Todalas entradas de Terrasenamos

Trump rexeita ao seu mercenario “encargado para Venezuela” e a UE conspira para salvar a Guaidó

BERENICE SOBRAL – TERRA SEN AMOS

Para Trump, Juan Guaidó xa non representa a oposición venezolana nin gañou a máis mínima credibilidade no papel de presidente encargado posto en escena por un formidábel equipo da CIA, con moreas de cartos do Estado Bolivariano embargados ilegalmente polo goberno de Washington co silenzo do Congreso e a axuda de Boris Johnson. Os fracasos sucesivos da ofensiva de Xaneiro de 2019 dende Colombia, da desfeita da Operación Libertad  de 30 de abril seguinte, así coma dun novo golpe frustrado o 26 de xuño, produciran un desencanto perceptíbel na presidencia da Casa Branca que en setembro de 2019  promoveu a difusión  en todo o mundo de fotografias de Guaidó abrazando a narcotraficantes da banda de  Los Rastrojos. O sinal é deseguida comprendido por varios gobernos que renegan do seu anterior respaldo ao presidente pantasma,  proposto só oito meses antes polo mesmo Trump. Só o ministro de exteriores da Unión Europea, Josep Borrell, mantén a ficción do presidente encargado e permite a Juan Guaidó e Leopoldo López preparar un novo golpe armado dende a residencia da embaixada de España en Venezuela ao tempo que sanciona 11 deputados chavistas da Asemblea. Maduro di que xa abonda de colonialismo europeo contra Venezuela e expulsa a embaixadora da UE.

Trump acusa a Bolton de louvamiñeiro e Bolton di no seu libro que Trump non paraba de gabar as súas iniciativas.

A impaciencia de Trump por botar a Guaidó está contada con detalle no libro “O salón onde sucederon os feitos”, publicado por John Bolton, asesor de seguridade da Casa Branca que foi cesado no seu cargo precisamente por ser directamente responsábel da presidencia finxida de Guaidó e partícipe do seu rechamante fracaso  (O título orixinal fo libro, The Room Where it Hapenned foi tirado da montaxe de Broadway que ten como argumento o compromiso fundacional de 1790 entre Alexander Hamilton, Thomas Jefferson e James Madison)

No libro que a Casa Branca tentou censurar sen éxito, Trump chama a John Bolton louvamiñeiro, parvo e paiolo, neurótico belicista, babeco aborrecido e sandeu bombista, a pouco de botalo do goberno. Un desprezo a medida da formidábel responsabilidade da asesoria de seguridade imperial. Comentan en Washington que o de tratalo de parvo non é crueldade do presidente senón axuste de contas polos seus catro grandes atentados frustrados contra o goberno democrático de Venezuela, con entrega por parte de Bolton a prensa internacional, de avisos da máis que probábel fuxida do presidente Nicolás Maduro.  

A reacción da presidencia da Casa Branca parécese á sentenza Roma non paga traidores, representación cínica coa que un imperio nega a súa responsabilidade naqueles casos en que un acto de guerra é escandalosamente criminal ou cando considera preciso librarse de responsabilidades comprometedores das súas xerarquías. No libro de Bolton, Trump refírese a Guaidó coma Beto O´Rourke, en recordo do esperpéntico líder do grupo punk Cult of the Dead Cow (culto da vaca morta) que probara sorte nas elección fronte Ted Cruz;  Trump láiase do evidente fracaso do seu  presidente encargado para Venezuel. Compárao con Nicolás Maduro e dí: “ese si que é listo e valente” e de a pouco declara que está disposto a entrevistarse co presidente democrático de Venezuela. En Washington din que coa expulsión de Bolton e o previsibel exilio de Guaidó, Trump procura lavar as mans sobre unha morea de crimes cometidos contra o pobo de Venezuela: golpes de Estado intermitentes, revoltas, asasinatos contra inocentes, un magnicidio frustrado, alzado de bens do Estado de Venezuela, sabotaxes do sistema eléctrico, embargo de alimentos básicos e medicamentos, calumnias promovidas dende a OEA e outras instancias internacionais e unha interminábel relación de atentados e bloqueos contra un pais que loita pola súa independencia con leis refrendadas nas urnas.

UN ATENTADO CON RECIBOS ASINADOS POR GUAIDÓ

De certo, o fracaso de Bolton atinxe o vice-presidente Pence e o ministro de Estado, Pompeo, mentres significa unha vitoria heroica para a Revolución Bolivariana. En Washington sinalan que o Macutazo de 30 de Maio na costa da Guaira, o desembarco fracasado que tiña como obxectivo o secuestro do presidente Maduro, é o primeiro acto terrorista imperial no que aparecen insólitos papeis asinados e outras evidencias que implican a DEA (axencia anti-narcóticos dos EUA) e acusan directamente o presidente encargado. O golpe fora adiado pola Pandemia, mais, de remate, o goberno de Washington responsabiliza da frustrada iniciativa a un axente da CIA que pretendía cobrar o premio de 12 millóns de dólares prometidos polo goberno dos EUA a cambio da cabeza de Nicolás Maduro.

Derrotado o desembarco terrorista, Maduro denunciou a o amparo do Goberno de Madrid ao golpista Leopoldo López refuxiado na residencia do embaixador de España en Caracas; acusou a UE de conspirar contra o Goberno Bolivariano, e expulsou a embaixadora comunitaria depois de Bruxelas sentenciar 11 funcionarios venezolanos, principalmente diputados de la Asamblea Nacional (AN) que non atenderon as súas recomendación. A UE traballa para sabotar a convocatoria de eleccións para decembro no Parlamento Bolivariano, na que todos os sinais indican claramente a vantaxe dos chavistas que teñen a honra non acatar ordes dos colonialistas da UE e defender a Constitución Bolivariana.

Trump practica o terrorismo contra as brigadas médicas cubanas, mentres o mundo pide para elas o Nobel da Paz

Medea Benjamin-CodePink

Unha equipa de 85 doutores e enfermeiras de Cuba chegara a Perú comezos de xuño para asistir a poboación contra a pandemia e a nada de comezar seu labor solidário, Michel Pompeo, ministro de Estado do governo de Trump, anunciou que daría aínda máis unha volta ao torno do bloqueo, ao que pouca fías lle quedan para rebordar as canizas. O castigo dobrado consiste desta en multas contra sete entidades mercantís cubanas, entre elas Fincimex, institución precisa para poder xirar a illa a facturación das súas empresas. A medida tamén atinxe a empresa Marriot International á que ordenaron pechar seus hoteis en Cuba igual que fixeran con outras empresas do sector que representa o 10% do PIB de Cuba.

Unha protesta de CodePink contra o bloqueo dos EUA ao Irán, pón virollo ao ministro de Estado de Trump, ex-director da CIA.

Máis Cuba, que tamén padece a pandemia, axuda o mundo, máis o goberno de Trump sabota a economía, recursos e relacións comerciais da illa. Sen ter conta que sesenta anos de bloqueo, de parte de dez gobernos sucesivos dos EUA, non deron aquelado a integridade política de Cuba, o gabinete de Trump decide relanzar todos os recursos do cerco criminal e elevalos ao que el chama máxima presión consistente en 90 medidas económicas aplicadas dende xaneiro de 2019. Josefina Vidal, embaixadora de Cuba no Canadá, denuncia que a renovada ofensiva da Casa Branca e máis agresiva que nunca e busca privar a Cuba de recursos para avanzar. O interminábel bloqueo custou a Cuba un billón de dólares (un trillón, en termos dos EUA) e só nos anos 2018-2019 máis de 130.000 millóns, sen valorar aínda o grave dano causado a industria turística cubana.

EXCEPCIÓNS HUMANITARIAS MUDADAS EN CASTIGO

Asegura que o bloqueo contra Cuba dispón de excepcións humanitarias, mais se existen, están a ser ignoradas no que se refire á saúde. O sistema integral e aberto de asistencia sanitaria de Cuba, internacionalmente recoñecido, está a padecer, por causa do bloqueo, recortes  en medicamentos e equipo médico, nomeadamente para enfermos de SIDA e cancro. O Instituto Nacional de Oncoloxía, houbera de practicar amputacións a menores con cancro, ao non poder contar con recursos de patente estadounidense. Os EUA bloquearon a entrega a Cuba dunha doazón de máscaras e equipa para diagnóstico da Covid-19. En abril, a solidariedade con Cuba levóu perante as portas das empresas IMT Medical AG e Acutronic de Berna, cartaces de protesta nos que as acusaban de covardía fronte os EUA por negaren a Cuba respiradores, precisos para tratar infectados por Covid-19. Nun dos cartaces chamaban aos empresarios “ben mandados” (TSA, 28 de abril)

Como se non lle abondara con sabotar o exemplar sistema sanitario cubano, o goberno Trump mete paus nas rodas das equipas médicas internacionalistas que atenden dende 1960 comunidades en emerxencia por falta de medios en 164 países. Ameazados pola Casa Branca, os gobernos de Ecuador, Bolivia e Brasil rescindiron  de vez contratos de asistencia médica de parte de Cuba, unha decisión que foi aplaudida por Mike Pompeo, ministro de Estado dos EUA, coma “un xesto de valentía dos que non calan fronte aos abusos de Cuba”. O ministro pretende que Cuba leva as mulleres e homes das brigadas médicas amarrados con grillóns de ferro. Non é raro que tanto finximento se volva contra o finxidor: o mesmo goberno de Brasil que recusara as brigadas médicas, abouxada polo andazo do Coronavirus pregou a Cuba para mandalas de volta.

Non é raro que a diario máis voces en todo o mundo súmense a campaña para distinguir co Nobel da Paz as brigadas médicas cubanas.

Israel forma a policía dos EUA en técnicas de inmobilización coma a que matou a George Floyd

Philip Giraldi

A militarización da policia dos EUA, unha realidade desde a campaña contra o terrorismo lanzada a partir do 11 de setembro, foi realizada con programas de formación impartidos pola policía de Israel. Os cursos foran organizados polo goberno federal e diferentes estados na altura en que Michael Chertoff era Secretario de Seguranza Nacional. É difícil comprender que relación teñen estes programas cunha forza de policía pensada para defender as garantías fundamentais nunha democracia. No Estado de Israel nada saben cando se trata de investigar ou protexer os cidadáns do seu país. A policía de Israel está na vangarda da violencia estatal (contra o pobo palestino) e protexe colonos fortemente armados que destrúen os medios de vida dos palestinos para roubaren as suas terras. Esa policía é boa cando se trata de utilizar a “cadeira palestina” para torturar ou se trata de disparar polas costas contra adolescentes palestinos. Foi ela a que inventou a ‘agua fedorenta’, un aerosol químico que alcatrea,  inicialmente utilizado contra manifestantes palestinos. E foi tamén a primeira forza policial importante en empregar regularmente balas de goma, que matan e mutilan.

O truco do xoenllo no pescozo do detido. e prática habitual da policia sionista na Palestina ocupada. Israel imparte cursos da especialidade en 31 Estados dos EUA.

O escándalo do asasinato de George Floyd en Pensilvania, que inzou protestas en todo o mundo, serviu para denunciar que a forma de actuar da policía de certos estados está directamente importada do Estado de Israel. Georgia, por exemplo, experimentou un aumento do uso de armas de fogo por parte da policia, na metade dos casos con vítimas desarmadas e con disparos polas costas. Apesar disto, o estado continua o programa de intercambio policial con Israel através da Universidade Estatal.

Estes programas de intercambio comezaron hai vintesete anos, en 1992, e son pagados mediante subsidios do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos e de gobernos estatais e locais. Varias forzas de policia participaron en programas deste tipo, incluídos as dos estados de Tennessee, Alabama, Arizona, Arkansas, California, Florida, Georgia, Indiana, Carolina do Norte, Kansas, Kentucky, Luisiana, Michigan, Mississippi, Nevada, Michigan, Nova Jersey, Nova York, Carolina do Norte, Dakota do Norte, Ohio, Oklahoma, Pensilvania, Carolina do Sur, Texas, Utah, Virginia, Washington, Washington, DC e Virginia Occidental. Nalgúns estados e localidades, o programa de intercambio é xestionado pola Liga Anti-Difamación, que tamén patrocina seminarios de propaganda sobre técnicas israelies de anti-terrorismo en todo o territorios dos EUA.

Contodo, algúns estados e cidades, preocupados polo vínculo coas forzas policiais militarizadas e a súa participación na brutal ocupacion de  Palestina, comezan a retirarse do programa de capacitación. Recentemente, a Policía Estatal de Vermont, o departamento de policía de Northampton, Massachusetts, e a policía da cidade de Durham, Carolina do Norte, cancelaron o programa que estaba previsto realizar en Israel.

As técnicas de patrulla israeles parten do concepto nós contra eles, contra o 20% dos cidadáns de Israel que son palestinos, considerados inimigos. O contrario acontece cos colonos que usurpan as terras dos palestinos e son protexidos de maneira automática pola policía por seren xudeus. A vixincia selectiva baseada na raza ou a orixe étnica podería ser outro presente de Israel aos policías estadounidenses que son treinados no estado sionista. En Israel, recórrese con frecuencia á forza letal sobre a base de disparar a matar en calquera incidente que involucre árabes e xudeus, mesmo cando non existe ameaza grave.

A técnica máis utilizada pola policía israelita para someter un palestino é colocar o xeonllo no pescozo, a mesma coa que Derek Chauvin acabou coa vida de George Floyd. O Estado de Minnesota participou activamente nos programas de capacitación impartidos por policías de Israel, incluindo os máis de 100 axentes que seguiron unhas xornadas de intercambio celebradas en 2012 en Mineapolis, organizadas polo consulado de Israel en Chicago. Unha parte do programa, consistira en aprender procedementos de inmobilización empregados pola policía e o exército de Israel. Na organización destas xornadas colaborara o FBI, en instalacións facilitadas pola cidade. O goberno federal e o estado pagaron os gastos.

Aínda que non se sabe se Chauvin seguira este programa específico, consta que as técnicas israelies foron incorporadas ao manual policial da cidade, malia que, como era de esperar, agora o manual teña sido eliminado da rede. Porén existe unha copia arquivada da sección máis importante que trata sobre técnicas para controlar alguén que se resiste á detención, pode verse aquí. Inclúe ‘Política de uso de forza do Departamento de Policía de Minneapolis: 5-311, Uso de inmobilización no pescozo: opción de forza non letal. Definido como a compresión dun ou ambos os lados do pescozo dunha persoa cun brazo ou unha perna, sen aplicar presión directa sobre a tráquea ou as vías respiratorias (fronte do pescozo). É certo que se fan algunhas advertencias sobre o uso desta técnica, mais en xeral considérase aprobada para someter alguén que se resiste á detención. A reconstrución do asasinato de Floyd probou que vitima non se resistira á detención.

Todo iso significa que o oficial Derek Chauvin usou unha técnica ensinada á policía estadounidense por treinadores israelies, con independencia do seu letal criterio de aplicación. Os advogados de Chavin, poderán argumentar, que o seu defendido aplicou unha técnica do manual policial da cidade de Mineapolis e que aprendera a praticala nun programa de capacitación impartido pola policía de Israel.

Militarización crecente da policia nos EUA

o contexto da guerra contra o terrorismo lanzada a partir do 11S, a policía recibe nos EUA equipamento militar excedente, incluídos carros blindados, courazas e armas automáticas. Pregúntome, por exemplo, que fixo o meu condado semi-rural de Virginia co vehículo blindado que nin sequera quería o departamento do shériff local. Por outro lado, os axentes reciben formación a cada máis frecuentemente en tácticas anti-terroristas e en manexo de equipo específico para respostas de ataques terroristas que poden seren empregadas en intervencións normais, como comunicacións de detención ou cobro de multas das bibliotecas públicas

A historia mostra que as mudanzas de actitudes e crenzas aparentemente arraigadas acontecen regularmente, embora por veces o proceso sexa lento. Entretanto hai que promova esquemas máis radicais. Unha das ocorrrencias máis divertidas foi a publicada por Alyssa Rosenberg no Washington Post, onde defende que estamos na hora de Hollywood e os media de entretenimento se involucraren eliminando filmes e series de TV en que a policía sexa presentada de maneira positiva.

“O que Hollywood pode facer é deter de inmediato a produción de programas de policía e filmes e repensar as historias que conta sobre a policía nos Estados Unidos. Durante un século, Hollywood colaborou cos departamentos de policía, contando historias que ocultaban os tiroteos e puñan en valor a acción de heroes policiais antes que o traballo. máis duro e menos dramático, de construír relacións cos policías da comunidade obrigadas a servir e protexer as persoas. O resultado é unha adición ás historias que retratan os departamentos de policía como máis efectivos do que realmente son, os crimes como máis frecuentes do que realmente son e o uso policial da forza como unha necesidade ineludíbel. É verdade que entre a realidade e a ficción sempre hai fendas, mais sabendo como funciona a policía nos Estados Unidos, a versión de Hollywood máis que fantasía parece complicidade”

Rosenberg ten un punto, mais os programas de televisión e os filmes son ficción e a maioría das persoas son capaces de ver unha historia entretida sen a tomar por realidade. Non hai nada particularmente malo en crer que os policías deberían ser bos individuos que resolven crimes graves, o que de feito fan moitos policías. Rosenberg pede máis representación dos policías como parvos que pasan a maior parte do tempo pondo multas de tránsito e escribindo relatorios. Se tivese vivido no XIX sería sen dúbida liberal pacifista, se tal cousa existise nesa altura. Aconsellaría a Tolstoi que os soldados rusos pasasen a maior parte do tempo descascando patacas, fumando e queixándose en lugar de marchar heroicamente en columnas para faceren frente a Napoleón en Austerlitz.

Traducido ao Galego por ESCULCA, observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Information Clearing House

Che, mensaxeiro de solidariedade en Gaza en 1959

Cristóbal León Campos

O triunfo da Revolución Cubana en 1959 significou unha nova era para os pobos oprimidos. O internacionalismo revolucionario, como política de solidariedade, permitiu estender a esperanza aos recunchos máis esquecidos do mundo. Desde os primeiros meses posteriores á instauración do goberno revolucionario, Cuba iniciou unha serie de visitas e reunións cos principais dirixentes do mundo que se opuñan ao imperialismo dos EUA e das potencias europeas neocolonialistas, como Gran Bretaña e Francia. A era das loitas poscoloniais tiña comezado; xustamente, é nese contexto de unidade e integración das nacións en resistencia, que acontece a visita de Ernesto Che Guevara á Franxa de Gaza o 18 de xuño de 1959.

A imaxe do Che é un símbolo da solidariedade internacional coa causa palestina

O Che encabezou a delegación diplomática do goberno cubano que visitou aos países participantes na Conferencia de Bandung (celebrada en Indonesia en 1955) da que había agromar o Movemento dos Países Non Aliñados, cuxo primeiro cumio foi en 1961 en Belgrado, Iugoslavia, sendo Cuba o único país representante de América Latina xa que nesa cita Bolivia, Brasil e Ecuador asistiron so en calidade de observadores. As bases de acción e integración dos países non aliñados eran o apoio á autodeterminación; a oposición ao apartheid en Sudáfrica; a non adhesión a pactos multilaterais militares; a loita contra o imperialismo en todas as súas formas e manifestacións; o desarmamento; a non inxerencia nos asuntos internos dos Estados; o fortalecemento da ONU; a democratización das relacións internacionais; o desenvolvemento socioeconómico e a reestruturación do sistema económico internacional.

A visita cubana iniciouse o 13 de xuño no Cairo (Exipto) e prolongouse até o 8 de setembro, incluíndo no seu camiño á India, Indonesia, República Federativa de Iugoslavia, Ceilán (Sri Lanka), Paquistán, Myanmar, Xapón, Sudán e Marrocos. A delegación cubana buscaba establecer relacións (políticas, diplomáticas, comerciais e culturais) que lle permitisen colaborar para a liberación dos pobos e resistir ante as ameazas e accións que xa sufría por parte do imperialismo estadounidense: Cuba era xa un símbolo na loita contra o colonialismo.

O historiador palestino Salman Abu Sitta di que a visita do Che á Franxa de Gaza “foi un feito histórico que marcou o inicio do carácter internacional da causa Palestina”. Sensibel ao acontecer da rexión, o propio Che foi quen solicitou visitar Gaza, logo de escoitar a descrición da vida cotiá dos refuxiados palestinos e coñecer un pouco máis sobre os “fedayines” (guerrilleiros palestinos que resistían ante o exército sionista) xurdidos durante a Guerra da Canle de Suez en 1956, iniciada pola invasión israelí ao territorio de Sinaí, o 29 de outubro dese ano, xunto con Gran Bretaña e Francia. Sobre estes feitos, o Che opinou que a vitoria da coalición árabe naquela altura foi  posibel pola distribución de armas que realizou o presidente de Exipto, Gamal Abdel Nasser, entre a poboación e pola solidariedade internacional. A partir do narrado, non é difícil comprender a simpatía xurdida entre o Che e a resistencia palestina.

O Che expresou a súa convicción de que o retorno dos palestinos ao seu fogar só se lograría mediante a loita revolucionaria de liberación: “Non hai outro camiño senón a resistencia á ocupación […] O dereito finalmente debe ser restituído”. É probable que as opinións e análises do Che contribuísen á conformación do Exército para a liberación de Palestina (ELP) en 1967.

Durante a xira diplomática, o Che foi condecorado coa orde Gran Liberador dos Oprimidos, que lle entregou o presidente de Exipto no Cairo. O 20 de xuño, visitou a cidade de Alexandría, onde coñeceu o monumento que conmemora en Port Said aos caídos durante a invasión de Israel, Gran Bretaña e Francia de 1956. O 26 do mesmo mes, sostivo unha reunión con Salah Salem, unha das máis destacadas figuras da resistencia nacionalista.

A solidariedade pode acabar coa división  

No remate da viaxe, o Che reflexionou sobre a experiencia: “Desde antes do descubrimento de América, obedecendo á expansión europea en busca de novos mercados onde adquirir materia prima para as súas industrias nacentes, Asia e África foron obxecto da visita e da rapina disfrazada baixo o aldraxante título de colonización. A nosa viaxe de tres meses polos países que acaban de liberarse dun xugo feroz e iniciaron o seu camiño cara á liberación económica e o desenvolvemento industrial, apórtanos ensinanzas políticas, sociais e económicas que farei chegar aos compañeiros do Exército Rebelde […] O poder solidario dos pobos foi máis grande ca a división sementada pola forzas coloniais ee hoxe vivimos un verdadeiro abrente da recuperación dos pobos Afro-Asiáticos”.

Guevara salientou o papel central de Nasser na loita pola integración das nacións empeñadas na descolonización. “Exipto tomara o nome de Provincia Sur da República Árabe Unida. A República Árabe Unida (RAU) é o principio do soño secular árabe por lograr unha unificación política que dea marco á súa unidade étnica, relixiosa e cultural”.

Os paises do Terceiro Mundo estiveron sempre presentes no pensamento e na obra do Che que foi que nos entrego o lema de crear dous, tres… moitos Viet-Nam, como expresión de a solidariedade revolucionaria a gañar espazo en todo mundo, sen importar fronteiras, para pór fin aos sistemas de opresión como o sionismo e o imperialismo.

Omar Fernández Cañizares, capitán do Exército Rebelde, que acompañou ao Che na viaxe, conta dos diálogos con militares brasileiros integrantes de Forzas de Nacións Unidas despregadas na zona e con autoridades locais exipcias. Por demais reveladora é a crónica que fai Fernández Cañizares no seu libro “Unha viaxe histórica co Che”, ao mencionar que cando regresaban en automóbil a territorio exipcio; homes, mulleres e nenos palestinos enfilábanse polo camiño para despedir ao Che, que viaxaba co seu uniforme militar verde oliveira e a pucha negra.

Malia a brevidade da visita, a representación de internacionalismo solidario na palabra do Che levou a resistencia palestina a aperta dun mundo distante mais próximo na loita e no compromiso. A figura do Che mantén a súa vixencia nas terras negadas, fronte ao agravamento da violencia sionista e imperialista coa decisión de Donald Trump de recoñecer a Xerusalén como sede do estado maior da ocupación sionista coa anuencia vergoñenta da UE que con este xesto nega de facto a patria a millóns de palestinos refuxiados. A imaxe revolucionaria do Che aparece en cada volta dos escenarios da resistencia e da dignidade do pobo palestino. A causa común de Cuba pola liberación dos pobos e o fin da dominación imperialista escribiu un pacto construido sobre a dignidade.

Traducción ao Galego de Moncho Fernández Leal

REFERENCIAS:

Abu Faisal, Sergio Tapia. Crónicas de un Escritor de Izquierda. Éditions La Libraire Politique 1871. 2019.

-Abu Sitta, Salman. “El Che Guevara en Gaza”. En: arabia.watch. Publicado o 26 xullo 2015.

-Fernández Cañizares, Oscar. “Un viaje histórico con el Che”. Editorial Ciencias Sociales. La Habana, Cuba. 2005.

-Leo, Martín. “El Che Guevara en Palestina”. En: www.laizquierdadiario.com. Publicado o 9 de decembro de 2017.

-López de la Torre, Carlos Fernando. “Encuentros solidarios en épocas revolucionarias. La Revolución Cubana y el Frente Sandinista de Liberación Nacional ante la causa palestina”. En: Crítica y Emancipación. Año VII. Núm. 14. Segundo semestre xullo- decembro 2015.

-Nodal, Leoneol. “Cuando el Che estuvo en Gaza”. En: www.juventudrebelde.cu. Consultado o 17 de xuño de 2019.

“Mentres o Tio Sam estea contra ti, saberás que es un home bo” (Malcolm X a Fidel no Harlem, en 1960)

Fidel e Malcolm X no Hotel Theresa de Harlem en Setembro de 1960. A solidariedade negra procurou un teito para Fidel, ao que recusaban a entrada os hoteis brancos de Nova York.

Gonzalo ArmúaAlba Movimentos

No ano 1960 tivo lugar unha reunión histórica entre Fidel Castro e Malcolm X. De Cuba aos Estados Unidos, de Nova York a Minneapolis, do racismo de onte ao racismo de hoxe, a súa historia actualízase.

É a noite do 19 de setembro de 1960, o epicentro é o Hotel Theresa, no Harlem, ao norte de Manhattan, na cidade de Nova York. Fóra apíñase un xentío de xornalistas, policías e simples curiosos do barrio que queren presenciar o acontecemento. Dentro, nun cuarto apenas iluminado e cheo de fume de tabaco, os dous personaxes intercambian as súas ideas como poden, en dúas linguas distintas pero non tan afastadas. “Mentres o Tío Sam estea contra ti, saberás que es un home bo”, dille de forma irónica Malcolm X a Fidel Castro. Ningún dos dous necesita presentación.

Fidel atopábase naquela altura en Nova York para participar na Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Como Primeiro Ministro e en tanto presidente da delegación cubana, era o foco de todas as campañas e operacións da prensa ianqui. Co seu macuto ao ombreiro e vestido de verde oliveira de manobra, coma se estivese aínda na Serra Mestra, presentouse ante as oficinas da  ONU. Acamparían nos xardíns da mesmísima sede, xa que ningún hotel local aceptaba aloxar á delegación da Cuba revolucionaria. Os mesmos hoteis que a miúdo frecuentaban ditadores e mafiosos de outrora, e non tanto.

Cando a comunidade afro-estadounidense decatouse do asunto, non tardou en facerlle chegar unha invitación a Fidel Castro e a toda a delegación cubana para que se aloxasen no Hotel Theresa, no centro do Harlem, o mítico barrio obreiro e negro da cidade de Nova York. Alí recibiunos Malcolm X, nese entón dirixente da Nación do Islam, unha organización política e relixiosa de grande influencia e predicamento. Ralph D. Matthews, un xornalista próximo a “os irmáns”, foi un dos poucos que puido presenciar este encontro, e o seu artigo para o semanario New York Citizen-Call permite rescatalo do esquecemento.

O líder da flamante Revolución Cubana tentaba non entremeterse nos asuntos internos dos EUA, consciente do precario equilibrio de forzas dunha Revolución que aínda non fora invadida nas costas de Praia Girón nin pronunciara a Segunda Declaración da Habana. Por iso Fidel buscaba levar a conversación cara ao outro lado do Atlántico: a situación do Congo. Mentres Malcolm X respondía cun gran sorriso ao escoitar o nome de Lumumba, Castro alzou a man solemnemente e comprometeuse a defendelo a ferro e fouce na Asemblea Xeral.

E, como sempre, Fidel cumpriu coa súa palabra: “Esa África que ergue aquí con líderes como Nekruma e Sekou Touré, ou esa África do mundo arábigo de Nasser, esa verdadeira África, o continente oprimido, o continente explotado, o continente de onde xurdiron millóns de escravos; esa África que tanto dor leva na súa historia, a esa África, con esa África temos un deber: preservala do perigo da destrución. Que os demais pobos do mundo compensen en algo a África; que Occidente que tanto fixo sufrir a África, interveña a prol dela para compensala”.

DEMOCRACIA BRANCA EN ARMAS

Tanto o cubano como o afro-estadounidense entendían algo tan claro e tan simple como que o imperio norteamericano, esa democracia branca está sostida (e fundada) a punta de armas, que apuntan cara ao sur e cara abaixo, cara aos seus propios barrios e comunidades negras.

W.E.B. Du Bois, probabelmente o máis grande sociólogo de todo o século XX, aínda que invisibel para as academias polo dobre pecado de ser negro e comunista, afirmou na súa prolífica obra que o colonialismo era a tendencia principal na política exterior da EE.UU. e que as estruturas opresivas do racismo e a supremacía branca eran a infraestrutura do capitalismo imperialista. “E quen son os países colonialistas, quen son os países imperialistas?” -a voz de Fidel Castro volveu retumbar na asemblea da ONU-. “Non catro ou cinco países, senón catro ou cinco grupos de monopolios: eles son os posuidores da riqueza do mundo”.

Naquela noite do Harlem, nun cuarto de hotel, Malcolm X reflexionou en voz alta, mentres observaba a Fidel cunha risa cómplice: “Ninguén coñece ao amo mellor que os seus serventes. Fomos serventes desde que nos trouxo aquí. Coñecemos todos os seus trucos. Dáse conta? Sabemos todo o que vai facer o amo antes de que el mesmo o saiba”.

O racismo existe, non porque sexa unha “denuncia de moda”, senón porque é o criterio que determina, xunto á clase social, se a policía vaite matar ou saudar con respecto; se van atenderte nun hospital ou deixar que morras; se un periodista vaite tratar coma estranxeira ou como cidadá. Iso estaba ben claro para Malcolm, como para Fidel e o pobo cubano, que enviará, uns anos máis tarde, 50 mil persoas para loitar, asistir e ensinar xunto ao pobo negro de Angola. 

Xa na despedida Malcolm explicou a un xornalista cubano o carácter da súa organización: “Somos seguidores de Muhammad. El di que poderiamos sentarnos a pedir esmola por 400 anos máis. Pero se queremos os nosos dereitos agora, temos que…”. Sorrindo enigmaticamente decidiu non completar unha frase de previsibel final. Tan previsibel se cadra como o seu propio asasinato, sucedido cinco anos despois daquel memorabel e improvisado encontro; tan previsibel como o secuestro e asasinato de Patrice Lumumba por axentes da CIA; tan previsibel coma o xeonllo policial no pescozo de George Floyd.

O que nunca foi previsibel foi a solidariedade e a unidade na loita, iso constrúese contra corrente do poder, coma o abrazo entre Malcolm e Fidel aquela noite outonal de 1960. Como a rebelión dunha Minneapolis en chamas. Como os múltiples xestos de solidariedade entre a colonia interna e as colonias externas dos Estados Unidos. Como o comandante Chávez en 2005, recibido cos brazos abertos dese Harlem que festexaba a rebeldía caribeña de dicirlle “diaño” ao presidente deses EUA, os outros EUA. Como o internacionalismo practicado polos pobos do Terceiro Mundo contra o racismo, o capitalismo e o colonialismo.