Lina Lobeira – Terra Sen Amos (Vigo)
A Cónsul Xeral de Cuba en Galiza honrou en Vigo o 70 aniversario dos asaltos ao Moncada e Carlos Manuel de Céspedes nun 26 de xullo heroico. Logo da Bayamesa, no limiar da súa intervención en Vigo, ao pé da figura de José Martí nos xardíns de Montero Ríos, Ingrid Izquierdo empregou o Galego nas súas palabras de benvida e un aplauso cerrado agradeceu seu saúdo. Notou a importancia de poder celebrar o Día da Rebeldía Nacional a beira de Martí, ao que Fidel chamara Apóstol da Independencia e autor intelectual do Moncada. “Considerando as circunstancias daquela acción, reparamos na afouteza da mocidade asaltante, vintaneiros os máis deles, con armas poucas, resoltos a tomar o Moncada que era daquela a segunda fortaleza militar de Cuba”. Eis a historia de Cuba, con antecedentes no caso de Ignacio Agramonte que para resgatar un oficial afrontara unha compañía de 130 cunha tropa de só 30.
Anos depois, Fidel contaba ao xornalista galego Ignacio Ramonet que de ter tomado o Moncada, o botin de armas decidiría a sorte a prol dos alzados. A operación fracasou tacticamente e o que veu depois foi unha masacre: 55 participantes asasinados e os sobrevivintes vítimas dun cerco infernal. O poder idelóxico nacido contra tanta ruindade non puido ser eliminado; estratexicamente foi unha vitoria porque lanzou un novo tempo de loita que había levar ao 1 de xaneiro de 1959 coa vitoria; estableceu o liderado de Fidel e probou a loita armada coma via para a Independencia.
A Cónsul fala no medio dos salgueiros e acacias restantes que corren améndoas de sombra polo morteiro de Martí mentres paseantes do solpor achéganse a escoitar. Sucede isto na mesma beiramar na que a vecindade gañara para a cidade o calificativo de Sempre Benéfica por asistiren con recado de alimentos e acollida nas súas casas aos quintos abandonados pola oficialidade nun mercante atracado en 1898 xusto á beira do emprezamento da estatua de Martí en 1989. Izquierdo lembra a fazaña do iate Granma que, cun aforo previsto para 12 persoas, meteu abordo 82 para levalas de Mexico a Oriente de Cuba, nunha travesía de vento e mar alto de proa durante 7 dias. “Feitos que nos enchen de orgullo e axúdannos a comprender como a Xeración do Centenario, indignada polos crímenes da tiranía de Batista, rendida aos Estados Unidos, puido con Fidel a fronte asaltar o Cuartel Moncada. Fidel entrevistara 1.200 voluntarios dos que selecionara 160, reunidos na véspera na Granjita Siboney. Universitarios e obreiros que ignoraban voluntariamente a acción concreta a realizaren.”
Ingrid Izquierdo ve a historia de Cuba coma un manifesto da resistencia do pobo, ben probado nos anos 90, cando os medios dominantes non daban nin chica pola permanencia da Revolución e o pobo resistiu sen fallar a coherencia cos principios éticos e humanistas.e sendo merecedora da solidariedade internacional, coma a que nesta ocasión asíste a Cuba. O Moncada é un faro para resistir o bloqueo; os infames autores do cerco, recrudéceno para producir inquedanza e desestabilización; no remate, o goberno dos Estados Uniidos inclue a Cuba nunha espuria lista de paises patrocinadores do terrorismo, cando a Revolución foi, dende os comezos, internacionalista, solidaria, humanista. Eis a Asemblea da ONU, que vota anualmente a prol de Cuba contra o bloqueo. “Somos un pobo que defende a súa soberanía, o seu socialismo e a súa revolución. Por iso seguiremos berrando Patria o Muerte: venceremos !
Oriana Mendez, aportou a comemoración do Moncada en Vigo versos como confidencias por riba do rumor do xardín: “Tremer de vértebras que se afastan do equilibrio/esgótanse en si mesmas tornando amarelas e extinguidas/ observan a sombra do xeo dilatando sobre elas/ non dan sostido a gravidade da columna que conforman/ concatenando memoria de osos desiguais/ Unha trama imperfeita urdida desde o interior da nevisca / até as pedras que sostemos co alento dos cascallos/ no ángulo cego no que aniña o frio da tundra abeirando a mirada crebadiza desta tropa sen estirpe/ a súa linaxe bastarda, o seu nome propio torpe/ vai acompañando un rostro queimado que se esfola/ como se arrincan as escamas da madeira seca/ como se perde a pel polo aire aterecido/ neste Territorio Nación sen causa fogares da neve/ no deserto de seixo a miña cidade unha bairrada de cidades/ abrollla e desenvolve igual que espalla a enredadeira/ atravesando a lembranza clara das cousas que aconteceron/ en cada folla da hedra coma unha tulla de memoria/ está o rexistro dos feitos de cadanseu dos paseos de cada vencido/ de cada erosión nos muros disimulando os buracos de cada bala/ do tunel que conecta a parte máis alta da montaña, a súa cidade, coa saída para o mar/ en cada folla da hedra a fotografía de cada soño interrompido, de cada Bou Eva/ de cada corporación municipal devastada Bueu exemplo /porque hai lugares sinalados no manto da historia/ sobre o muro por esta muralla da noite avanza a enredadeira e arrodea a cidade/ nunha luminosidade extraña que abraza cada columna incapaz de vertebrar e tecer os ollais/ dun exército que encaixe e saiba abotoar sen desfacerse/ atrapa a enredadeira das nosas vidas/ o que se lembra é o que non se dará recordado/ para ir cosendo folla tras folla tras década tras crónica tras crónica tras dos ollos pechados que xa se foron/ o ángulo cego en que agardamos onde aniña o frio na greta do encoro/ o corazón pronuncia seus censos”.
Manolo Pipas repasou parte da súa antoloxia moncadista, aportación indispensábel para a biografía de Xulio e Pedro Trigo de Viveiro, e contou en novos versos o paso do tempo: “Moncada 70 anos/ o Moncada é un cuartel/ que asaltaron uns marcianos/ e xa van 70 anos/ da morte de Xulio/ pero seguiu coa bandeira Fidel/ coa palabra e coas armas/ barco e periódico Granma: navega a Revolución/da Serra a Playa Girón/ Casa das Américas e a Nova Trova Cubana tamén naceran naquel asalto/ Amiga Verde Lagarto: todo empezou co Moncada!”.
Erea del Rio, presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil , fixo a presentación da efeméride, tracexou a biografía infame do bloqueo no que terman doce governos dos EUA dende 1961 e contrapuxo o contraste da creatividade cubana nas redes, representada pola marea de seguidores do recén falecido Iroel Sánchez e da nova xeira de xornalistas da Revolución que superan en xenio e agudeza a teima de chumbo da propaganda, pagada dende a beira norte da canle da Bahama e alcumada xornalismo independente pola CIA.
Alberto López, vice-presidente da Villamil coidou das ordes de intervención e intendencia.
Con punteiro en Si Bemol e arrimado de parche e caixa, Antón Sánchez interpretou Os pinos.
A cita do Moncada contou coa solidariedade presencial de Martín Pacheco, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela e do Cónsul Farruco Sesto, así como de representantes de Agora Galiza- Unidade Popular, Agrupación Xosé Velo, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, Bloque Nacionalista Galego, Central Unitaria de Traballadoras, Comité Anti-OTAN de Vigo, Confederación Intersindical Galega, Mar de Lumes, Partido Comunista de Galicia, Partido Comunista do Povo Galego, Partido Comunista dos Traballadores de Galiza, Partido Comunista pola República Galega e Unión do Povo Galego.