TERRA SEN AMOS/Redacción
A Asociacion de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” ven de denunciar nun comunicado a onda de violencia exercida estes dias pola oposición contra o Goberno Democrático de Venezuela.
A “Francisco Villamil” recorda na súa nota que “está a producirse a enésima reiteración do intento de derrubar violentamente os gobernos chavistas democraticamente elixidos”.
“A oposición venezolana -prosegue o comunicado- nunca aceptou as súas sucesivas derrotas nas urnas. Por esa razón, organizou o fracasado golpe de estado de abril de 2002 contra o presidente Hugo Chávez, elixido en 2000 co 59,76% dos votos. Nese complot, estaban implicados as cadeas privadas de televisión e destacados líderes como Henrique Capriles e Leopoldo López, datos facilmente verificables en abundantes vídeos colgados en Internet”.
O escrito indica a seguir que “a oposición volveu ser derrotada no referendo revocatorio de 2004, onde Chávez logrou o 58,32% dos sufraxios, resultados avalados polo propio expresidente nortemearicano Jimmy Carter. Nas eleccións presidenciais de 2012, Chávez gañou cun 54,4% dos sufraxios e nas de 2013, Nicolás Maduro fíxoo co 50,61%. Máis recentemente, a oposición foi de novo derrotada nas eleccións municipais de decembro”.
A “Francisco Villamil” salienta na última parte do seu comunicado o conntraste entre o respecto democrático do goberno e as artimañas da oposición: “o movemento chavista aceptou democraticamente a derrota sempre que resultou vencido, como no referendo para a reforma constitucional de 2007 ou nas eleccións a gobernadores dalgunhas provincias. Polo contrario, a oposición, incapaz de lograr o apoio maioritario nas urnas, pretende recuperar antidemocraticamente o poder, intentado, ademais, convencer a opinión pública de que a Venezuela anterior a Chávez era un oasis de prosperidade e de respecto aos dereitos humanos. Como exemplo esclarecedor do que era realmente o país naqueles anos, pódese citar o Caracazo, unha sucesión de protestas populares ocorridas en 1989 que foron reprimidas con extrema crueldade polo goberno do presidente Carlos Andrés Pérez, causando miles de mortos e desaparecidos”.