Alina S. Krueger – TSA
O Mercado da Poesía de París, convocatoria anual na que participan asociacións de editores, premios de poesía e círculos de letras do universo da expresión francesa en todo o mundo, nomeara Presidenta de Honra para a edición número 40 que se celebra este ano a poeta cubana Nancy Morejón, unha voz principal da poesía caribeña e honra da avangarda latinoamericana. Mais a dirección do Mercado cedeu as protestas dun autor cubano emigrado que procurou o apoio do Pen Clube para impugnar a merecida Presidencia de Honra na persoa de Morejón. As ONG dependentes da CIA non tardaron en extender un expediente de ingominias contra unha das voces importantes da poesía latinoamericana. Muller e Negra, leva anos comprometida na loita pola paz, contra o racismo e as desigualdades sociais, raciais, de xénero e pola liberdade dos pobos.
Nancy Morejón ten a orgullo defender a Revolución Cubana como expresión verdadeira da demanda histórica de xustiza e independencia do seu país. Participara nas honras coas que todo o pobo de Cuba despedira a Fidel e non por estar entregada a escrita e a traducióndeixa de experimentar coma o resto da poboación da illa as consecuencias do ilegal bloqueo, o diario sementar de falsidades e prédicas de traizón que o país máis armado da terra e espello de cobiza colonial reserva para a illa rebelde. Como millóns de compatriotas, Nancy Morejón entende que a responsabilidade de todo o mal que padece nunha sociedade en estado de cerco, incluidas as necesidades, o malestar inducido e mesmo as paciencias derramadas, son responsabilidade e obxectivo ruín do goberno imperial.
No propósito, frustrado por volta de máis de 60 anos, de intervir en Cuba e apartar a sociedade cubana do seu pleno dereito a decidir, os EUA veñen aumentando a conta de reclamacións e sancións sobre a illa deica sumala, nas horas derradeiras do goberno de Trump, á Lista de Paises Promotores do Terrorismo. De feito, o sicario que tira da levita do Pen Clube para recortar o nome dunha poeta tan grande coma Nancy Morejón, manifestara publicamente o seu apoio a un atentado con cóctel molotov contra a embaixada de Cuba en París, en xullo de 2021 e non hai rastro nas hemerotecas de que tivese que render conta ningunha.