“Coa Man no Corazón” expón en Compostela doazóns de 33 artistas para levar marcapasos a Cuba bloqueada

Delia Senín – Terra Sen Amos (Compostela)

Xosé Manuel Viqueira Sende, que fora presidente da Francisco Villamil de 2006 a 2010, lembrou que Cuba ten problemas para a provisión de recursos médicos por causa do  bloqueo imperial que atura dende os primeiros 60. A Villamil coa colaboración de 33 artistas de toda Galiza, do Concello de Compostela, voluntarios,  sindicatos e do BNG, presentou a mostra Coa Man no Corazón! que permitirá a adquisición de marcapasos para Medicuba-Europa.

Xosé Manuel Viqueira Sende, comisario da mostra, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela e Ingrid Izquierdo, Cónsul Xeral de Cuba. (Ana Pereira)

Desprezando toda a información manipulada contra a illa, Viqueira afirmou que “quen ten visión de futuro, aposta por Cuba”. A mostra contén obra  de 36 artistas en soportes, tamaños e técnicas diversas e está inspirada na figura do Che. Abre no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Compostela, no que mal se cabia o día da inauguración. Durante as presentacións, o pintor Yoseba Muruzábal rematou un retrato sobre táboa a vista do público .

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela, celebrou a  iniciativa:   “Atrae dende o  título: Coa man no corazón! , quer dicer: co ánimode todas as persoas que participamos nela, co corazón do feixe de artistas que aportaron obra para poder asistiren de feito a eses outros corazóns que precisan marcapasos en Cuba”.

Ingrid Izquierdo, Cónsul Xeral de Cuba en Compostela, notou que a firme oposición do pobo de Cuba a dominación imperial é, dende os 60, a causa central dos mecanismos coercitivos, de presión económica que multiplican os EUA contra a illa: cortes de subministro eléctrico, dificultades de recibir o combustíbel que produce a enerxía, pois todo barco que descargue en Cuba terá prohibido arribar a portos dos EUA. “O Bloqueo significa para o pobo cubano escaseza e carencias e, neste contexto, iniciativas solidarias coma a de Coa man no corazón! son de vital importancia”.

Francisco Sebio,  presidente da Francisco Villamil,  lembrou o éxito da precedente mostra organizada por Pepe Beiroa fins dos 90 para “rachar co bloqueo que había, e aínda hai, e axudar a Revolución Cubana”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *