Compostela, 26 – Terra Sen Amos
A solidariedade de Portugal e Galiza con Cuba, anunciou en Santiago de Compostela unha mobilización conxunta para reclamar o fin do Bloqueo e da Posición Común da UE. O III Encontro de Solidariedade con Cuba, promovido por Porto Com Cuba e Asociación de Amizade Galegocubana “Francisco Villamil”, apoiará todas as iniciativas que poidan favorecer o perfeccionamento e a eficiencia do modelo económico e social defendido pola Revolución, mediante fórmulas de cooperación de común interese para Portugal, Galiza e Cuba, e tomará en consideración recursos de xestión conxunta para levar a cabo labores de divulgación da realidade cubana.
Gonçalo Duarte, presidente de Porto Com Cuba, definiu o Bloqueo coma un cerco de guerra de extrema crueldade que mediante a firmeza da Revolución e a reacción do mundo enteiro se foi virando contra seus promotores, ate o extremo de a intención de aillar o exemplo de Cuba producir derradeiramente a incomunicación de EUA ao sul de Rio Grande, como ven de recoñecer o chanceler norteamericano. Duarte dixo que a intención do imperio e o capitalismo era deformar mediante a mentira os logros na atención da saúde universal, pública e de cualidade, a extensión do ensino como arma de emancipación social e o cuidado da vida expresado en taxas de supervivencia superiores as dos paises ricos. Invitou a Asemblea a divulgar a verdade de Cuba e a combatir colonialismo, fascimo e imperialismo en defensa do patrimonio da Revolución.
Para o presidente da Villamil, Valentín Alvite, o restablecimento de embaixadas entre Cuba e os EUA sería unha reforma superficial se os promotores da prolongada guerra de inxerencia e de busca da ruina e aillamento da Revolución, non desarmasen o sitio político e económico contra a illa.
Dende a mesa, interviron tamén Erea del Rio Iglesias, vice-presidenta da Villamil, e Jorge Gouveia, vice-presidente de Porto Com Cuba. Del Rio propuxo a posta en valor dos logros da Revolución, en particular os da sanidade e a mellora da situación da muller. Da Asemblea chegaron proposta coma a de compartir iniciativas sobre a fronteira, en especial as que se refiren a divulgación da cultura, a medio de conferencias, proxeccións e representacións, e as de intercambio, a traveso de convocatorias de viaxes e brigadas.
O mesmo dia 24 celebrouse unha cea na que participou, xunto as asociadas e asociados da área de Porto e Galiza, o pleno do Consulado Xeral de Cuba en Galiza. O Cónsul Xeral, José Antonio Solana falou en Portugués para agradecer os traballos da Asemblea e lembrar a figura de Francisco Villamil, facendado Galego que entregou todo o seu patrimonio ao ideal da independéncia de Cuba e atinxiu o máis alto recoñecemento do exército Mambí.
Domingo 25, a Asemblea viaxou a Oleiros onde recibiu a benvida do alcalde Anxo García Seoane, distinguido pola Revolución a causa do seu longo historial de solidariedade con Cuba. No parque José Martí, homenaxearon ao Che Guevara á beira da estatua erixida polo Concello na súa honra. Interviron o Alcalde e o presidente de Porto Com Cuba. Na conclusión do encontro, o Cónsul Xeral de Cuba falou da actualidade do modelo socialista e da vixencia da figura do Che.