Fabián Piñeiro – Mateamargo
A defensa do mérito e da positividade enmascara e oculta a explotación de tal xeito que afecta a dignidade e a subxectividade das persoas na pobreza. Quen padece a pobreza, non sabe, non dá chegado, non consegue, e isto oculta o feito evidente de a pobreza material impedir, coutar, limitar, e por veces facer imposíbel, o desenvolvimento das capacidades e mesmo da propia individualidade.
A subxectividade de quen vive na pobreza é agredida por esa narrativa culpabilizadora que a censura por non poder, cando de feito non puido poder. A esa agresión cáelle derriba a que xera a pobreza nunha era de riqueza, nun ecosistema social organizado en torno ao consumo e que asigna rangos en base á relación que se ten cos obxectos. No marco dunha sociedade da abundancia e o consumo, na que o acceso ao goce está -nomeadamente- mediado e condicionado polas posibilidades de adquirir, a pobreza xera unha interdicción ao pracer, e por iso, unha frustración capital.
Vendo atrancada toda posibilidade de se converter en reclamo, esa restrición do goce xera unha tensión que devén en angustia. Quen padece a pobreza, dirixe contra si unha parte do anoxo provocado por ese ostracismo e mesmo tende a se considerar responsábel principal da súa pobreza. A narrativa meritocrática asígnalles aos individuos a responsabilidade exclusiva da súa situación.
A sociedade da positividade asenta, como non podía ser doutro xeito, sobre un conxunto de negacións: a da existencia de marcos materiais condicionantes; a dunhas diferenzas nos puntos de partida que perfilan e tornan previsíbeis as biografías; a da violencia estrutural do sistema capitalista; a da explotación e exclusión de partida.
A cultura da vontade, mérito e responsabilidade persoal, existe grazas a esas negacións que borran a natureza política da pobreza e das desigualdades e pretenden ignorar non só a loita de clase senón a existencia mesma das clases.
A cultura da vontade reduce a política ao ámbito abstracto e inmaterial dos dereitos, porque mal pode haber obxectivo que un suxeito “liberado” poida atinxir e ao mesmo tempo poderá ser responsabilizado por todo.
E deste xeito, a que fica liberada de toda responsabilidade, de toda interpelación, de toda crítica, é a civilización capitalista mentres do lado da razón queda a violencia estrutural, a marxinación e a explotación que mediante complexos mecanismos simbólicos redirixe a tensión resultante cara ás marxes ou cara abaixo.
Unha cultura que non atopa case contestación o que nos explica por que deveu en sentido común unha narrativa culpabilizadora da maioría pobre e oprimida. Unha falla de contestación que é, en boa medida, consecuencia do disciplinamiento (pola vía da integración) daqueles a quen as maiorías oprimidas confiáronlle a tarefa de representalos.
Apelando ao pragmatismo como xustificación, eses representantes procuraron aficadamente limitar a política ao ámbito da xestión co propósito de facer imposibel un cambio do sistema e nin por acaso unha reforma de importancia. Unha situación que bloquea non calquera alternativa senón iniciativas que poderían servir de contraste. E é iso, o que sustenta a positividade: a negación de toda negatividade.