sen prestar atención aos xustos reclamos da Federación Rusa aos Estados Unidos e a OTAN nin aos factores que conduciron ao uso da forza e a ignorar principios legais e normas internacionais que Cuba subscribe e apoia con todo vigor por seren referencia imprescindíbel, particularmente para os países pequenos que loitan contra a imposición, os abusos de poder e as inxustizas.

Cuba é un país defensor do Dereito Internacional, comprometido coa Carta das Nacións Unidas, que sempre defenderá a paz e opoñerase ao uso ou ameaza da forza contra calquera Estado.

Lamentamos profundamente as perdas de vidas de civís inocentes na Ucraína. O pobo cubano ten e terá unha relación entrañábel co pobo ucraíno.

A historia esixirá responsabilidades ao goberno dos Estados Unidos polas consecuencias dunha doutrina militar de acoso lonxe das fronteiras da OTAN, que ameaza a paz, a seguridade e a estabilidade internacionais.

As nosas preocupacións aumentan coa decisión recentemente adoptada pola OTAN, de activar, por primeira vez, a Forza de Resposta desa alianza militar.

Foi un erro ignorar durante décadas os fundados reclamos de garantías de seguridade de parte da Federación Rusa e dar por seguro que permanecería impasíbel ante unha ameaza directa á súa seguridade nacional. Rusia ten dereito a defenderse. O cerco e o asexo non son o medio de conseguir a paz.

O proxecto de resolución sobre a situación en Ucraína non aprobado no Consello de Seguridade o 25 de febreiro, que será presentado á Asemblea Xeral, non foi concibido como unha contribución real á procura de solucións á actual crise.

Pola contra, trátase dun texto tendencioso, que non presta atención as lexítimas preocupacións de todas as partes involucradas nin recoñece a responsabilidade dos que promoveron ou realizaron accións agresivas que precipitaron a escalada deste conflito.

Cuba é partidaria dunha solución diplomática seria, construtiva e realista da actual crise en Europa, por medios pacíficos, que garanta a seguridade e soberanía de todos, así como a paz, a estabilidade e a seguridade rexional e internacional.

Non son aceptábeis a hipocrisía e a medida dobre. É de lembrar que Estados Unidos e a OTAN lanzaran en 1999 un ataque de gran envergadura contra Iugoslavia, país europeo que esnaquizaron, cun alto costo en vidas, en función dos seus obxectivos xeopolíticos, con desprezo da Carta da ONU.

Os Estados Unidos e aliados utilizaron a forza en múltiples ocasións. Invadiron estados soberanos para provocaren cambios de réxime, e  interveñen nos asuntos internos doutras nacións que defenden a súa integridade territorial e independencia e resisten fronte os propósitos de dominación.

Son tamén responsábeis da morte de centos de miles de civís, que consideran danos marxinais inevitábeis; de millóns de desprazados e de destrución sen medida en toda a xeografía do noso planeta como resultado das súas guerras de saqueo.

A Habana, 26 de febreiro de 2022”.

Evidencias para interpretar a escalada do bloqueo coma unha contraofensiva

José Ramón Cabañas – La Pupila Insomne

É común en Cuba a opinión (certa por demais) de os EUA ter aumentado o cerco contra a illa nos últimos anos, segundo os feitos acreditan. Con todo, unha pregunta axudaría a considerar acontecementos recentes: trátase dunha ofensiva ou deberíamos entendela  mais ben coma unha contraofensiva? A resposta máis repetida é que ambas dúas maneiras de interpretalo non adiantan nin rebaixan o dano que o governo de Washington está a  producir en Cuba. Con todo, pode ser de utilidade sabermos cal dos dous enfoques é máis acaído politicamente, para considerarmos implicacións futuras.

Galeria de presidentes da nación máis armada do planeta que fracasaron no seu propósito de apoderarse de Cuba por medio do bloqueo.

Tense falado do diferente nivel de intensidade da agresión contra Cuba durante o mandado de Trump, quen de feito reservou as medidas máis asañadas para os derradeiros doce meses de presidencia. Notamos que a mediocre equipa de goberno do empresario-mandatario, non produciu de feito unha estratexia política contra Cuba e preferiu, máis ben, ceder as intervencións principais desa fronte a unha fracción de políticos descomedidos, cubano-americanos os máis deles.

O principal fin destas intervencións, foi borrar dos libros de historia toda memoria das iniciativas do goberno do primeiro presidente negro dos EUA a respecto de Cuba. Este conxunto de decisións políticas non se apartaba do consenso tradicional de Washington contra Cuba. Dentro deste marco xeral de continuidade, o agravamento das medidas de bloqueo non se deu tanto entre 2017 e 2018, senón a partir de la segunda metade de 2019.

A directiva presidencial sobre Cuba, asinada por Trump en xuño do 2017, estaba dirixida a anular o decreto asinado por Obama na súa despedida; porén non modificou as tendencias en vigor nin aludiu aos 22 memorandos de entendemento, asinados no tempo das negociacións bilaterais.

A prol desta interpretación, están as facilidades para os tránsitos por aire e mar entre os dous países, acordadas en 2017, 2018 e 2019 con cifras de viaxeiros importantes, na súa maioría de estadounidenses e o resto de cubano-americanos. Asemade, a maior cantidades de viaxes de cubanos residentes na illa cara o exterior, deuse tamén no mesmo período con totais históricos de 889.542, 1.111.374 y 1.307.523 para cadanseu dos anos citados  Arredor do 80 % en cada caso foran viaxes aos EUA, con máis do 70% de permanencias inferiores aos 24 meses; quer dicer, de non emigrantes.

DÚAS REALIDADES

Estas cifras revelan cando menos dúas realidades:

1.- O resultado do cambio relativo da política dos EUA respecto a Cuba, nos anos precedentes, foi un tránsito de viaxeiros que aconteceu máis adiante mália a violenta campaña de propaganda negativa, xa en marcha, e do lanzamento da farsa dos ataques sónicos. O 90% dos visitantes estadounidenses que regresaban de Cuba, constataban unha diferenza entre a realidade e a propaganda contraria, recibida na escola ou nos media. Dominaba a visión favorábel a un país acolledor que non pretendía acabar coa democracia americana.

2.- O visitantes cubano-americanos obxectaban o discurso da contrarrevolución no seu emporio natural da Florida. Entre eles había vellos combatentes anti-castristas sen delitos de sangue, fillos pródigos que recoñeceron ou non, publicamente o non, teren estado no lado errado  da historia, malia obteren paz persoal do reencontro. A maioría dos viaxeiros celebraban a liberdade de viaxar, xulgaren sen intermediarios e poderen regresar. Non faltan as queixas polas limitacións materiais.

Outros feitos non menores acontecidos naqueles anos, non tiveron  importancia comparábel a estas cifras de viaxeiros e a súa pegada nas dúas beiras da Canal da Bahama, que conmoveron as bases da industria do odio e da subvención federal e privada que o mantén en funcionamento dende hai 60 anos. Como se pode vender odio na circunstancia de estar a producirse un contacto entre pobos a un nivel impensábel no pasado?, Como vender unha imaxe de falta de dereitos e liberdades, mentres os visitantes estadounidenses celebraban unha liberdade nocturna insólita en Cuba, comparada coa dos seus lugares de residencia?.

Non está demais lembrar que o acontecido sucede nun intre no que organizacións non gobernamentais (ONG) e intereses privados programaron máis intervencións e actuacións de artistas e intelectuais cubanos que nunca nas catro esquinas dos EUA. Non só na Florida senón por Nova Orleans, Los Ángeles, Chicago, Nova York e Washington DC. Na altura, máis de 30 cidades grandes e pequenas dos EUA asinaron colaboración con Cuba, 11 delas en programas de saúde. O primeiro destes acordos foi o de Chicago (Illinois) en 2017 coa presenza de expertos cubanos. Con Trump na presidencia, nese mesmo ano, comezou un programa entre o Centro de Inmunoloxía Molecular de Cuba e o Roswell Park Cancer Center. Anos de alto intercambio académico e universitario nos que os especialistas estadounidenses foran maioría dos participantes extranxeiros en eventos e congresos en Cuba. O grupo dos EUA foi o máis numeroso na conmemoración dos 500 anos (noviembre, 2019) da Habana. Na ocasión, asinouse o acordo de cooperación entre a cidade de Nova  Orleans e a capital cubana,

A ORIXE DAS 243 MEDIDAS CONTRA CUBA

Mediado 2019, o Sur da Florida ergueu a voz de estamos sendo atacados!. Na véspera de novas eleccións, o grupo de presión cubano-americano avisou que de non lograr un cambio, asistirían ao sepelio do negocio que tantas portas lles abrira e ao comezo dun tempo que lles obrigaría a buscar a vida coma os demais. O resto do relato é ben sabido: os cambios na Oficina do Asesor de Seguridade Nacional, e na Oficina do Director para América Latina ,do mesmo órgano, e o trato dun senador da Florida cun presidente sen partido político: entrégame a política con Cuba e eu serei teu padriño no Comité de Inteligencia que presido. Eis a orixe das maioría das 243 medidas contra Cuba chegadas a fume de carozo, sen respectar as preceptivas consultas entre axencias nin revisar en que medida eses acordos podían danar o interese nacional dos EUA.

Tres emerxencias encabezaron a lista da política cara a Cuba: Cortar as viaxes, cortar as viaxes e, adicionalmente, cortar as viaxes. Aplicouse dun dia para outro, con pasaxeiros a bordo de barcos e viaxeiros de avión sobrevoando a illa.

Chegaron fondos de emerxencia tanto do orzamento federal como dos fondos reservados para rearmar a maquinaria da desinformación sobre Cuba: borrar a realidade e cambiar o contido de cada feito para mudar a memoria de viaxeiros e anfitrións, emisores e receptores. Una maquinaria para mudar o Sol solleiro pola galerna e a convivencia relativa pola guerra.

Unha galerna para cambiar a conciencia da xente do común. A onda da mentira tería que petar na porta de académicos e xornalistas que construían opinión positiva  sobre Cuba; deixar sen crédito empresarios que atoparan oportunidades na illa e montar un buscador ideolóxico no aeroporto de Miami para artistas cubanos de arribada, cun gran cartáz que rezaba: ou repites meu credo político, ou aquí nin tocas, nin cantas, nin cobras.

Accións que por primeira vez acadaron dimensión masiva e percutinte nas redes sociais cun alcance que buscaba afectar ao público cubano, mais nomeadamente aos millóns de estadounidenses que coñeceran Cuba sen intermediarios. Una contrarrevolución, de resesa tradición racista e homofóbica, comezou buscar espazo entre afro-descendentes e nas comunidades LGTBQ. Algúns crédulos, compraron o matute.

E nestas apareceu ese actor milhomes que fixo tremer a humanidade enteira: o SARS-CoV-2. Na altura de febreiro marzo do 2020 había confusión, mais logo abriu camiño o pensamento do primeiro mundo económico, que de feito é o terceiro intelectual. Chegaron decontado á conclusión de que Cuba no resistiría, cunha mortalidade masiva e o fracaso do sistema médico, o que sumado a outras desgrazas provocadas dende o exterior, produciría por fin o  tan buscado estallido social.

Tal foi a versión entregada a Biden no 2021 polos analistas do estado profundo, que desta xuraron estar máis próximos da realidade que cando convenceran a Kennedy de asinar o decreto do bloqueo no 62 ou a Clinton de aceptar o invento da Lei Torricelli no 92.

No 2022, semella que o asunto vai de 30 en 30 anos. Da última pancada, Cuba reponse dunha forma inesperada: ultima cinco vacinas propias contra a COVID19 e protexe a case o completo da súa poboación; exporta seu saber e experiencia quen quer compartilo; presenta unha das cifras máis baixas de mortos por millón; é adiantada na inmunización de menores; acerta na regulación de apertura de las fronteiras e ten un éxito sobranceiro contra a chamada cuarta onda con medidas de control a xeito.

Ben sabemos que as invasións de realidade virtual continuarán. Que regresarán argumentos falsos coma o dos ataques sónicos, as tropas en Venezuela, e , nestes días, os xuicios a menores. Cuba e a súa xente están ben comunicados cunha comunidade internacional da que unha parte dos EUA non quer saber nada. Non é ao revés.

Tradución ao Galego de Alba Areeiro para Terra Sen Amos

“A Revolución Cubana derrotou o bloqueo durante máis de 60 anos e os que falten por vir” (MESC)

Comunicado do Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba

Nesta quinta feria  3 de febreiro pasaron 60 anos da imposición, por parte dos Estados Unidos, do bloqueo criminal contra Cuba, un dos máis criminais aldraxes dos Dereitos Humanos de que se ten memoria; execútase a diario, asañadamentese e con contumacia contra o pobo cubano, polo feito ter resolto cubanas e cubanos exerceren seu dereito a elixir un rumo político, social e económico de seu, sen depender de poderes transnacionais nin de grandes potencias; esta decisión fai da Revolución Cubana un exemplo para todos os pobos do mundo que aspiran a se safaren da explotación de uns seres humanos por man doutros. A maior potencia imperialista da historia, coida que esta resolución de Cuba e intolerábel e por iso cerca e tortura ao conxunto do pobo da illa e por iso anualmente a Asemblea Xeral da ONU condena por aclamación este crime.

O bloqueo é unha agresión imperialista criminal que, só en termos monetarios, xa superou un billón de dólares; en termos humanitarios provoca carencias graves en áreas tan sensíbeis como a educación e a  sanidade, porén o cerco infame teña fracasado de plano no seu propósito de derrocar á Revolución Cubana, algo que seus promotores non van conseguir nunca.

Mália Cuba e os EUA teren reanudado relacións diplomáticas, o acoso do bloqueo non abrandou ren. Pola contra, remontóu criminalmente durante a administración Trump con máis de 242 medidas alzadas en todos os capítulos económicos, sen o goberno de Joe Biden ter feito nin sequer aceno de eliminar algunha delas.

As organizacións integradas no MESC (Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) denunciamos e condenamos a continuidade do bloqueo como un intento de xenocidio contra o pobo de Cuba e esiximos seu cese de vez. Expresamos tamén a nosa máis absoluta solidariedade coa Revolución Cubana e a súa loita polo socialismo como superación das cadeas do capital.

Viva Cuba Socialista!

Viva Cuba, Fidel e o Che!

Até a Vitoria sempre!

Venceremos!