Todalas entradas de Terrasenamos

A patria como construción colectiva

“Faise necesario falar de patria como consolidación da existencia colectiva, como propósito estratéxico de emancipación dunha comunidade concreta”

Farruco Sesto Novás – Nós Diario

“Eu vin cousas que vós non creriades”. Vin, por exemplo, a dereita política, que por definición é inimiga de todo sentimento igualitario, apropiarse do concepto de patria e facelo seu, como se lle pertencese. E dígoo baseándome na definición martiana de que “patria é humanidade” que, como sabemos, á dereita prodúcelle urticaria.

Porque penso que é a partir de alí, desa disposición sinxela sobre a igualdade real de todas e de todos os habitantes dunha comunidade nacional, en función xustamente da súa humanidade, que haberemos de reflexionar sobre a idea da patria e colocala como emblema de loita, como unha das nosas bandeiras. Das bandeiras da esquerda social, na cal milito.

No particular interésame moito ese tema, o tema da patria, non tanto nos seus aspectos emotivos, aínda recoñecendo a súa importancia en cada un de nós como vivencia persoal, senón sobre todo na súa calidade política. Interésame o tema da patria como consolidación da existencia colectiva. Como propósito estratéxico xeral de emancipación dunha comunidade. Sexa cal for e onde queira que se atope. Falemos da nosa ou de calquera patria. Digamos, por exemplo, a da comunidade nacional á que pertenza o lector que comigo dialoga.

Ao considerar o tema da patria, non podo desvencellarme da historia que nos trouxo ata aquí, porque é unha das súas liñas de sustentación. Pero máis que ao relato do poder ou dos poderes que nos someteron e asoballaron a través dos séculos, gústame vincularme ao de quen padeceron esa mesma historia. Quero dicir, para que ben se entenda a miña posición, que non penso que deba reclamarse a identidade con base aos reis, aos bispos, aos grandes propietarios ou armadores de tales estruturas de poder, senón con base á alma colectiva de quen construíu co seu esforzo o ámbito da vida cotiá a través dos tempos.

E con isto voume á segunda das liñas de sustentación. A dacultura que nos conforma como comunidade. Ou, por mellor dicilo seguramente, a das culturas, vivas, interactuantes, nunca anquilosadas, en evolución constante, de fala, de expresión, de creación, de produción, de interrelación, nun espazo espiritual compartido con todas as xanelas abertas e un mobiliario que se renove cada tanto, pero cun mesmo teito protector das inclemencias. Un teito maternal construído por xeracións de mans entregadas á causa común de manter un gran fogar de dignidade para todas e todos quen neste espazo habiten ou veñan habitalo. Non sei se me explico. Espero que si.

Hai que considerar tamén, por suposto, unha terceira liña fundamental de sustentación da idea de patria, que é obviamente a do territorio. Territorio amado, intensamente noso, mesmo desde as distancias persoais nalgúns casos, sen dúbida, no que nos relacionamos como comunidade. Porque sen el (como no caso de pobos irmáns que tristemente non poden gozalo a plenitude) a patria non sería máis que unha esperanza ou unha motivación para a subsistencia.

A cuarta liña de sustentación da idea de patria é a do proxecto colectivo. A construír democraticamente con participación activa de todas e de todos. Como un proxecto aberto e pleno de emancipación a partir da historia vivida, fundamentado sobre a cultura ou culturas que constitúen a alma colectiva, por así dicilo, e para ser desenvolto no territorio que é casa común.

Porque esa patria así pensada, así constituída, sen donos, sen oligarquías, nin posuidores especiais, é a única, verdadeira, e extraordinariamente fermosa patria posible. Unha patria pola que valla a pena vivir e ata morrer. Construída desde o amor, a comprensión, a irmandade, o soño compartido.

Pero esa patria non pode ser endexamais a da dereita, que é ideoloxicamente adversa a ela. Por moito que reclame o monopolio da idea de patria. Debido a que para a dereita a patria, baleirada de contido, é só unha desculpa e, en todo caso, un instrumento afinado para a dominación. Nunca para a liberación.

Publicado en Nós Diario 31 de outubro de 2020

O peche da Western Union castiga a Cuba sen remesas mais tamén aos intereses dos EUA

Merce Arnoia – Miami – Terrasenamos

O rexime dos EUA terá que dar conta do dano que está a causar  ao pobo cubano, ás familias, aos cubanos residentes no exterior ao crearen atrancos para a comunicación familiar, as viaxes, as visas e as transferencias.  O custo que representa para o pobo de Cuba a última volta de barazo do bloqueo económico, comercial e financeiro dos EUA, foi  explicado polo ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, nunha panorámica retrospectiva da violación dos dereitos humanos e da soberanía da illa. Máis de 400 oficinas de la Western Union houberan de pechar, por mor do cálculo imperial que sacrifica por votos en Florida ao pobo de Cuba.

Mais bloqueo económico contra o pobo de Cuba e algo máis coima para a opinión comprada dende os EUA

O adianto do informe sobre o impacto desta política, que será presentado á Asemblea Xeral das Nacións Unidas en maio de 2021, acusa a Casa Branca de se aproveitar das terribeis condicións da pandemia de COVID-19 para agravar de forma límite, cruel e sen precedentes, do conxunto de perxuizos causados polo bloqueo, definidos como xenocidio na Convención de Xenebra de 1948.

Desde abril de 2019 até marzo de 2020, o cerco estadounidense causou danos a Cuba por valor de 5.570.000 millóns de dólares, superando en ao redor de mil 226 millóns os prexuízos da etapa de bloqueo precedente.

Primeira vez que o total das afectacións reborda a barreira dos cinco mil millóns de dólares nun ano, o que ilustra até que punto  medrou o bloqueo. Rodríguez acrecentou que esas cifras non contemplan as accións de Washington no contexto da actual emerxencia sanitaria internacional, pois estas proceden de fóra do período analizado.

Cinismo do Goberno estadounidense ao pretender que as carencias causadas por esta ilegal política, no inciden nas vidas dos cubanos e cubanas e afectan somentes, ao seu ver, a persoas vinculadas á dirección do país caribeño. Con eses argumentos pretenden cambiar  a Constitución cubana, as leis e a forma soberna de gobernar a nación por decisión do seu pobo.

Bruno Rodríguez engadiou que o bloqueo estorba asemade a vida dos  cidadáns estadounidenses, ao restrinxir súa liberdade de viaxar e outros dereitos, o cal contradi os valores democráticos e humanitarios que asegura defender o goberno dos EUA.

Afecta polo tanto aosprincipios de comercios dos EUA e das súas empresas e mesmo ao propio interese nacional, visto que Washington padece aillamento, descrédito e contradicións crecentes cos seus aliados,debido á insólita intromisión para alén das súas fronteiras,  verdadeiramente allea ao dereito internacional .

PROEZAS DE CUBA NA LOITA CONTRA A PANDEMIA

Fernando Bossi Rojas – Resumen Latinoamericano

Neste breve artigo fálase de Cuba e a súa loita contra a Covid 19, pondo en evidencia como os medios de comunicación hexemónicos mundiais e certos organismos internacionais, ningunean o exemplo do país caribeño e os seus logros en materia de medicamento, eficiencia e solidariedade.

O imperialismo exportador de armas, bloquea unha illa que envía solidariamente médicos a 58 paises.

Existe unha listaxe elaborada en 2019 que presenta aos países que brindan mellor cobertura de sanidade universal a súa cidadanía, a partir dos indicativos da Organización Mundial de Saúde (OMS). Dos 191 países desa táboa, só 25 cumpren coas esixencias establecidas pola OMS para promover e garantir a saúde das persoas. Cuba non aparece entre eses 25 países.

Compre revisar a precisión do baremo, tendo en conta o que sucedeu coa pandemia e como foi a atención cara aos contaxiados da Covid-19. Saben quen son os países que están no primeiro e no segundo posto? En primeiro lugar Francia e no segundo Italia. Lembremos que Italia, ante o colapso do seu sistema de saúde, apelou á axuda de médicos de Cuba (o país ao que asignan o posto 39) para enfrontar a epidemia.

Subirá a localización de Cuba nesa listaxe no ano 2021, despois de analizar o seu desempeño durante a pandemia?

Tamén chama a atención que o país latinoamericano mellor situado no devandito baremo é Colombia, no posto 22, logo Chile no 33 e Cuba no posto 39! Que curioso, non?

Porén, revisando as distintas cifras e estatísticas que se manexan sobre a Covid 19, inclínome a destacar aquelas que indican cantidade de mortes por cada 100 mil habitantes, debido a que dan unha dimensión real do efecto da pandemia e dos resultados da atención médica cara á poboación, considerando varios factores que, de remate, conflúen no resultado de evitar mortes e, polo tanto, salvar vidas.

1,08 falecidos por 100.000 habitantes

Considerando as cifras ao día 5 de outubro de 2020, en América, Perú é o país que ten os resultados máis preocupantes: 102,35 mortes sobre cada 100 mil habitantes, con 32.742 falecidos. Agora vexamos aqueles dous países que sitúan enriba de Cuba na lista da OMS, Colombia e Chile: 1) Colombia rexistra 53,80 mortos por cada 100 mil habitantes, cun total de 26.712 falecidos, 2) Chile mostra 69,61 mortos por cada 100 mil habitantes cun total de 13.037 Saben cantos ten Cuba? A cifra é 1,08 falecidos por cada 100 mil habitantes; o total de mortos pola Covid 19 na illa caribeña é de 123 persoas.

Non chama a atención que estes dous países que están por riba de Cuba no na listaxe mundial de saúde, rexistren unha cifra tanto máis alta de falecidos, 50 veces máis para Colombia e case 70 veces máis para Chile? Con todo a OMS, xunto ás ONGs que lle provén datos e estatísticas considera que o sistema de saúde de Colombia e Chile, privatizado en case un 90 por cento, é mellor que o cubano. Nesa mesma dirección, vale a pena mencionar que non hai ningún país en Europa, considerando aqueles con 10 millóns de habitantes ou máis, que poida presentar mellores estatísticas que Cuba. Lembremos a cifra de 1,08 falecidos por cada 100 mil habitantes na maior das Antillas. Vexamos o indicador para os países capitalistas desenvolvidos da Unión Europea. Sempre por cada 100 mil habitantes: Bélxica 88,02 falecidos; España 68,86; Reino Unido 63,75; Italia 59,58; Suecia 57,93; Francia 48,22…E Estados Unidos? Corroboramos a lamentabel cifra de 209.928 mortos, vale dicir 64,26 por cada 100 mil habitantes; 60 veces máis que en Cuba. Con todo, no ranking da OMS Estados Unidos figura no posto 37, dous lugares por riba de Cuba.

Volvendo a América Latina e o Caribe veremos que os países con menos falecidos por cada 100 mil habitantes son: Cuba con 1,08; Uruguai con 1,39; Venezuela con 2,26 e Nicaragua con 2,34. Os tres países maiores que integran a Alianza Bolivariana para os pobos da nosa América (ALBA) promedian 1.89 falecidos por cada 100 mil habitantes; e os tres países (Cuba, Venezuela e Nicaragua) limitan ou se sitúan a curta distancia de Estados Unidos, Brasil e Colombia, países que presentan cifras alarmantes e que encabezan a porcentaxe maior de mortos, todos eles entre os primeiros 10 países con máis falecidos pola Covid-19 do mundo.

Médicos de Cuba a 58 nacións

A maiores, Cuba non só está a atender á súa poboación cunha eficiencia e éxito corroborado desde calquera ángulo que se analice, senón que tamén deu resposta ao chamado doutros países, brindando a súa colaboración con médicos, enfermeiros/as e persoal sanitario especializado. O Ministro de Saúde Pública, Doutor José Ángel Portal Miranda, na súa intervención no 58º Consello Directivo da Organización Panamericana da Saúde manifestou: “Ante a solicitude de varios gobernos, 52 brigadas do Continxente ´Henry Reeve´ colaboraron no combate á pandemia en 39 países, 22 deles na rexión das Américas. Estas brigadas sumáronse aos 28 mil profesionais que xa traballaban en 58 nacións”.

Nótese que a illa, de pouco máis de 11 millóns de habitantes, conta con máis de 95.000 médicos, case 9 médicos por cada mil habitantes, e máis de 85.000 enfermeiros/as. Sabe vostede cal é o país do mundo que conta con máis médicos por cada mil habitantes? Cuba, si. Con 8,4 exactamente. Ségueo Alemaña, con precisamente a metade, 4,2; e en América Latina, Arxentina, con 4 por cada mil habitantes. Ningún país do mundo manifestou a solidariedade efectiva de maneira tan diáfana como Cuba. E por se non fose abondo,  científicos e investigadores cubanos desenvolverann a “Soberana 01”, vacina contra a Covid 19 que xa está en etapa de proba. Hai un mes aproximadamente, a vacina “Soberana 01” comezou os ensaios clínicos en humanos e converteuse na primeira de América Latina -e de todo o mal chamado mundo subdesenvolvido- en avanzar a esa nova fase. O presidente Miguel Díaz-Canel,  sinalou: “O nome da vacina recolle o sentimento de patriotismo e de compromiso revolucionario e humanista con que se traballou. Fazañas como estas reafírmannos o orgullo de ser cubanos”.

Os medios de comunicación hexemónicos fan por agachar estas informacións, ou minimizalas. Nin os éxitos no tratamento da pandemia en territorio cubano, nin a xenerosidade de Cuba ao apoiar con persoal médico a países en dificultades, nin a vacina cubana, actualmente en elaboración, son noticia para os media dominantes.

Os sobresaíntes logros de Cuba, o seu pobo, o seu goberno e a súa Revolución, axigántanse aínda se temos en conta o salvaxe bloqueo que o goberno estadounidense exerce sobre a illa. Este bloqueo contra Cuba -económico, comercial e financeiro-, que se aplica ininterrompidamente dende hai seis décadas, é o sistema de sancións unilaterais máis inxusto, perverso e prolongado que se aplicou contra país algún na historia. O Ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, no 74º Debate Xeral da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas, o 28 de setembro de 2019, manifestou: “Resultan incalculables os danos humanos que produciu a aplicación destas sancións. Non hai familia cubana nin sector no país que non as padecese. Máis do 77 por cento da poboación cubana ten nacido e crecido baixo o cerco económico que impón Washington”.

Con todo, a pesar das ataduras impostas polo imperialismo ianqui, o boicot por parte dos medios masivos de comunicación, a ocultación de certos organismos internacionais e a covardía dos lacaios de Washington, Cuba segue sendo abandeirada da solidariedade e exemplo do compromiso cos máis necesitados. Respecto diso, o 2 de outubro de 2014, o Comandante Fidel Castro sinalaba: “o persoal médico que marcha a calquera punto para salvar vidas, aínda a risco de perder a súa, é o maior exemplo de solidariedade que pode ofrecer o ser humano”.

Non parece de xustiza que o Premio Nobel da Paz sexa entregado aos médicos cubanos?

Tradución ao Galego de Paulina Gontade, para Terra Sen Amos

Sobre a negada existencia do imperialismo

Venezuela non está soia contra o imperialismo.

Farruco Sesto – Mar de Leva, El Correo del Orinoco

Non hai tal cousa coma o imperialismo. Eis o que asegura o imperialismo mesmo e confirma con voz coral e unánime a súa parroquia. O imperialismo non existe.

Polo que din, a idea mesma da existencia do imperialismo  é unha leria hai tempo inventada pola esquerda internacional e agora defendida, entre outros inimigos das liberdades, polo castrochavismo bolivariano e comunista que o que busca e rachar a paz e a orde instituidas en Occidente.

O imperialismo, ao que Mao dera nome  de tigre de papel, non existe.

O imperialismo que Fidel chamaba becho, barracuda, tabeirón, abutre e todas as alimañas xuntas, non existe.

O imperialismo, que en palabras de Chávez é demo verdadeiro, non existe.

Asi que xa están avisados.

Porque o máis terríbel do seu o paradoxo cernal de ser e non ser, é que o imperialismo armou a pé feito un mundo no que ti estás ao seu dispor, e para o seu invento funcionar a xeito, aplicouno coa política do pan e a vara.  Para o caso, o pan é a vara,  e a vara, nin que dicilo, é partirlle o brazo e a vida ás nacións que non obedezan. Mesmo para levalas  a agonía, se for preciso.

Para conseguilo, manexa a fórmula seguinte, que sen ser gramaticalmente un imperativo, sí que o é xeopoliticamente:  ou entregas a alma e as materias primas ao Imperio e lle ris as charamanduscas ou terás que pagar as consecuencias.

Decatácheste? Quedou ben claro o asunto? Non existe o imperialismo. Xa dixeran sabios doutores que non hai nada diso. Está máis que demostrado.

Mais ti pórtate ben, non vaia ser o caso, e non cultives idea ningunha de soberanía: non permitas que che corra polas veas nin pinga de sangue emanciapador, non ergas sobre as cadeas que te asoballan, non fales de amor, de xustiza, de dignidade, de independencia, e non te me xuntes co arruallo reblde da historia insurxente. Como tal fagas, hante chamar régimen que ven sendo o máis estartaleirado que se pode ser.

Agás que queiras ser ti mesmo, porque iso ten un prezo.

Prezo que moitos pobos dignos pagaron con demasía, e ainda coidan que lles valeu ben a pena.

*Farruco Sesto Novás foi ministro de Cultura do goberno venezolano e milita no Partido Socialista Unido de Venezuela.

Bloqueo redobrado, caida do turismo e desabastecemento, aprazan de novo a unificación da moeda cubana

Mario Muñoz –Prensa Latina

Alejandro Gil Fernández, ministro de Economía  comentou que a Estratexia Económica e Social de Cuba non ten previsto incrementar ofertas en Moeda Libremente Convertibel (MLC)  Gil Fernández participou dia 19 pasado nunha palestra xunto ao xefe da Comisión de Lineamentos, Mariño Murillo Jorge, para responder as opinións e inquedanzas da poboación sobre o previsto ordenamento.

O Peso convertíbel está morto e ainda non enterrado mais o  asañamento do Bloqueo retrasa a tan esperada unificación monetaria.

A pregunta de por que tendo anunciada a unificación monetaria, aparecen novos comercios en MLC, o ministro explicou que a razón é o complexo contexto financeiro e de abastecementos que vive Cuba, especialmente, desde 2019. O ministro culpou ao asañamento do bloqueo, a falta de combustibeis e ao descenso dos ingresos do turismo, sen voos e sen cruceiros, e dixo que a dolarización parcial era unha medida «necesaria mais non desexabel».

Cuba precisa divisas para producir produtos que logo vende en pesos cubanos e CUC. Para reaprovisionar mercados require divisas. E se non as hai, aínda habendo demanda, é difícil reabastecer mercados ao tempo que prolifera a economía informal. O ministro sinalou que os mercados desabastecidos non son fonte de ingresos e a  industria nacional, con capacidades produtivas instaladas e sen poder producir por falta de financiamiento, non participa da economía informal ou paralela e corre asemade o risco de non desenvolverse.

Gil Fernández  dixo que a coincidencia das fronteiras pechadas desde marzo, os impactos sobre os ingresos xerados polas exportacións e o redobrado bloqueo dos EUA, eran pezas dun escenario insólito que só se poderá paliar contando coa axuda consciente da  poboación.

Acrecentou que o fito do ordenamento monetario é que o país traballe co Peso Cubano coma moeda única o que significa que as tendas en MLC son transitorias, necesarias e non desexabeis a medio prazo, malia permitiren que a industria nacional participe, os mercados conten con recursos propios e recádense divisas.

“A estratexia non é dolarizar a economía, senón quedar cunha soa moeda: o CUP, que é a moeda na que se pagan os salarios e na que se venden os produtos polo miúdo e aos armacenistas. Ora, non podemos predicir até cando durarán as tendas en MLC porque estamos nun momento excepcional”.

Debate sobre a morte do CUC

 O ordenamento monetario en Cuba, coas medidas complementarias e a previsíbel pegada na vida doméstica, foi novamente debatido na illa a partir dun artigo publicado no diario Granma 19 de agosto, co título Unificación monetaria no horizonte de Cuba. Especialistas do Banco Central de Cuba trataban neste texto a necesidade de eliminar a dualidade monetaria e cambiaria, prioridade presente hai anos nos documentos rectores da política económica e social da nación.

A seguir, apareceran inquéritos sobre o cámbio monetário nos que a poboación expresábase encol da reforma, e, no entanto, podíamos ler nas redes sociais opinións a prol ou en contra da importante reforma.

“Sería oportuno que economistas e outros especialistas explicasen ao pobo as consecuencias previsíbeis deste proceso, positivas e negativas”, pediu no Facebook o internauta Abel Tablada. Na mesma rede, o profesor e académico cubano Julio Carranza dixo que a reforma cambiária sería a parte máis difícil deste proceso.

Non é a primeira vez que inzan en Cuba rumores desta caste, depois de o Consello de Ministros anunciar 25 de outubro de 2013 que comezaría a traballar no proceso de unificación. Co gallo deste anúncio, non foron poucas as persoas que trocaron nos estabelecementos de CADECA (Casas de Cambio) os seus pesos cubanos convertíbeis (CUC) en pesos cubanos (CUP). Cuba conta con estas dúas moedas oficiais e un CUC equivale a 25 CUP.

O CUP foi proclamado oficialmente moeda funcional en marzo de 2014, a partir de tres resolucións do Ministerio de Finanzas e Prezos,con vistas a desaparición do CUC. Desde esa data e ao longo de 2015, moitos economistas anticiparon o chamado Día Cero da unificación monetaria, mais a reforma non deu chegado e até 2017 non reapareceron comentarios sobre o tema. Nesa altura falouse da constitución de equipas de expertos encargados de afinar pormenores da reforma, na previsión de o seu saldo ser positivo para o país, malia anticipar custos económicos e sociais.

Tamén a finais do 2019 circularon rumores dun cambio inminente do valor do dólar con respecto ao CUP de un por 50, decontado desmentidos polo viceprimeiro ministro Alejandro Gil, en declaracións a Prensa Latina.  Negóu Gil, que é asemade ministro de Economía e Planificación, a data de 1 de xaneiro de 2020 para a entrada en vigor da reforma.

Coicidindo cun feixe de medidas para enfrontar a crise global ocasionada pola Covid-19 e o asañamento do bloqueo dos EUA contra Cuba, soaron novamente  os sinos da reforma económica.

O pasado 16 de xullo, o presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, anunciou, ao cabo do Consello de Ministros, que o goberno estaba a ultimar detalles para completar en breve a unificación monetaria e cambiária. Falando na Televisión Cubana, precisou que a unificación eliminaría case a totalidade das trabas que gravan o desenvolvemento das forzas produtivas.

Máis unha vez, cubanos e cubanas maniféstanse verbo da posíbel proximidade das medidas. Sobre o asunto, o xornalista cubano Ariel Terrero, analista económico e colaborador da prensa impresa e televisiva, adiantou dous acontecimentos previos á reforma: o Día Cero e a nova tasa de cambios. Terrero é tamén director do Instituto Internacional de Xornalismo José Martí.

A demanda popular de máis información sobre os cambios previstos, aumenta arredor destes comentarios. Ariel Terrero transmite seguridade sobre a reforma que desta parece certa: “non nos deixaremos provocar”.

Traducido ao Galego para Terra Sen Amos, por Erea del Rio Iglesias