José Alberto Amesty*- Frente Antiimperialista Internacionalista
A oficina do Hemisferio Occidental do ministerio de Exteriores dos EUA promove a subversión en Cuba a partir da formación de líderes emerxentes locais, para transformaren a sociedade cubana desde dentro, por medio do combate e descrédito dos principios, valores e practicas socialistas. Este proxecto subversivo está en marcha e as organizacións que se benefician dos fondos provistos polo goberno de Washington, xa fan por engadar, comprometer e enganar a mocidade da illa para exerceren oficio de mercenarios ao servizo dunha potencia estranxeira.
Estes grupos de mercenarios son doados de dirixir xa que forman unha especie de club único, no que se consideran elixidos e cometen por iso erros de autosuficiencia. A intromisión política nun estado soberano, por un ou varios estados ou organizacións internacionais, mediante a forza armada ou outras medidas, ten por obxectivo violentar as leis dun país para beneficio doutro. Velaquí algúns sinónimos de entremeterse: introducirse, inmiscirse, violar, intervir, invadir, derrocar…. Definición que nunca perde a súa carga violenta, de destrución, nunca de axuda.
A actual conspiración dos EUA contra Cuba comezara de feito 3 de febreiro de 1962, mediante a orde executiva Nº. 3447 asinada polo presidente John F. Kennedy, malia que desde 1959, o goberno de Eisenhower tomara medidas para restrinxir o comercio entre EUA e Cuba para prexudicar a economía da illa.
Sabemos os danos que este cerco causou a traballadoras e traballadores e a sociedade de Cuba en xeral, con cortes de electricidade nas principais cidades do país e nos horarios de maior demanda, mingua de alimentos, caída de frecuencias do transporte público entre outras calamidades que ben merecen seren chamados agresión política, económica, financeira, comercial e tecnolóxica. Un bloqueo enteiro e verdadeiro contra cuba.
A inxerencia afecta as comunicacións, a informática e as telecomunicacións, nunha política aberrante de parte dos gobernos dos EUA que empecen a circulación de información, coutan o acceso a Internet e ás tecnoloxías da información e encarecen a comunicación internacional do país. O ciberespazo convértese así nun arma para subverter o sistema político e xurídico cubano. Os danos económicos ocasionados ao sistema das comunicacións, desde abril de 2018 a marzo de 2019, estímanse en máis de 55 millóns de dólares. A Empresa de Telecomunicacións de Cuba S.A. (ETECSA) continúa sendo a entidade máis afectada cun 98% do monto total dos prexuízos.
Un dos principais agresores de Cuba heroica, foi a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional USAID, que ven cambiando desde hai tempo seu obxectivo declarado de asistencia económica, polo papel de lercha ladroa de centos de millóns de dólares que acaban na dotación de axentes locais, en prover as aparencias de rigor de presuntos xornalistas comprados e doutros profesionais, no envío de propaganda mentireira que axude a cambiar mentes e argallar opositores ao goberno cubano mediante traballo político encuberto. E, xa que logo, seguir apoiando o bloqueo económico contra a illa heroica.
Do mentireiro mundo da USAID-CIA, pode esperarse calquera calamidade: cambian coma camaleóns con tal de enmascararen seu propósito verdadeiro que é acabar coa Revolución Cubana. E mentres o inimigo non descansa, nós temos a obriga de procurar arreo un mundo máis xusto e fraterno.
Ben se puido ver estes dias coa farsa de San Isidro: unha desestabilización multifacética contra Cuba solidaria a medio dunha ciberguerra, entre outras armas empregadas polo imperialismo. O mesmo Pentágono danos a medida da belicosidade deste arma cando lle reserva un investimento multimillonario para crear medios e influencers (persoas ás que atribúen opinión de referencia na Rede) dixitais cos seus exércitos de bots (soporte lóxico que serve para comunicarse co usuario, finxindo un comportamento humano, mesmo que por veces sexa o dun humano de poucas palabras) que transmiten contra a illa desde Estados Unidos.
PARA ROMPERLLE O EIXO A CUBA
O escritor cubano Abel Prieto, asegura que a maioría dos que chegaron ante o Ministerio de Cultura Cubano en San Isidro, foron impulsados a facelo polo estado de opinión creado nas redes. Este é o espazo virtual, utilizado agora por USA, para romperlle o eixo a Cuba.
As revolucións de cor, entran dentro das estratexias de intervención, que os EUA usan para acabar con Gobernos que non comparten a visión estadounidense da economía e da orde imperialista. Golpe de estado brando, golpe suave, golpe encuberto ou golpe non tradicional, son os nomes do conxunto de técnicas non frontais e principalmente non violentas, nomeadamente conxuras, dirixidas a abalar gobernos sen que pareza que foi consecuencia da acción de terceiros.
A expresión procede do politólogo estadounidense Gene Sharp, quen, segundo Thierry Meyssan (xornalista e activista político francés, editor de A Rede Voltaire) “recibira o encargo da CIA para pór en práctica a súa investigación teórica en China”, en 1989, e traballou para “crear programas de adestramento da mocidade activista co obxectivo de organizar golpes”, por encarga do Estado de Israel
Por acaso, o golpe de estado é brando e ten que ver coa chamada lawfare (guerra xurídica ou guerra xudicial) para derrocar un goberno mediante mecanismos aparentemente legais.
No seu ensaio Da Ditadura á Democracia, Gene Sharp describe 198 métodos para derrocar gobernos mediante golpes suaves e precisa unha estratexia de cinco pasos:
-Promover accións non violentas para xerar e propiciar un clima de malestar na sociedade, nomeadamente denuncias de corrupción, promoción de intrigas ou divulgación de falsos rumores.
-Desenvolver intensas campañas en defensa da liberdade de prensa e dos dereitos humanos, acompañadas de acusacións de totalitarismo contra o goberno no poder.
-Loitar arreo por reivindicacións políticas e sociais e por manipulación colectiva para provocar manifestacións e protestas violentas contra as institucións.
-Executar operacións de guerra psicolóxica e debalo do goberno, creando un clima de ingobernabilidade.
-Forzar a renuncia dun presidente mediante revoltas para controlar as institucións, mentres se mantén a presión na rúa. Paralelamente, prepárase o terreo para a intervención militar, mentres se desenvolve unha guerra interna que produce o illamento internacional do país.
As primeiras tres etapas foran ensaiadas en San Isidro, o que nos fai pensar que a mellor defensa da Revolución Cubana, segue sendo a ofensiva audaz, creativa, oportuna e ben trazada.
* Articulista político venezolano, actualmente radicado en Costa Rica. Pastor da Igrexa Metodista Wesleyana Costarriqueña e Reverendo da Unión Evanxélica Pentecostal Venezolana UEPV. Colaborador de Aporrea.org, AlaiLatina, Suramericapress. Colaborador da Fronte Antiimperialista.
Tradución ao Galego para TSA de Rosana Domiño.