A primeira edición da biografía de Francisco Villamil, do historiador cubano Eddy E. Jiménez, anunciada en Vigo no XL aniversario da Asociación de Amizade Galego Cubana

Áurea Amil – TSA

O anuncio editorial da primeira biografía de Francisco Villamil, heroe da Guerra Grande de Cuba nacido en Galiza, que dá nome a Asociación de Amizade Galego-Cubana, reuniu na Libraría Cartabón de Vigo a irmandade solidaria da América Martiana. A esperada investigación do historiador cubano Eddy E. Jimenez, sae do prelo en coincidencia  co XL aniversario da fundación da Galego Cubana que leva o nome de Francisco Villamil, por iniciativa de Xosé Neira Vilas, e co 156 aniversario da morte de Villamil por ferida de guerra. Ao acto de Vigo asistiu a Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, Ingrid Izquierdo, que gabou a aportación biográfica e a solidariedade de longo treito da Asociación Francisco Villamil coa Revolución Cubana.

A Libraría Cartabón de Vigo acolleu a xuntanza arredor da primeira biografía de Francisco Villamil (Foto de Luisa Cuevas, cedida a TSA)

Ramón Fernandez Leal, que fora presidente da Galego-Cubana nos 90, ten, antes de máis,  un recordo para Eddy E. Jiménez e para a Resistencia Palestina e a loita mundial porque remate o xenocidio en Gaza; declárase alleo aos que nunca perderon unha loita porque non deran batalla ningunha: “nós estamos afeitos a perder mais tamén a gañar e a celebrarmos triunfos; preferimos cometer erros facendo cousas que cometer o erro de non facer nada. E isto ten que ver coa Revolución Cubana e coa biografía de Francisco Villamil escrita por Eddy E. Jiménez”.

“Coñecín a Eddy Jiménez na Praza do Obradoiro en marzo de 2001-relata Leal- viña dar unha conferencia no Clube Faro e eu, que  daquela era presidente da Villamil, facía de presentador; con Eddy teño trato e sentimento de irmán; a vida fai que teñas unha familia de sangue e outra que sobrevén; con Eddy sentín dende o comezo unha afinidade e comprensión que vai para alén das nosas compartidas ideas guevarianas. Somos ambosdous poetas clandestinos da madrugada; el é cubano e ama a terra galega; eu son galego e en Cuba estou na miña casa”.

 Para Leal, a historia da Revolución Cubana está chea de galegas e galegos: “atrévome a dicer que o relato da Revolución mal estaría completo se fosen omitidos os seus nomes; están recoñecidas moitas desas persoas, dirixentes do histórico triunfo do 59, e hai con certeza outras que non transcenderon e a historia non as recolleu. A nazón galega ten un himno que foi interpretado pola primeira vez na Habana e unha Academia da Lingua que non podería ter nacido sen o apoio da emigración galega na illa; alí foi editado o primeiro xornal na nosa língua; Francisco Villamil dá nome á nosa Asociación e o feito de ter chegado como emigrante que vivira o desarraigo, levouno a ter consciencia da situación e a tomar partido pola emancipación contra o imperialismo. Isto converteuno nun símbolo da renuncia e da rebeldía contra a orde das cousas. Sentiuse galego identificado coa causa cubana”.

Ramón Fernandez Leal encarece a importancia da Revolución Cubana “para as loitas de liberación no mundo e para a transformación social do planeta; unha revolución que foi cercada dende o primeiro momento polo máis retrógrado dos EUA que estraga millóns de dólares argallando planos contra a Revolución que eles enmascaran de “defensa da democracia e da liberdade”; novos tempos, novas tácticas ; hai que prestar atención, sempre”.

Recorda a Neira Vilas que dende o Institutodde Literatura e Lingüística da Habana fixera de demiurgo, de organizador do universo, coa proposta de dar o nome de Francisco Villamil a Asociación de Amizade Galego-Cubana; Villami nacera probablemente na Mariña Lucense. “Hoxe, cumprindo 40 anos, a Asociación é coñecida co nome de Francisco Villamil; mantén unha completa Biblioteca  da Revolución Cubana e un centro activo de información non contaminada. O noso local é compartido coa Asemblea Republicana de Vigo e a Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez. Está no número 10 da rúa de Cánovas del Castillo de Vigo. Nestes anos moitas persoas pasaron pola Asociación; algunhas xa non están, outras marcharon. As máis, os máis, están sempre. A actividade mudou. Nos primeiros momentos era máis de solidariedade cultural, de solidariedade material nos 90; de apoio ao coñecemento de Cuba e contra a manipulación informativa no de agora; temos a certeza de que estar con Cuba e a súa Revolución, defendela e apoiala, é porse á beira da Humanidade por un futuro que lle dá máis importancia a compartir que a competir. Pasou o tempo e Cuba está aí, sempre”.

Gustavo Luca, que tamén fora presidente da Francisco Villamil, recordou protagonistas da Asociación que anticiparan a importancia de contar cunha biografía de Francisco Villamil tan precisa e recreadora coma a que produciu Eddy E. Jiménez .No primeiro lugar a Coral Prieto, de a pouco finada, que xunto a Afonso Lubián organizara a secretaría de emerxencia da Flota Pesqueira Cubana, que estaba a ser construida nos estaleiros de Vigo a partir do 76; a Herminio Barreiro, mestre e profesor de mestres, fundador da Villamil e divulgador do fundamental compromiso da Revolución Cubana coa educación e o saber. A biografía de Villamil leva na capa o número 2 da Biblioteca Galego-Cubana Herminio Barreiro; ao seu irmán Xacinto, sembre voluntario para defender Cuba e a Balbino Pérez Bellas, que como presidente da Villamil procurara en Cuba, guiado por Neira Vilas, información sobre a vida de Villamil.

Pondera o relator o labor de investigación de Eddy E. jimenez en arquivos de Cuba e Madrid que serviron de base para o relato dunha vida fulgurante, dende o intre no que Villamil resolve entregarse a causa da independencia de Cuba. A biografía revela un compromiso radical coa emancipación do traballo escravo algo que non contemplaba, por exemplo, Abraham Lincoln no decreto da Emancipación de 1863, cinco anos antes do alzamento da Demajagua en Cuba. Lincoln recusaba a escravitude mais non era abolicionista. A decisión de Carlos Manuel de Céspedes, que Villamil honra até entregar a súa vida en combate, é radical e de histórico alcance no seu propósito emancipador.

Non por estar construido con referencias da crónica da Guerra Grande e de citas e relatos contemporáneos, deixa o retrato de Villamil de brillar con luz de seu na escrita de Eddy E. Jiménez. Chama a atención que conservemos imaxes en baño de cristal de 6X6 de todos os comandantes da Guerra Grande, agás do xeneral de división Francisco Villamil. Con todo, Blas Villate, capitán xeral de Cuba publica no 1872 un bando de amnistia para a tropa mambisa disposta a se pasar ao exército colonial con armas, mais expresamente exclue a Francisco Villamil pola súa “criminal conduta” a beira doutros 12 compañeiros alzados.

A común referencia ás baixas na tropa colonial por enfermidades tropicais, aparece confirmada nas páxinas do libro coa cita de batallóns de soldados de Quintas postos en fuga por un grupo menor de mambises, armados só de machetes. Cita a historiadora Valentina Fernández Vargas na súa investigación sobre a Guerra Grande e a Guerra Chica de Cuba (1868-1898) que entre o 30% e o 60% da tropa colonial  eran labregos galegos pobres, sen medios para pagar a fianza que os librase de quintas. No libro, o dramático relato dun quinto pasado ás filas de Villamil a voces de “son republicano, non disparen”,  ilustra a teoría da “guerra de pobres”.

Chaman a atención dende a mesa, da excepcional coincidencia nos xardíns de Montero Rios de Vigo de protagonistas de primeira liña no bando imperialista (José Elduayen, ministro de Estado e o propio Montero Rios) coa figura de José Martí, na estatua lanzal de René Negrín, “Martí mira cara o mar, xusto cara o lugar no que amarrara o barco coa tropa de feridos e doentes da Guerra Chica, que houberan de ser auxiliado polo pobo de Vigo ante a deserción da oficialidade, en xuño de 1989”.

A venda desta esperada edición da biografía de Villamil, de títulos precedente publicados pola Asociación de Amizade Galego-Cubana deuse en coincidencia coa oferta de zucre e café de Cuba, antes e depois da presentación. As persoas interesadas na adquisición do libro e dos produtos cubanos citados poden dirixirse a galegocubana@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *