ANOTACIÓNS SOBRE O TEMA DA EMIGRACIÓN VENEZOLANA

Farruco Sesto – NÓSdiario

Se algún país sabe de emigración é Galiza.  Pois practicamente todas as familias galegas, directa ou indirectamente, levan xa dous séculos bebendo desa auga que flúe e reflúe sen parar.  E moitos de nós, mesmo, mergullámonos nela. Con base a ese coñecemento parece útil, en termos humanos pero tamén políticos, comprender o que aconteceu, entre 2015 e 2020, coa emigración en Venezuela, coa que existen tantos vínculos. Sobre todo, porque foi un gran motivo de manipulación mediática.

Centenares de venezuelanos foran deportados ilegalmente por Trump, invocando unha Lei de Guerra, sen probas nin xuízo, aos campos de concentración de Bukele no Salvador. A xustiza dos EUA dixo que a orde presidencial era ilegal.

O primeiro que hai que dicir é que historicamente Venezuela é un país de inmigración, é dicir, de recepción de emigrantes de todas partes. E nunca foi, nin seguramente será, un país xerador de emigración. Para comprendermos esa paréntese puntual de seis ou sete anos, vaian as seguintes anotacións:

•        En 2013 a dereita opositora, seguindo o seu costume, descoñeceu a vitoria presidencial de Nicolás Maduro e lanzou un plan de violencia e subversión co obxectivo de derrocar ao goberno

•        En paralelo, sobre todo a partir de 2014, os EUA iniciaron unha brutal guerra híbrida contra Venezuela (bloqueo comercial,  sancións, sabotaxe de servizos, ataque á moeda, etc.) para retorcerlle o brazo ao país, segundo expresión de Obama, coa finalidade de producir tal deterioración das condicións de vida, que o pobo se vise obrigado a renunciar ao seu proxecto histórico e cambiase a súa orientación política. (Vana ilusión)

•        O exembaixador ddos EUA en Venezuela William Brownfield, daquela membro do equipo da Secretaría de Estado, haberíao de recoñecer despois, falando desas “sancións”, cando dixo en castelán:

 “…neste momento quizais a mellor resolución sería acelerar o colapso aínda que produza un período de sufrimento maior, por un período de meses ou se cadra anos”

•        Para poñer a guinda no pastel, en 2015 Obama lanzou un decreto (aínda hoxe vixente) que declarou a Venezuela “ameaza insólita e extraordinaria para a seguridade dos EUA”.

•        Compre anotar de paso que, nesa guerra híbrida, a oposición de extrema dereita, estableceu alianzas co narco-paramilitarismo colombiano así como coas súas réplicas locais en Venezuela, tales como o Tren de Aragua, (hoxe extinto) ás que apoiou loxisticamente, para sumalas aos plans subversivos.

•        É entón, no cénit desa estratexia subversiva, de escaseza e violencia, cando a oposición dereitista promoveu unha campaña mediática sen precedentes, incluíndo o uso masivo das redes, para estimular á poboación a emigrar e  “fuxir da ditadura”.

•        De maneira que se pode afirmar que o fenómeno de emigración descoñecido até daquela, que se produciu puntualmente en Venezuela, foi o resultado natural dun plan deseñado para facer cachizas da vida diaria do pobo venezolano, co fin de afectar a súa vontade política.

•        Pero como para a dereita todo é mercadoría, ocorreu tamén que o control e manexo dunha parte desa emigración inducida, converteuse nun negocio para os dirixentes da oposición, a través do acceso a fondos  humanitarios procedentes de organismos internacionais, pero tamén coa cobranza directa aos propios emigrantes, por xestións de translado e falsificación de documentos, en moitos casos até os propios EUA.

•        Paradoxalmente e en paralelo, esa mesma oposición fascista promoveu no exterior, particularmente en América Latina, unha campaña de odio e desprezo contra os propios emigrantes aos que Julio Borges, “chanceler” do “goberno” de Guaidó, chegou cualificar de praga ou peste.

•        A partir da pandemia, nommeadamente  en 2020 e 2021, sucedeu que esta onda migratoria episódica comezou a reverter, co regreso paulatino a Venezuela dunha parte dos migrantes.  Dous anos antes, en 2018, o goberno bolivariano lanzara a misión “Volta á patria” para facilitar o retorno dos seus emigrantes, poñendo á súa disposición avións e axudas loxísticas. No de hoxe, a cifra de retornados supera amplamente o millón de persoas.

•        Con respecto ás dificultades dos venezolanos migrantes nos EUA que foron ameazados, detidos e maltratados polas autoridades daquel país, Venezuela manifesta a súa disposición para recibilos incondicionalmente, esixindo ao mesmo tempo que os seus dereitos humanos sexan respectados en todo momento.

•        En relación aos centenares que foron deportados ilegalmente, acusados de terroristas, sen probas nin xuízo, aos campos de concentración de Bukele no Salvador, o goberno bolivariano reclama o seu regreso a Venezuela sen dilación, ao mesmo tempo que denuncia o caso nas Nacións Unidas como tráfico de persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *