Todalas entradas de Terrasenamos

ALTO NÚMERO DE VISITAS A BIBLIOTECA DIXITAL “CUBA EN REVOLUCIÓN”

O alto número de visitas ao enlace, aberto de a pouco en TERRA SEN AMOS, para a biblioteca e fondo documental do Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais CLACSO e das institucións de solidariedade con Cuba de todo o Atlántico Sur, honra a alta utilidade e facilidade do sítio. A fiestra informática está situado so a cabeceira de TERRA SEN AMOS, no rubro BIBLIOTECA CUBA EN REVOLUCIÓN . Os 60 títulos ofrecidos tratan da irradiación política da Revolución Cubana sobre toda América e o mundo, editados por CLACSO en Español , e teñen unha interesante prolongación temática noutros 112 enlaces en aberto para libros e revistas en Portugués- Brasileiro dos CENTROS CLACSO BRASIL, accesíbeis dende a mesma páxina, con ensaios sobre a dinámica editorial, as políticas públicas, o debate entre a economía de control estatal e a esmagadora propaganda da privatización, parte da loita dos pobos do Atlántico Sur contra o imperialismo económico do Norte. A entrada en Portugués-Brasileiro, achéganos aos arquivos abertos das revistas CONHECER, IDÉIAS, NERA, BRAZILIAN JOURNAL OF AMERICAN STUDIES, EXTRAPRENSA, GEONORDESTE E CONTEMPORÂNEA entre outras.

CLACSO,  coa colaboración da Universidad de José C. Paz, conformou esta primeira biblioteca en acceso aberto que documenta, debate e sintetiza ideas e experiencias da historia contemporánea de Latinoamérica e o Caribe a partir da perspectiva da Revolución cubana.

A Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil publicará en breve a o índice revisado por matérias do seu propio FONDO BIBLIOTECARIO E HEMEROGRÁFICO DA REVOLUCIÓN CUBANA, aquilatado en 35 anos de funcionamento, que poderá ser consultado previa cita no seu novo local nacional de Cánovas del Castillo 10, 1º Dta, en Vigo.

Enérxica condena cubana pola nova masacre israelí contra Gaza e o ataque a mesquita de Al Aqsa

Axencias – Terra Sen Amos

Cuba condena a repetida a insólita repetición da masacre contra a poboación de Gaza e o provocador ataque perpetrado na mesquita de Al Aqsa en Xerusalén ocupada. O Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, recordou que estas agresións constitúen outra grave e flagrante violación por parte do Estado de Israel da Carta das Nacións Unidas, o Dereito Internacional e os acordos humanitarios vixentes en todo o mundo e evidencian a continuidade das prácticas de colonización e ocupación das terras árabes e palestinas, coa complicidade e a  impunidade que lles  garante EUA. De feito, o goberno de Washington bloquea co seu veto calquera iniciativa do Consello de Seguridade da ONU que critique a política colonial dos sionistas. 

Médico graduado en Cuba, participa coas bandeiras cubana e palestina nunha das protestas en Cisxordania contra a masacre de Gaza polo exército de Israel.

O Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) nace con catro programas contra o bloqueo e a prol das brigadas médicas

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil – Terra Sen Amos

Máis de corenta asociacións e colectivos do Estado español veñen de constituír o MESC (Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba), co obxectivo de coordinar accións globais de solidariedade con Cuba e a súa Revolución, e de levar a cabo o Plan de Acción aprobado nos Encontros Estatais de Solidariedade con Cuba, de carácter bienal. O MESC lanza na súa presentación unha axenda de traballo a prol de Cuba na que participan asociacións da emigración, sindicatos, partidos e entidades solidarias e internacionalistas. O bloqueo dos EUA contra Cuba, reforzado nos últimos catro anos con 242 novas sancións, impacta como nunca nas condicións de vida dun país que, por mor da Pandemia, viu reducidas ao mínimo as súas fontes de ingresos e, en consecuencia, sofre unha aguda situación de desabastecemento.

Catro son as iniciativas que apoia o MESC no seu nacemento:

  1. Caravanas. 30 de maio, domingo, nalgunhas cidades do Estado español, realizaranse accións de apoio á III Caravana Mundial contra o bloqueo a Cuba, despois das dúas primeiras realizadas en marzo e abril deste ano.
  2. Xornada central contra o Bloqueo. 23 de xuño, quarta feria, realizarase a Xornada central de concentracións e actos contra o bloqueo, en cando menos unha quincena de cidades do Estado, de maneira simultánea á votación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que esixirá aos EEUU, por 29ª vegada, o fin da devandita política. Na última ocasión, o resultado foi de 187 votos contra tres. en Catalunya, En Catalunya, a xornada central, realizarase uns días antes, 19 de xuño, sábado.
  3. Xiringas. O MESC súmase a campaña internacional “Xiringas para Cuba”, lanzada por  SOdePAZ para apoiar á Illa nos seus esforzos por inmunizar antes de rematar o ano, toda a súa poboación con vacinas propias, feito inédito entre os países do Sur e mostra de rebeldia intelixente e positiva fronte un bloqueo que atranca ilegalmente a compra de material clínico nos mercados internacionais. O obxectivo global para Europa é obter fondos para 10 millóns de xiringas. O MESC asume un millón, e xa nas próximas semanas, realizará a primeira compra, equivalente a perto de medio millón. 
  4. Premio Nobel. O MESC, de igual xeito, recoñece a solidariedade de Cuba con outros pobos. Unha asistencia solidaria internacional que continúa malia a Pandemia e que no último ano, enviou 57 brigadas médicas, con cinco mil cooperantes, a maioría mulleres, a 40 estados. Por isto, o MESC, secunda a Campaña internacional polo outorgamento do Premio Nobel da Paz 2021 ao Continxente Médico Cubano “Henry Reeve”.

O MESC esixe ao goberno de Joe Biden que cumpra non só coas 28 resolucións das Nacións Unidas, senón co seu propio electorado ao que prometera a reversión da política de asfixia económica ao pobo cubano,  encarniizadamente aplicada por Donald Trump.

Convocando a participar nos actos contra o bloqueo 30 de maio e 23 de xuño, a colaborar na campaña “Xiringas para Cuba” e a sumar apoios a concesión do Premio Nobel para cooperación médica cubana, o MESC invita a particulares e entidades a participar no clamor internacional contra o cruel e ilegal cerco dunha pequena illa sen recursos resolta a defender a súa soberania e opción de goberno socialista..

Contacto de prensa: EMAIL: galegocubana@gmail.com – TELEFONE: 604 032857

Mudou toda a estrutura do poder político e gobernamental de Cuba, mais non o rumo

Raúl na Praza da Revolución (foto de Ismael Francisco/ Cubadebate)

Rosa Mirian Elizalde – La Jornada

Temos na memoria os epitafios escritos por adiantado hai 30 anos. Coa  URSS en saldo, os sabios da tribo auguraban que Cuba non resistiría sen o ouro de Moscova nin podería soportar a entropía do socialismo real, co engadido do asedio dos EUA. “Os enterradores esperan coa pa alzada”, escribira en 1992 Eduardo Galeano.

Pois que a opinión dominante recordaba que todas as revolucións comezan e rematan a canonazos, o mellor que lle podía suceder á cubana era Fidel Castro renderse por adiantado para aforrar mortos. O diario El Pais, de Madrid, recomendaba á Moncloa axudar ao goberno sobrevivente da Habana “para integrarse na comunidade occidental, á que Cuba pertence por historia e por dereito propio; tratando con iso de paliar as consecuencias dunha transición violenta e evitando odios e vinganzas”.

Insultos aparte -iso da nosa renuncia a ser occidentais- houberon de  esperar tres décadas para que sucedese o que algúns chaman a transición sen acontecer o desenlace tan longamente esperado.  A chamada Xeración Histórica, a dos barbudos da Serra Mestra, simplemente deixou hai uns días os seus cargos políticos, sen máis consecuencias que os longos aplausos que lle tributaron os delegados e invitados ao VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba, en xesto de gratitude. “Nada me obriga a esta decisión, pero creo firmemente na forza e valor do exemplo e na comprensión dos meus compatriotas e a fe que mentres viva, estarei listo, co pé na estribeira, para defender á Patria, a Revolución e o Socialismo”, dixo Raúl Castro 16 de abril, ao anunciar que concluía o seu mandato como Primeiro Secretario do Partido.

Nin violencia, nin odio, nin vinganza. No que respecta a Cuba, a historia pasou por riba dos que agoiraban un Muro de Berlín tropical. Raúl Castro despídese falando non só de socialismo, senón da necesidade de recrealo e de estarmos preparados para aplicar correccións e novidades. O presidentel Díaz-Canel, que o sucede no cargo, engade que compre conectar coa sociedade e fortalecer unha democracia co apelido socialista, “vinculada á xustiza e a equidad social, ao exercicio pleno dos dereitos humanos, á representación efectiva e a participación da sociedade nos procesos económicos e sociais en curso… Todo iso nunha contorna cada vez máis libre dos lastres do burocratismo, do centralismo excesivo e da falla de eficiencia”.

Construír un edificio novo sobre os alicerces dun compromiso histórico exemplar. Diso se trata, aínda que non o queiran recoñecer os que agoiraron toda a súa vida o fracaso da Revolución cubana.  Ao bautizala, Fidel Castro déralle  nome de socialista, democrática, dos humildes, cos humildes e para os humildes. Nada de parolada retórica. Díxoo na rúa, ante unha multitude de persoas armadas e decididas a combater unha invasión do goberno de Estados Unidos e os seus mercenarios, 16 de abril de 1961. Como recoñeceu o escritor  Vázquez Montalbán, o peor para Cuba non foi estar soa, o peor é estar rodeada, aínda que coa clarividencia de apostar por un socialismo sen as malformacións políticas e económicas da Europa de aquende muros.

Francisco Fernández Buey, o gran teórico marxista, catalogaba de políticos hipócritas aos que impediron a construción do socialismo no Leste e despois laiáronse de velo convertido nun monstro. E engade: “Nese contexto, o discurso numantino de Castro ten para min o valor da coherencia moral… A única maneira de saber se Cuba podería chegar a ser socialista no sentido orixinal da palabra, ou se aínda pode chegar a selo, é pensar na hipótese de poderen realizar o que a maioría da xente quería cando fixo a revolución. Sabemos que iso nin llo permitiran nin llo deixarán facer.”

Estando nesas, chegou a Era de despois de Castro, sen os cataclismos anunciados. Sucedeu a renovación perante os ollos de todo o mundo, con paciencia e agudos recursos tácticos que axudaron a desatar as calidades e as capacidades da xente do común. Non quedan de seu guerrilleiros no Partido que conduciu a política nacional: a xeración que ten nas súas mans os destinos do país naceu despois de 1959 e exprésase tamén en feminino. A idade media dos nosos dirixentes é agora de 42,5 anos. Son mulleres o 54,2% de quen ocupan responsabilidades e o 47,7%, negros e mulatos. Existen 75 primeiras secretarias de comités municipais e de distrito (42%) Mudou toda a estrutura do poder político e gobernamental, pero non o rumbo.

A teima de Cuba non é polo cambio, senón por darlle sentido pleno a esa palabra e seguir capeando unha prolongada situación de emerxencia. Se cadra, os enterradores da pa alzada cansan de esperar.

Artigo publicado orixinalmente en La Jornada, de México e distribuido en todo o mundo.

Tradución ao Galego para TSA por Liliana Cabazos.

Crónica da peste do Bloqueo sobre o abrente da Revolución Cubana, por Gabriel García Márquez (e II)

Resumen Latinoamericano

(Segunda parte do artigo que aparecera en Proceso, 24 de xullo de 1978)

Coido que moi poucos eramos conscientes do xeito silandeiro e irreparábel en que a escaseza ía meténdose na nosa vida. Aínda despois do desembarco en Praia Girón, os casinos seguían abertos, e algunhas jineteras sen turistas facían a carreira en espera de un afortunado casual da ruleta lles salvar a noite. Era evidente que a medida que as condicións cambiaban, aquelas andoriñas solitarias íanse volvendo lúgubres e cada vez máis baratas. Pero de todos os xeitos as noites da Habana e Guantánamo seguían a ser longas e insomnes, e a música das festas de aluguer soaba até a alba.

Eses rengos da vida vella mantiñan unha ilusión de normalidade e abundancia que nin as explosións nocturnas, nin os rumores constantes de agresións infames, nin a inminencia real da guerra conseguían extinguir, pero que desde había moito tempo deixaran de ser verdade. Ás veces non había carne nos restaurantes despois da media noite, pero non nos importaba, porque se cadra había polo. Ás veces non había plátano, pero non nos importaba, porque se cadra había boniato. Os músicos dos clubs veciños e os chulos impávidos que esperaban as colleitas da noite fronte a un vaso de cervexa, parecían tan distraídos como nós ante a erosión inexorábel da vida cotiá.

No centro comercial tiñan aparecido as primeiras colas e un mercado negro incipiente, pero moi activo, empezaba a controlar os artigos industriais, sen pensar moi en serio que tal sucedese porque faltasen cousas, senón todo o contrario, porque sobraba diñeiro.

Naquela altura, alguén requerira unha aspirina despois do cinema e non a atopamos en tres farmacias. Fómola encontrar na cuarta, e o boticario explicounos, sen lle dar máis importancia, que a aspirina escaseaba desde había tres meses. A verdade é que non só a aspirina, senón moitas cousas esenciais estaban escasas desde antes, pero ninguén parecía pensar que desaparecerían por completo. Case un ano despois de os EUA decretaren o embargo total do comercio con Cuba, a vida seguía sen cambios importantes, non tanto na realidade como no espírito da xente.

BRUTAL E LÍRICO

Eu tomei conciencia do Bloqueo dunha maneira brutal, pero á vez un pouco lírica, como con case todo o que se me anunciou na vida. Despois dunha noite de traballo na oficina de Prensa Latina funme só tirando do meu cansazo, a procurar algo de comer. Estaba a amencer. O mar tiña un humor tranquilo e unha freita alaranxada separábao do ceo no horizonte.

Camiñei polo centro da avenida deserta, contra o vento de salitre do Malecón, buscando algún lugar aberto para comer baixo as arcadas de pedras reladas e zumarentas da cidade vella. Por fin atopei unha taberna co peche metálico a medio baixar, e tentei levantalo para entrar, porque dentro había luz e víase un home lavando vasos no mostrador. Mal botara man ao peche, cando sentín ás miñas costas o ruído inconfundible dun fusil ao ser montado, e unha voz de muller, moi doce pero resolta:

-Quieto, compañeiro -dixo-. Levanta as mans.

Era unha aparición na bruma do abrente. Tiña un aspecto moi belo, co pelo amarrado na caluga como unha cola de cabalo, e a camisa miliciana humedecida polo vento do mar. Estaba asustada, sen dúbida, pero tiña os tacóns separados e ben chantados na terra, e termaba do fusil coma un soldado.

-Teño fame- dixen.

Talvez díxeno con demasiada convicción, porque só entón comprendeu que eu non tratara de entrar na fonda á forza, e a súa desconfianza converteuse en mágoa.

-É moi tarde -dixo.

-Ao contrario -retruqueille- o problema é que é demasiado cedo. O que quero é almorzar.

Entón fixo acenos cara a dentro polo cristal, e convenceu ao home de que me servise algo, aínda que faltaban dúas horas para abrir. Pedín ovos fritos con xamón, café con leite e pan con manteiga e un zume fresco de calquera froita. O home díxome cunha precisión sospeitosa que non había ovos nin xamón desde había unha semana nin leite desde facía tres días, e que o único que podía servirme era unha cunca de café negro e pan sen manteiga, e talvez un pouco de macarróns requecidos da noite anterior. Sorprendido, pregunteille que estaba a pasar coas cousas para comer, e a miña sorpresa era tan inocente que entón foi el quen sentiu sorprendido.

-Non pasa nada me dixo-. Máis nada que a este país levoullo o carallo.

Non era inimigo da Revolución, como o imaxinei ao principio. Ao contrario: era o último dunha familia de once persoas que fuxiran en bloque para Miami. Decidira quedar, e en efecto ficou para sempre, mais eu oficio permitíalle descifrar o porvir con elementos máis reais ca os dun xornalista trasnoitado. Coidaba que antes de tres meses tería que pechar a fonda por falta de comida, pero non lle importaba moito, porque xa tiña plans moi ben definidos para o seu futuro persoal.

Foi un prognóstico certeiro. O 12 de marzo de 1962, cando xa transcorreran trescentos vinte e dous días desde o principio do Bloqueo, impúxose o racionamento drástico da mantenta. Asignouse a cada adulto unha ración mensual de tres libras de carne, unha de peixe, unha de pito, seis de arroz, dous de manteiga, unha e media de feixóns, catro onzas de manteiga e cinco ovos. Era unha ración calculada para cada cubano dispor dunha cota normal de calorías diarias. Había racións especiais para os nenos, segundo a idade, e todos os menores de catorce anos tiñan dereito a un litro diario de leite.

Máis tarde empezaron a faltar puntas, deterxentes, lámparas e outros moitos artigos indispensábeis na casa, e o problema das autoridades non era regulamentalos, senón conseguilos. O máis admirabel era comprobar até que punto aquela escaseza imposta polo inimigo ía purificando a moral social. O mesmo ano en que se estableceu o racionamento ocorreu a chamada Crise de Outubro, que o historiador inglés Hugh Thomas cualificou como a máis grave da Historia da Humanidade, e a inmensa maioría do pobo cubano mantívose en estado de alerta durante un mes, inmóbiles nos seus sitios de combate ata que o perigo pareceu conxurado, e dispostos a enfrontarse á bomba atómica con escopetas.

No medio daquela mobilización masiva que bastaría para descompoñer calquera economía ben asentada, a produción industrial alcanzou cifras insólitas: rematou o absentismo nas fábricas e sorteáronse obstáculos que en circunstancias menos dramáticas terían sido fatais. Unha telefonista de Nova York díxolle nesa ocasión a unha colega cubana, que nos Estados Unidos estaban moi asustados polo que puidese ocorrer. En cambio, aquí estamos moi tranquilos -replicou a cubana-. Á fin e ao cabo, a bomba atómica non doe.

O país producía daquela zapatos abondo para cada habitante de Cuba poder comprar un par ao ano, de modo que a distribución canalizouse a través dos colexios e os centros de traballo. Só en agosto de 1963, cando xa case todas as zapaterías pecharan por non haber materialmente nada que vender, regulamentouse a distribución da roupa. Empezaron por racionar nove artigos, entre eles os pantalóns de home, a roupa interior para ambos sexos e certos xéneros téxtiles, pero antes dun ano tiveron que aumentalos a quince.

Aquel Nadal foi o primeiro da Revolución que pasou sen cochinito nin turrón, e cos xoguetes racionados. Con todo, e grazas precisamente ao racionamento, foi tamén o primeiro Nadal na historia de Cuba en que todos os nenos sen ningunha distinción tiveron polo menos un xoguete, A pesar da intensa axuda soviética e da axuda de China Popular, que non era menos xenerosa naquel tempo, e a pesar da asistencia de numerosos técnicos socialistas e da América Latina, o Bloqueo era entón unha realidade ineludible que había de contaminar até as gretas máis recónditas da vida cotiá e apresurar os novos rumbos irreversibles da historia de Cuba.

As comunicacións co resto do mundo reducíronse ao mínimo esencial. O cinco voos diarios a Miami e os dous semanais de Cubana de Aviación a Nova York foron interrompidos desde a Crise de outubro. As poucas liñas de América Latina que tiñan voos a Cuba, cancelaron a medida que os seus países interrompían as relacións diplomáticas e comerciais, e só quedou un voo semanal desde México que durante moitos anos serviu de cordón umbilical co resto de América, aínda que tamén como canle de infiltración dos servizos de subversión e espionaxe dos Estados Unidos.

Cubana de Aviación, coa súa frota reducida aos épicos Bristol Britannia, que eran os únicos cuxo mantemento podían asegurar mediante acordos especiais cos fabricantes ingleses, sostivo un voo case acrobático a través da ruta polar até Praga. Unha carta de Caracas, a menos de 1.000 quilómetros da costa cubana, tiña que darlle a volta a medio mundo para chegar á Habana. A comunicación telefónica co resto do mundo tiña que facerse por Miami ou Nova York, baixo o control dos servizos secretos dos Estados Unidos, mediante un prehistórico cable submarino que foi roto nunha ocasión por un barco cubano que saíu da baía da Habana, arrastrando a áncora que esqueceran levantar.

A única fonte de enerxía eran cinco millóns de toneladas de petróleo que os barcos soviéticos transportaban cada ano desde os portos do Báltico, a 14 000 quilómetros de distancia, e cunha frecuencia dun barco cada cincuenta e tres horas.

O Oxford, un buque da CIA equipado con toda clase de elementos de espionaxe, patrullou augas territoriais cubanas durante varios anos para vixiar que ningún país capitalista, salvo os moi poucos que se atreveron, contrariara a vontade dos Estados Unidos. Era ademais unha provocación calculada á vista de todo o mundo. Desde o Malecón da Habana ou desde os barrios altos de Santiago víase de noite a silueta luminosa daquela nave de provocación ancorada dentro das augas territoriais. Talvez moi poucos cubanos lembraban que do outro lado do mar Caribe, tres séculos antes, os habitantes de Cartagena de Indias padeceran un drama similar.

As 120 naves mellores da Armada Inglesa, ao mando do almirante Vernon, cercaran a cidade con 30 000 combatentes selectos, moitos deles recrutados nas colonias americanas que máis tarde serían os Estados Unidos. Un irmán de George Washington, o futuro liberador desas colonias, estaba no Estado Maior das tropas de asalto. Cartagena de Indias, que era famosa no mundo de entón polas súas fortificacións militares e a espantosa cantidade de ratas das súas cloacas, resistiu ao asedio cunha ferocidade invencibel, malia seus habitantes ter que alimentarse co que podían, desde as cortizas das árbores até o coiro dos tallos. Ao cabo de varios meses, aniquilados pola bravura guerreira dos asediados, e destruídos pola febre amarela, a disentería e a calor, os ingleses retiráronse en derrota. Os habitantes da cidade, en cambio, estaban completos e saudables, pero coméron até a última rata.

Moitos cubanos, por suposto, coñecían este drama. Pero o seu raro sentido histórico impedíalles pensar que puidese repetirse. Quen imaxinaría, no incerto aninovo de 1964, que estaban aínda por vir tempos peores daquel Bloqueo férreo e desalmado, e que chegarían a non ter nin auga para beber en moitos fogares e en case todos os establecementos públicos.

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras