Cuba é a primeira potencia do mundo en solidariedade

Salim Lamrani

Os cartaces de agradecemento ás brigadas cubanas, inzaron os valados de Lombardía, unha das rexións máis ricas do mundo.

Fronte a pandemia do Covid-19, Cuba, a illa da  fraternidade, consecuente coa súa tradición de solidariedade con todos os pobos do mundo,  brindou seu apoio aos países necesitados de auxilio médico. Grazas ao seu extraordinario capital humano altamente cualificado, Cuba puido atender solicitudes de axuda procedentes de todos os recantos do mundo, mesmo da Europa occidental. Os pobos de Italia e de Andorra expresan a cotio seu agradecemento ás equipas de batas brancas que fixeron súa a fermosa máxima martiana: Axudar a quen o necesita non é só parte do deber senón tamén da felicidade.

Como non sentir gratitude polo pequeno pobo do Caribe, exemplo de xenerosidade sen límites cara aos máis vulnerabeis, mentres loita diariamente nun contexto geopolítico de adversidade para preservar seu dereito á independencia e á dignidade? Como non sentir admiración polos que van a avangarda de afastadas terras para combater a enfermidade pondo en risco a propia saúde e reivindicando, estetoscopio en man, que Patria é humanidade! Como non sentir respecto cara a esas mulleres e eses homes valentes que predican con actos concretos, e non con retórica, que outro mundo menos inxusto e máis fraternal é posibel?

Os pobos do Sur, afeitos recibir a man fraterna de Cuba desde os primeiros días da Revolución dos humildes, polos humildes e para os humildes, en 1959, saben que poden contar co apoio desinteresado dos fillos de Fidel Castro e José Martí en momentos de apuro que poñen a proba os valores universais. Ben saben que a illa non deixa nunca de responder aos reclamos dos que sofren e que ofrece sempre o que lle demandan a conciencia e o corazón.

O abraio dos pobos do Norte é ver que un pequeno país do Caribe, constantemente aldraxado e calumniado polos poderosos depois de ter cometido o imperdonabel pecado de proceder a unha repartición máis equitativa das riquezas nacionais, é o líder mundial da solidariedade médica con presenza en máis de cincuenta países. Descobren que malia o encarnizado estado de sitio que impoñen os Estados Unidos dende hai máis de medio século, malia os recursos limitados e as dificultades inherentes a un país subdesarrollado, Cuba é a primeira potencia do mundo en solidariedade.

Os que levan no peito o amor polos oprimidos, os que se preocupan pola sorte dos pobres, os que cren que a felicidade só pode ser colectiva, merecen o recoñecemento da humanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *