Anna Savio (Nova York) Terra Sen Amos
O Consello Económico e Social (ECOSOC) da ONU anunciou no serán do 13 de abril que acordara integrar Cuba na executiva do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) e que interesaba a participación cubana noutras dúas comisións sobranceiras dentro das Nacións Unidas, como son a de Condición Xurídica e Social da Muller e a de Ciencia Tecnoloxía e Investigación. A decisión de incorporar Cuba en tres instancias de tan alto teor internacional, honra a formación e o coidado da infancia en Cuba; a integración da muller que comeza na resistencia e devén realidade na Revolución e unha investigación farmacéutica que converte a Cuba no primeiro pais do Sur que é quen de pautar e tratar pandemias a partir duns centros de investigación de seu até o extremo de poder axudar países do primeiro mundo en andácio. A actuación heroica de brigadas cubanas en defensa da vida en circunstancias de catástrofes internacionais, ten gañado a opinión do mundo, mesmo en medios tradicionalmente activos na censura do socialismo cubano.
Outro tanto sucede coa demanda na ONU para Cuba participar na equipa da Condición Xurídica e Social da Muller. De feito, o pais está a cumprir seu propósito de desempeñar un labor central na promoción dos dereitos da muller e de documentar as circunstancias nas que padecen discriminación mulleres en todo o mundo. O progreso legal e laboral da muller en Cuba e a participación en todas as instancias de goberno da illa Socialista, recolle o interese da representación de xénero internacional e a demanda de participar en procesos de elaboración de normas en materia de igualdade e empoderamento.
A Comisión de Ciencia Tecnoloxía e Investigación, da que pasa a formar parte Cuba, está integrada no Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU, coñecido polo acrónimo ONU DAES. Esta instancia promove a cooperación internacional no eido da ciencia, a política e a sociedade, con actividade seminal de relación e colaboración de todas as ientidade da esfera da ciencia, a tecnoloxía e a apertura de áreas de traballo en común, formuladas coma obxectivo de interese internacional na Conferencia de Río+20 e na Axenda 2030 Para o Desenvolvemento Sostíbel.
A designación de Cuba sucedeu por aclamación. Dentro da ONU é un feito o prestixio internacional da investigación científica cubana, tratada con sumo interese por empresas privadas e públicas de todo o mundo; que este éxito da vontade e do talento das cubanas teña que convivir co infernal Bloqueo que ven de cumprir 60 anos, e maior vergoña para o governo dos EUA e retrato da inmoralidade política dun voto que emana dunha acumulación de capital do exilio que fora antes fuga de capital.
Anna Savio é profesora de socioloxía en Jackson (FL)