O xornalista canadiano Arnold August fala no seu último libro do sistema democrático cubano, mediante a comparanza co do Estados Unidos, o da Venezuela Bolivariana, o boliviano e o ecuatoriano. Cuba y sus vecinos. Democracia en Movimiento é unha investigación provocada polo éxito da versión inglesa dun seu libro anterior sobre as eleccións de 1997-98 en Cuba, recibido con moita curiosidade nos EUA, Canadá e Reino Unido, onde coidan que Cuba carece de eleccións. Arnold August é membro da Rede de Intelectuais, Artistas e Movimentos Sociais en Defensa da Humanidade e publica regularmente en Counter Punch, Global Research, Cubadebate e TeleSur. A seguinte entrevista procede do blog REDH-Cuba e foi traducida pola redacción de Terra Sen Amos.
Democracia en Movimento é o seu segundo libro sobre as eleccións en Cuba.
Acrecenta a experiéncia do meu Democracy in Cuba and the 1997-98 Elections, escrito para responder á desinformación que pretende que non hai eleccións na illa. Realicei a investigación en Cuba e seguin cada fase do proceso, dende os concellos até o Parlamento Nacional. Durante a maior parte do ano e medio de investigación, residín en cas dun delegado municipal do Poder Popular. O traballo, desenvolvido na Habana e nunha zona rural, tivo lugar desde setembro de 1997 a febreiro de 1998. Desa inesquecibel experiéncia resultou o meu primeiro libro. Publicouse en Inglés e foi ben acollido en Estados Unidos, Canadá e Reino Unido. Como poderán imaxinar, foi unha sorpresa, especialmente en Estados Unidos onde a idea de que non hai eleccións en Cuba, está moi extendida. Aquil libro procreou outro, no que afondei na miña análise. Reparei que mesmo medios de esquerda están contaminados pola propaganda sobre democracia e eleccións que divulga o pensamento único de EUA. Comparo a democracia existente en Cuba coa doutros países, particularmente Estados Unidos e Venezuela, con análise do pensamento único estadounidense e dos seus prexuizos de liberdade.
Como é esa versión de democracia?
O máis importante é a análise do funcionamento real da democracia e das eleccións no EUA. Non son partidário de descalificala como burguesa, nin de desprezar as campañas electorais como simple farsa ou espectáculo. É un recurso banal que impide ver o funcionamento interno do sistema. Quen alivia a súa conciencia acusando EUA de ser unha democracia burguesa, remata apoiando a Clinton contra Trump, e non comprende o que de verdade ocorre na base do sistema. Eu examino o proceso dende a perspectiva da base e non dende o cume. O papel que o diñeiro desempeña na política estadounidense é ben coñecido. Non é ningún segredo. O mesmo é válido con respecto á notoria corrupción do sistema político e a despiadada rivalidade carente de principios entre os dous partidos hexemónicos. O concentrarse nestas dúas características equivale a caer vítima da imaxe que EE.UU. ten de si. Insistir sobre esas cuestións non ameaza o statu quo para nada.
E o fenómeno Obama?
Nada mais Obama asegurar aos círculos dirixentes que podían contar con el, inxentes fondos fluíron ás súas arcas. No periodo 2006-2008, a elite estadounidense enfrontaba unha crise de credibilidade ante o resentimento e ira dos afro-americanos así como internacionalmente, e esta falla de confianza dentro e fóra do pais convenceunos de que Obama poderia serlles de utilidade. Apoialo foi se cadra a decisión correcta tomada polo círculo do poder xa que ben pode imaxinarse a situación no caso de gañar John McCain-Sarah Palin ou Mitt Romney-Paul Ryan. Os medios corporativos e os seus dous partidos principais, válense da campaña presidencial para promover o sistema bipartidista como opción única. Obxectivo sagrado porque do que se trata é de afogar calquera alterntiva de esquerda. Promoven a doutrina do mal menor –lesser evilism– e mália o electorado recusar ambos partidos e os seus respectivos candidatos, vese na obriga de escoller o menos malo. Segundo unha análise de Black Axenda Report, Obama non era o menos malo senón a máis útil de dúas opcións ruins para atender os intereses da clase dominante.
Sen excluir o recurso da inxeréncia imperial.
Barack Obama e un novo rostro do imperialismo. Executou o golpe en Honduras, en 2009 a nada de ser eleito. El e Hillary Clinton foron os actores, aproveitando a cirigaita da política exterior remudada. De certo, a heroica resisténcia hondureña estaba nunha situación comprometida e roubáronlle o vital apoio rexional que precisaba, mediante a trécola de a Casa Branca finxir indecisión e oposición ao golpe o que enganou algúns gobernos en América Latina. Logo veu o golpe parlamentário de Paraguai. E nada máis saberse o resultado das eleccións presidenciais de Venezuela, 14 de abril de 2013, Obama promoveu a desestabilización do país. E continúa interferindo. A resisténcia na rexión sería moito máis intensa de non contar os EUA co estado de ilusión propiciado pola retórica de Obama.
Cal é a situación dos afro-americanos?
A forza de Obama era ser parte dos afro-americanos, confiantes nun presidente negro. Infundia confianza nos seus ibros -de 2004 e 2006- e discursos importantes da súa campaña de 2012, sobre á problemática racial. Amagando solidariedade aos seus, non deixaba de acenar tranquilidade á elite: “Estados Unidos é unha sociedade post-racial: non hai unha América branca, negra ou de latinos, senón os Estados Unidos de América”. Ilusión cegadora que só podia crerse se a pronunciaba o primeiro presidente afro-americano. A súa crianza relativamente privilexiada, deixaba á maioría dos afro-americanos aos pés da pobreza, a discriminación e o Estado racista violento. O seu salto á Casa Branca é oportunista. No comezo do segundo mandato, un vixiante armado de Florida asasinou ao mozo Trayvon Martin e Obama presentouse ante a televisión para aplacar a indignación dos negros sen deixar de asegurar sorrateiramente a impunidade dos asasinos. O Departamento de Xustiza exonerou o causante da morte e deixouno libre. Impunidade institucional que deu luz verde para máis matanzas por parte da policía. Obama é o peor que lle ocorreu aos afro-americanos. Hillary Clinton fíxose co voto das nais negras cuxos fillos ou fillas foran asasinados pola policía. Entre elas a nai de Trayvon Martin. Sucedería isto de ser republicano o presidente? Non. A oligarquía teima no retrouso do excepcionalismo estadounidense. Se o que queren dicer é que se trata do único país de Occidente que ten como base a violéncia, como herdanza da escravitude, estou conforme. Obama déixanos a pacificación dos afro-americanos e a imppunidade para a violencia policial. Hillary Clinton gañará as eleccións contra Donald Trump por unha das razóns que elevaron a Obama ao poder: a maioría dos círculos dirixentes convocouno para cooptar ou, cando menos, neutralizar aos afroamericanos. A consecuéncia máis importante da doutrina do mal menor consiste en adiar para sempre a loita dende a base, unha postergación que impide ver a necesidade da loita revolucionária como alternativa do bipartidismo.
E os sectores populares e progresistas?
A candidatura do Partido Verde despegou despois de Bernie Sanders apoiar o nomeamento de Clinton, con Jill Stein de vicepresidente. Ajamu Baraka, correspondente do Black Axenda Report e Counter Punch, dixo que a súa intención é perpetuar o legado de W.E.B. Du Bois e Malcolm X, os dous revolucionarios máis importantes. Esta coalición crecente tamén inclúe ao movemento Black Lives Matter, que algúns describen como cada vez máis socialista. Pódense observar en miles de contas twitter, centos de sitios na rede, cadeas de televisión auto-finanzadas, programas de radio, etc. O argumento de que o voto é inútil porque non dá gañado, esquece o actual movimento de base e o seu futuro. Terminadas as eleccións, a loita seguirá nas rúas até a implosión do sistema bipartidista. Desafortunadamente, en moita da prensa progresista ou de Esquerda de América Latina e o Caribe, non hai case información ou análise desde esta perspectiva. Mália non ser tan radical como caberia esperar, a oposición contra a mortífera maquinaria de guerra imperialista, o réxime absoluto da oligarquía, o Estado de violencia racista, á Alianza Trans Pacífica (TPP), á cal Hillary Clinton critica de boca pequena, é maior do que nunca. Todos saben que Clinton continuará coa violación dos dereitos humanos do Pobo Palestino, na que está dacordo Trump.