PASCUAL SERRANO – Mundo Obrero
O tremor de terra producido por Trump ao pechar a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID) sentiuse en todo o mundo. Moitas persoas coidaban que a decisión tiña que ver coa liña neoliberal de suspender o apoio a proxectos de cooperación ou humanitarios, pero a esquerda internacional sabe que a USAID era, basicamente, unha axencia de intervención e desestabilización contra gobernos e países que non eran do gusto dos EUA. De feito, o orzamento da USAID para fins políticos era de 16,8 mil millóns mentres os fondos para axuda humanitaria só recibían 10,5.

Un apartado interesante dos orzamentos políticos era o destinado a xornalistas e medios de comunicación. Grazas a unha denuncia de Reporteiros sen Fronteiras (RSF) moi aquelados pola importante cantidade que deixaran de percibir da USAID, puidemos coñecer algúns detalles. Por exemplo, que o orzamento asignado para apoiar a medios independentes e redaccións no exilio, e garantir a liberdade de información era de 268 millóns de euros.
E non so para xornalistas e medios. RSF sinala que “hai tamén grandes ONG internacionais que apoian medios independentes (é o caso do International Fund for Public Interest Media) como pequenos medios locais que serven a audiencias en países con censura como Irán ou Rusia”.
De novo “independentes” e láianse de ficaren sen fondos do goberno dos EUA que eran quen os tiña comprados. Resulta ben elocuente.
Medios de comunicación de máis de 30 paises dependían dos orzamentos da USAID, segundo unha nota informativa da propia axencia que xa foi retirada da internet; en 2023 financiaran a formación e o pago a 6.200 reporteiros, asistiran a 707 medios non estatais e apoiaran 279 organizacións comprometidas “na defensa do xornalismo independente”. De novo “independentes”, e estaban comprados. Para 2025, o orzamento de axuda exterior para xornalistas e prensa incluía 268.376.000 dólares.
Moitas organizacións e medios expresan desacougo e inquedanza mentres outros calan coma petos por non quedaren na evidencia de estar na nómina do goberno dos EUA.
Algúns dos medios e xornalistas expulsados da nómina da USAID , por exemplo na Bielorrusia ou Irán, lanza a voz de alarma de que o espazo que abandonan por falta de pago pode ser ocupado pola propaganda dos gobernos que antes criticaban, Coma se o que eles facían non fose propaganda do goberno de ashington.
INDEPENDENTES/COMPRADOS
RSF láiase “do risco da entrada de novas fontes de financiamento nestes medios que poderían influír na súa liña editorial e afectar a súa independencia”. Seica non o facía o goberno de Estados Unidos cando lles pagaba a nómina? Avisan que as persoas responsábeis deste medios, antes escribían ao dictado da USAID, poderían deixarse influír por novas fontes de financiamento.
Informan que, na Ucraína, 9 de cada 10 medios dependían do financiamento da USAID. Podemos imaixnar a pluralidade informativa dun país no que o 90% dos medios viven do diñeiro dunha potencia estranxeira. E cando esas nóminas desaparecen, denuncian que a liberdade de expresión está a morrer. É do que se queixa a directora xeral de Slidstvo.Info, que denuncia a suspensión do 80% do seu orzamento a causa do peche da billa da USAID. «Algúns corren o risco de pechar ou ser comprados por empresarios ou oligarcas; temo que o diñeiro ruso pode entrar no mercado e intensificar a propaganda». Así que se entra diñeiro ruso chega a propaganda e cando o diñeiro ven dos EUA, chega liberdade de expresión.
Non deixa de ser curioso que RSF afirme no seu comunicado que coa suspensión inesperada destas axudas están a “dar un duro golpe á liberdade de prensa”. Finanzar medios de comunicación públicos por parte de calquera Estado, considérase intervención gobernamental que atenta contra a liberdade de expresión, mais cando é o goberno dos EUA o que compra xornalistas e medios en máis de 30 países, o que fai é garantir a liberdade de prensa.
Sería ben interesante que os que alarman nas redes sociais contra medios de comunicación finanzados polos gobernos de Cuba, Venezuela, Rusia ou China, fixesen algo semellantes cando falan de dalgúns dos 707 medios e 6.200 xornalistas pagados polo goberno dos EUA.
(tradución ao Galego para TSA de Xiana Areán)