Arquivo da etiqueta: Manifesto polos Cinco

MANIFESTO POLOS CINCO

O delicto dos Cinco Cubanos condenados nos Estados Unidos foi o de térense infiltrado, desarmados e con alto risco das súas vidas, nos grupos terroristas de Miami, co propósito de obter probas que apresentar á Xustiza das iniciativas de violencia sobre persoas e bens.

Esta intervención encoberta e desarmada prestaba un servizo invaluabel á seguridade dos povos de Cuba e de EEUU.

Contra toda Lei, os Cinco padecen polo seu traballo heroico, de defensa da vida, cadea en condicións durísimas nos Estados Unidos, con aplicación arbitraria e venal do regulamento penitenciario.

A directiva da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil ven de publicar un Manifesto Polos Cinco que reproducimos a seguir:

Manifesto polos Cinco
Manifesto polos Cinco

 

En xuño de 1998, despois duns atentados con bombas contra os intereses e a cidadanía cubanos, unha delegación do FBI viaxou á illa caribeña, recibindo unha ampla documentación sobre as actuacións destes grupúsculos fascistas. A reacción de Washington foi rotunda: cinco cubanos foron arrestados o 12 de setembro do mesmo ano, por pertencer a unha rede de espionaxe, mentras que os terroristas seguen en liberdade no sur de Florida. Os cinco mozos son: Gerardo Hernández, Ramón Labañino, Antonio Guerrero, Fernando González e René González.

Durante 17 meses estiveron en celas de illamento, contra do que di a lei, que establece un máximo de sesenta días.

O enxuizamento penal incumpriu a Constitución norteamericana, que estipula que os acusados teñen dereito a un xuizo regular e a un xurado imparcial, dúas condicións que non se daban en Miami, polo seu ambiente de aversión antirrevolucionario e a campaña de prensa contra os cinco, que os sentenciaba antes de xuizo.

Deste xeito, os veredictos de culpabilidade emitidos en xuño de 2001, que os consideraba culpabeis, e de decembro do mesmo ano, no que se dictaban sentencias, resultaron demoledores.

Gerardo foi condenado a dúas cadeas perpetuas, máis quince anos de privación de liberdade. Ramón a cadea perpetua, máis 18 anos. Antonio a cadea perpetua, máis dez anos. Fernando a 19 anos. René a 15. As acusacións van de conspiración contra Estados Unidos, común nos cinco, ata asasinato en primeiro grao, espionaxe, identidade falsa e non rexistrarse coma axente estranxeiro. Foi un xuizo claramente político.

Non hai que esquecer o contexto que vive Cuba, que durante catro décadas viuse sometida a todo tipo de atentados contra a súa poboación, os cultivos, a súa economía e, en definitiva, contra da súa soberanía. Os cinco infiltráronse en organizacións contrarrevolucionarias, informando ao goberno cubano dos plans criminais que preparaban eses grupos dende territorio estadounidense. Máis de tres mil persoas morreron en Cuba, víctimas destas accións. Cuba ten o dereito de se defender. En ningún momento interesou conspirar contra a seguridade dos EE.UU.

Os cinco compañeiros están encadeados nas condicións máis duras, sen contacto entre eles e con moitas dificultades para recibir visitas.

Por todo isto as organizacións e particulares abaixo asinantes facemos un chamamento ao pronunciamento público a prol da súa liberdade por parte das institucións, asociacións e grupos sociais para crear un estado de opinión que saque do ocultamento á situación dos cinco e que presione de distintos xeitos á administración estadounidense para conquerir a súa liberación.