Terra Sen Amos – Redacción
Medios públicos de información que sexan quen de gañar audiéncia por boa factura, contido crítico, claridade, novidade e transcendencia. Eis a opción da xornalista Cristina Escobar para respostar a competéncia dos novos medios de soporte electrónico, a cada máis populares en Cuba e negar cos feitos a pretendida identificación da liberdade na proliferación de medios privados. A moderadora do popular programa da TV Cubana “Mesa Redonda”, describiu en Vigo e Santiago unha situación nova no consumo de información da illa, aínda baixo o Bloqueo. “Temos moitas máis opcións para decatarmos do que pasa en Cuba e no mundo. A visión medio céntrica que puido haber nalgún momento en torno aos medios públicos, está superada. A xente ten acceso a Tele-Sur, cadea promovida por varios países latinoamericanos, e aumenta a penetración de Internet por métodos informais de difusión de información a través de memorias digitais e lápis electrónicos. A competencia abriu un vivo debate nos medios públicos sobre como achegar a información ao que o pobo espera”.
A xornalista foi presentada en Vigo pola profesora Erea do Rio Iglesias, directiva da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, e polo presidente Valentín Alvite Gándara, en Santiago, e falou dunha renovación do sistema de comunicación, dinamizada polo novo escenario de relacións cos EEUU. “A realidade mudou e hai que explicarlle á audiencia as claves da realidade cambiante. As persoas queren saber máis e se a túa información non ten calidade e contido, o resultado vai ser a desconexión, que non che lean, qu non che escoiten, que non che ven. Para non perderen credibilidade, os media públicos están chamando á reflexión. Iso é fundamental, porque as novas relacións con EEUU van traer cambios económicos pero tamén políticos”.
Mentres cubría a reapertura da embaixada en Washington, reporteiros norteamericanos deron por suposto que a nova xornalista cubana estaría cegada pola frenética competencia mediática na contorna da Casa Branca. “Agora xa sei cal é o sistema mediático que menos me interesa”, replicou Cristina Escobar. Referíndose aos medios en español do sur de Florida, describiu un discurso detido no tempo até o extremo de perder de vista a realidade de Cuba e aínda de ignorar o que pensan Obama e algúns membros do Partido Republicano dos EUA. Sobre a recente instalación de medios norteamericanos na illa, dirixidos á diáspora, asegurou que lonxe de velos como unha ameaza, deberían seren considerados coma unha chamada de atención aos medios públicos para buscaren a perfección. “Os nosos medios teñen que estar á altura e desembarazarse con plena profesionalidade nese novo escenario”.
Cristina Escobar reviviu o debate dos últimos 70 no Estado Español, sobre a capacidade dos medios públicos para resistir a competencia dos privados. Unha disputa falseada naquela altura pola privatización e unha acelerada desprofesionalización das canles públicas e a invasión de cadeas dependentes de grupos de presión. A lúcida intervención da xornalista cubana recorda unha evidencia: o camiño cara a unha información profesional, crítica e fiable pasa por medios de propiedade pública antes que polos monopólios bancários.