Novos capítulos da permanente guerra cultural contra Cuba (II)

Misión Verdade, 12 de febreiro de 2021.

Trump creou O Comando Especial para Internet por vía dunha disposición da Presidencia, co obxectivo de contratar netcenters (manexadores de bots), cibermercenarios e youtubers e sementar mensaxes de odio e percepcións negativas que son replicadas na rede de medios independentes e redes sociais. Precisan intermediarios de opinión de certo recoñecemento ou popularidade, presuntamente xornalistas ou líderes de opinión, polo que as súas palabras danse como verdadeiras, aínda que non o sexan.

Se a fracción do MSI, que aquí posa para a foto perante o Ministerio de Cultura, actuara na guerra londinense dos 60 do século pasado entre “mods” e “rockers”, sería “mod”. Os “rockers” eran traballadores.

De feito, influencers con tendencias hipercríticas, creados para xerar empatías e tendencias ideolóxicas. Outro elemento utilizado é o coñecido como hater, un usuario que se expresa con hostilidade, reproduce discursos de odio sobre persoas, grupos específicos da poboación ou sobre un tema.

Nun artigo para Cuba Money Project titulado O próspero negocio da democracia en Cuba, o xornalista Tracey Eaton sinalou o financiamento agachado de diversas formas a decenas de grupos, a medio de axencias, empresas e organizacións opacas no manexo dos seus fondos. O patrocinio de accións que perseguen a subversión e o golpe de estado superou os 249,5 millóns nas últimas dúas décadas.

Só en 2020, un reporte baseado na información pública que manexan axencias como a USAID nos seus portais dixitais, estima en 2,5 millóns de dólares a suma para financiar iniciativas subversivas. Trátase dunha cifra parcial, pois “algúns programas son tan secretos que nunca se revelan os destinatarios dos fondos”, explica Eaton.

O xornalista asegura que desde 2017, polo menos 54 grupos realizaron programas na illa con diñeiro proveniente da USAID ou da NED, coincidindo coa chegada á presidencia de Donald Trump.

As referencias ao Movimiento de San Isidro (MSI) medraban na Rede e 24 de novembro o Departamento de Estado estadounidense ofrecía até 1 millón de dólares para programas que promovesen dereitos civís, políticos, relixiosos e laborais en Cuba. Pagábanse ben as propostas para reforzar a capacidade de grupos independentes da sociedade civil en Cuba para promover os dereitos civís e políticos e poder responsabilizar a funcionarios cubanos por violacións de dereitos humanos e corrupción.

Con todo, Eaton mostra só unha capa dun negocio extremadamente rendibel, pois axencias e goberno de Estados Unidos informan ter contratistas non revelados (infiltrados) aos que tamén vai parar unha parte dos fondos para cambiar o goberno en Cuba.

Para dilixenciaren os pagos, medios contrarevolucionarios como El Toque, mediante o colectivo Más, radicado en Polonia, ou El Estornudo, creado en Cuba, e logo legalizado en México, rexistráronse noutros países como ONG.

No caso ZunZuneo, para ocultar o rastro do diñeiro, creáronse empresas de fachada en España e as Illas Caimán desde 2009, e contrataron directores xerais sen dicirlles que ían traballar nun proxecto financiado polos contribuíntes estadounidenses. Os 1,6 millóns de dólares gastados aparecían publicamente destinados a un proxecto non especificado en Paquistán, sen revelar onde se gastaron realmente os fondos. (1)

 Yazmín Vázquez Ortiz, do Centro de Estudos Hemisféricos e sobre Estados Unidos da Universidade da Habana, explicou que o financiamento, a capacitación e a asistencia técnica son alicerces, a partir dos cales se aproveitan as condicións que existan nas sociedades que poidan ser obxecto de intervención, para promover movementos de resistencia que poidan fomentar o cambio que quere Estados Unidos.

A subdirectora dese mesmo Centro, Olga Rosa González Martín, destacou que ao funcionar como unha organización privada reciben fondos privados que poden ser de calquera individuo, de calquera corporación a nivel internacional, o que fai máis difícil poder vincular a unha entidade cun goberno específico, e cos obxectivos de política exterior dese goberno nun país determinado.

O Instituto de Xornalismo de Paz e Guerra, Factual, Distintas Latitudes, Fundación Sueca de Dereitos Humanos, Editorial Hipermedia, Diario de Cuba, Cubanet, a Universidade Sergio Arboleda e moitos máis, funcionan como contratistas destes proxectos mercenarios de prensa. Como estratexia seleccionan seus futuros líderes, capacítanos, premian, financian, estimulan, visibilizan, aglutinan, empoderan, orientan e danlles espazos e tribunas.

A penetración de Internet apontou esta faceta da guerra cultural que non é nova, mentres as fontes públicas de información do propio goberno estadounidense revelan o incremento de fondos durante os últimos anos, á vez que o Estado cubano reformaba seu modelo económico e social.

En xaneiro pasado o MSI foi honrado co Premio Freemuse á Liberdade de Expresión Artística 2021 pola fundación CADAL (Centro para a Apertura e o Desenvolvemento de América Latina), entidade de dereita con sede en Arxentina e Uruguai que se declara voz clara e constante na promoción da democracia, o fortalecemento das institucións e o progreso económico e social de América Latina, e recibe fondos da Fundación Ford e a Fundación Atlas.

O artivismo de membros do MSI recibe cada vez máis fondos e adestramento para causar impacto visual e disfrazar de tendencia artística o cambio que aos EUA lle interesan en Cuba.

Os artivistas reciben premios polo seu innovador labor e gran esforzo facendo fronte ás medidas coercitivas (!) do goberno cubano.

En 2011, a NED publicou na súa páxina oficial que achegara a Cadal 60 mil dólares e, até 2012, nove dos 16 libros que publicara en sociedade con distintas fundacións e editoriais, trataban sobre temas cubanos.

Foi denunciada nese país por ser unha organización financiada pola Fundación Nacional pola Democracia, que á súa vez foi financiada pola CIA, e estableceron a loita anticomunista xunto á Fundación Liberdade, o Centro de Promoción de Políticas Públicas para a Equidade e o Crecemento (CIPPEC) a Fundación Vital Voice, a Fundación Pensar, a Fundación Crer e Crecer e varios dos referentes da política rexional, como Mauricio Macri, Laura Alonso e Patricia Burllich.

Imaxinarios e valores, botín da guerra cultural

A guerra cultural, como se dixo, non é nova, como tampouco o é a crise multi-dimensional, estrutural e sistémica do capitalismo: por iso mesmo é que se agudizan os ataques contra calquera sistema de goberno que non contribúa a soster o seu imaxinario liberal baseado no individualismo duns poucos.

A maquinaria de difusión de valores políticos e culturais de Estados Unidos non toma en conta o respecto á soberanía das nacións e a diversidade cultural dos pobos; máis aló da soa influencia, practica a inxerencia encuberta e aberta nos asuntos internos doutros estados.

O debate non se circunscribe ao que fan ou opinan un grupo de artistas, nin sequera á violencia que xeran ou buscan xerar. Hai elementos que buscan cambiar a maneira de pensar dos cidadáns, de crear unha masa acrítica de persoas que non crea ou traballe para revolución algunha, e nada máis útil que a cultura como espectro de cambio de valores.

Son elocuentes as mesmas declaracións de Bruguera en diversas ocasións: a arte “para tentar novas estruturas políticas” (2005), “un medio para outras cousas” (2008). Na lóxica destes operadores non existen restricións culturais en Estados Unidos como as hai en Cuba, transmíteno obviando o episodio de Trump en contra da app TikTok de orixe chinesa ou a discriminación contra os xornalistas rusos en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña e Francia.

O insistente e custoso esforzo dos EUA por presentarse como modelo cultural para o mundo, ao tempo que pretende selo no social, o económico e o político, é parte dun negocio pero tamén dunha guerra. Baséase na noción de que a cultura é mercadoría e, polo tanto, o que vende é o que se promove, é dicir, se as elites poden comercializar con éxito a banalidade, o sexo e a violencia, entón que así sexa. O gaño é o criterio reitor.

A guerra cultural dos EUA contra o mundo vai para alén da influencia, practica e da infiltración encuberta ou aberta nos asuntos internos doutros estados para impor e normalizar seus valores mercantilistas como normalidade.

Todo ficou cando, en 2005, Estados Unidos e Israel equipararon a liberdade de creación co libre mercado na arte. Ese ano, en París, a UNESCO adoptou o Convenio sobre a Diversidade Cultural que establece que a cultura non é unha mercadoría máis, e outorga aos Estados o dereito soberano de impulsar e protexer a súa produción cultural, material e inmaterial contra toda medida que consideren unha ameaza.

O texto foi aprobado por 148 votos a prol e 2 en contra, estes últimos de Estados Unidos e Israel, cuxos delegados argumentaron que promover a verdadeira diversidade cultural é o mesmo que loitar polas liberdades individuais para que todos poidan ter liberdade cultural e gozar das súas propias expresións culturais e non das impostas polos gobernos.

Elier Ramírez Cañedo, do medio Granma, opina que o modelo do Norte Global impón o mercado capitalista como norma para os artistas, polo cal ese goberno non só protexe a economía de mercado cara ao interno, senón que se opón ao dereito soberano doutros países a protexer a súa cultura tradicional.

A promoción estadounidense da democracia, a liberdade de expresión e os dereitos individuais abrangue tanto que inclúe a cuestión cultural, e está catalogada como un dos obxectivos do devandita financiamento.

Nunca se chamará polo seu nome ás arremetidas colonizadoras da industria hexemónica global, con proxectos específicos de guerra cultural, deseñados, financiados e levados a práctica tanto para o dominio das sociedades no afectivo e cognitivo como para impor coma norma os seus valores a determinados grupos e nacións.

Un punto crítico é a historia: canto máis se poida manipular, terxiversar o pasado e atacar as súas bases máis sensibeis e simbólicas, mellor poderase varrer co exemplo de procesos revolucionarios como os ocorridos en Cuba, Venezuela, Nicaragua, Bolivia e Ecuador.

No seu libro La CIA y la guerra fría cultural, a investigadora Frances Stonor Saunders, expón como a cultura foi arma fundamental durante a Guerra Fría en contra das experiencias socialistas do Leste de Europa. “Un trazo importante das accións emprendidas pola Axencia para mobilizar a cultura como arma da Guerra Fría, era a sistemática organización dunha rede de grupos privados e amigos. Falamos dunha coalición de tipo empresarial de fundacións filantrópicas, empresas e outras institucións e individuos que traballaban de xeito conxunto coa CIA, como tapadeira e como vía de financiamento dos seus programas secretos en Europa occidental”, sinala Frances Stonor.

Trátase dun concepto que, entendido como sistema, integra ou se relaciona con elementos doutros termos que foron de maior uso como o de guerra política, guerra psicolóxica, guerra de cuarta xeración, smart power, golpe brando, guerra non convencional e subversión política-ideolóxica.

O Libro Branco do Comando de Operacións Especiais do Exército dos EUA, de marzo de 2015, baixo o título Apoio das Forzas de Operacións Especiais á Guerra Política, expón que ese país debe retomar a idea de George F. Kennan, un estratego estadounidense contra a Unión Soviética e arquitecto da política de contención fronte ao comunismo no Departamento de Estado.

A súa formulación parte da necesidade de superar o límite do concepto que establece unha diferenza básica entre guerra e paz, nun escenario internacional onde existe un “perpetuo ritmo de loita dentro e fóra da guerra”. É dicir, que a guerra é permanente (por iso o conflito permanente do MSI e outros moitos grupos financiados polo Norte), aínda que adopta múltiples facetas e non pode limitarse ao uso dos recursos militares.

De feito, o documento expresa que se pode facer a guerra sen declarala, e mesmo facer a guerra á vez que se declara a paz. “O obxectivo final da Guerra Política é gañar a Guerra de Ideas, que non está asociada coas hostilidades– precisa-. A Guerra Política require dos servizos armados, diplomacia agresiva, guerra económica e axencias subversivas no terreo na promoción de tales políticas, medidas ou accións necesarias para irromper ou fabricar moral”.

Zbigniew Brzezinski, asesor para Asuntos de Seguridade Nacional do expresidente Jimmy Carter, na súa obra The Grand Chessboard, American Primacy and its Geoestrategic Imperatives, publicada popr Basic Books (2)en 1997, expresaba: “A dominación cultural é unha faceta do poder global estadounidense que non foi debidamente valorada. Aparte do que se poda opinar sobre seus valores estéticos, a cultura de masas estadounidense exerce un atractivo magnético, especialmente sobre a mocidade do planeta. Unha atracción que pode vir da calidade hedonista do estilo de vida dos EUA, pero seu engado global é innegabel. Os programas de televisión e as películas dos EUA representan as tres cuartas partes do mercado global, mentres a música popular é igualmente dominante. Novidades, hábitos alimenticios e roupa dos EUA, son imitados en todo o mundo. A lingua de Internet é o Inglés, e as máis das conversas dixitais proceden dos Estados Unidos, o que influencia os contidos do diálogo global”.

Búscase sacar rédito do intento de golpe de 27 de novembro de 2020. Cada vez queda máis claro que non foi un movemento espontáneo e que a súa dirección e sentido cara a un golpe brando levan a forzar constantemente escenarios de tensión que rematen en situacións de conflito.

O que se procura é desgastar a narrativa oficial en longas explicacións e respostas para deste xeito outorgar lexitimidade ás novas caras transmitir a idea de que as súas operacións son un medio para outras cousas.

A institución da cultura de Cuba é cabeza de praia nesa estratexia de privala de sentido progresivamente, para irradiar un relato de crise ao resto do Estado e forzar ríos revoltos, escaladas de caos e espirais de violencia.

Publicado por Misión Verdad e traducido ao Galego para TSA por Rosalía Eiras.

NOTAS

(1) https://platform.twitter.com/embed/Tweet.html?dnt=false&embedId=twitter-widget-2&frame=false&hideCard=false&hideThread=false&ide=1358970611851264001&lang=é&origin=https%3A%2F%2Fmisionverdad.com%2Finvestigaciones%2Fnuevos-capitulos-de-a-permanente-guerra-cultural-contra-cuba&theme=lixeiro&widgetsVersion=889aa01%3A1612811843556&width=550px

(2) O Grande Taboleiro Mundial de Xadrez, a supremacía dos EUA e os seus imperativos estratéxicos. Basic Books, 1997.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *