“O goberno de Washington negou osíxeno de emerxencia a Cuba en plena pandemia” (Miguel Diaz Canel, entrevistado por Atilio Borón)

Isa Regueiro – Terra Sen Amos

Cuba bloqueada e sometida a unha bátega diaria de aldraxes e mentiras na información dominante, a que nunca ve culpa no imperialismo armado. A visión da resistencia de Cuba contra este infame abuso en tempos de pandemia, é do mesmo presidente Diaz Canel, entrevistado polo xornalista Atilio Borón na Radio Madres AM530 de Bós Aires, que transmite en cadea pola popular Radio Undav e que foi reproducida por outras radios comunitarias de Latinoamérica e Caribe.

O presidente de Cuba dixo que a resistencia da illa contra o cerco máis longo da historia contemporánea, agravado polo gobernoo dos EUA con 243 sancións ilegais do máximo rigor, non fai senón reafirmar a vontade cubana de resistencia, na direción específica de responder ao cerco con criatividade. “Nós non claudicaremos; a nosa vontade é resistir pero sempre seguindo un concepto de resistencia criativa, que é precisamente a nosa maneira de abordarmos a pandemia do COVID 19. Resistimos, mais facémolo con talento, esforzo e intelixencia , o que dá como resultado que podemos medrar e, no medio desa resistencia, sexamos quen de avanzar”.

Diaz Canel respondeu preguntas de Atilio Borón sobre o bloqueo económico, comercial e financeiro do Goberno de Estados Unidos contra o pobo cubano; a batalla contra a COVID-19; os actos vandálicos do 11 de xullo e outros feitos que forman parte do cerco da Casa Branca e a súa rede de intromisión e espionaxe contra Cuba. Dixo que o aumento do bloqueo de parte dos gobernos de Trump e Biden, dispón do reforzo de laboratorios de intoxicación que exercen contra a illa unha agresividade inusitada que procura desacreditar conquistas do goberno socialista, manipular decisións de política interna e deformar a realidade diaria do pais.

Unha Cuba imaxinada nas redes sociais

Facendo mención das campañas que deforman a realidade migratoria, a democracia e os dereitos humanos, mencionou a intromisión da embaixada dos EUA en Cuba que viola groseiramente as normas de respecto das misións diplomáticas sobre a toma de decisións de goberno de cada país. Diaz Canel dixo que a Cuba descrita nas redes sociais non gardaba nin relación coa realidade que vive Cuba, nomeadamente na dignidade do pobo e no seu sentido de resistencia e vocación internacionalista e solidaria.

O presidente de Cuba dixo que confiaban na construción dun mundo mellor, de acordo coa máxima de Fidel e recordou que nas circunstancia actuais é preciso lograr que o mundo virtual se desprenda da banalidade, vulgaridade, odio e mentiras das que ven cargado, que estorban de feito calquera obxectivo de superación.

Diaz Canel recordou que cando descargou a tormenta da Pandemia, o goberno dos EUA aumentou o bloqueo como nunca e multiplicou a súa constante campaña de aldraxes e mentiras. Formalizou de feito o que se coñece coma unha guerra non convencional contra  Cuba seguindo o plano dunha Revolución de Primavera para armar o que eles chaman con impropiedade, un golpe suave  contra Cuba, que non ten ren de suave, por certo”.

Dixo que o goberno dos EUA negou a Cuba osíxeno nos graves momentos en que unha avaría na industria da illa provocara grave escaseza.”Iso foi criminal e, por riba, bloqueounos a compra de ventiladores pulmonares e de equipo clínico e materiais que precisabamos para afrontar a COVID-19».

O presidente falou da fabricación de vacinas propias, realizadas por científicas e científicos de Cuba, que deron como resultado o feito de ser o pais bloqueado un dos tres países con máis poboación vacinada (con polo menos unha dose nun dun 99 por cento. “Cuba está hoxe entre os seis ou sete países con esquema completo de prevención, de tres doses para máis do 89,6 por cento da poboación; e máis do 60 por cento da poboación vacinada con máis outra dose de reforzo”.

Recordou que Cuba foi o primeiro país no mundo que vacinou a poboación infanto-xuveníl por riba de dous anos. “E no medio desta batalla, foi Cuba a que enviou brigadas médicas a varios países para enfrontar a COVID-19, mesmo cando a Pandemia afectou cidades de Europa, como foi o caso de Turín”.


“No medio desta guerra contra a COVID 19 –engadiu Diaz Canel- seguimos perfeccionando os nosos mecanismos de democracia, os nosos mecanismos participativos, os nosos mecanismos de goberno popular e a isto sumamos unha loita polo benestar que abrangue desde a alimentación até a recreación e a procura dunha riqueza espiritual superior”.

O entrevistado enviou no final da conversa unha aperta para todos os pobos latinoamericanos e para os que en diferentes latitudes do mundo e en particular da Nosa América fan de Cuba tamén unha razón das súas vidas e por quen constantemente sentímonos apoiados. “Queremos expresarlle ao pobo de Latinoamérica e o Caribe que a Revolución Cubana seguirá defendendo as súas conquistas e o socialismo e non se renderá nunca: non claudicará. Poden contar con que Cuba sempre estará presente para as causas xustas».



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *