Manifesto do Casal d´Amistat Català Cubà de Barcelona no cuarto cabodano do Líder da Revolución Cubana.
Quen quixeron desacreditalo, perderon a dignidade; quen tentaron alcumalo de ditador, son quen apoian, precisamente, ditaduras militares ou asesoraron golpes de estado; quen se encirran en achacarlle crimes de toda laia, son quen invaden países, bombardean pobos, impoñen miseria como modo de vida ou finanzan bandas paramilitares, narcotraficantes e terroristas.
Moitos espazos dixitais, audiovisuais e de impresión, baixo a “liberdade” comprada do capitalismo, tentan fabricar unha opinión adversa sobre a súa vida e obra, mentres calan sobre mentiras e manipulacións finalmente descobertas, que serviron para facer un negocio moi lucrativo coa propaganda contra a figura de Fidel. Como dixo o poeta arxentino Juan Gelman, “mirou o seu pobo e dixo: eu son o pobo” e co pobo derrocou ao Goliat imperialista, e aprendeulle ao pobo tanto a desafiar ao poderoso Tío Sam como a resistir calquera agresión, e non se contentou con cambiar a historia do seu arquipélago con figura de caimán, senón que o converteu nun faro para os pobos do mundo.
Quixeron matar tantas veces a Fidel, que mesmo chegaron a 638 os intentos de asasinatos que ficaron no máis completo chasco. Será que as deidades afrocubanas miraron por Fidel ou, simplemente, eran nulidades os sicarios? Ora, é verdade que Fidel nunca tivo medo, porque sempre o protexía seu chaleque moral, o seu desprezo ao perigo e a súa lendaria coraxe; porque da mesma maneira que enfrontou ciclóns, tiña a temeridade de cantar verdades no corazón do imperio. Como estar naqueles lugares sen importarlle que estivesen alí os mesmo criminais que o querían morto?
Fidel foi a voz de Cuba, pero tamén a voz de moitos pobos de América Latina, África e Asia, como tamén de Europa; porque nas multitudes que devezan xustiza, aínda se ouven os seus ideais de igualdade, equidade, solidariedade, unidade, respecto, cooperación. Fidel é unha montaña. Vista de lonxe parece un desafío ou un risco, pero quen se atreven a escalala ven que contaxia a irmandade a todas as persoas que queren construír pontes de paz.
O propósito de facerlle humilde xustiza a súa inmensa obra, tanto a obra concreta e comprobábel como esoutra colosal que forma o intanxíbe, non é doado. Os inimigos xurados de Fidel temen seus discursos, charlas e reflexións, pois deviron en obra mestra do patrimonio oral e inmaterial da humanidade; máis aínda, cando son os propios pobos os que acoden a esta para gañar claridade nas súas xustas loitas emancipadoras, de conquista das súas soberanías e pola independencia nacional.
Cando os odiadores de Fidel brincan e bailan pola súa desaparición física, o que fan realmente é celebrar a vitoria de Fidel. Si! A vitoria de Fidel, porque Fidel triunfa en cada paso certo de Cuba para se librar das trampas do criminal bloqueo económico. Con cada vitoria obtida contra o imperialismo no mundo, con cada pobo que ergue a bandeira da xustiza e a paz, co abrazo fraterno das nacións e con cada paso que salve á humanidade e demostre que si hai alternativa, que outro mundo é posibel.
Traducido do orixinal en Catalán pola redación de TSA.