Ventil Carvalho – Terra Sen Amos
Unha información distribuída pola BBC o pasado dia 27, acusa a Cuba de non querer participar no banco COVAX de vacinas, como se esa decisión revelase insensibilidade do goberno socialista cara aos países empobrecidos e expuxese a illa aos riscos de non contar coa opinión das grandes farmacéuticas. Na realidade o banco COVAX non fai senón defender os negocios desas grandes farmacéuticas e protexer as súas patentes contra os intereses dos países do Sur. Dende xaneiro, as entregas de vacinas por baixo das cantidades contratadas provocan unha alarma que encarece de seu os prezos de catálogo dos xigantes da farmacopea o que non lles impide finxir que son de balde as cantidades menores outorgadas aos países pobres. Nada máis falso. O servizo público de noticias do Reino Unido acusa na mesma información ao goberno socialista de someter a súa poboación aos efectos imprevisíbeis das vacinas propias.
O sistema de produción de información da BBC gábase de dispor de mecanismos de contraste e comprobación que foron expresamente ignorados neste despacho concreto. Cuba produce, entre un extenso grupo de específicos de éxito, 8 das 11 vacinas que adoita administrar á poboación a traveso dun dos mellores sistemas de asistencia pública universal e sen custe que existen no mundo. No Reino Unido, as probas clínicas das vacinas corresponden, como en Cuba, a unha instancia pública estatal que, no caso británico, non debeu facer seu traballo con corrección, a vista da desconfianza que rodea a vacina de Astra-Zéneca, primeiro vetada en xaneiro para pacientes de maior idade e simultaneamente criticada pola propia chanceler Ángela Merkel a causa de reaccións adversas con efecto de morte e lesións. Tendo en conta este contexto, a información da BBC parece máis ben un guión do gabinete prensa de Downing Street para dirixir o cano das falcatruadas de Boris Johnson cara o Caribe e convencer aos desesperados brexiteers de que a causa de o seu malpasar procede dunha illa bloqueada e metida polos curmáns de Washington nun rexistro de países terroristas. Lendo o despacho da BBC calquera podería deducir que fabricar vacinas propias é unha irresponsabilidade cando existe a acreditada farmacia británica, promotora, entre outras glorias, da Thalidomida a Bencedrina, ou a exportación selectiva de opio con fins políticos.
Doutra parte, e malia os extensos intereses británicos en África, non hai noticia de intervención médica do Reino Unido neste continente o que contrasta coa brillante actuación das brigadas cubanas contra o SIDA, primeiro, e a seguir para conter o Ébole. O despacho da BBC, que acusa de exposición imprudente a Cuba por atreverse a facer probas clínicas das súas propias vacinas sen preguntarlle antes ás grandes marcas da farmacia privada británica, podería ter sido diferente mediante a comprobación nos arquivos da axencia, da actuación solidaria das brigadas médicas cubanas en 50 paises. Ou se cadra a BBC non considerou de importancia esta xesta, da pequena illa socialista, non só en paises do Sur senón, e concretamente contra a Covid-19, en Turín.
Sobre a COVAX, que a BBC considera mecanismo indispensábel para poder levar vacinas aos lugares de desmemoria e pobreza que multiplican no mundo as políticas de librecambio e a venda compulsiva de armas, é ilustrativo consultar o informe actual de Harris Gleckman, ex funcionario da ONU que define ao banco de vacinas como recurso criado pola cobiza perversa contra a saúde pública promovida pola fundación de Bill e Melinda Gates. Fundada pola Alianza Mundial para Vacinas e Inmunización e pola Coalición para o Anovamento e Fabricación de Específicos contra Andazos (GAVI e CEPI, nas súas siglas en inglés) naceran no Foro de Davos e malia a OMS aparecer citada en informacións tan pendidas coma esta que se cita da BBC, a participación da axencia da ONU para a saúde é tan inevitábel como desprovista de capacidades. A toma de decisións de COVAX corresponde aos presidentes de GAVI e CEPI.