A Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e o Consulado Xeral de Cuba, deron cita sábado 28 en Compostela, ao pé da efixie de Martí, e acompañáronnos galeg@s de Ortegal ao Miño e cuban@s, conxurados de consún co Pai da Patria. Foi no Parque Granell, para facer nosa a convocatoria universal ao Heroe Nacional Cubano no seu 165 Aniversario. Luz Fandiño baixou unha raiola no xeo da mañá cun limpo poema a Martí e, a seguir, caixa, parche e tumbal de Os Enxebres de San Lázaro ergueron notas do valeroso chan.
Terra Sen Amos – Vigo “Martí foi un adiantado na defensa dos dereitos humanos, nun texto de mocidade no que denuncia a crueldade do sistema penitenciário”, dixo Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” ao abrir sábado, nos xardíns de Montero Ríos de Vigo a homenaxe de Galiza ao Heroe da Independencia de Cuba, no cento sesenta e tres aniversario do seu nacemento. Diante da estatua de Martí, doada ao Concello de Vigo en 1989 polo Poder Popular Cubano, Alvite recordou o aprecio do Mestre pola denuncia da destrucción colonial que describira Bartolomé de las Casas, e o seu consello de as escolas dos recén independizados estados americanos daren prioridade á historia propia sobre a historia dos colonizadores. “O exemplo da vida de Martí foi a súa mellor obra”, resumiu o presidente da Villamil quen recordou que mália a obra política, literaria, didáctica e xornalística do Heroe Nacional de Cuba ocupar 26 volumes, o autor posuia a virtude da síntese, e resumía súa actitude vital na máxima Facer é a mellor maneira de dicer.
O 57 aniversário da Revolución Cubana reuniu en Compostela á Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e ao Consulado Xeral de Cuba en Galiza, nunha festa conmemorativa que congregou a solidariedade organizada e a amizade con Cuba. Abrindo o acto, Valentín Alvite Gándara, presidente da “Francisco Villamil” dixo que a fuga de Fulgéncio Batista coa caixa do Banco Nacional, no mencer do primeiro de ano de 1959, fora descrita na prensa conservadora coma a escorrentada dun ladrón, asasino e valedor da máfia. Alvite recordou o trinta aniversário da Asociación á beira de Cuba, obxecto dun libro que relata o cerco económico e político e a manipulación e censura pagada polo Capital. José Antonio Solana González, Cónsul Xeral de Cuba, chamou a sumar vontades contra o Bloqueo que teima, pésia o veto da Asemblea da ONU e o recoñecemento de inutilidade e inxustiza da Casa Branca. A razón maior dunha idea de xustiza abrirase paso igual que os Cinco regresaron, dixo, coa verdade de Cuba e a solidariedade do mundo.