Cuba pregunta á Eurocámara se non ten interese en tratar a intromisión do goberno de Washington contra Cuba e o castigo colectivo que representa o bloqueo, contrario a Lei internacional, que viola os dereitos da poboación e castiga a independencia e o real dereito de o pais comerciar e tratar con quen queira no mundo, liberdade coutada en concreto para a adquisición por Cuba de equipa médica e fármacos no tempo de excepción da Pandemia.
Outro interrogante de Cuba dirixido a toda a Cámara pide información de cando figurará na orde do día parlamentar a defensa de persoas naturais e xurídicas europeas que ven seus intereses lídimos invadidos polas leis extraterritoriais dos EUA, contrarias a dereito, o que significa que o goberno norteamericano pode multar a quen lle pete na UE en nome dunha súa pragmática anti-cubana.
A Eurocámara vive a contradición de ter admitido a trámite unha pregunta promovida polo Partido Popular (coa axuda de formacións fascistas coma Renovar Europa) sobre o cumprimento da Lei polo goberno de Cuba. Resulta logo que unha formación política española fundada para a continuidade informal do Franquismo e abourada na actualidade por unha marea de procesos contra a corrupción, interesa da Cámara con carimbo de emerxencia, acusar a Cuba de algo. Ou como di a embaixada de Cuba en Bruxelas: “Son claras as motivacións políticas detrás deste show anti-cubano, promovido por eurodiputados españois que teñen saudades do franquismo e (…) esquecen que Cuba deixou de ser colonia de España en 1898”.
A Revolución, coas mulleres. Ou non haberá Revolución. A quen se deberon senón redes de finanzamento, casas de seguridade, intendencia da guerrilla na Serra Mestra, ou Eugenia Verdecia, a levar cartuchos de dinamita, granadas de man, balas, peites de metralladoras, fulminantes debaixo da saia? “Con heroínas anónimas como estas, que imitan en todo ás mambisas do pasado, non pode haber causa perdida”, escribe Raúl Castro mozo, sábado 29 de decembro de 1956.
Vilma Espín, o amor guerrilleiro de Raúl, a súa compañeira de toda a vida, completará a educación feminista do líder revolucionario. Abonda repasar antes e despois de eles namoraren no balbordo da guerra para vermos unha historia de coherencia. De antes viña seu feminismo: homes e mulleres iguais, mesmos dereitos, obrigas compartidas e común axenda para o cambio social. Como explicar senón as palabras admirativas de Raúl no seu diario a pouco do desembarco do Granma, ou o protagonismo das mulleres no Exército Rebelde, onde constituíran o pelotón das Marianas mentres Asela dos Santos dirixía en plena insurxencia o Departamento de Educación da Segunda Fronte Oriental, que comandaba Raúl.
No Exército Rebelde non era só dos homes o privilexio de viviren e morreren pola patria. A guerrilla cubana superou outras frontes revolucionarias, antes e despois de 1959, que deran ás mulleres só postos subalternos. Teté Poboa, segunda xefa das Marianas, lembrou como gañaran o dereito de chantarlles cara aos soldados batistianos no campo de combate: “As causas que maduraron a nosa decisión de estarmos na avangarda de combate (…) proceden dun sentimento maternal de furia e rebelión ante as infamias da tiranía sobre os labregos durante a ofensiva iniciada en maio do 58: nenos asasinados en bombardeos e ametrallamentos: fillas e esposas violadas en presenza dos seus; familias enteiras masacradas, casas e sembrados queimados”.
Nacera unha proposta revolucionaria en feminino: elas participaban na fronte, camiñaban sen pouso, compartían privacións, escribían o seu diario, identificaban sen se alterar os disparos inimigos. O amor entre Vilma e Raúl non existiría, se cadra, sen ese mutuo respecto, igualdade e admiración. Vilma era delicada coma un lilrio e forte como a roca volcánica da Gran Pedra, e o Comandante guerrilleiro rendeuse a un sentimento por unha muller absolutamente fóra de serie que sabía apuntar cun fusil e dirixir homes curtidos nunha guerra feroz contra os esbirros da ditadura, que tiña por riba unha sólida educación técnica e artística. Graduárase como Enxeñeira Química, bailaba ballet; tiña un posgrao do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, cantaba con preciosa voz de soprano e pintaba. Para Raul deseñou un autorretrato en decembro de 1958 con este epígrafe: “Espero que esteamos sempre xuntos e non teñas que botar man deste deseño para verme”.
“Foi un amor moi bonito, que non se apagou cos anos”. Quen o di é Yolanda Ferrer, que tiña 13 cando coñeceu Vilma, nos preparativos do que Fidel chamaba unha revolución dentro da Revolución: a Federación de Mulleres Cubanas. A FMC, que cando morre Vilma en 2007, dirixirá Yolanda até 2012. Naceu para defender e executar aquel proxecto de liberación feminina que tiña que loitar contra séculos de cultura machista e incomprensións dentro das propias filas revolucionarias: “Por qué unha organización só de mulleres, se a loita foi unitaria, se a Revolución condenou sempre toda discriminación, incluída a do sexo?”, era o tipo de pregunta que facían entón algúns compañeiros e que o propio Raúl lembraría nun dos aniversarios da Federación.
“Raúl foi o primeiro en saber que as mulleres querían organizarse. Díxérallo Vilma e o apoio del foi absoluto desde o comezo”, conta Yolanda. “As mulleres do Secretariado da FMC puidemos coñecelo na súa dobre dimensión: primeiro, como o extraordinario dirixente da Revolución cubana que é -estratega brillante, de gran modestia e lealdade a Fidel, cun gran sentido do humor… Coñecémolo tamén como ser humano, como pai, como avó, como esposo. Eles foron un exemplo de familia e falo en pasado, porque ela xa non está fisicamente.” Yolanda, a quen se lle creba a voz a cada que nomea a Vilma, afirma que, independentemente de onde estivesen e as tarefas que pesasen sobre eles, o matrimonio falába por teléfono desde o traballo, alomenos un par de veces ao día e planeaban os encontros cos fillos e os netos na intimidade familiar.
Artigo publicado en La Jornada de Mexico, ao Raúl Castro cumprir 90.
O universal propósito de rematar o criminal Bloqueo contra Cuba, xuntou por un intre a Triple Alianza de Galiza, Eukadi e Catalunya, a histórica Galeuzca á que agora súmase Unidas Podemos. As formacións nacionalistas presentaron na quarta feria 2 de xuño unha proposición non de Lei perante a Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso para o goberno do Estado intervir na súa condición de aliado estratéxico, socio da OTAN e axente clave na rede nuclear dos EUA, e pedirlle ao goberno de Washington que cese o bloqueo contra Cuba.
A teima dos EUA contra Cuba, rebordou 60 anos e foi asunto de primeira importancia para 11 inquilinos da Casa Branca.
As formacións políticas desta alianza de Unidas Podemos coas nacionalidades do Estado Español contra o Bloqueo, enxértanse en todo o espectro de tendencias do Congreso desde esquerda independentista a conservadores autonomistas e socios do goberno do PSOE. O partido que goberna a autonomía de Catalunya está coa moción.
BNG, Unidas Podemos, IU-EU, ERC, EH Bildu, CUP, Junts per Catalunya e Compromis condenan o ilegal instrumento intervencionista do Bloqueo e remarcan que é contrario ao dereito internacional limitar o dereito básico de relación entre Estados, como está a facer EUA con Cuba, e resulta infame aplicalo en tempo de excepcional emerxencia sanitária como é a Pandemia.
Os partidos asinantes entenden que o actual inquilino da Casa Branca representa unha xestión con matices distintos da anterior presidencia o que podería significar unha oportunidade para Estados Unidos librarse da vergoña do asedio máis prolongado da era actual. Ante a opinión aldraxada da Asemblea das Nacións Unidas, é o criminal cerco aplicado polo pais máis armado da historia da humanidade contra un pequeno arquipélago no Caribe, cativo e sen recursos, e grande en solidariedade, defensa da independencia e xustiza socialista.
O nome Galeuzca é un acrónimo de Galiza, Euskadi e Catalunya, ideado en 1923 como alianza para a reivindicación nacionalista, recuperado no 41 para combater o rexime fascista e reivindicar a independencia defendida coma direito na carta de San Francisco.
Vinte anos demorou o goberno dos EUA en retirar a súa tropa de Afganistán. Hai quen di que a de Afganistán foi a guerra máis longa da nación norteamericana desde 1945. A do Vietnam, foi de 1961 a 1975, 14 anos; na Segunda Guerra Mundial, os EUA interviran menos de catro.
Destruír a base de Al Qaeda era seu propósito no Afganistán, onde querían eliminar aos talibán por teren acubillado Al Qaeda e Osama Ben Laden. Fracasaron nos seus obxectivos bélicos: Al Qaeda permanece na fronteira afgán-paquistaní, e espallou noutras partes do mundo. Arestora está a piques de volver ao poder en Kabul. De Afganistán e de Vietnam, os EUA marchan derrotados.
A guerra contra os afgáns non é a máis longa da historia recente dos EUA. Ese título corresponde a guerra híbrida de Washington contra Cuba desde 1959 (guerra híbrida: a que se libra mediante sabotaxe, atentados, control da información, intervención da economía, multas e ameazas contra os países que comercian con Cuba) EUA e os seus aliados termaron no bloqueo a URSS, con características semellantes ao de Cuba, durante 44 anos; o de Cuba xa sobardou 60.
O desembarco na Bahía de Cochinos (17 de abril de 1961) anunciaba ao mundo que Washington faría o preciso para derrocar o goberno soberano de Cuba e reinstaurar a vella oligarquía refuxiada en Miami. Prevían actos de terror, incluíndo atentados contra avións civís e bloqueo económico para asfixiar Cuba.
En outubro de 1962, durante a chamada Crise dos Mísiles, o xeneral Maxwell Taylor, xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, planificou unha invasión. “De non utilizarmos armas atómicas –dixo- teremos que asumir arredor de 18.500 baixas no primeiros dez días da operación». Baixas dos EUA; as de vidas cubanas non lles quitaban o sono.
Máis adiante, cando o Goberno cubano enviou tropas para axudar na loita de liberación nacional en Angola en 1975, a Casa Branca contemplou un ataque militar a gran escala contra Cuba. O secretario de Estado Henry Kissinger advertiu ao xeneral George Brown, do Estado Maior dos EUA o 24 de marzo de 1976: «Se atacamos, terá que ser para gañar; non pode haber medias tintas». Programaron ataques aéreos e minar os portos de Cuba. «Temos que esmagar a Castro», comentou Kissinger ao presidente estadounidense Gerald Ford. “Paréceme ben”, dixo Ford.
Como entender que o país máis armado do mundo considerase acabar cunha illa tan pequena? Porque a estrutura social de Cuba —o seu compromiso coas persoas e non cos beneficios da acumulación— deixa á vista a falsidade das propostas políticas dos EUA, agora plenamente expostas durante a Pandemia, pois unha ciclópea acumulación non dá controlado o virus (SARS-CoV-2) mentres o sistema de saúde pública de Cuba si pode, amais de enviar brigadas médicas a outros países.
Mesmo sen ataques militares directos, o bloqueo en si mesmo é unha guerra. Custoulle á cativa economía cubana o equivalente a 144.000 millóns de dólares nas últimas décadas.
Desde 1960 até inicios dos anos 90, Cuba contou co intercambio coa Unión Soviética e os países socialistas mais coa a caída da URSS, o bloqueo intensificouse e o Goberno estadounidense aprobou unha serie de leis de castigo contra quen se atrevese a comerciar coa nación caribeña. Por exemplo, a Lei de Democracia Cubana (1992) ou a Lei de Liberdade e Solidariedade Democrática Cubana (1996), tamén coñecida como Lei Helms-Burton. Desde 1992, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aproba cada ano desde 1992 unha resolución contra o bloqueo (en 2020, Cuba pospuxo a resolución até 2021, a causa da Pandemia).
O Goberno de Cuba publica anualmente un informe sobre a Resolución, coa posta ao día do impacto económico e social da guerra híbrida dos EUA. En 2020, o documento di que Cuba perdeu 5.000 millóns de dólares, unha suma importante para un país de 11 millóns de habitantes. O informe sinala que no período 2019-2020, o Goberno dos EUA puxo en marcha 90 medidas e accións económicas coercitivas, a metade delas, sancións contra compañías dos EUA ou terceiros países por comerciaren con compañías cubanas.
As medidas chamadas de castigo contra navieiras que transportan combustíbel a Cuba afectaron a 27 empresas, 54 buques e 3 individuos, co obxectivo de disuadir a calquera outro que pretenda facelo. Isto tivo lugar, e hai que subliñalo, durante a Pandemia.
Abril de 2020, un grupo de relatores especiais da ONU redactou unha declaración conxunta na que instaba ao Goberno dos EUA a librar artigos esenciais para a atención médica das medidas de bloqueo. O parágrafo central da declaración di o seguinte: “O Bloqueo é unha carga financeira sumada ao impacto da Pandemia, con aumento do tempo das viaxes de carga debido á imposibilidade de adquirir reactivos, equipos médicos e medicamentos necesarios para o diagnóstico e tratamento de COVID-19 directamente desde Estados Unidos e, por tanto, limita a eficacia da resposta. O Bloqueo atrasa o desenvolvemento da sanidade electrónica e a tele-medicina ao impedir o acceso a unha tecnoloxía alcanzábel. Preocúpannos especialmente os riscos para o dereito á vida, a saúde e outros dereitos fundamentais dos sectores máis vulnerables da poboación cubana, entre eles as persoas con discapacidade e as persoas maiores, con moito maior de contraer o virus».
Pouco antes ter que abandonar a Presidencia, Donald Trump meteu a Cuba na Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo. Preguntado seu sucesor sobre o sentido de manter Cuba na nómina de inimigos públicos do Dereito Internacional, dixo que un cambio non estaba entre as súas priioridades.
A seguir, os senadores republicanos Marco Rubio, Rick Scott e Ted Cruz e o demócrata Robert Menéndez, ergueron outravolta machados de guerra contra Cuba mentres o almirante Craig Fuller, que dirixe o Comando Sur dos EUA, acusaba o pequeno arquipélago de influencia corrosiva.
Mediado xuño, a Asemblea Xeral da ONU volverá solicitar ao goberno dos EUA que arríe seu bloqueo ilegal. O mundo está con Cuba. A norte do estreito de Florida, hai aínda quen teima en enviar aos fillos de Batista contra á Bahía de Cochinos, bombardear a Illa e devolver a mafia ao que fora seu paraiso. Mais a forza de Cuba arrefece ao mundo enteiro. CUBA É A FIESTRA DO MUNDO!
Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras.
Unha información distribuída pola BBC o pasado dia 27, acusa a Cuba de non querer participar no banco COVAX de vacinas, como se esa decisión revelase insensibilidade do goberno socialista cara aos países empobrecidos e expuxese a illa aos riscos de non contar coa opinión das grandes farmacéuticas. Na realidade o banco COVAX non fai senón defender os negocios desas grandes farmacéuticas e protexer as súas patentes contra os intereses dos países do Sur. Dende xaneiro, as entregas de vacinas por baixo das cantidades contratadas provocan unha alarma que encarece de seu os prezos de catálogo dos xigantes da farmacopea o que non lles impide finxir que son de balde as cantidades menores outorgadas aos países pobres. Nada máis falso. O servizo público de noticias do Reino Unido acusa na mesma información ao goberno socialista de someter a súa poboación aos efectos imprevisíbeis das vacinas propias.
O nome da OMS aparece perdido entre sociedades creadas polos grandes laboratorios privados.
O sistema de produción de información da BBC gábase de dispor de mecanismos de contraste e comprobación que foron expresamente ignorados neste despacho concreto. Cuba produce, entre un extenso grupo de específicos de éxito, 8 das 11 vacinas que adoita administrar á poboación a traveso dun dos mellores sistemas de asistencia pública universal e sen custe que existen no mundo. No Reino Unido, as probas clínicas das vacinas corresponden, como en Cuba, a unha instancia pública estatal que, no caso británico, non debeu facer seu traballo con corrección, a vista da desconfianza que rodea a vacina de Astra-Zéneca, primeiro vetada en xaneiro para pacientes de maior idade e simultaneamente criticada pola propia chanceler Ángela Merkel a causa de reaccións adversas con efecto de morte e lesións. Tendo en conta este contexto, a información da BBC parece máis ben un guión do gabinete prensa de Downing Street para dirixir o cano das falcatruadas de Boris Johnson cara o Caribe e convencer aos desesperados brexiteers de que a causa de o seu malpasar procede dunha illa bloqueada e metida polos curmáns de Washington nun rexistro de países terroristas. Lendo o despacho da BBC calquera podería deducir que fabricar vacinas propias é unha irresponsabilidade cando existe a acreditada farmacia británica, promotora, entre outras glorias, da Thalidomida a Bencedrina, ou a exportación selectiva de opio con fins políticos.
Doutra parte, e malia os extensos intereses británicos en África, non hai noticia de intervención médica do Reino Unido neste continente o que contrasta coa brillante actuación das brigadas cubanas contra o SIDA, primeiro, e a seguir para conter o Ébole. O despacho da BBC, que acusa de exposición imprudente a Cuba por atreverse a facer probas clínicas das súas propias vacinas sen preguntarlle antes ás grandes marcas da farmacia privada británica, podería ter sido diferente mediante a comprobación nos arquivos da axencia, da actuación solidaria das brigadas médicas cubanas en 50 paises. Ou se cadra a BBC non considerou de importancia esta xesta, da pequena illa socialista, non só en paises do Sur senón, e concretamente contra a Covid-19, en Turín.
Sobre a COVAX, que a BBC considera mecanismo indispensábel para poder levar vacinas aos lugares de desmemoria e pobreza que multiplican no mundo as políticas de librecambio e a venda compulsiva de armas, é ilustrativo consultar o informe actual de Harris Gleckman, ex funcionario da ONU que define ao banco de vacinas como recurso criado pola cobiza perversa contra a saúde pública promovida pola fundación de Bill e Melinda Gates. Fundada pola Alianza Mundial para Vacinas e Inmunización e pola Coalición para o Anovamento e Fabricación de Específicos contra Andazos (GAVI e CEPI, nas súas siglas en inglés) naceran no Foro de Davos e malia a OMS aparecer citada en informacións tan pendidas coma esta que se cita da BBC, a participación da axencia da ONU para a saúde é tan inevitábel como desprovista de capacidades. A toma de decisións de COVAX corresponde aos presidentes de GAVI e CEPI.
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"