Durante anos, Vaclav Havel defendera a soberania do seu país contra o Pacto de Varsovia. Desaparecido o Pacto de Varsóvia por decisión dos seus propios mentores, Havel adicou o seu tempo aos intereses da OTAN e do imperialismo norteamericano contra o dereito e a vontade de outros povos a decidiren o seu destino.
O cativo autor de “Festa no Xardín” reservou as mais intensas descalificacións para os que defendían a súa soberania dende posicións diferentes ás da OTAN. Con todo, ningún país do mundo haberia de merecer o tempo e atención que consagrou a Cuba. Havel organizaba congresos, acollía a fina flor dos reventadores profisionais contra a presenza de Cuba nas organizacións internacionais e reclamaba un cambio póla forza do Governo da República de Cuba, ainda que para iso for preciso desafiar a carta das Nacións Unidas.
Na fotografía á beira, Havel comparte opinións sobre o futuro de Cuba con George Bush e José María Aznar.
Amosaba unha impaciência tan pouco política contra a Revolución Cubana que alguén ousou perguntar que perna se lle rompera a él nunha illa do Caribe que non exportaba armas e violencia senón médicos e mestres e que resultaba ter a mellor cartilla coñecida de defensa da vida en todo o planeta.
Outros responderan por él. A OTAN esixía aos prófugos do Pacto de Varsóvia un voto contra a insubmisión exemplar de Cuba. A maioria destes paises negáronse a sacrificar unha popular cooperación con Cuba, por moito que o pago en dólares non fose cativo. En 2003 só os ex-presidentes Vaclav Havel (da República Checa), Arpad Goencz (de Hungría) e Lech Walesa (Polonia), asinaron un manifesto insólito pola eliminación física da Revolución.
Havel era partidario de exercer “a verdade e o amor contra a mentira e o odio” e deseguida explicaba que o amor podian ser as guerras da OTAN pola paz e a democracia. O escritor rebelde, entusiasta das liberdades, manifestábase pouco amigo de revoltas, para sorpresa de moitos. Nunha entrevista tentara reconciliar esta incongruencia: a resistencia debe ser contra a tiranía e a tiranía é o contrario do libre mercado.
Ao seu sepelio con bandeiras de Austria-Hungría e tropa con paso de oca, asistiron o ex-presidente William Clinton e Madeleine Albright, a equipa que bombardeou Belgrado; Durao Barroso, Angela Merkel, Nicolas Sarkozy, Tony Blair, David Cameron e Barack Obama. A televisión alemana resumía a posición do seu publicitado belicismo democrático: “Havel defendeu a liberdade en Serbia, Iraq e Afganistán, a intervención militar contra Gaza e foi partidario do escudo de seguridade aérea da OTAN en Chequia e Polonia. Era amigo das liberdades pero estaba contra as revoltas”.