Farruco Sesto – Mar de Leva, El Correo del Orinoco
Non hai tal cousa coma o imperialismo. Eis o que asegura o imperialismo mesmo e confirma con voz coral e unánime a súa parroquia. O imperialismo non existe.
Polo que din, a idea mesma da existencia do imperialismo é unha leria hai tempo inventada pola esquerda internacional e agora defendida, entre outros inimigos das liberdades, polo castrochavismo bolivariano e comunista que o que busca e rachar a paz e a orde instituidas en Occidente.
O imperialismo, ao que Mao dera nome de tigre de papel, non existe.
O imperialismo que Fidel chamaba becho, barracuda, tabeirón, abutre e todas as alimañas xuntas, non existe.
O imperialismo, que en palabras de Chávez é demo verdadeiro, non existe.
Asi que xa están avisados.
Porque o máis terríbel do seu o paradoxo cernal de ser e non ser, é que o imperialismo armou a pé feito un mundo no que ti estás ao seu dispor, e para o seu invento funcionar a xeito, aplicouno coa política do pan e a vara. Para o caso, o pan é a vara, e a vara, nin que dicilo, é partirlle o brazo e a vida ás nacións que non obedezan. Mesmo para levalas a agonía, se for preciso.
Para conseguilo, manexa a fórmula seguinte, que sen ser gramaticalmente un imperativo, sí que o é xeopoliticamente: ou entregas a alma e as materias primas ao Imperio e lle ris as charamanduscas ou terás que pagar as consecuencias.
Decatácheste? Quedou ben claro o asunto? Non existe o imperialismo. Xa dixeran sabios doutores que non hai nada diso. Está máis que demostrado.
Mais ti pórtate ben, non vaia ser o caso, e non cultives idea ningunha de soberanía: non permitas que che corra polas veas nin pinga de sangue emanciapador, non ergas sobre as cadeas que te asoballan, non fales de amor, de xustiza, de dignidade, de independencia, e non te me xuntes co arruallo reblde da historia insurxente. Como tal fagas, hante chamar régimen que ven sendo o máis estartaleirado que se pode ser.
Agás que queiras ser ti mesmo, porque iso ten un prezo.
Prezo que moitos pobos dignos pagaron con demasía, e ainda coidan que lles valeu ben a pena.
*Farruco Sesto Novás foi ministro de Cultura do goberno venezolano e milita no Partido Socialista Unido de Venezuela.