Rosa Mirian Elizalde – La Jornada
A noticia: o antiviral cubano Interferón alfa 2B recombinante (IFNrec) está entre os medicamentos seleccionados por China para tratar o Coronavirus, o andacio que xa causou máis de 2.600 mortos naquel país que aínda non dispón de vacina específica. O feito: o Interferón leva en Cuba 39 anos e o país comezara a experimentar esa proteína con propiedades antivirais no mesmo momento da invención da industria bio-tecnolóxica, en 1981.
Nese ano, sobraban dedos dunha man para contar os países do chamado Primeiro Mundo a apostar por ese conxunto de técnicas que emprega organismos vivos -ou parte deles- co obxectivo de obter produtos ou modificalos, mellorar plantas ou animais, ou desenvolver sistemas biolóxicos con fins específicos, en particular para o adianto da saúde humana.
Esta
definición da biotecnoloxía descansa nun amplo abano de coñecementos baseados
en disciplinas de elite, como a microbioloxía, a bioloxía celular, a
bioquímica, a xenética, a bioenxeñería e a enxeñería química, a bioloxía
molecular e a inmunoloxía. A combinación destas novas técnicas deu orixe ao
chamado portaavións da ciencia, a enxeñería
xenética, que en Cuba inaugurou o seu primeiro centro en 1986.
Que
pode explicar o fenómeno da biotecnoloxía cubana, xurdida nun país sen
desenvolvemento industrial previo, e baixo o bloqueo obsesivo dos EUA? Como deveu
en poucos anos un recurso económico, ao tempo que melloraba a saúde da
poboación, xeraba produtos e miles de patentes? Por que teimaba Fidel Castro nesta
vía revolucionaria?
O científico Agustín Lage, que fora director do Centro de Inmunoensayo, da Habana -un dos moitos xurdidos trala produción do Interferón alfa e beta en Cuba-, explicaba a procedencia do milagre: un forte investimento en educación e saúde, con garantía de acceso universal e gratuito; a aposta pola biotecnoloxía, mesmo na altura da peor crise que viviu Cuba na década do 90; a propiedade social das institucións que garante a integración librándoas da trampa de competiren entre elas; o deseño das institucións como centros de investigación-produción-comercialización comprometidos no ciclo completo da investigación científica; o feito de na biotecnoloxía, como noutras industrias da chamada economía do coñecemento, a produtividade depender directamente da creatividade dos traballadores, e esta, á súa vez, da motivación; a comprensión de que se fai ciencia real, competitiva, con resultados de primeira orde.
Todo
iso explica por que Cuba conta co programa de vacinación máis amplo do mundo
(recoñecido pola Organización
Panamericana da Saúde e outros organismos internacionais) con cobertura
universal para naipelos con vacinas para 13 enfermidades; vixiáncia epidemiolóxica
co emprego de inmuno-ensaios para máis de 20 enfermidades. Os hospitais
utilizan regularmente medicamentos como o Interferón, os anticorpos mono-clonais,
as citoquinas e outros biofármacos. O Heberprot-P,
unha cura prodixiosa para a úlcera do pé diabético que é de uso terapéutico
común na rede sanitaria cubana, podería salvar a boa parte dos 83.000 pacientes
que cada ano son amputados nos EUA, cuxo goberno nega permiso a comercialización
do medicamento porque vén da illa rebelde.
Nos
altos indicadores de saúde pública interveñen outros factores, pero é non hai
dúbida que a investigación en inmunoloxía e o uso da biotecnoloxía industrial,
contribuíron á redución da mortandade infantil até chegar a 5 por cada 1.000
nacementos e a unha esperanza de vida de 79 anos. A combinación destes factores
permitiu que varias enfermidades infecciosas desaparecesen (poliomielite,
difteria, tétano, tose ferina, sarampelo) e outras controladas ou reducidas na
súa aparición (hepatite B; meningoencefalite).
Por certo, o home que sinalara
a Fidel o camiño da biotecnoloxía a inicios da década do 80 do século pasado,
era negro, demócrata e congresista por Texas: Mickey Leland. El levou á Habana
a un eminente oncólogo de Houston que utilizaba o Interferón no tratamento do
cancro. Leland estaba fondamente magoado pola hostilidade do goberno do seu
país contra Cuba e coidaba que o bloqueo, amáis de contraproducente, era
inconsistente cos valores estadounidenses. “Estados Unidos -declarara- non
debería negar o acceso aos medicamentos de Cuba; as únicas vítimas son os
enfermos e os desvalidos”.Leland, un loitador contra a pobreza en África, morreu
nun accidente en Etiopía, a pouco de pronunciar estas palabras. Outro feito que
esconden as noticias”.