Todalas entradas de Terrasenamos

A REDEH arxentina súmase a campaña polo Nobel da Paz para as brigadas médicas cubanas

Cubanismo.be – Terra Sen Amos

A campaña a prol de premiar as brigadas médicas cubanas co Nobel da Paz, lanzada pola asociación solidaria belga Cubanismo.be , salienta no seu manifesto que Cuba mostra ao mundo en pandemia o que é a verdadeira solidariedade, co envío de profesionais da saúde a todo o mundo. Incluso a rexión máis rica de Italia, Lombardía, puido contar axuda dunha equipa sanitaria cuxa chegada a Milán foi celebrada por partidos, sindicatos e medios de comunicación que valoraron altamente a experiencia  internacional das brigadas.  O Capítulo Arxentino da REDEH é un dos primeiros asinantes da iniciativa no continente.

O manifesto da campaña belga, arranca con 170 asinaturas das dúas bandas do Atlántico.

Isabelle Vanbrabant , presidenta da asociación dixo que o manifesto tivera en poucas horas o respaldo de 170 persoas da solidariedade europea e americana que asumiron a responsabilidade e facer medrar o novelo de apoios en todo o mundo. “Non esquezamos – dixo Vanbrabant- que,Cuba ten unha economía dez veces máis pequena ca de Bélxica e que sofre asemade un criminal bloqueo económico e financeiro imposto polo goberno dos EUA, o cal rouba literalmente ao seu pobo o ousíxeno”. Recordou que o bloqueo imperialistas chega a impedir á maior das Antillas a compra de respiradores,  precisos para tratar aos pacientes máis graves.

Para Cubanismo.be, a illa proba coa súa solidariedade que un mundo de cooperación é posibel, e que existe unha alternativa a competencia sen cuartel para beneficio de poucos. O manifesto pon de relevo que Cuba leva axuda a poboacións que son obxecto de exportación de armas de parte da UE e os EUA. “Eis o esforzo de Cuba para a Paz e a convivencia no planeta, que debe ser premiado” engade o breve manifesto.

En 2005, Cuba creou o Continxente Internacional de Médicos Especializados en Situacións de Desastres e Andacios Henry Reeve, e desde entón o seu exército de batas brancas ten asistido en terremotos, furacáns, riadas e andazos en África, América Latina, o Caribe, Asia e Europa. Contra o COVID-19, máis de 1.500 médicos e enfermeiros viaxaron dende Cuba a 25 países para apoiar ás autoridades nacionais e locais na súa angueira pola saúde.

O Capítulo Arxentino da REDEH remitiu unha carta a Trump na que asume o manifesto de Cubanismo.be e reprocha ao presidente estadounidense, que lonxe de axudar a súa propia poboación contra a pandemia, desbarate as súas forzas no odio e volva pendurar Cuba no cartaz  arbitrario de paises que non colaboran contra o terrorismo, cando a actual equipa da Casa Branca, coma as denanteriores por 60 anos, pratica unha política de terror contra Cuba.

Cuba recorda a Trump que manter silenzo sobre atentado da embaixada é ser tolerante co atentado

Prensa Latina – Terra Sen Amos

Cuba reclama do goberno dos EUA unha cabal explicación en termos diplomáticos sobre as circunstancias do ametrallamento da embaixada en Washington, as investigacións sobre o autor ou autores do atentado e as medidas tomadas polas autoridades para a agresión non poder repetirse. Miguel Díaz-Canel Bermúdez, recordou dia 11 que o seu goberno espera ainda información sobre o ataque a representación diplomática cubana de parte do pais hóspede da embaixada presuntamente defendida polas leis federais e dacordo co compromiso internacional representado nos Convenios de Viena. Én termos de dereito internacional, é insólito que o goberno Trump manteña mutismo completo dende o dia do atentado e que o goberno de Cuba que delega a protección da súa embaixada ao pais de residencia, como é preceptivo, teña que saber do ataque armado do 30 por unha pingueira de informacións de medios privados ou de filtracións das forzas de seguridade dos EUA.

Os disparos crebaron cristais de seguridade da embaixada e furaron a figura en bronce de Martí.

Requerindo outravolta a información debida polo goberno dos EUA, o presidente Diaz-Canel dixo que Cuba mal podería esquecer a longa historia recente de atentados terroristas contra os seus diplomáticos e asemade recordou que o Estado socialista defende e salva vidas en todo o mundo e mantén unha política inequívoca contra a violencia.

É esta a segunda ocasión na que o Presidente recorda ao goberno de Washington que non compartir co pais agredido toda a información relacionada cun atentado equivale a ser tolerante co acto de violencia que pasa a formar parte dunha longa historia de terrorismo contra Cuba.”Dende comezos dos 60, grupos criminais desataron o terror contra intereses cubanos, quer no territorio dos EUA, quer noutros 35 paises do mundo, a medio de rapto de persoas, fundimento de barcos de pesca, atentados con explosivos en legacións cubanas, asasinatos, sabotaxes e pragas e inzos de enferminades na illa” entre outros recursos infames no obxectivo de evitar que o pais poida dotarse dun sistema de goberno que corresponda aos seus propios intereses e a defensa da vida en paz e progreso.

“Se globalizarmos a solidariedade e non o mercado, a historia seria outra!” (Diaz-Canel no cumio do MNOAL)

Axencias – terrasenamos.gal

O andazo do Coronavirus inzou nun mundo aberto aos intereses económicos mais pechado a solidariedade, dixo o presidente de Cuba no cume do Movimento dos Paises non Alineados (MNOAL) “A estatística de infestados e as perdas humanas son a proba do esmagador poder da economia globalizada nun mundo inter-conectado mais non solidariamente relacionado, que está a pagar o prezo da súa incapacidade para tratar os graves desequilibrios sociais; falando as verdades: se globalizarmos a solidariedade coma se globalizou o mercado, a historia habia ser ben diferente!”

A xuizo de Miguel Diaz-Canel, solidariedade e cooperación son valores que no poden ser sustituidos polo gaño, motivación exclusiva dos que rendindo culto ao mercado, esquecen o valor da vida humana. O presidente dixo que era preciso denunciar os graves erros das políticas neo-liberais que levaron a reducir a capacidade de xestión dos Estados, ao aumento das privatizacións e a esqueceren as maiorías.

“A pandemia puxo a vista a fraxilidade dun mundo fracturado e excluinte no que nin sequer os máis afortunados e poderosos darian sobrevivido na ausencia dos que co seu traballo crian a riqueza.” –expresou o presidente noutro momento da súa intervención. “A pandemia leva ao límite os problemas angustiosos dun planeta inzado de desigualdades, no que 600 millóns son pobres de pedir e a metade da poboaación non ten acceso a servizos básicos de saúde e, namentres, o gasto militar global supera os 1,9 millóns de millóns de dólares, dos que máis do 38 %, corresponden no 2020 aos Estados Unidos”.

Diaz Canel denunciou na súa intervención o silenzo do goberno dos EUA en relación co grave atentado contra a embaixada de Cuba en Washington, que dixo ser froito da incesante campaña de hostilidade de parte de Trump; solidarizouse expresamente con Nicaragua e Venezuela asediadas polo goberno dos EUA, e lembrando a proposta de Fidel, de criar instrumentos de vida e saúde e non de violencia armada e morte, ofreceu á asemblea do MNOAL e ao mundo enteiro, a paz, a solidariedade e os froitos da experiencia de Cuba levando convivencia e saúde aos confíns do mundo.

“Operación Carlota” en Angola: a escrava rebelde en Cuba simboliza a loita contra o apartheid

O cartaz en Luanda, coas fotos de Agostinho Neto e Fidel, preside a festa de 17 de novembro de 2015 que celebra os 40 anos do fin do apartheid.

Moncho Leal – Terra Sen Amos

O 10 de abril pasado unha brigada de 214 persoas de persoal sanitario cubano, do continxente “Henry Reeve”, chegou a Angola, a requirimento dese país, para combater a COVID 19.

Viñeron á memoria imaxes da historia de Angola. A “Operación Carlota”. En outubro de 1975, un mes antes da independencia angolana, un continxente militar cubano chega clandestinamente ao país africano para axudar na formación militar das forzas guerrilleiras que van tomar o poder. Henry Kissinger, o todopoderoso responsabel da política exterior de EUA, dirixía o plan para impedir que o Movemento Popular para a Liberación de Angola, MPLA, asumira o goberno.

Agostinho Neto, que sería o primeiro presidente de Angola, solicitou axuda internacional, xa que estaba sendo agredido o país polo exército surafricano. Só Cuba respondeu.

Cuba estaría presente até maio de 1991, 16 anos nos que participaron 380 mil combatentes e 50 mil civís que colaboraron decisivamente.

Caeron en combate 2.107. Cuba xa estivera antes, despois do 1 de xaneiro de 1959, en Alxeria, Congo, Guinea Bissau, Cabo Verde e Etiopía. Tamén logo en Namibia.

Estando Nelson Mandela na prisión escribiu para referirse á loita solidaria de Cuba con Angola :”É a primeira vez que un país veu doutro continente non para levarse algo, senón para axudar aos pobos africanos a conseguir súa liberdade”.

Cando saíu da cadea, en 1990, logo de 27 anos preso, e cando fixo a súa primeira saída ao exterior, a Cuba no 1991, Nelson Mandela falou do papel imprescindibel de Cuba na liberación de Angola, Namibia e no fin do réxime do apartheid. Mencionou a decisiva batalla de Cuito Cuanavale, onde un dos principais mandos militares foi Manuel Díaz, galego e cubano que participou nas loitas que deron lugar ao triunfo da Revolución. Nesa batalla foi derrotado o exército de Sudáfrica.

Participaron forzas militares de Cuba, Angola e Namibia na vitoria.

Logo miles de mozos e mozas africanas estudaron en Cuba e Cuba formou nos países respectivos a centenares.

Carlota foi unha escrava cubana, descendente de Angola, que liderou unha sublevación nos enxeños azucreiros en 1843. Todo un símbolo, vitorioso máis dun século despois de que fora despezada polos escravistas.

Sobre Cuba en Angola, tamén en arquivo: https://terrasenamos.org/cuba-e-a-solidariedade-revolucionaria/

A CESC responsabiliza as autoridades dos EUA polo atentado contra a embaixada de Cuba en Washington

A Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba (CESC) que agrupa máis de un centenar de comités de solidaridade internacionalista, organizacións non gubernamentais, e asociacións políticas e sociais progresistas, e na que está integrada dende a súa constitución a Asociación de Amizade Galego- Cubana Francisco Villamil, ven de publicar o seguinte escrito de protesta contra o atentado do que foi obxecto a embaixada de Cuba en Washington.

As pegadas dos disparos vense sobre as columnas, as fiestras e o teito da soleira da embaixada.

Os disparos do desespero imperialista

A Revolución Cubana sofreu 30 de abril un atentado terrorista na súa embaixada de Washington, tiroteada por alguén evidentemente entolecido pola propaganda e mentiras anticubanas emitidas a diario pola administración e os medios corporativos dos EUA. Dende a Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba, condenamos este novo acto de violencia contra quen endexamais atentou contra pais ningún, e, mália o cerco e as agresións constantes, contribúe ao benestar dos pobos máis desfavorecidos con misións médicas voluntarias, como ven facendo en todo o mundo para loitar contra a pandemia.

A Coordenadora Estatal ven de celebrar Primeiro de Maio como un fito histórico de primeira magnitude na xesta heroica da clase traballadora contra a ferropea do capitalismo. Só a revolución proletaria, como expresión acabada da loita do pobo, poderá salvar á humanidade do abismo ao que é conducida por un sistema baseado na explotación duns seres humanos por outros e na depredación medioambiental. É por esta razón que gobernos imperialistas atacan sen descanso, por medio de calumnias mediáticas permanentes, criminais bloqueos económicos e, chegado o caso, agresións militares, a países e gobernos que miran polos intereses do pobo no canto de cebar as contas de multinacionais e capitalistas de voracidade insaciábel.

Antes de máis, facemos responsábeis ás autoridades estadounidenses do acto terrorista sufrido pola embaixada cubana, por corresponder a esas mesmas autoridade a protección das sedes diplomáticas representadas no pais; tamén por o atentado terrorista estar vencellado á retórica anticubana da Casa Branca, co presidente Trump á cabeza; retórica reforzada nos feitos co aumento das agresións contra Cuba, especialmente no eido económico.

Recordemos que Cuba perdeu máis de 3.500 compatrioras en atentados promovidos e organizados dende territorio norteamericano co obxectivo de escarmentar ao pobo para facelo renunciar a súa resistencia en defensa das conquistas sociais e políticas e da súa Revolución; ao cabo, trátase tanto de facerlle pagar por esta resistencia como de derrocar a súa Revolución.

Pretensión condenada ao fracaso. Se a pandemia do coronavirus revelou a impotencia do capitalismo para enfrontar calquer problema serio da humanidade, probou, pola contra, a capacidade dos pobos que loitan polo socialismo, como Cuba e Venezuela, para conter a extensión da enfermidade, o que atrae o interese de moitos países polos medicamentos de tecnoloxía cubana para se defenderen do virus.

Todo iso por volta dunha agresión e bloqueo brutais que, no caso de Cuba, dura xa máis de 60 anos. Mália a crueldade do asedio, a Revolución Cubana puido facer fronte ao contaxio masivo do virus, ao tempo que defendia a súa soberanía e xustiza social. Non é de estrañar a desesperación imperialista: Cuba vence á pandemia que a máis de rrasar o territorio do mismísimo Estados Unidos, maltrata o mundo occidental. Por iso aumentan os seus ataques de terrorismo económico anticubano e por iso mesmo renovamos a nosa solidariedade coa Revolución Cubana. Porque é o futuro de Cuba e da humanidade enteira.

Viva Cuba socialista! Viva a Revolución cubana! Vivan Cuba, Fidel e o  Che! Até a vitoria sempre! Venceremos!

Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba.