O outro (do latín, alter). Alteridade: a condición de ser outro. O outro. Velaí un concepto para revisalo. E para analizar a mirada con que observamos a ese outro. Ou coa que el, ou ela, á súa vez, obsérvanos. “O ollo que ves non é ollo porque ti o vexas, é ollo porque che ve” (Juan de Mairena). Entendo que é un tema da filosofía. E por suposto da filosofía política e a súa praxe. Esoutro que pode ser un individuo, unha clase social, unha cultura, un país, un continente, un polo xeopolítico…
A mirada é o definitorio na relación entre dous. Por poñer un exemplo de alto contraste, non é o mesmo a mirada do opresor que a do oprimido. Refírome á mirada de cada un cara ao seu opoñente. Onde tamén inflúe a mirada cara a si mesmo. A forma en que un se ve.
Veñen a conto estas reflexións un pouco abstractas e xerais, entre poéticas e políticas, para preguntarnos sobre o sentido e as dificultades do recente cume UE-CELAC.
A pregunta ten lugar, en canto a que ese cume en Bruxelas foi unha reunión, dito cunha certa ironía, desde logo, pero sen segundas intencións, entre xardín e xungla.
A cuestión que unha vez máis queda no ambiente, é se dalgún destes encontros, deste ter que verse para falar en directo, poderá saír algunha vez algo útil, neste caso tanto para os pobos de Europa, como para os da América Latina e o Caribe.
E a resposta, tomando en conta as anteriores anotacións, é que iso non será posible mentres as súas respectivas estruturas de poder non cambien a mirada. Vale dicir, a mirada sobre si mesmas. E a mirada cara á contraparte.
Moitos dos países de Europa foron conquistadores e colonizadores dos territorios e pobos que se atopaban alén do océano. Ese é un dato histórico obxectivo, para alén dos xuízos de valor que se teñan. Reprimiron aos pobos orixinarios e en boa parte, extermináronos. Traficaron con millóns de escravos. Construíron, para o seu proveito, institucions dependentes do seu centro de poder. Extraeron inmensas cantidades de materias primas, coas cales construíron as bases económicas do seu xardín.
Sentíanse superiores en termos políticos, culturais e mesmo raciais. Que é o que queda diso hoxe en día na súa mirada? Esa é a gran pregunta. Non referida aos pobos, insistimos, senón ás súas estruturas de poder. Que é o que pervive hoxe daquela mirada que ía de arriba abaixo? Mantense aínda desde a soberbia, así sexa disimulada e maquillada? Deuse mudado por acaso a mirada esencialmente paternalista? Canto desa mirada aviva hoxe un espírito de aproveitamento neocolonial?
Mentres que a pregunta sobre a contraparte, a dos outrora pobos conquistados, e colonizados, que conforman a CELAC, refírese ao tipo de mirada con que se presentan. Emancipados politicamente no seu momento, lograron tamén ( e unha vez máis nos referimos ás súas estruturas de poder) sacudirse do todo, máis aló da retórica, o xugo neocolonial? Canto avanzaron un a un, cada país, en conquistar a súa “única, verdadeira, irrenunciable independencia” no cultural, no económico, e mesmo no militar? Con canto diso contribúen ao conxunto?
Así, cando analizamos as probabilidade de éxito deste pasado cume UE-CELAC, entendido como unha reunión de dous conxuntos, non parece que o avanzo puidese ser moito maior. Porque nesa disposición a un diálogo que se supón que debe ser entre iguais, ou equivalentes, hai un punto de desencontro que é o da mirada mutua. Unha mirada que o di todo, porque indica que hai aínda un longo camiño a percorrer ata alcanzar unha visión desde a horizontalidade, é dicir, unha visión, unha mirada, baseada tanto no sentido da propia dignidade, como na dignidade do outro, da comprensión do outro, do respecto ao outro, co espírito de xustiza, complementariedade, paz e cooperación tan necesarios para deseñar o mundo de mañá.
Pois sen esas miradas igualadas que, mal que ben as van sentendo os pobos, pero non así as súas estruturas de poder, ningún cume posible haberá de despregar un sopro de optimismo para a gran humanidade.
Hugo Chávez repetía frecuentemente a idea de que os gobernos van de cume en cume e os pobos de abismo en abismo. Permitímonos citalo en extenso, nunhas declaracións de abril de 1999. “Nese sentido, esta mañá dicíao nestas reflexións e tamén en Xamaica hai poucas semanas atrás, no Cume do Grupo dos Quince e tamén seguiremos insistindo no Cume dos próximos días en Cartaxena, o Cume do Grupo dos Tres e no Cume do Grupo de Río, da que debatiamos esta mañá e logo, no Cume coa Unión Europea, andamos de Cume en Cume, pero que contradición! Os nosos pobos andan de abismo en abismo. Tratemos de que os nosos pobos anden tamén en Cumes”.