Todalas entradas de Terrasenamos

Unha carta no “New York Times” exixe a Biden cesar seu anatema terrorista contra Cuba

Washington, 24 – Prensa Latina

A carta publicada no diario The New York Times reclama a Joe Biden, presidente dos EUA, pór fin, nos seus últimos 90 días no cargo, a brutal política contra Cuba do seu  antecesor, Donald Trump, que fai que a illa padeza simultaneamente unha grave crise enerxética e o recente impacto do furacán Óscar. A misiva chega aos lectores do diario por iniciativa de The People’s Forum. O escrito recorda que hai dez anos, o presidente Barack Obama abrira un novo e esperanzador capítulo nas relacións entre os EUA  e Cuba ao dar algúns pasos cara á normalización.

“Presidente Biden: ten 90 días para recusar a mortal política cubana de Trump”

A carta está aberta á firmas de todo o mundo na Internet, e transmite a gravidade do malpasar da poboación cubana fronte a consecuencias coma a caída do sistema eléctrico nacional que ven acrecentar o mal inflinxido polo bloqueo estadounidense que dura máis de 60 anos.

O estado de sitio impide ao país comprar combustíbel, acceder a bens esenciais e obter repostos para a súa rede eléctrica, deixando a millóns de persoas ás escuras – sinala a denuncia-,  mentres as seis décadas de bloqueo prexudicaron a balanza de Cuba en máis de 164 mil millóns de dólares e en perdas que superan os cinco mil millóns de dólares só no último ano (marzo do 2023 a febreiro de 2024) mentres os EUA fican sós na Asemblea Xeral da ONU contra o mundo que condena esta política.

Recorda que o sambenito de Estado Patrocinador do Terrorismo lanzado sobre Cuba por  Donald Trump,  aumentou un bloqueo de seis décadas con máis de 243 novas sancións o que “representa unha monumental  inxustiza deseñada para crear escaseza aguda, facendo imposíblel que o pobo cubano acceda a alimentos, medicinas e combustíbeis esenciais”.

Os asinantes da carta recordan a Biden que “nos 90 días restantes do seu mandato, ten a capacidade de arriar estas criminais medidas herdadas de Trump, e continuadas pola súa propia presidencia por tres anos e nove meses, feitos concretos que causan dano irreversible ao pobo de Cuba, non só ao goberno”.

A eliminación da condena de Estado Patrocinador do Terrorismo “permitiría a Cuba realizar transaccións financeiras, restaurar a súa rede eléctrica e mesmo abordar a escaseza de alimentos e medicinas para aliviar as inmensas dificultades que enfronta o pobo cubano, que soportou máis de 62 anos de dificultades económicas baixo o embargo (bloqueo)”Este apagamento devastador é só un aspecto do legado de Estados Unidos de provocar o sufrimento na illa a través desta política de asfixia”.

A carta reitera a elemental esixencia de anular a brutal política de Trump e recorda que “non é demasiado tarde para facer o correcto e cambiar esta realidade cunha simple firma: é hora de actuar. Que Cuba viva!”.

Hoxe, 24 de outubro, Cuba traballa por volver a normalidade do subministro eléctrico logo da desconexión total que causara problemas en toda a illa o pasado 18 de outubro.

Mellora a rede eléctrica de Cuba mentres atenden os danos do furacán en Guantánamo

Cubadebate – Terra Sen Amos

O presidente de Cuba dirixiuse á prensa ao concluír a reunión de análise que o goberno ven realizando dúas veces ao día como parte do seguimento da emerxencia eléctrica e do furacán Oscar , virado en tormenta tropical sobre as provincias orientais. Sobre a rede eléctrica, sinalou que a partir da madrugada de Segunda e logo de terse producido a terceira entrada en perda da rede, o Servicio Eléctrico Nacional (SEN) realizou unha revisión integral do sistema eléctrico en función da capacidade de produción, da experiencia da dirección técnica e da información aportada polas  equipas de intervención e de mantemento e das termo-eléctrica así como da lectura dos rexistros das sucesivas caídas de subministro.

O furacán Oscar abandona Guantánamo depois de se cobrar seis vidas.

Diaz-Canel falou dun un avance con máis dun 36% do subministro eléctrico restablecido, funcionando con unha estabilidade que asegura a progresiva extensión do servizo. Apuntou que na Habana hai máis dun 90 % do servizo recuperado mentres se traballa por incrementar os niveis no resto do país, así como para atender especialmente a problemática das provincias orientais que están baixo a influencia do furacán Óscar.

“Imos a dous momentos en relación á emerxencia eléctrica: un primeiro momento de superación da emerxencia e o paso a unha etapa de manexo dos déficits que nos quedarán, que era a situación que estabamos a vivir antes do primeiro proceso de desconexión; a dispoñibilidade de combustibeis que un grupo de xestión interesou en países amigos, permitirannos  pasar a condición de ir diminuíndo gradualmente os déficits de xeración, malia termos enfronte unha tarefa de envergadura nas condicións económicas e financeiras que atravesa o país”. Na loita contra as adversidades das últimas semanas, o presidente referiuse con orgullo “a comprensión e comportamento do pobo cubano e, nomeadamente á solidariedade entre veciños e comunidades, e para facilitar os traballos que se están facendo, tanto para estabilizar o SEN como para enfrontar o furacán”.

Gabóu o presidente a entrega do persoal do SEN, que traballa ao límite para dar feito en menor tempo a subministración estabel de enerxía á poboación. “En todos apreciamos o degaro de levar á poboación a unha mellor situación”.

 Así mesmo resaltou a disposición dos cadros do Partido, do Estado, do Goberno, as administracións, o sistema empresarial e as organizacións de masas “que en miles están nos lugares con máis complexidade e atendendo á poboación”.

Ao describir o contraste con esta determinación de unidade para superar a adversidade, o presidente referiuse a “actuacións que procuraran provocar alteracións da orde pública con feitos vandálicos e alteracións da tranquilidade cidadá do noso pobo; a orientación destas actuacións indecentes procede dos operadores da contrarrevolución cubana dende o exterior, e nunca a Revolución vai tolerar este xénero de condutas”.

Venezuela recorda que a caída do sistema enerxético cubano é parte do bloqueo imperialista e reclama solidariedade

Axencias de Cuba – Terra Sen Amos

Venezuela expresou hoxe a súa absoluta solidariedade e apoio incondicional a Cuba, mentres a illa lida contra unha caída do sistema eléctrico por causa dunha avaría na central termoeléctrica Antonio Guiteras, de Matanzas.  Para o goberno bolivariano esa situación é consecuencia da “cruel intensificación da guerra económica e acoso de parte do goberno dos EUA contra Cuba a través da aplicación dun cerco económico, financeiro, comercial e político e da diaria procura conspirativa dunha paralización do sistema de produción de enerxía que poda inzar o descontento.

Sendo a conversión térmica a partir de hidrocarburos o sistema herdado de xeneración de enerxía de Cuba, o goberno socialista procura dende hai anos a diversificación de fontes e a sincronización integral do sistema con resultados positivos, incomparábeis no continente.

A República Bolivariana ten acudido a todos os esforzos, que de maneira heroica realiza o goberno e o pobo de Cuba, por mitigar os impactos das criminais e medidas coercitivas unilaterais, que buscan o castigo colectivo. Venezuela coida que o cerco enerxético a Cuba “representa un crime de lesa humanidade en contra da valerosa nación revolucionaria” e ao tempo recorda que Cuba conta “con todo o apoio da Revolución Bolivariana para enfrontar esta situación e superala, como ten a certeza de que así vai suceder”.

O Goberno bolivariano exhortou á comunidade internacional, especialmente á latinoamericana e caribeña, a mobilizarse en apoio a Cuba e condenar de resoltamente o bloqueo. Nese sentido, esixiu o retiro inmediato de Cuba da infausta lista unilateral de países acusados polos EUA de apoiaren o terrorismo, falso cartaz de Nacións Inimigas da Humanidade que agrava o bloqueo e encirra as dificultades económicas.

Nun  recente artigo publicado en Resumen Latinoamericano, Raúl Capote, experto crítico da longa conspiración imperialista contra Cuba, ironiza cos inxenuos defensores da privatización, predicada polos media da Contra que idealizan os servizos da Compañía  Cubana de Electricidade, a mesma empresa colonial de marca gringa que cobraba prezos astronómicos e tiña a metade da poboación de Cuba non con apagamentos, senón na escuridade de por vida, sobre todo no medio rural.

“Se queren –di Capote- poden preguntar en Porto Rico por LUMA ENERGY e os tremendos apagamentos que producen dende hai anos, pola cobiza rentista da empresa privada, ou vaian a Ecuador para saberen de apagamentos de máis de 10 horas, malia estaren libres de guerra económica e do bloqueo”.

“A historia ensinounos a non depender de ningunha potencia estranxeira” (Sissi Abay,  subdirectora do “Centro Fidel Castro Ruz”)

RICARDO SUÁREZ – NÓS DIARIO

Sissi Abay é a subdirectora do Centro Fidel Castro Ruz, institución pública que divulga o pensamento e a obra do líder cubano, quen tamén tivo un papel fundamental no Movemento dos Países Non Aliñados (NonAl). “Fidel foi un promotor da esencia dos NonAl porque entendía o risco que supuña a guerra para a humanidade e o papel que xogaban os países non aliñados para evitar os conflitos”, explica Abay. “No momento no que vivimos, no que obviamente estamos nunha situación moito máis complexa que nunca, con Estados que teñen armas nucleares e de destrución masiva e cunhas tensións crecentes en Oriente Medio que poden levar a un conflito internacional coa participación das principais potencias mundiais, o chamado á paz que defendía Fidel e no que os países non aliñados xogan un papel protagonista é moi necesario”.

Sissi Abay (Foto Arxina, Nos Diario)

Esta terza feira coñeceuse que Cuba solicitou a súa incorporación no grupo de Estados dos Brics+. 
Cuba está disposta a dialogar de igual a igual con calquera Estado, mais a historia ensinounos a non depender de ningunha potencia estranxeira, chámese China, Rusia ou EUA. Con todo, é certo que hai Estados cos que temos mellores relacións históricas e que teñen posicións diferentes con respecto aos EUA, como son os Brics+, o que supón unha oportunidade para Cuba.

Cuba leva décadas padecendo o bloqueo por parte dos Estados Unidos. Que consecuencias ten?
Desde 1962 cando o presidente dos EUA John F. Kennedy asinou a lei que instrumenta o bloqueo económico á illa de Cuba, este tivo unha repercusión inmediata e devastadora para o noso desenvolvemento socioeconómico, algo que persistiu no tempo e que se agudizou con novas normas en 1992 e 1996.

Donald Trump endureceu estas medidas traendo un deterioro das posibilidades financeiras de Cuba, mesmo nos incluíu nunha listaxe de Estados que patrocinan o terrorismo, o que fixo que cada céntimo que chega ou sae da illa sexa perseguido. Trump tamén suspendeu as licenzas  outorgadas por Barack Obama, o que dificulta moito que a xente veña a Cuba, unha economía que potenciara moito os servizos, sobre todo os dirixidos ao turismo.

Cambiou a situación durante a Administración de Joe Biden?
Biden mantivo todas as medidas instauradas por Trump, a pesar de que se estabeleceron comunicacións bilaterais. O único elemento que mellorou foi a apertura da embaixada dos EUA na Habana para diversos trámites.

Cren que mudará algo se Kamala Harris é presidenta?
O pobo de Cuba aprendeu durante 66 anos de Revolución que non pode depender de quen ostente a Presidencia dos EUA. Temos que crear as vías que  permitan desenvolvernos cos nosos propios esforzos e potencialidades. Non deixamos de recoñecer a importancia que ten contar con socios e investimentos estranxeiros, mais temos claro que o obxectivo de calquera Administración dos EUA vai ser acabar coa Revolución Cubana.

O bloqueo dos EUA ten implicacións nas relacións de Cuba co resto do chamado Occidente? 
Temos relacións cordiais coa maioría dos Estados do mundo, incluídos os da OTAN, a partir do respecto mutuo e de igual a igual. Todas esas delegacións na ONU votan a favor das resolucións cubanas para acabar co bloqueo, hai respaldo diplomático posto que tamén son prexudicadas por esta situación, pensemos nun empresario que ten deixar de investir en Cuba por culpa disto, de calquera Estado, tamén sofre as consecuencias.

Con todo, os EUA penalizan os Estados que teñen relacións con Cuba, e esta coacción que exercen sobre o resto da comunidade internacional ten implicacións moi complicadas para nós e para o resto do mundo.

A pesar das dificultades, Cuba é exemplo en moitas materias.
Todo o proxecto de país que se constrúe a partir de 1959 está centrado no desenvolvemento humano, non só a través de altos niveis de eficiencia económica, senón tamén a nivel cultural, así como asegurando a educación e a sanidade universal e gratuíta.

Dan prioridade á cooperación.
Damos moita importancia a axudar aos pobos do terceiro mundo. En Cuba estudan mozos e mozas de 59 Estados no sistema de saúde pública. Ao ser sufragado polo Estado, hai que buscar moitas alternativas para non suspender ningún destes proxectos, o cal nunca foi unha opción.

Sissi Abay Díaz, participou en senllas palestras en Vigo e Compostela, organizadas pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, na compaña de Ibis Alvisa González, especialista principal da Dirección do ICAP (Instituto Cubano de Amizade cos Pobos) e de Noemí Rabaza Fernández, Vicepresidenta Primeira do ICAP. Sissi Abay foi editora encargada das Obras Escollidas de Fidel. TSA

FOMENTAR A SOLIDARIEDADE E DEFENDER A VERDADE SOBRE CUBA, OBXECTIVOS DO XVII CONGRESO DO MESC

MESC -TSA

O XVII Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba, centrado na loita política contra o bloqueo e na emerxencia de tirar Cuba da infame Lista de Países Patrocinadores do Terrorismo, celebrouse en Torremolinos (Málaga), do 4 ao 6 de outubro pasados. A convocatoria e o traballo de cooperación e de fomento da solidariedade organizou a medio do Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) e das delegacións participantes que tiñan o obxectivo común de fomentar a solidariedade material, a batalla cultural e a necesidade de definir estratexias para defender a verdade e contrarrestar a manipulación informativa sobre Cuba nos media do poder e nas redes sociais, sobre a base de defender a unidade e coherencia de acción e a promoción mesma do MESC .

A asemblea do MESC en sesión. En primeiro termo, Luisa Cuevas, delegada da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francico Villamil.

No sumario de acordos da Asemblea, a decisión de seguir defendendo e apoiando, sen ambigüidades, á Revolución cubana.  Trala celebración do histórico Tribunal Internacional contra o bloqueo dos EUA a Cuba, celebrado en novembro de 2023 no Parlamento Europeo, en Bruxelas, permanece o acordo de facer valer en todos os ámbitos posibles a sentenza que declarou culpábel ao goberno de EUA de crimes de agresión e de lesa humanidade e probábel xenocidio contra Cuba. A determinación do XVII encontro e pór fin a este crime, compensar as vítimas (ie.: o pobo cubano) A Declaración Final ten versións en eúscaro, galego, català e castelán.

“Loitamos polo levantamento total e incondicional do bloqueo económico, financeiro e comercial que, malia ser condenado de maneira categórica pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 31 ocasións consecutivas, segue en pé, freando o desenvolvemento económico e social de Cuba e xerando carencias e sufrimentos ao seu pobo”.

A asemblea advirte que no novo contexto na Unión Europea tralas eleccións de xuño de 2024, con institucións gobernadas por formacións aínda máis conservadoras ou de extrema dereita, onde Cuba é obxecto de agresións políticas, económicas e diplomáticas, é preciso esixir á UE que non sexa cómplice nin ceda ás presións de EUA, que siga denunciando o bloqueo dos EUA e que manteña e reforce o actual Acordo de Diálogo Político e Cooperación UE-Cuba .

A solidariedade recusa e condena a artificial inclusión de Cuba na lista espuria e unilateral dos EUA de países patrocinadores do terrorismo pretexto e medio que busca aumentar as limitacións económicas, comerciais e financeiras do bloqueo. Cuba foi vítima do terrorismo e ao garante da Paz recoñecida mundialmente. A Resolución coincide cos 48 anos do acto terrorista que explotou o avión do voo 455 de Cubana de Aviación asasinando a 74 persoas.

O XVII Encontro Estatal denuncia  a manipulación informativa contra a Revolución Cubana, exercida nos media dominantes así como o asoballo dos líderes electos polo pobo, a censura sobre os logros sociais e os exemplos de solidariedade internacionalista que Cuba ofrece ao mundo e o silenzo imposto sobre as accións do MESC.

Reclama o apoio político, económico e, na medida das posibilidades de cada organización, a Cubainformacion.tv como instrumento estratéxico do MESC e do conxunto do movemento de solidariedade internacional con Cuba, na batalla contra o bloqueo mediático e na defensa da verdade.

Recorda o pleno dereito de Cuba á devolución de Guantánamo á soberanía de Cuba, un territorio ilexitimamente ocupado polos EUA e usado como centro de detención e tortura.

Denuncia o finanzamiento millonario dos programas de intromisión  política e cisma na Isla, así como de todo tipo de grupos lexitimados mediaticamente como disidencia malia a súa recoñecida dependencia política e económica do Goberno de EUA e outras potencias estranxeiras, entre elas institucións do Estado español, que en calquera outro país do mundo, serían obxecto de castigo penal.

Inclúe o manifesto asembleario a reclamación dunha xusta compensación económica de parte do Goberno de EUA ao pobo cubano polos danos económicos e humanos ocasionados pola práctica criminal do bloqueo e outras agresións durante máis de seis décadas. A solidariedade cos procesos políticos revolucionarios e progresistas de América Latina e o Caribe e cos demais pobos do mundo que son vítimas da inxerencia de parte do imperialismo (guerra mediática, política, diplomática, económica e financeira por parte de importantes poderes internacionais) e a solidariedade coas  estruturas de integración rexional e unidade latinoamericana, como a ALBA, a CELAC, UNASUR ou PETROCARIBE, ou a nivel mundial os BRICS ou o G77 +China asi como a proclama de América Latina e o Caribe como Zona de Paz.

A defensa do legado de Martí, Fidel e do Che e das súas achegas vivas no socialismo cubano está presente no manifesto da Asemblea.

Para a organización de actividades no 2026  con motivo do centenario do nacemento de Fidel Castro Ruz, o congreso adquire a compromiso de defender os ideais do Comandante e divulgar a súa obra política e legado, como referente e paradigma ético e político dos pobos do mundo, e a defensa das aportacións básicas do Centro Fidel Castro Ruz da Habana. Somos la #GeneracióndeFidel

Celebra que a Asemblea Nacional do Poder Popular conte na actual lexislatura cun 53,2% de mulleres deputadas cubanas, convertendo a Cuba no segundo país do mundo con maior representación parlamentaria de mulleres; recoñece a inxente contribución da Federación de Mujeres Cubanas á discusión e elaboración do Código das Familias  que representa un significativo avance no recoñecemento de dereitos civís para todas as persoas o que incita ao compromiso de defensa das achegas das mulleres cubanas ao progreso do Socialismo Cubano.

A proclama honra o método de participación popular da Revolución na aprobación do Código das Familias ou a Constitución de 2019, que proba máis unha vez a superioridade democrática do sistema socialista de Cuba.

Son compromisos do MESC traballar en coordinación coas institucións cubanas e as súas organizacións políticas e de masas, para levar ao mundo o seu exemplo de emancipación, xustiza social, equidade, desenvolvemento social, solidariedade internacionalista e dereitos humanos; a participación en actividades do 65 aniversario do ICAP no ano 2025, tanto como actos políticos e culturais, como brigadas de solidariedade; a solidariedade material a través de envíos de doazóns e de execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento; o incremento e consolidación do traballo solidario unitario e coordinado do MESC e da solidariedade con Cuba en toda Europa, así como a precisa incorporación da mocidade e movementos sociais.

Torremolinos (Málaga), 6 de outubro de 2024

Video e fotos:

https://www.cubainformacion.tv/solidaridad/20241007/111705/111705-apoyo-incondicional-a-cuba-en-tiempos-dificiles-de-maximo-bloqueo-de-EUA-en-malaga-se-desarrollo-el-xvii-encuentro-de-solidaridad-con-cuba-del-estado-espanol-fotos