Terra Sen Amos
A iniciativa Contedores para Cuba, emprendida polos sindicatos agrupados na Confédération Générale du Travail (CGT) sumou na altura da Quinta 26 de Maio máis de 227 mil euros para remitir a illa víveres, produtos para a industria farmacéutica e medicamentos que remedien situacións de emerxencia creadas durante a Pandemia polo ilegal bloqueo dos EUA contra a illa, que no ano que andamos supera seis décadas de existencia. Máis de 30 federacións e sindicatos organizados na CGT, lanzaran hai un ano esta campaña para enviar en contedores achegas solidarias a illa cercada.
Acompañando os envíos materiais, a CGT desenvolveu unha campaña de información sobre o criminal bloqueo económico, comercial e financeiro organizado polo goberno que actúa no mundo como emblema da acumulación de capital , armas, bases estratéxicas e capacidade para infundir propaganda e información manipulada. Recordan que o obxecto desta ominosa campaña é unha illa de recursos escasos, menor en tamaño que o veciño Estado de Florida, a que o goberno de Washington interfire o comercio e a comunicación e asedia con propaganda hostil e pago de mercenarios.
Para a CGT, o goberno dos EUA non pode exercer de xuíz do planeta e impor o seu criterio sobre as relacións e intercambios internacionais ao resto do planeta. Recorda que a UE, como primeiro socio comercial de Cuba, ten a obriga de protexer seus propios intereses e os de Cuba, defendidos polo dereito internacional. A Confederación reafirma o seu propósito de actuar de acordo cos seus homólogos cubanos para rematar co bloqueo e compromete a súa solidariedade integral co mundo do traballo e o conxunto do pobo de Cuba para defender os dereitos e medios de subsistencia da illa.